Castro Caldelas

concello da comarca de Terra de Caldelas, na provincia de Ourense

Coordenadas: 42°23′0″N 7°26′0″O / 42.38333, -7.43333

Castro Caldelas (do latín aquas calidas, 'augas cálidas, termais') é un concello da provincia de Ourense, capital da comarca da Terra de Caldelas. Segundo o padrón municipal en 2019 tiña 1.224 habitantes. O seu xentilicio é «caldelao».

Castro Caldelas
Bandeira de Castro Caldelas
Escudo de Castro Caldelas
Concello de Castro Caldelas.jpg
Casa do Concello
Situacion Castro Caldelas.PNG
Situación
Xentilicio[1]caldelao
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca da Terra de Caldelas
Poboación1.177 hab. (2022)[2][3]
Área87,6 km²[3]
Densidade13,44 hab./km²
Entidades de poboación86[4]
Capital do concelloCastro Caldelas
Política (2019[5])
AlcaldesaSara Inés Vega (PSdeG[6])
Concelleiros
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Castro Caldelas
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes71,18%
Na rede
http://www.castrocaldelas.es
editar datos en Wikidata ]

Ten 16 parroquias e 86 entidades de poboación, e forma parte da Ribeira Sacra. Está situado no derramo setentrional do gran nó orográfico formado polas serras de San Mamede e Queixa no macizo Central Ourensán.

DemografíaEditar

Censo total 1.224 (2019)
Menores de 15 anos 71 (5.80 %)
Entre 15 e 64 anos 660 (53.92 %)
Maiores de 65 anos 493 (40.28 %)
Evolución da poboación de Castro Caldelas   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021
5441 4934 4330 3430 1833 1572 1533 1486 1412 1376 {{{13}}} {{{14}}} {{{15}}} {{{16}}} {{{17}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

XeografíaEditar

Está situado no derramo setentrional do nó orográfico formado polas serras de San Mamede e Queixa, dentro da área denominada Ribeira Sacra. O río Sil constitúe a fronteira natural coa provincia de Lugo mentres o río Edo, afluente do Sil, baña a metade occidental do municipio. O punto máis elevado é o de Pena da Cruz (1289 m).

O terreo caracterízase pola alternancia de bosques de carballos e castiñeiros, sobre todo ó norte. As terras adicadas ó cultivo son escasas, abundando os prados. O chan produtivo representa só unha cuarta parte, grazas ó predominio de pendente e solo rochoso.

HistoriaEditar

 
Foro do bo burgo de Castro Caldelas, privilexio dado polo rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228.

Tense constancia arqueolóxica de poboación humana desde a época do megalitismo, debido á existencia de varias mámoas no burgo e na Serra da Mazaira. Desde entón o territorio non deixou de estar ocupado; na idade de bronce unha comunidade gravou varios petróglifos en Veiga de Sas. Da idade de ferro a cultura castrexa deixou os restos da varios poboados: o castro de Paradela, o castriño da Cerca (Serra de Mazaira) e o Outeiro da Torre (San Martiño), todos eles pertencentes á tribo galaica dos tiburos.

A romanización de Galicia iniciouse entre os anos 137 e 19 a.n.e.. Pola zona pasaba a Vía Nova, calzada romana que unía Braga a Astorga, vía XVIII do itinerario de Antonino. Os romanos erixiron varias instalacións para a explotación do ouro. Na aldea de Burgo situaríase a Mansio Praesidium[8] ("Mansión da Fortaleza" en latín) en San Pedro do Burgo, que servía como parada e lugar de aprovisionamento para os viaxeiros. Existen varios restos romanos no arredores: unha placa honorífica ao emperador Nerva no lugar de San Xoán de Camba e outras dúas en honor de Hadriano e Antonio Pío na igrexa de San Pedro do Burgo.

Trala chegada dos suevos no século V (ano 409) e a formación do reino de Galicia, difundiuse o cristianismo por estas terras (a ribeira do Sil énchese de eremitas cristiáns que colonizan os escarpados canóns do Sil. No ano 573 créase o mosteiro de San Pedro de Rocas.

A primeira referencia escrita co nome actual da poboación data da idade media (século IX). Tense constancia da construción de dous mosteiros, o mosteiro de San Xoán de Camba (fundado no 963 por un bispo ourensán, aínda que nas ruínas hai sarcófagos datados no século VII) e o mosteiro de San Paio de Abeleda (1127). A Terra de Caldelas estivo sempre moi vinculada ás veciñas terras de Trives, sendo as dúas pertencentes ó señorío da Casa de Lemos.

Durante o século X a familia Gutier Menéndez dominou as terras de Caldelas grazas ás doazóns dos reis Sancho Ordóñez, Ramiro II e Ossino. No século XII converteuse en vila de reguengo por mor dos foros concedidos en 1172 por Fernando II e en 1228 Alfonso IX, grazas ós cales a vila comeza a vivir un gran esplendor económico e aséntase na zona unha pequena comunidade de xudeus, dos cales ficaron as súas lápidas funerarias.

En 1326 o rei Afonso XI regalouna a Pedro Fernández de Castro, pasando o territorio a pertencer á casa de Lemos. No século XVIII pasaría á casa de Alba. Desta época data o castelo de Castro Caldelas, derrubado durante a gran guerra irmandiña en agosto de 1467, por mor dos grandes abusos ós que eran sometidos os labregos, baixo o mando de Diego de Lemos, logo derrotados pola coalición señorial (a tradición oral di que o mariscal Pero Pardo de Cela estivo atacando na zona ós irmandiños resistentes), polo que os Lemos volveron ao poder, e o señor Rodrigo Enríquez Osorio fixo reconstruír o castelo, mediante a serventía (pola cal os vasalos estaban obrigados a traballar de balde para o señor feudal) e a suba de impostos (pero a veciñanza a través do concello presentou preito contra o conde na Audiencia de Valladolid, resolvéndose o caso en 1534 a favor do pobo).

O dominio da terra de Caldelas pasa no século XVIII da Casa de Lemos á casa de Alba. Moita información histórica perdeuse na guerra da independencia en 1809 o xeneral Marchand incendiou a vila e o seu castelo en represalia dun ataque das guerrillas do lugar.

A situación mudou coa desaparición do antigo réxime e a desamortización eclesiástica, as desvinculacións dos morgados, a desaparición da Monarquía Absolutista e a implantación do Liberalismo.

FestasEditar

Festa dos RemediosEditar

Unha das festas máis grandes que se realiza nesta vila é a dos Remedios.

DescriciónEditar

Dende a noite do 6 de setembro, «Noite das bandeiras», ata o día 10, sucédense varios festexos.

Destacan dous dos compoñentes máis representativos e que encerran maior interese folclórico: «A noite das bandeiras» e «o Irrio peliqueiro».

Noite das bandeiriñasEditar

O día 6 de setembro, os mozos e non tan mozos que voluntariamente prestan a súa colaboración na organización das festas, que foron realizando os preparativos en días anteriores, reúnense e, ao dar as doce, comezan a colocar as bandeiras.

Dende as casas, os veciños  obsequian os traballadores con licor café e outras bebidas. Ao acabar consómese a empanada ao tempo que as primeiras bombas anuncian a alborada do primeiro día de festa.

As bandeiras adoitan ser de moitas cores. Cómpranse de forma rectangular e despois córtanse, logrando dúas de cada peza: unha bandeira é unha bandulina. A cola que se emprega é a mestura de auga e fariña.

Na preparación esténdese oito filas de cordeis e, a continuación vanse colocando as bandeiras alternativamente, co que se van mesturando as cores.

Esta tarefa lévana a cabo os mozos dirixidos por un experto. En equipo, un encárgase de poñer o engrudo, outros trasladan as bandeiras ata os cordeis e uns terceiros dedícanse a colocalas. Ao terminar cada un dos cordeis enrólase coidadosamente nunha especie de cruz de madeira, á espera da noite da instalación.

O Irrio peliqueiroEditar

O Irrio encarna toda a tradición destas festas, e o elemento máis característico do folclore de Caldelas. Con barbada máscara de madeira e vestido de frac, no que resaltan os grandes botóns, vai provisto dunha pelica, ou pel de ovella, golpea e persigue ao público. Sempre rodeado de gaiteiros, sae na procesión e é moi respectado. Dispón dos seus propios foros.

Uns[quen?] pensan que representa a nobreza ou cando menos, aos seus administradores ou apoderados. Outros veno como un defensor do pobo me fronte aos comerciantes e acomodados. Inda hai quen afirma[quen?] que representa o demo.

«Olegario Sotelo Blanco[9] está de acordo con Vicente Risco en que a súa raíz ha estar nas mascaradas dos tempos prehistóricos, enraizadas na cultura popular e que a igrexa ao non poder destruílas integrou nos seus rituais durante a idade media».

En pasados tempos, xunto co Irrio saían as Pantasmas, outro tipo de máscaras danzantes. [9]«Conta Risco que o que caracterizaba ás pantasmas era as mans, que viñan ser como luvas recheas de serraduras suxeitas ás propias mans do portador, o que facían que se balanceasen de modo autónomo nos xiros de baile. Na actualidade saen os xigantes e cabezudos».

De gran beleza e valor folclórico eran así mesmo as danzas de arcos típicas destas festas. Realizábana grupos de oitos mozos ricamente vestidos. Na actualidade é necesario acudir á festa da Luz, en Santa Tecla, con danzas moi similares.

Na cultura popularEditar

Disque vivía nestas terras un conde que tiña tres fermosas fillas en idade de casar. Outro nobre próximo mandoulle un heraldo pedíndolle en matrimonio a unha das fillas. O conde preguntou: "¿E cal delas?". Conta a lenda que ese foi o nome que lle quedou ó lugar.[10]

Vicente Risco recolleu a crenza de que, na parroquia de San Pedro de Alais e pola parte de Maceda, gardan o pan que se coce o día de San Bertomeu (24 de agosto). Este pan, que non podrece nunca, utilízase para apagar os lumes, botando neles un anaco del.[11]

HeráldicaEditar

Castro Caldelas ten escudo e bandeira de seu. A nova versión, e oficial, do escudo e da bandeira foron aprobados en 2011 no pleno do concello e referendados pola súa publicación pola Xunta de Galicia en xaneiro de 2012.

A bandeira ten tres franxas verticais; "a do batente e hasta de azul, perfiladas de branco ao centro; e a terceira, do dobre de largo, de vermello cun castelo de amarelo, aberto, coa porta superada por un escudo de branco cargado de seis roeis de azul, sobre chamas de vermello perfiladas de amarelo". O castelo representa o castelo de Castro Caldelas e o señorío que sobre ela exerceron os señores de Lemos. As labaradas lembran que en 1810 o xeneral francés Loison lle prendeu lume á vila. A bordura de azul alude á tradicional devoción mariana de Nosa Señora dos Remedios.[12]

DeporteEditar

Ten un equipo de fútbol no Grupo 3 da Terceira Autonómica de Galicia, o CD Caldelao.

Galería de imaxesEditar

Castro Caldelas dende o castelo. 
Vista desde Santa Tecla do Mosteiro de San Paio de Abeleda
Fachón da festa dos Fachós. 
Vista das vides en socalcos en Castro Caldelas. 

ParroquiasEditar

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Castro Caldelas

Alais (San Pedro) | O Burgo (San Pedro) | Camba (San Xoán) | Castro Caldelas (San Sebastián) | Folgoso (Santiago) | Mazaira (Santa María) | Paradela (San Vicenzo) | Pedrouzos (San Mamede) | Poboeiros (San Xoán) | San Paio de Abeleda (San Paio) | Santa Tegra de Abeleda (Santa Tegra) | Sas de Penelas (San Fiz) | Trabazos (Santa Olaia) | Tronceda (Santiago) | Vilamaior de Caldelas (Santa María) | Vimieiro (San Xoán)

Lugares de Castro CaldelasEditar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Castro Caldelas vexa: Lugares de Castro Caldelas.

NotasEditar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Castro Caldelas".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio do Interior (ed.). "Elecciones 2019". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2019. Consultado o 27 de maio de 2019. 
  6. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Castro Caldelas". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Rodríguez Colmenero, Antonio: "Mansiones y mutationes en la Vía Nova" en Cuadernos de Arqueología Serie II 12-13 1995 pp.89-112
  9. 9,0 9,1 Blanco Sotelo, Olegario (1989). Castro Caldelas e a súa comarca. SB edicions. 
  10. Celso de Baión (pseudónimo de Xosé María Álvarez Blázquez): Os nomes da terra recollidos do pobo, Ed. Castrelos, Vigo 1976, 20. Álvarez Blázquez engade que toma a lenda de Risco, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.
  11. Vicente Risco 162, 368.
  12. Decreto 242/2011, do 15 de decembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Castro Caldelas, Diario Oficial de Galicia, 2/1/2012.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar


 
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.