Megálito
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O termo megálito aplícase a grandes pedras usadas, tipicamente na prehistoria, para construír, ben por si soas ou xunto con outras pedras, unha estrutura ou monumento. A palabra megálito procede das palabras do grego antigo mega (μεγας) 'grande' e lithos (λιθος) 'pedra'.
Considérase que moitos megálitos puideron ter un propósito de determinación de datas de sucesos astronómicos importante, tales como solsticios e equinoccios. Aínda que en sentido literal podemos encontrar construcións megalíticas en todo o mundo, desde o Xapón aos xigantes da Illa de Pascua, megalitismo emprégase para designar o fenómeno cultural localizado no Mediterráneo occidental e a Europa atlántica, e que se produce desde finais do Neolítico até a Idade de Bronce, caracterizado pola realización de construcións arquitectónicas con grandes bloques de pedra escasamente desbastados chamados megálitos.
Este fenómeno caracterízase esencialmente pola construción de tumbas do tipo dolmen, dentro das cales se enterran sucesivamente os falecidos do grupo, apartándose coidadosamente os ósos dos anteriores defuntos (enterramentos colectivos). Os dolmens poden ser simples ou de corredor e, a miúdo, estiveron cubertos por un túmulo de terra. Ademais, dentro do contexto megalítico, poden acharse tamén outras construcións de pedra como menhires, aliñacións, crómlechs etc. O monumento megalítico europeo máis antigo é o Crómlech dos Almendres, duns 8.000 anos de antigüidade. Mais o máis famoso é sen dúbida Stonehenge, observatorio prehistórico do sur de Inglaterra.
Contexto histórico
editarO Megalitismo está presente en pobos que se encontran nas últimas idades da Prehistoria, que aínda non coñecen a escritura nin as técnicas arquitectónicas máis elaboradas, como as que xa practicaban as civilizacións mesopotámica ou exipcia. Non hai que esquecer que moitos monumentos megalíticos son posteriores ás grandes pirámides exipcias.
A elaboración das construcións megalíticas nesta época é soamente explicábel grazas aos cambios producidos pola Revolución Neolítica. Foron os cambios económicos e sociais, introducidos polo descubrimento da agricultura, os que permitiron a aqueles pobos dispor de tempo libre para dedicar á erección destas magnas construcións, mentres os cultivos crecían até a súa maduración e recolección.
A xerarquización social, a necesidade dunha organización e coordinación eficaces nun traballo que requiría decenas de participantes, así como as crenzas relixiosas, foron factores imprescindíbeis para explicar o aquí e agora de tales obras, como tamén o foron os coñecementos astronómicos que se desenvolveron en gran medida nas sociedades agrícolas porque o ciclo de sementeira-recolección estaba ligado ao ciclo solar, feito que se pon de manifesto en monumentos como Stonehenge, onde moitos autores[quen?] ven un observatorio astronómico e de culto ao Sol, ou noutros nos que a súa orientación para o punto da saída do astro non deixa dúbida.
Proceso de construción
editarO proceso de realización dunha construción megalítica comezaba nunha canteira, onde se extraían os grandes bloques de pedra. De alí transportábanse (1) sobre cilindros até o lugar elixido para a erección do monumento. Neste lugar deixábanse caer os bloques verticais nun estreito furado previamente escavado (2) e despois axustábanse até deixalos en posición vertical, tras o cal se enchía o furado para fixalos firmemente. No caso dos menhires o proceso estaba terminado, mais para a erección dun dolmen o proceso continuaba coa tarefa máis difícil, consistente en colocar o bloque ou bloques horizontais. Para iso facíanse terrapléns a ambos os lados dos bloques verticais que alcanzaban a mesma altura que estes. A través destes terrapléns transportábase o bloque horizontal (3) até deixalo colocado correctamente, tras o cal se cubriría de terra que, sumada á dos terrapléns, daba lugar ao túmulo (4). Tal hipótese de construción foi comprobada na práctica por varios equipos de investigación, entre eles o de J.P. Mohen que en 1979 construíu en Francia un dolmen valéndose de douscentos homes e cuxa lousa superior tiña un peso de 32 toneladas.
Cronoloxía e situación
editar(Nota: todas as datas que seguen son aproximadas)
O período máis extenso de megalitismo localízase no suroeste ibérico, onde abrangue aproximadamente desde 4800 a.C. até 1300 a.C., comprendendo os períodos neolítico e calcolítico. Contra o 3800 a.C. chega a Bretaña e ao occidente de Francia, mentres que entre 3500 e 3000 a.C. esténdese entre practicamente todas as poboacións aborixes da vertente atlántica europea, até entón carentes dun nexo común. Pénsase que a pesca de altura, particularmente a do bacallau, puido servir como medio de transmisión.
A partir de 3000 a.C., obsérvanse no centro difusor portugués e nas súas inmediacións importantes innovacións na construción funeraria: covas artificiais e tholoi. Tamén se observa un notábel incremento do comercio ultramarino, importando ámbar de Escandinavia e marfil e casca de ovo de avestruz de África. Neste período comeza tamén a notarse a exportación do megalitismo a zonas que non poden considerarse puramente atlánticas, tanto de Europa central como do Mediterráneo occidental. Desde 2600 a.C. aparecen cidades fortificadas tanto no suroeste como no sueste ibérico, formándose así as primeiras e únicas civilizacións (sen escritura) implicadas no fenómeno megalítico: as culturas de Vila Nova e Os Millares.
Coa chegada do fenómeno do Vaso Campaniforme (probabelmente unha subcultura mercantil de orixe centroeuropea), e o seu establecemento firme en Vila Nova entre 2100 e 1900 a.C., este centro cultural megalítico parece estar no seu apoxeo. Porén, o nacemento en España da cultura de O Argar, que substitúe a Os Millares contra o 1800 a.C., xunto co retroceso do megalitismo en Francia, parece reducir o ámbito de Vila Nova e as demais culturas megalíticas atlánticas, que se ven privadas do coñecemento da metalurxia do bronce até 1300 a.C.
A Idade de Bronce (1700 - 800 a.C. aprox.) está dominada pola chamada "arquitectura ciclópea" presente nas Illas Baleares e Sardeña.
O megalitismo atlántico
editarA función destas construcións é principalmente funeraria posto que servían maioritariamente de enterramentos colectivos. Os seus tipos básicos son o menhir, pedrafita e o dolmen ou anta, mais o seu agrupamento, a combinación de ambos ou unha maior complexidade, dan lugar a unha tipoloxía máis variada na que encontramos aliñamentos (como o de Carnac, en Francia), crómlech (como o Stonehenge, en Inglaterra) e dolmens de corredor e cámara, abundantes en Andalucía como é o caso de Antequera (dolmens de Menga, Vera e Romeral).
A palabra menhir procede do bretón, idioma no que significa 'pedra longa' (de men ou maen 'pedra' e hir 'longa'). Consiste nun único megálito (monólito) fincado no chan verticalmente, coa finalidade de fixar a alma dos mortos. Ás veces preséntanse agrupados en fila, dando lugar a un aliñamento como o de Carnac; tamén poden presentarse formando círculos constituíndo entón un crómlech como ocorre en Avebury (Inglaterra).
Máis complexo que o menhir é o dolmen, termo tamén posiblemente procedente do bretón que significa 'mesa de pedra' (de dol 'mesa' e men 'pedra'). O dolmen está formado por dous ou máis menhires sobre os que se apoia unha lousa colocada horizontalmente. En España son abundantes, salientando entre outros os de Dombate (Galiza), Aguilaz (País Vasco), Sakulo (Navarra), Lagarda (A Rioxa), Tella (Aragón), Pedra Xentil (Cataluña) e Tapias (Estremadura).
Unha variedade máis complexa deste último tipo é o dolmen de corredor e cámara, que consta dun corredor ou galería que conduce até unha ou dúas cámaras. Tanto o corredor como a cámara poden presentar un plano regular ou irregular; os de corredor regular levan a unha cámara tamén regular, e ben diferenciada, de xeito circular (como ocorre no caso de O Romeral) ou cadrada (Vera) que acostuma estar cuberta non por megálitos senón por falsa bóveda (Os Millares, Almería). Ás veces aparece unha cámara secundaria e máis pequena situada no mesmo eixo lonxitudinal da edificación e comunicada coa principal mediante outro curto corredor (Romeral). Nos de plano irregular non hai separación clara entre corredor e cámara, parecendo esta un simple ancheamento do corredor; a diferenza dos regulares, a súa cuberta é alintelada e está formada por grandes megálitos (dolmen de Menga). En todos os casos este tipo de construcións están recubertos por un túmulo de terra de varios metros de diámetro, como outeiros artificiais, que lles dan aspecto de cova, motivo polo que, ás veces e popularmente, se lles denomina "covas", como ocorre en Antequera.
A arquitectura ciclópea das Illas Baleares
editarPresente nas illas maiores do arquipélago balear (Mallorca e Menorca), está integrada por construcións que a lenda atribúe aos ciclopes debido ao tamaño dos grandes bloques de pedra irregulares e sen desbastar que utiliza. Recibe tamén a denominación de Cultura Talaiótica, porque os talaiots son un dos tipos que presenta, xunto ás taulas e as navetas.
O talaiot está constituído basicamente por unha torre-vixía ou atalaia de xeito troncocónica con función militar defensiva. Pode encontrarse illado ou anexo ao amurallamento dun poboado, utilizándose o seu interior como almacén de alimentos. Entre os mellor conservados encóntrase o de Torello en Maó (Menorca).
Menos clara resulta a función da taula, denominada así pola súa forma de mesa (táboa). Levantábanse sobre a zona principal do poboado, estando composta por unha peza vertical sobre a que descansa outro bloque horizontal a grande altura. A súa función debeu ser cerimonial polos restos de fogueiras e animais sacrificados encontrados ao seu redor, aínda que tamén se suxeriu o seu carácter funerario posto que poderían utilizarse para a exposición de cadáveres a fin de que foran descarnados polas aves, segundo o ritual seguido por algúns pobos. Destaca a de Torralba d'en Salert en Alaior (Menorca).
As navetas deben o nome á súa forma de nave ou barco invertido. Teñen planta rectangular, mais presentan unha ábsida semicircular no lado menor oposto ao da entrada. Encóntranse tanto no interior como no exterior dos asentamentos porque as hai de dous tipos: de habitación e de enterramento. As de habitación foron vivendas familiares duns 70 metros cadrados con fogar e muíño de pedra. As de enterramento serven de sepulcro colectivo formado por un corredor que desemboca nunha ou dúas cámaras superpostas. Un bo exemplo é a naveta dels Tudons en Ciutadella (Menorca).
Na illa de Sardeña encóntranse as nuragas, de aspecto similar aos talaiots mais de función incerta.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pijoán, José (1979). Summa Artis. Volumen VI. El arte prehistórico europeo. Madrid. Espasa Calpe. 7ª ed. ISBN 84-239-5200-2.
- Fernández, María Cruz (1989). La Edad de los Metales. Historia del Arte, nº 4. Madrid. Historia 16. ISBN 84-7679-450-9.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- El megalitismo en Galicia
- Megalitismo na Península Ibérica
- Megalitos de España y su bibliografía
- Megalitos de España
- Pilar Cristóbal y Juan José Isac Índice de megálitos de España Arquivado 27 de maio de 2019 en Wayback Machine. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (en castelán).
- Álvarez Herrero, Olga Megalitismo balear: Taulas y talaiots (en castelán).
- Megalitismo: mito y realidad (en castelán).
- Stonehenge (en castelán).