Faro de cabo Vilán

faro en Camariñas

Coordenadas: 43°09′34″N 9°12′39″O / 43.15944444, -9.21083333

Datos xerais
Localización xeográfica Cabo Vilán
Localización municipal Camariñas, Provincia da Coruña
Construción 1854 - 1896
Datos técnicos
Código internacional D-1736
Descrición Torre octogonal gris amarelada,

cúpula gris clara

Altura sobre o nivel do mar 104 metros
Altura sobre o terreo 25 metros
Características GpD (2) B 5 seg.
Período 0,5 3,5 0,5 10,5 = 5 seg.
Alcance 28 millas náuticas

O faro do cabo Vilán sinala un dos tramos máis perigosos da Costa da Morte, pero tamén un dos máis fermosos. Erguido a 125 metros de altitude e unido ao antigo edificio dos fareiros, posúe un potente canón de luz capaz de acadar os 55 km. É o faro eléctrico máis antigo de España. O enclave foi declarado de Interese Nacional no ano 1933 por ser un lugar rochoso e escarpado e hoxe en día é Monumento natural.

Cabo Vilán

Historia editar

O faro primitivo tiña unha torre de cantería que alumeaba a 7 m do chan e a 64 do mar. Luciu por primeira vez o 10 de xullo de 1854 e nunca ocultou os seus inconvenientes. O escaso da súa altura non resolvía o saínte do cabo e producía unha zona cega de 34 graos sobre os baixos, que a dinamita logrou reducir ata os 21. A comisión de faros entrou no proxecto de construír un novo faro en 1860, pero a iniciativa non comezou a tomar corpo ata anos máis tarde co naufraxio dun buque escola inglés que produciu 172 mortos.

A resonancia internacional alcanzada polo naufraxio do Serpent o 8 de novembro de 1890 chamou a atención sobre a escas luz do faro de cabo Vilán. En consecuencia, en 1891 aprobouse un orzamento de 158.500 pesetas para a dotación dun faro de primeira orde, con pedra da canteira de Pedra Maior, ese granito rosado característico dos penedos de Traba.

Cando a súa luz luciu renovada o 15 de xaneiro de 1896, fíxoo coa enerxía eléctrica que era a única naquela zona do noroeste, que aínda tardaría décadas en poboarse de lámpadas. A súa sala de máquinas, dúas de vapor con 12 cabalos de potencia, estendíase por 234 e as dependencias prolongábanse en dous talleres, un almacén de ferramentas, unha carboeira, dous depósitos de palastro para a auga de refrixeración e dúas bombas para alimentar as máquinas. A óptica era de 16 lentes que emitían grupos de dous escintileos cada 20 seg., completando unha volta cada 150 segundos. A primitiva iluminación interior do faro resolveuse a base de petróleo ata 1903, ano en que paso a ser de acetileno. Esa iluminación substituíuse en 1911 por 40 lámpadas eléctricas de 10 buxías. En 1924, a lámpada de arco reforzouse cunha de incandescencia de 8.000 buxías. Un ano despois, a vella máquina de vapor substituíuse por grupos halóxenos, e colocouse o aparello óptico sobre unha cuba de mercurio. O radiofaro, instalado en 1922, de chispa, onda amortecida e 0.2 quilovatios de potencia, estivo en servizo ata o 1 de xaneiro de 1936, cando foi substituído por un de onda continua e en cadea cos radiofaros de Fisterra e Silleiro. En 1962 leváronse a cabo as reformas que seguen vixentes, cunha lanterna aeromarítima de 3´5 metros de diámetro e óptica dióptrico-catadióptica con paneis de raio aéreo e 500 mm. de distancia focal. A sirena conta con seis vibradores que emiten a característica V en código morse, alimentada por un motor convertedor.

Visto de lonxe, o faro parece un minarete. A torre de forma octogonal mide 24 metros, percorridos no seu eixo por un centenar de chanzos, a estes metros engádense os 80 nos que a súa base rochosa supera o nivel do mar e, así, a súa luz aluma a unha altura de 104 metros sobre as augas que varre ata unha distancia de 28 millas.

O fuste da torre remata na lanterna de cúpula mallada e cataventos, cuxa base vese rodeada por unha cornixa con beiril sobre 24 apoios, unha leve varanda converte a cornixa en miradoiro. A comunicación da torre coas máquinas e os motores que nutren ao faro ten lugar por un túnel que alberga 150 chanzos ata alcanzar o muro occidental do edificio, que contén a mecánica e dá acubillo aos seus servidores. É un inmoble rectangular construído en pedra, de dúas plantas e coas paredes recubertas e pintadas de branco.

Actualmente, o edificio do faro acolle o Centro de Interpretación de naufraxios, faros e sinais marítimos da Costa da Morte, así como a unha sala de exposicións, unha tenda de souvenirs, un café-bar e un punto de información turística.

Galería de imaxes editar

 
 
 
 
 
Faro de cabo Vilán no 1996
Faro de cabo Vilán no 1996 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar