Hidacio
Hidacio[1][2] ou Idacio,[3] coñecido en Portugal como Idácio de Chaves e tamén Hidácio[4] ou Hidacio da Limia[5], nado c. 390[6] e finado no 469, foi un cronista, eclesiástico e dirixente da Gallaecia do turbulento século V.
Nome orixinal | Idácio de Chaves ou Idácio de Chaves |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 400 Xinzo de Limia, España |
Morte | 469 (>469) (68/69 anos) |
Bispo Diocese de Aquæ Flaviæ (pt) | |
427 – 469 | |
Datos persoais | |
Outros nomes | Idacius, Itacius, Ithacius, Ydatius, Adacius ou Hydacius |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | historiador, presbítero, escritor |
Período de tempo | Imperio Romano |
Profesores | Xerome de Estridón |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarNacemento
editarNaceu na comarca da Alta Limia, no seo dunha familia da aristrocracia local da civitates (comunidade) dos Lemicos[7] [8]. É moi dificultoso establecer un lugar concreto do nacemento. As posibilidades pasarían por un núcleo urbano, a Civitas Limicorum, que podería corresponder coa actual Xinzo de Limia, tamén polo Castro do Viso[9]. Ou ben puido ter nacido nunha das villae próximas, que se estaban a converter nos novos centros de poder no Baixo Imperio, principalmente porque as cidades soportaban as maiores cargas fiscais e os excesos do exército imperial, producindo a fuxida das elites aristocráticas a estes "pazos" rurais.
Mais dificultoso, se cabe, sería establecer a súa data de nacemento, podendo datarse entre os anos 388 e 400 e, tratando de concretar máis, entre o 390 e 392.
Pertencía a unha familia cristiá da baixa aristocracia de orixe galaico-romana vencellada á administración e que detentaba un poder vencellado á posesión das terras. Tratábase dunha nobreza pertencente a aquela que axudou a Teodosio I a erguerse no poder.
Educación
editarFoi educado baixo as regras do práctico sistema educativo romano clásico (que sobreviviu o propio Imperio), dirixido a preparar as clases dirixentes para o exercicio das funcións públicas, pero coas alteracións producidas polo forte influxo do cristianismo (como por exemplo o abandono do estudo do grego). En conclusión, foi educado na cultura clásica dentro dun ambiente cristián.
Na súa obra móstrase como un bo observador astral. Relata varias eclipses parciais do sol, como a do 28 de maio do ano 458. Tamén varias eclipses da lúa como a do 2 de marzo do ano 462 e ata unha aurora boreal, fenómeno estraño nestas latitudes pero testemuñado de xeito similar a como el o fixo ao longo da historia. Tamén foi testemuña da visita do cometa Halley, na súa cita coa Terra cada 76 anos, o 18 e 29 de xuño do ano 451. Todos estes fenómenos naturais son narrados cunha gran precisión temporal cunha marxe de erro moi pequena.
Trátase en palabras de Candelas Colodrón:
"dun home ben formado e informado, un historiador do primeiro nivel, tanto no que conta como no xeito en que o fai".
Viaxe a Oriente
editarDe neno (anos 406 a 407)[10] viaxou a Oriente, probablemente formando parte dunha comitiva enviada á corte imperial, e nel tamén visitou, de novo posiblemente, os santos lugares xeograficamente próximos. A causa da viaxe desta comitiva puido ser a busca de axuda fronte á ameaza dos bárbaros que romperan os limes do Imperio ou a fuxida do influxo da teoloxía priscilianista na busca dun trato de favor para a comunidade ortodoxa cristiá por parte do emperador. Nesta viaxe tivo a ocasión de coñecer relevantes personaxes do momento como san Xerome (figura de grande influencia na súa persoa) ou Teófilo I bispo de Alexandría.
Carreira relixiosa
editarNo ano 416 fixo os votos relixiosos e tan só once anos despois, no ano 427, foi ordenado bispo[11] ocupando, sempre probablemente, a diocese de Aquae Flaviae, a actual Chaves, sendo elixido, como era habitual na época, polo clero e a poboación da localidade.
Porén, incluso non está moi claro que fose bispo, xa que na súa obra nunca menciona Chaves como a súa sé e esta tampouco aparece no Parochiale suevorum como tal. Pero isto non é nin moito menos concluínte xa que esta obra, que describe a división eclesiástica en tempos dos suevos, dista 100 anos da súa época. Amais, a implantación do arianismo na Gallaecia sueva tamén implicaría unha notable mudanza da organización eclesiástica anterior. Factores a ter en conta a favor da interpretación de Aquae Flaviae como sé do bispado é a súa posición como centro rexional cabeceira de 10 civitates, e unha proba disto é que foi o lugar onde se fixou o coñecido Padrão dos Povos (onde se gravaron unha relación das 10 civitates) e amais de ser un importante eixo viario xa desde o século I.
Morte
editarNo ano 460 o rei suevo Frumario tívoo cativo durante tres meses[12], ocasión que aproveitaron para violentar a súa rexión e romper os pactos feitos. Hidacio na súa obra acúsaos de traidores e mentireiros. Moitos autores sinalan esta data como a da fin do poder efectivo de Hidacio.
Morre no ano 469 a idade moi avanzada para a época. Trala súa morte, todo polo que loitara esvaeceuse de súpeto e só quedou a súa obra como testemuño dun período que morría con el.
Actividade política
editarContexto histórico
editarDurante estes anos do Baixo Imperio as estruturas económicas e sociais romanas estaban ao bordo do colapso. A insoportable presión fiscal á que as comunidades estaban obrigadas facían que o poder público fose cedendo o seu lugar ao privado.
No ano 409 os bárbaros, suevos, vándalos e alanos entran en Hispania polos Pireneos. Enfrontáronse a eles non as tropas regulares imperiais, senón os exércitos de aristócratas galaico-romanos emparentados con Teodosio (Dídino, Veriniano, Lagosio e Teodosiolo).
Este abandono do Imperio obsérvase tamén na repartición que os bárbaros fixeron da Gallaecia no ano 411 sen a participación do Imperio: a parte mais occidental quedaría nas mans dos suevos e a oriental (a meseta) para os vándalos.
Hidacio di que os Suevos ocuparon a parte da provincia pegada ao mar pero, contrastando isto cos achados arqueolóxicos, pódese concretar que estes se asentaron principal ou incluso fundamentalmente no triángulo de terra conformado polas actuais Tui, Braga e Porto.
Sobre o impacto causado polo asentamento destes invasores temos dúas fontes contemporáneas aos feitos directamente confrontadas: mentres Orosio relata que os bárbaros se estableceron de modo pacífico "abandonando as espadas polos arados", Hidacio refire gran cantidade de ataques, saqueos e violencias. A resposta real suponse debe estar nun termo medio, tendo en conta que a aceptación do territorio polos suevos supuxo un mantemento das estruturas baixoimperiais.
Deste xeito, pódese describir unha panorámica na que os suevos conviven, máis ou menos pacificamente, con comunidades galaicorromanas independentes, tanto dos suevos como do Imperio, comunidades dirixidas pola elite económica e política á que pertence o propio Hidacio.
Unha proba desta situación é o pacto feito con Hermerico no ano 433 entre os galaicorromanos e os xermanos, realizado sen contar co Imperio.
A rexión de Chaves
editarA súa comunidade, illada xeográfica e politicamente de Roma e independente dos suevos, reúnese ao redor do seu liderado (posiblemente mediante a institución do padroado) e identifícase coa súa figura de patrón-bispo, que garantiu o seu modo de vida, configurando deste xeito unha pequena unidade política baseada en vencellos persoais e políticos, produto do abandono do Imperio, e consecuentemente das curias (órganos colexiados de poder). Para obter a salvagarda dos seus intereses e os dos seus non dubidou en buscar e atopar vías de entendemento cos suevos cando a ocasión o requiría, destacando o seu carácter pactista e negociador fronte á opción do enfrontamento.
Como resultado, obsérvase unha identificación entre o poder de Hidacio e a independencia de Chaves, personaxe que dalgún xeito absorbeu na súa persoa os poderes romano (público) e o eclesiástico (relixioso) ao mesmo tempo que o poder privado (dos propietarios terratenentes), mantendo a súa comunidade unida fóra das actividades de saqueo e a influencia dos suevos ou incluso afrontando co seu propio patrimonio persoal o auxilium dos máis necesitados.
Viaxe á Galia
editarNo ano 431 encabezou, como representante da súa comunidade, unha delegación dos galaicos á Galia para pedir ao representante imperial, Flavio Aecio, axuda contra dos suevos, sen moito éxito.
Hidacio, vencellado á idea de Roma, era consciente de que esa idea esmorecía, motivo polo que para salvar a súa posición, só quedaba establecer vínculos cos bárbaros, como non dubidou en facer. Proba disto son as poucas friccións habidas entre a nobreza galaico-romana e os invasores (circunscritos aos anos de anarquía que seguiron á morte de Requiario). Vencellada á súa preferencia pactista está tamén a unión de Hidacio coa casa teodosiana, que preferiu unha política que procurase máis a paz que o enfrontamento.
Para el, Igrexa e Imperio eran inseparables e garantían os privilexios da clase social á que pertencía. Estes seus intereses estiveron por riba de todo e fixeron que no seu momento tomase partido por Aecio (e despois por Avito), xeneral de Valentiniano III, que pertencía á dinastía teodosiana pero que abandonara progresivamente a política de apoio á aristocracia galo-hispana, decantándose por privilexiar a italo-romana.
Deste xeito logrou durante case medio século conservar a independencia da súa diocese e o poder que herdara.
Anti-priscilianismo
editarXa de volta na súa diocese, solicitou do papa León I axuda para loitar contra do priscilianismo que aínda tiña moita forza en toda a Gallaecia, se ben é o outro Hidacio, o Hydatius de Mérida o principal promotor antipriscilianista da península, polo que existe certa confusión que tende a esaxerar o carácter antipriscilianista do noso protagonista. Débese resaltar que na súa obra apenas lle dedica unha ou dúas mencións.
Obra
editarO Cronicón
editarHidacio escribiu cara á fin da súa vida unha crónica, coñecida como o Cronicón de Hidacio, ao estilo das de Xerome de Estridón e a máis antiga de Eusebio de Cesarea. Trátase dunha fonte fundamental para o estudo da época (a época imperial romana e o ámbito hispánico)[6] e para o estudo da propia bibliografía do autor. Escrita nun latín serodio, vulgar e redundante cun abuso do uso de barbarismos propio da época. O uso desta linguaxe vai estar sempre supeditada ao xénero escollido, a "crónica", polo que se ve na obriga de buscar sempre a brevidade, a ser conciso e veraz. A pesar disto a súa formación clásica asoma no emprego de figuras retóricas, principalmente no prefacio, ao tempo que na súa narración persegue sempre unha intención dramática.
É continuadora destas crónicas (comeza o texto "Ata aquí a historia conservada..."), sobre todo a de san Xerome[6][12] e a de Eusebio de Cesarea,[12] seguindo un modelo xa moi popular nesa época, coa pretensión de colocar a historia da humanidade no contexto da progresión lineal desde a creación bíblica á segunda chegada de Cristo. É unha peza chave para o coñecemento no noroeste peninsular dunha época na que se esvae o Imperio Romano de Occidente para dar paso ao Reino Suevo.
Hidacio describe os acontecementos ocorridos entre o 379 e o 468, e aínda que pretende ser unha crónica universal, o certo é que acabará centrándose nos acontecementos ocorridos na Gallaecia e dando unha visión escura do século V por mor do priscilianismo (tema sobre o que recolle poucas anotacións) e o asentamento dos bárbaros (suevos, visigodos) na península, pero principalmente movido polo esvaecemento do Imperio Romano e un determinado xeito de vida.
Probablemente, foi o primeiro en empregar unha nova forma de datación cronolóxica, a Era Hispánica (que comeza no 38 a. C., data na que Augusto dá oficialmente como conquistada a Península Ibérica)
É a primeira (e case a única contemporánea e dun espectador directo) fonte escrita que se conserva sobre a época no noroeste e os suevos na Gallaecia e moitas das súas apreciacións negativas referidas a eles (cualifícaos de "nación inicua e enfurecida") acabarán por pasar á historiografía tradicional, como o seu carácter violento e destrutivo caracterizado pola depredación.
A historiografía de mediados do século XX (Casimiro Torres, Reinhart) tende a acoutar esta imaxe, poñéndoo en relación co papel que xogou como representante dos grandes propietarios galegos e en aberta contradición coa imaxe, positiva, que transmite Orosio e coa arqueoloxía, que non corrobora alteración ningunha causada polos suevos, a numismática, que testemuña a continuidade latina e a organización social, que non mudou. A historiografía actual estuda este tempo evitando ambos os extremos e trata de buscar o apoio do estudo arqueolóxico, distanciándose ás veces das tallantes conclusións dos seus antecesores.
Outro dos tópicos empregados no estudo da obra é a importancia dos fenómenos sobrenaturais relatados polo bispo. Si se relatan fenómenos "sobrenaturais", pero en moitos casos confúndese coa descrición dos fenómenos naturais, como eclipses ou incluso unha aurora boreal, que presenta seguindo o estilo propio da época. Moito se ten escrito sobre as posibles interpretacións destas descricións. De xeito especial tense teorizado sobre o suceso misterioso co que remata a obra e en relación co apocalíptico pesimismo hidaciano:
"No río Miño a cinco millas de Lais, pescáronse catro peixes nunca vistos dunha nova especie, segundo o relato dos pescadores respectables cristiáns, marcados con letras hebreas e gregas co número latino 365 formando un círculo. Uns meses despois alí preto caeron do ceo grans verdes como a herba con forma de lentella e amarguísimos e outras cousas asombrosas longas de contar".
Uns autores identifican Lais como a parroquia de Laias, Cenlle no concello de Cenlle, e outros como Martín Sarmiento coa parroquia de Alais no concello de Castro Caldelas.
Os Fasti Consulares
editarTamén se lle atribúe, aínda que con reservas, os Fasti Consulares que se ocupan dos anos de 245 ab urbe condita (508 a. C.) a 468 d. C., engadidos á Crónica en datas posteriores.
Notas
editar- ↑ "Hidacio". Diciopedia do século 21 II. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1054.
- ↑ Forma que se emprega na tradución galega do seu cronicón: O cronicón de Hidacio. Toxosoutos, 2004. Nos manuscritos que sobre el se conservan, o seu nome aparece baixo formas como Idacius, Itacius, Ithacius, Ydatius, Adacius ou Hydacius.
- ↑ "Idacio". Diciopedia do século 21 II. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1083.
- ↑ Carlos Eduardo de Soveral A historiografia medieval. Livraria Tavares Martins, 1963
- ↑ Pérez Losada, Fermín (compilador) (2014). Hidacio da Limia e o seu tempo. A Gallaecia sueva : a Limia na época medieval. Concello Xinzo de Limia, Concellería de Cultura e Turismo. ISBN 9788492194698.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Sánchez Salor, Eustaquio (2006). Historiografía latino-cristiana: principios, contenido, forma (en castelán). Roma: Ed. L'Erma di Bretschneider. p. 144. ISBN 88-8265-385-4.
- ↑ Bernárdez Vilar, Xoán (2004). Idacio Lémico: Chronica. CADERNOS RAMÓN PIÑEIRO. ISBN 84-453-3922-2.
- ↑ Díaz Martínez, Pablo (2011). El Reino Suevo. Akal. p. 36. ISBN 978-84-460-2850-5.
- ↑ Preto de Nocelo da Pena, Sarreaus, Ourense
- ↑ Amaré Tafalla, María Teresa (2002). Astorga I: contexto geográfico e histórico. León: Universidad de León. p. 70. ISBN 9788477199939.
- ↑ Weber, N. (1910). "Hydatius of Lemica". In The Catholic Encyclopedia. Robert Appleton Company. Consultado o 06-12-2017.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Sayas Abengoechea, Juan José; Abad Varela, Manuel (2013). Historia antigua de la península ibérica II. Época tardoimperial y visigoda (PDF - DRM) . Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6534-7.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Candelas Colodrón, César: O Cronicón de Hidacio. Bispo de Chaves. (2004). Noia. Serie Trivium. Editorial Toxosoutos. ISBN 84-96259-13-7
- Candelas Colodrón, César: O mundo de Hidacio de Chaves. (2006). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Santiago de Compostela. ISBN 85-9750-774-6
- López Silva, José Antonio: A Crónica de Idacio de Limia, bispo de Chaves. (2004). Deputación Provincial de Ourense. ISBN 84-96011-32-1
- Bernárdez Vilar, Xoán: Idacio Lémico: Chronica (379-469). Cadernos Ramón Piñeiro (VI). (2004). Xunta de Galicia. Santiago de Compostela
- Burgess, Richard W.: The Chronicle os Hydatius and the Consularia Constantinopolitana: Two Contemporary Accounts of the Final Years of the Roman Empire. Oxford Clarendon Press. (1993) ISBN 0-19-814787-2 (A tradución e estudo do Cronicón de referencia na actualidade).
- Tranoy, Alain: HYDACE, Chronique, t. 1, Introduction, texte critique, traduction. éd., coll. Sources Chrétiennes n° 218, Editions du Cerf, París, 1974.
- Tranoy, Alain: HYDACE, Chronique, t. 2, Commentaire et index. éd., coll. Sources Chrétiennes n° 219, Editions du Cerf, París, 1974.
- Mommsen, Theodor, ed. Chronica minora saec. IV.V.VI.VII., volumen II. (Monumenta Germaniae Historica, Auctores Antiquissimi, vol. 11.) Berlín: Weidmann, 1894.
- Díaz, Pablo C.: "El reino suevo de Hispania y su sede en Bracara" (2000) en Memorias de la Real Academia de Buenas Letras de Barcelona, Vol.: 25 (Sedes regiae ann. 400-800), páxinas 403-423. ISSN Impresión: 0213-9499
Artigos en revistas:
editar- García Penas, Fernando: "A crónica do bispo Hidacio". Compostellanum Vol. 48, Nº. 1-4. Páxs. 317-358. (2003). ISSN 0573-2018.
- Crespo Matellán, Salvador: "Las lecturas de Hidacio de Chaves: Notas sobre la recepción literaria en la Gallaecia del s. V". Minerva: Revista de filología clásica Nº 6. p. 241-256. (1992). ISSN 0213-9634.
- Bodelón García, Serafín: "Idacio: prodigios y provindencialismo en su Crónica". Memorias de historia antigua, Nº 17, p. 117-132. (1996). ISSN 0210-2943.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- thelatinlibrary.com - Obra de Hidacio en latín.
- Artehistoria.com Arquivado 26 de marzo de 2020 en Wayback Machine. - Hidacio de Chaves, breve biografía. (en castelán)
- Revistes catalanes amb accés obert - El reino suevo de Hispania y su sede en Braccara, por Pablo C. Díaz (en catalán)
- Cronicón de Idacio (latín e español); traducido por Marcelo Macías, en Episcopologio Asturicense (1906) [a partir da páxina 239].