Provincia de Mondoñedo

provincia histórica galega

A antiga provincia de Mondoñedo foi unha das sete en que estaba dividida Galiza durante a Idade Moderna, desaparecendo a partir de 1833 (edicto de 30 de novembro de 1833[1]) coa nova división provincial que crea o novo Estado liberal, e que partiu o territorio galego nas catro provincias actuais. Mondoñedo pasaría a ser absorbida dentro da nova provincia de Lugo. Aínda que non hai unha data clara de aparición desta provincia, xunto coa Tui, son as últimas en xurdir na documentación, arredor de 1550.

Provincia de Mondoñedo coas súas xurisdicións en 1753.

Extensión e límites editar

A provincia de Mondoñedo ocupaba unha extensión de 2.020 km². Mondoñedo lindaba ao oeste coa provincia de Betanzos, ao sur coa de Lugo, ao leste co Principado de Asturias e ao norte co mar Cantábrico. Os límites, respecto a Betanzos, estaban marcados pola serra da Faladoira, ata a Pena Branca, desde aí o río Sor marcaba o linde. Con respecto a Lugo, estaban sinalados polos que actualmente corresponden ao concello de Abadín e as freguesías de Vilaboa e Vilaoudriz (A Pontenova), pertencendo os tres a Mondoñedo; no Coto de Frades, 961 m, marcábase o triplo confín de Mondoñedo con Lugo e Asturias. Entón como agora, o río Eo desde o lugar de Conforto, e a súa consecuencia, a ría de Ribadeo, sinalaban a divisoria a respecto de Asturias, máis a crista dos montes que conducen á cima do citado Coto de Frades, desde Conforto marcaba a última raia que separaba do Principado. Estes límites sinalados por Labrada, parece que deben corrixirse na ría, pois en sentenza do ano 1580, Castropol estendía a súa xurisdición "dunha parte a outra da ría", polo que se sinalaban unha serie de penedos como límites asturianos na beira esquerda, como Mirasol, Villavella ou O Costal. A división provincial do 1834, situaría de novo o centro das augas como divisoria.

Cidades editar

Ademais da capital, Mondoñedo, as cidades principais, dentro do que entón se entendía por tal, eran Viveiro e Ribadeo, cuxos organismos reitores non sempre se mostraron conformes coas decisión tomadas na primeira. Mondoñedo era e é cidade episcopal, e a súa diocese abranguía maior superficie que a da provincia.

Subdivisións editar

Como o resto das provincias, estaba dividida principalmente en xurisdicións e coutos. Entre os primeiros p.ex. Bares e Mogor, Castromaior e Labrada, Galdo, Vilameá, Nois e Foz, Muras, Riotorto e Orrea, Trabada, Miranda etc; entre os coutos: Cabarcos, O Canedo, Burela, Vilaronte, Navea, Oirán etc. As consideradas cidades ou vilas posuían a súa propia xurisdición; ademais de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo, gozaba da mesma consideración Vilanova de Lourenzá.

Caracteres administrativos editar

As antigas provincias carecían das competencias que terá as provincias contemporáneas. O seu papel principal era o de servir de unidades fiscais. Nun segundo plano servían para a designación dos representantes na Xunta de Galicia, monopolio que practicamente ostentaban as familias fidalgas da cidade episcopal, con dereito a presentar candidaturas ao concello mindoniense.

Notas editar

  1. Fernández Vilalba, Xosé Isidro (10 de agosto de 2014). "A Provincia de Mondoñedo. Extensión e lindes". www.terraetempo.gal. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 2018-06-22. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar