Ribeira Sacra

zona das ribeiras do río Sil e do Miño

A Ribeira Sacra é unha paraxe natural galega que comprende as ribeiras dos ríos Sil, Cabe e Miño. Sitúase na zona sur da provincia de Lugo e a zona norte da de Ourense. A súa capital acordouse que fose a vila lucense de Monforte de Lemos.

O río Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra.

O 5 de abril de 2019, o Consello de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura aprobou a súa candidatura para formar parte da lista de Patrimonio da Humanidade da UNESCO. A decisión tomarase no 45º Comité de Patrimonio Mundial, no verán de 2021.[1][2]

Orixe do nomeEditar

 
O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, no concello de Parada de Sil. É un dos numerosos exemplos de edificacións relixiosas de arquitectura románica. Estes monumentos, documentados dende o ano 876 nesta rexión natural, levaron a crer que esa era a orixe da denominación medieval da "Ribeira Sacra".[3]

O primeiro testemuño escrito que se conserva do topónimo é o documento fundacional do Mosteiro de Santa María de Montederramo, outorgado en Allariz o 21 de agosto de 1124 por dona Tareixa de Portugal. A nomenclatura popularizouse a partir da publicación, tradución e comentario dese documento polo historiador Antonio de Yepes. Este sinalou que nel facíase referencia á zona coma "Rivoira Sacra", traducido coma "Ribeira Sacra", en referencia á gran cantidade de mosteiros existentes na zona.

O historiador Manuel Vidán Torreira cuestionou esta tradución en 1987, coa publicación dunha serie de artigos en La Voz de Galicia e un traballo titulado "El roble sagrado de la Rivoira Sacrata". Vidán deriva "riboira/reboira/reboiro", e conclúe que Rivoira respondería denantes ao étimo latino robur, -oris (carballo) que a riparia.[4] Esta tese adquiriu máis relevancia grazas ao tamén historiador Torquato de Sousa Soares, quen, sometendo a estudo crítico o documento fundacional e publicándoo en facsímile, atopa un erro na transcrición de Antonio de Yepes. Sinala, así, que no documento pódese ler claramente Rovoyra e non Riboira; o que o aparta de "ribeira" e podería ter o significado de carballeira, do latín Rubus.

Isto enlaza coa obra de James Frazer The Golden Bough, que recolle as tradicións celtas en torno ao carballo. Esta árbore era considerada como sagrada e gardiá do espírito da tribo, polo que as fragas de carballos constituían lugares de veneración. Vidán tamén se refire ao topónimo de Montederramo como probábel alusión ao visgo recollido polos druídas. Deste xeito, reforza a visión da orixe deste topónimo como "Carballeira Sagrada" antes que como "Ribeira Sacra", xa establecida popular e turisticamente.

CaracterísticasEditar

Actualmente pódense visitar 18 mosteiros, entre eles:

 
Canóns do Sil na Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra é especialmente coñecida polos seus tesouros naturais e biolóxicos, o que a converte nun ecosistema de gran variedade e riqueza. Son salientábeis os Canóns do Sil, un val en que o río discorre encaixonado a través destes. Os canóns dispoñen de miradoiros nas dúas ribeiras do río, así como dun catamarán aberto ao público que transita os canóns dun lado ao outro.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi outorgada pola calidade dos seus viños. Coñécense popularmente na zona co nome xenérico de Mencía por seren elaborados principalmente con esta variedade de uva, aínda que tamén se usa a uva Godello. As viñas, que se poden contemplar seguindo o curso do río, están dispostas nun sistema de chanzos de pedra chamados socalcos, ao longo da ribeira, e datan da época romana.

Nesa época histórica xa había grande aprecio por estes caldos, afroitados e de gran presenza, ideais para tomar con carnes. Segundo unha lenda, unha das variantes deste viño, procedente da área de Amandi, facíaselle chegar ao César desde a Gallaecia romanizada. Posteriormente, algúns documentos históricos acreditan que este mesmo viño elaborouse durante séculos de maneira exclusiva para o Papa.

Extensión xeográficaEditar

A Ribeira Sacra abrangue os seguintes concellos:

En Lugo:


En Ourense:

NotasEditar

  1. "O Ministerio de Cultura aproba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade". Sermos Galiza. 5 de abril de 2019. 
  2. "La Ribeira Sacra ya es candidata a patrimonio de la humanidad". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de abril de 2019. 
  3. "Historia do Mosteiro de Santa Cristina". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2007. 
  4. López Fernández, X.. "Do nome da Ribeira Sacra". Xornal da USC. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar