Tributo das cen doncelas
O Tributo das cen doncelas é unha lenda popular de raíces moi antigas que se estabelece na Península Ibérica de varias formas, a máis común é que no tempo dos reis "folgazáns", Aurelio, Silo e Mauregato, que sucederon a Afonso I, pagábase ós sultáns de Córdoba un tributo de cen doncelas, 50 nobres e 50 plebeas, para os haréns dos xefes árabes.
Coa vitoria da tamén ficticia batalla de Clavijo, os cristiáns teríanse sentido o bastante fortes para se negaren a pagar tan vergoñoso tributo.
A primeira mención da lenda aparece no século XIII[1] referíndose a feitos supostamente acontecidos catro séculos antes, o que é evidencia do seu carácter espurio. O feito aparece na crónica de Ximénez de Rada, onde tamén se fai referencia por primeira vez á batalla de Clavijo. Esta lenda deixou numerosas influencias na literatura, dando lugar a moitas versións populares e locais, sendo a máis coñecida a das sete doncelas de Simancas (Valladolid).
O Tributo das cen doncelas en Galicia
editarNa parroquia de Sarandós, en Abegondo, hai dous lugares chamados Bordel e Bordelle, relacionados con esta lenda. Na mesma parroquia tamén existe a torre de Peito Bordel ou Pazo das Torres de Bordel, torre na que, segundo a lenda, concentraban as cen doncelas antes de envialas como tributo á corte do califato de Córdoba.
Os irmáns Figueroa (Figueroa é outra parroquia limítrofe coa de Sarandós) reveláronse contra este tributo e mataron os mouros cando viñan recoller as mozas utilizando como armas paus de figueira, suprimindo así o sometemento ó que viña sometida Galicia e garantindo ás mozas da comarca á súa protección. Por tal motivo, o escudo de armas do marquesado de Figueroa loce cinco follas de figueira.
A mesma lenda recóllese noutros puntos de Galicia e do norte de Portugal, onde xa en 1609 o monxe de Alcobaça Bernardo Brito recolleu en Beira o Romance de Figueiral, e tamén era representada polo pobo en varios sitios, como en Quintela de Leirado.
Notas
editar- ↑ Las cien doncellas: trayectoria de una leyenda M. Manzanares de Cirre PMLA, Vol. 81, No. 3 (Jun., 1966), pp. 179-184 doi:10.2307/460802