Orquestra de Cámara Galega

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) é unha orquestra de cámara fundada en 1995 na cidade da Coruña. Está dirixida dende a súa creación polo violinista Rogelio Groba Otero, que realiza tamén a función de concertino segundo o modelo de dirección do século XVIII.

Orquestra de Cámara Galega
AlcumeOCGa
PaísGalicia Galicia
CidadeA Coruña
Anos de actividadeDende 1992
Tipo de formaciónOrquestra de cámara
XéneroMúsica sinfónica, ópera
Membros actuaisRogelio Groba Otero
Membros fundadoresRogelio Groba Otero
Clara Groba Otero
Circunstancias de creación
1995
ColaboraciónsFundación Rogelio Groba

Historia editar

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) naceu en 1995 grazas á inquietude dun grupo de músicos galegos formados no Conservatorio Superior de Música da Coruña e en diversos conservatorios europeos, encabezados polos irmáns Rogelio e Clara Groba Otero.[1][2] A OCGa realizou o seu debut no "XLIV Festival de Ópera da Coruña". A orquestra está dirixida dende a súa fundación por Rogelio Groba Otero, que desempeña tamén a función de concertino dentro da orquestra.[1]

En 2001 o selo Clave Records lanzou á venda o primeiro disco da orquestra con obras de Rogelio Groba, Edward Elgar, Nikolai Rakov, e a primeira obra publicada de Rogelio Groba Otero, director da orquestra e fillo do compositor ponteareán Rogelio Groba. O traballo contou coa colaboración da Deputación da Coruña e foi gravado polo servizo de produción da Radio Galega.[3][4]

Participou habitualmente nos "Premios Anuais de Composición Andrés Gaos", así como no "XLIV Festival de Ópera da Coruña", "Xóvenes Intérpretes da Fundación Barrié" etc.

Con esta finalidade, a OCGa ten realizado a súa actividade musical polas principais salas de concertos de Galiza (Pazo da Ópera, Auditorio de Galicia, etc) e do Estado español (entre as cómpre salientar o Auditorio Reina Sofía de Madrid, o Palau de la Música de Barcelona, a Sala Mozart do Auditorio de Zaragoza, a Real Maestranza de Sevilla, ou o Teatro Jovellanos de Xixón entre outros).

En 2007 a OCGa actuou en Viena durante a "Spanien Modern Musikfestival" antes de realizar unha xira por España e Latinoamérica.[5] Un ano despois, a orquestra converteuse na primeira orquestra profesional galega en debutar no Merkin Hall da Fundación Kaufman en Nova York.[6][7] en Buenos Aires, no Teatro Metropolitan.[Cómpre referencia] No ano 2010 a orquestra presentouse en varios auditorios das cidades neerlandesas de Utrecht, Ámsterdam ou Rotterdam.[5] Tamén tocou en diversos auditorios da xeografía portuguesa.

En marzo de 2020, coincidindo co 25 aniversario da orquestra e o 90º do compositor Rogelio Groba, a Orquestra de Cámara Galega iniciou contactos co Concello de Ourense co propósito de crear unha programación estable na cidade das Burgas.[8] Con todo, o proxecto en 2021 non chegara a realizarse a causa da pandemia por coronavirus en Galicia.

A Orquestra de Cámara Galega é invitada frecuentemente ao ciclo "Os atardeceres no Gaías" da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, e é a orquestra residente do Festival Groba dende a creación deste en 2013.[5][9]

Ten colaborado con profesionais do talle de Teresa Berganza, Anthony Pay, Cecilia Lavilla, Ara Malikian, Juan de Udaeta, José Ramón Méndez, Juan Lomba, José Núñez, ou José Luis Estellés.[1][8]

Repertorio editar

A orquestra ten desenvolvido unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abrangue as principais épocas e estilos, dende o Barroco temperán ata a música contemporánea, incluíndo a difusión e estrea das obras de compositores galegos e facendo especial fincapé na obra do compositor Rogelio Groba, do cal levaron a cabo numerosas estreas, mantendo unha intensa colaboración coa fundación que leva o nome do compositor.[1]

A Orquestra de Cámara Galega ten recuperado obras como a ópera de Manuel García Don Chisciotte, que estreou en 2005 no Teatro de la Maestranza de Sevilla e rexistrada no que foi o terceiro disco da formación galega.[1][10]

Discografía editar

Ademais das súa gravacións en directo para TVE, TVG e Radio Clásica, a OCGa gravou catro CDs:

  • Orquestra de Cámara Galega, Boanergies (2000), con obras de Rakov, Elgar, Rogelio Groba, Rogelio Groba Otero. Recibiu boas críticas da prensa especializada, salientando as cinco estrelas ao mellor son concedidas pola revista Amadeus.
  • Rogelio Groba, Autor (2003), monográfico do compositor galego coa primeira gravación do Concerto nº2 para violonchelo e orquestra interpretado por Clara Groba.
  • Don Chisciotte de Manuel García, selo Almaviva do Centro de Documentación Musical da Xunta de Andalucía, trátase da primeira gravación en directo desta ópera e foi gravado na Real Maestranza de Sevilla.
  • GOBA 80 Aniversario, escolma de obras e movementos do compositor galego.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Orquestra de Cámara Galega. Intres Boleses (suite barroca) Malleus animatus, concierto para piano y cuerda" (en castelán). Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. pp. 9–10. 
  2. "La "Orquestra de Cámara Galega" actúa mañana en Vista Alegre". Faro de Vigo (en castelán). 5 de agosto de 2016. 
  3. "Sale al mercado el primer compacto de la Orquesta de Cámara Galega". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xaneiro de 2001. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  4. "Orquestra De Cámara Galega – Rakov / Groba / Elgar / Groba Otero" (en castelán). discogs.com. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Catro microconcertos de Rogelio Groba". El Correo Gallego (en castelán). 24 de xullo de 2016. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  6. "Festival Groba: Concerto de Clausura" (en castelán). cultura.gal. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  7. "La Orquesta de Cámara Galega rinde homenaje a la música española de Granados, Albéniz y Falla en la sala Río Selmo". leonoticias.com (en castelán). 1 de outubro de 2019. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  8. 8,0 8,1 Fernández, Elisabet (6 de marzo de 2020). "La Orquestra de Cámara Galega perfila su aterrizaje en Ourense". La Región (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  9. "Orquestra de Camara Galega. Grupo en residencia". Festival Groba. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2021. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 
  10. "La Orquesta de Cámara Galega". El Correo Gallego (en castelán). 8 de setembro de 2010. Consultado o 20 de febreiro de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar