Abrir o menú principal

Fernando Afonso foi fillo e herdeiro de Afonso VIII, rei de Galiza e León, e da súa primeira esposa a raíña Teresa de Portugal.

Fernando Afonso
Infante de Galiza e León
Fernando Afonso.jpg

Nacemento1192
Falecemento1214
SepulturaPanteón Real da catedral de Santiago
Casa realCasa de Borgoña
ProxenitoresAfonso VIII de León e Galicia
Teresa de Portugal
IrmánsSancha de Galicia e León
Aldonza de Galicia e León

Descendia por liña directa de Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza[1], iniciador da dinastía borgoñona na península ibérica[2]. Por vía paterna era bisneto do emperador Afonso VII e neto do rei Fernando II de Galiza e León; por vía materna era bisneto de Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal, e neto do fillo deste Sancho I.

Afonso VIII e Teresa de PortugalEditar

 
Teresa de Portugal, nai de Fernando Afonso, nunha representación do século XVI.

No ano 1191, Afonso VIII casou en Guimarães coa filla do rei de Portugal, a súa curmá Teresa. Deste casamento naceron tres fillos: Sancha, Fernando e Aldonza.

Este matrimonio supuña unha alianza galego-portuguesa indesexada polo Reino de Castela, reino co que desde o comezo do seu reinado, Afonso VIII mantivo tensas relacións[3], de feito, no momento da súa subida ao trono, Castela apoiou a pretensión de Urraca López de Haro, viúva de Fernando II, de coroar rei ao seu fillo Sancho, medio irmán de Afonso. Aproveitando a disputa sucesoria, Afonso de Castela (coñecido historiograficamente tamén como Afonso VIII[4][5]) apoderouse de valiosas vilas e castelos na fronteira leonesa[6]. O rei Afonso tivo que negociar a paz para rematar cos problemas internos do reino chegando mesmo a humillarse bicando a man do seu primo Afonso de Castela[7].

Atendendo aos intereses casteláns[8], e coa excusa da consanguinidade do casal, o papa Celestino III anulou o casamento de Afonso e Teresa[9]. O papa pronunciou senteza de excomuñón contra Afonso VIII e Sancho I de Portugal mentres durase o matrimonio e promulgou un interdito nos dous reinos[10]. O rei galego tivo que aceptar a separación, non sen antes conseguir que a igrexa recoñecese a lexitimidade dos tres fillos nacidos do matrimonio[11].

No ano 1195, Teresa e a súa filla Aldonza, abandonaron o reino con dirección á corte portuguesa, Sancha permaneceu xunto ao seu pai e aínda que a documentación histórica non indica o destino de Fernando Afonso, o máis provábel é que fose tamén criado en Portugal na corte do seu avó Sancho[12].

Afonso VIII e Berenguela de CastelaEditar

Mentres tanto, levantouse contra o rei de Santiago o rei de Castela e obrigouno a abandonar á súa muller, filla do rei de Portugal, e entregoulle a súa propia filla como esposa co permiso do pontífice Celestino III, polo ben que resultaba da paz

A presión conxunta do Papado e o Reino de Castela quebrantou a alianza con Portugal e obrigou a Afonso VIII a tomar por esposa a Berenguela, filla do rei de Castela, no ano 1197. As fortalezas usurpadas na fronteira de León foron postas como dote de voda e mantiveronse baixo control castelán[13].

Deste novo matrimonio naceu outro Fernando, futuro rei Fernando III, que pasou a ser considerado neste período o lexítimo herdeiro do reino.

...de tal xeito tes envolto ao mesmo rei (Afonso VIII) [...] que non pode, aínda que o queira, separarse da túa filla; xa que tes recibido ao seu nome as mais e mellores fortalezas do reino leonés, e falas gardar polos teus homes e serán dela mesmo se o rei a deixa.
—Carta de Inocencio III a Afonso, rei de Castela - 5 de Xuño de 1203[14]

A chegada ao papado no ano 1198 do papa Inocencio III mudou a política de alianzas dos reinos cristiáns penínsulares. O novo papa anulou o matrimonio entre Berenguela é Afonso VIII acusando ao rei castelán de aproveitarse da debilidade do reino galego para impoñer como herdeiro do trono o seu neto Fernando de Castela diante do fillo máis vello do rei, Fernando Afonso[15].

A separación marital produciuse no ano 1204. Berenguela e o seu fillo, abandonaron o reino galaico con dirección a Castela onde, por mor da morte prematura do herdeiro lexítimo, Berenguela será nomeada raíña cedendo no ano 1214 o trono ao seu fillo Fernando. Malia os esforzos do papa Inocencio, as fortalezas usurpadas na fronteira leonesa non foron devoltas senón traspasadas nunha estrataxema legal, de Berenguela ao seu fillo[16].

Coa anulación por segunda vez do casamento de Afonso VIII, o seu primoxénito Fernando Afonso pasou a ser considerado novamente o herdeiro da coroa. A corte Castelá reaccionou propondo o seu casamento con outra das fillas do rei, a infanta Mafalda[17].

 
Afonso VIII, rei "Legionensium et Gallecie" (rei dos leoneses e Galicia) nunha miniatura do Tumbo A. Catedral de Santiago. Século XIII.

Morte do Rei Sancho de PortugalEditar

No ano 1211 finou o rei portugues Sancho I, avó de Fernando Afonso. O seu sucesor, Afonso II tentou incrementar o patrimonio da coroa impedindo que o clero adquirise imóbeis e asumindo o control das terras das súas irmás, Mafalda, Sancha e Teresa, incrumprindo o testamento do seu pai. Teresa, os seus fillos, e a nobreza descontenta, abandonaron Portugal e reclamaron o apoio de Afonso VIII. Este, desprazou o seu exercito á fronteira do Douro, cos nobres portugueses colocados nominalmente baixo o mando do seu fillo Fernando[18], e invadiu Portugal en marzo de 1212. A incursión militar chegou até Coimbra e rematou coa derrota do exercito de Afonso II na batalla de Portela de Valdévez[19], despois da cal o papa Inocencio III ordenou aos arcebispos de Compostela e Toledo que intervisen para restablecer a paz[20]

Desde a morte de Sancho I e o regreso á corte do seu pai de Fernando Afonso, a súa aparición na documentación rexia é constante e concedendolle sempre a máxima relevancia, evidenciando a súa posición como herdeiro do trono. Así, no mes de Abril de 1211, pai e fillo consagran xuntos a Catedral de Santiago[21], no ano 1213 Fernando é denominado en varios diplomas "primogenito", e chega a asinar documentos diante do nome do rei e mesmo a facelo en solitario[22].

Morte e sepulturaEditar

En agosto de 1214, sen que as fontes históricas aclaren como, falece o infante Fernando na temprana idade de 22 anos. A súa morte deixou ao seu medio irmán, Fernando de Castela, como primeiro varón na liña sucesoria. Un suceso sospeitosamente afortunado para el, similar ao que o levou a alcanzar o trono castelán en 1217, cando o seu tío Henrique I de Castela morre ao caerlle unha tella na cabeza[23] mentres xogaba no pazo dun bispo afín a Berenguela[24].

Fernando Afonso foi enterrado na Catedral de Santiago de Compostela entre grandes funerais[25], o seu pai Afonso VIII encargou unha sepultura que foi incluída no Panteón Real da basílica[26]. A perda da memoria histórica do reino, e o abandono do espazo funerario fixo que o sepulcro fose tradicionalmente atribuido ao seu tataravó o conde de Galiza Raimundo de Borgoña. No ano 1990 o investigador Serafín Moralejo sacou a luz a verdadeira atribución da tumba con argumentos aínda non rebatidos[27].

NotasEditar

  1. "Tenentes do condado de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa (1065-1109)". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 02/07/218. 
  2. "Dinastía Borgoña. Reis de León e Galiza s. XII-XIII". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 02/07/2018. 
  3. Flórez, Henrique (1770). Memorias de las Reynas Catholicas. p. 337. 
  4. Nogueira Román, Camilo (2001). A memoria da nación. O reino de Gallaecia. Xerais. p. 233. ISBN 84-8302-656-2. [Afonso de Castela] Como primeiro rei exclusivo de Castela, debería ser titulado Afonso I, do mesmo xeito que o é Afonso Henriques en Portugal. 
  5. López Carreira, Anselmo (2008). O Reino Medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 128. ISBN 978-84-8341-293-0. Afonso VIII [...] foi impunemente convertido en 'noveno' para podelo incluir nunha inventada nómina de reis de España xunto con outro Afonso, de Castela (a quen se lle outorga o ordinal 'oitavo') [...] creandose así unha secuencia ficticia. 
  6. Martínez Santamarta 2012. pp. 125-126
  7. Martínez Santamarta 2012. p. 127.
  8. Martínez Santamarta 2012. p.156. 198.
  9. López Ferreiro, Antonio (1902). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 5. p. 34. 
  10. Romero Portilla, Paz (2015). "Fronteras de aire. Portugal, León y Castilla en el S. XIII". Cuadernos de Estudios Gallegos (62): 52. ISSN 0210-847X. 
  11. González González 1944. p. vol.I. pp. 65-66
  12. Flórez, Henrique (1770). Memorias de las Reynas Catholicas. p. 339. 
  13. Flórez, Henrique (1770). Memorias de las Reynas Catholicas. p. 351. 
  14. Martínez Santamarta 2012. pp. 240-241.
  15. Martinez Santamarta 2012. p. 234.
  16. Martínez Santamarta 2012. p. 256.
  17. González González 1944. p. 266.
  18. González González, Julio (1960). El reino de Castilla en la época de Alfonso VIII I. Centro Superior de Investigaciones Científicas. p. 740. 
  19. Vicetto, Benito (1872). Historia de Galicia 5. p. 191. 
  20. Romero Portilla, Paz (2015). "Fronteras de aire. Portugal, León y Castilla en el S. XIII". Cuadernos de Estudios Gallegos (62): 55. ISSN 0210-847X. 
  21. González González 1944. T.II. p. 271. "... me ipso cum filio meo infante domno Fernando"
  22. González González 1944. T.II. pp. 385-391 "Infante domno Fernando, filio nostro primogenito, presente"
  23. Flórez, Henrique (1765). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España. XXIII. p. 399. 
  24. Martin, George (12/2017). "Negociación y diplomacia en la vida de Berenguela de Castilla (1214-1246). Cuestionamiento genérico". e-Spania (4). 
  25. Puyol, Julio (1926). Cronica de España - Lucas de Tui. Real Academia de la Historia. p. 416. 
  26. Boto Varela, Gerardo (2012). Aposentos de la memoria dinástica. p. 547. 
  27. Moralejo Álvarez, Serafín (1990). ¿Raimundo de Borgoña o Fernando Alfonso?. Un episodio olvidado en la historia del panteón real compostelano (PDF). Sociedad Española de Estudios medievales. pp. 161–179. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar