Taboada

concello da comarca de Chantada, na provincia de Lugo

Coordenadas: 42°42′58.49″N 7°45′46.34″O / 42.7162472, -7.7628722

Taboada é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. No 2019 contaba con 2.756 habitantes.

Taboada
Escudo de Taboada
Casa do Concello.
Pazo de San Pedro. Igrexa de Santa María de Taboada dos Freires.
Casa do Concello, Pazo de San Pedro e igrexa de Taboada dos Freires
Situacion Taboada.PNG
Situación
Xentilicio[1]taboadés
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca de Chantada
Poboación2.756 hab. (2019)[2][3]
Área146,7 km²[3]
Densidade18,79 hab./km²
Entidades de poboación27 parroquias[4]
Capital do concelloTaboada
Política (2019[5])
AlcaldeRamiro Moure Ansoar (PPdeG [6])
Concelleiros
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 5
Eleccións municipais en Taboada
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes84,22%
Na rede
www.concellodetaboada.es
editar datos en Wikidata ]

É unha porta natural á Ribeira Sacra: atópase no norte da comarca de Chantada, ao pé da serra do Faro e na beira occidental do encoro de Belesar sobre o río Miño.

XeografíaEditar

O concello de Taboada atópase no norte da comarca de Chantada, no suroeste da provincia de Lugo. Cunha extensión de 146,7 km², conta con máis de 200 núcleos de poboación repartidos entre 27 parroquias. Limita ao norte con Portomarín, ao noroeste con Monterroso e Antas de Ulla, ao oeste con Rodeiro, ao sur con Chantada, e ao leste co Saviñao e Paradela. A vila de Taboada, capital municipal, atópase nunha planicie no centro xeográfico do concello.

 
Parroquias de Taboada

O termo municipal esténdese dende a serra do Faro ata as beiras do río Miño. O punto máis alto é a cima do San Cristovo (818 m), preto de Monterroso, aínda que as parroquias máis occidentais, próximas á serra, acadan alturas de máis de 700 metros.

O río Toldao (que toma distintos nomes ao longo do seu percorrido) atravesa o concello de oeste a leste e o río Enviande marca o límite co concello de Chantada polo sur.

Predominan os bosques autóctonos de carballos e castiñeiros, así como zonas de labradío e de cultivo da vide nas ribeiras. Hai algunhas zonas onde medran piñeiros e, en menor medida, tamén se cultiva o eucalipto. O concello pode adscribirse paisaxisticamente á da planicie luguesa, agás as zonas da ribeira miñota.

DemografíaEditar

Segundo o padrón municipal, en 2017 tiña 2.862 habitantes. O seu xentilicio é «taboadés».

Censo total 2017 2.862 habitantes
Menores de 15 anos 180 (6.29 %)
Entre 15 e 64 anos 1.514 (52.9 %)
Maiores de 65 anos 1.168 (40.81 %)

HistoriaEditar

Época prerromana e romana

Dos tempos anteriores á romanización consérvanse vestixios en Fradé, Arxiz e Insua.[8][9][10] O vestixio castrexo máis importante é o Guerreiro de Ralle, do que se conserva só a cabeza, sendo a peza de maior tamaño do ámbito castrexo galaico que, estando enteira, podería acadar os catro metros de altura[11]. Está conservada na casa da aldea que lle dá nome na parroquia de Vilela. Na Casa da Torre de Moreda existen restos de tumbas antropomórficas que suxiren unha grande antigüidade na poboación do lugar.

A cultura castrexa poboaba algúns centros importantes como os dos castros de Castelo, Moreda ou da Moa de Nóvoa, así como outros xacementos menores e menos evidentes como os de San Lourenzo, Carboeiro ou Fontefría.[12] No castro de Castelo segue a celebrarse anualmente a Queima das Fachas, de posíbel orixe castrexa, relacionada con outras celebracións como o Folión de Fachas de Vilelos (O Saviñao) ou a Festa dos Fachós de Castro Caldelas.

Durante a época romana as terras do actual concello estaban atravesadas de norte a sur pola Vía Lucus Augusti-Aquis Querquennis, unha variante da Vía XVIII ou Vía Nova que unía Braga con Lugo. Esta vía atravesaba as parroquias de Sobrecedo, Vilela, Campo, Moreda, Carballo, Vilameñe e Meixonfrío. Boa parte do seu trazado seguiu sendo utilizado até a época moderna como camiño real e inclusive algúns tramos coinciden coas estradas actuais.[13] Deste período histórico consérvanse algúns miliarios nos lugares de Sisto (Vilela; con até catro) e a Puricela (Carballo).

Período medieval

Consérvanse algúns vestixios altomedievais no lugar de Arxiz, onde debeu haber algún mosteiro ou fortaleza, aínda que de dimensións reducidas. Tamén dos primeiros séculos medievais se conservan algúns vestixios arqueolóxicos, en concreto, tumbas antropomórficas nos lugares de Moreda (nos baixos da Casa da Torre) e en Castelo: neste caso, hai unha tumba antropomórfica escavada na rocha que, segundo Jaime Delgado, debeu ser o asentamento primitivo dos cristiáns que logo formarían as parroquias de Santa María de Castelo e San Xulián de Campo (pois atópase case á metade do camiño entre ambas). No lugar de San Xulián de Campo tamén había algunhas tumbas, pero foron soterradas na construción dunha estrada.

Na época medieval formáronse algúns centros de poder, por exemplo arredor da Casa da Torre de Moreda (que tería sempre xurisdición propia) ou o Pazo de Vilar (Esperante). Xa na Baixa Idade Media, fóronse formando varios mosteiros: a finais do século XII, a Orde Templaria ergueu o de Taboada dos Freires; tamén se fundou un mosteiro dúplice en Piñeira, un masculino, en honor a Santa María, e un feminino, en honor a San Salvador; até en zonas máis remotas, próximas á ribeira, como Xián, houbo actividade deste tipo. Por outro lado, a grande riqueza da arte románica dalgunhas igrexas do concello denotan un dinamismo económico moi importante.

Idade Moderna e Antigo Réxime

Durante todo o Antigo Réxime, o actual concello de Taboada estaba dividido en varias xurisdicións, que responden a centros de poder diferentes. Por un lado, toda a parte oriental do concello contaba con unha xurisdición propia, co seu centro aproximado no pazo de Vilar (chegando a conformar un concello propio durante algún tempo en época contemporánea). Outras parroquias pertencían a outras xurisdicións: Monterroso, Amarante, Quinzán e Portomarín.[14]

Porén, foi unha destas xurisdicións a que gañou maior relevo histórico e que acabou organizando á súa volta o actual concello: a xurisdición de Taboada. Esta xursidición ten a súa orixe nunha familia aristocrática procedente cuxo solar orixinal estaría no Castro Candaz (unha rama sairía para a actual Taboada e outra para Camba, Rodeiro). A comezos do século XIV, Ares Pérez de Taboada adquiriría xunto coa súa muller unha casa fortaleza na aldea de San Pedro, en Bembibre, da que faría o seu solar e arredor da cal iría conformando a súa xurisdición. Sabemos que o lugar de San Tomé do Carballo (antigamente, as aldeas de Pacios e Riazón, hoxe Taboada) funcionaba dalgún modo como capital da xurisdición, contando con feira (desde a época de Sancho IV) e xuíz.

En 1415, deu inicio a construción do actual Pazo de San Pedro, con algúns elementos renacentistas. Esta familia iría incrementando o se poder progresivamente, ocupando algúns dos postos máis importantes de todo o reino de Galiza ao servizo de Castela. A finais do século XVII, don Xoán Taboada conseguiu formalmente o condado, que sería asumido pola súa filla María Teresa, quen casaría co conde de Maceda. A partir de entón, os representantes desta liñaxe conservarían o título, ben que non sempre fose transmitido de forma directa (na primeira metade do XVIII a sucesión tivo que remontarse varias xeracións atrás), pero a súa vinculación real co territorio de Taboada foi sendo cada vez menor.

Époce contemporánea

Xa no período liberal, en 1835 organizáronse os concellos de Taboada (antiga xurisdición) e de Vilar, aínda que algunhas parroquias pertencían a Monterroso, Amarante e Portomarín. En 1840 constituiuse o actual concello tendo como primeiro alcalde a Xosé María López de Prado. Desde entón, as únicas modificacións territoriais producidas foron a incorporación até 1845 das hoxe chantadinas parroquias de Adá e Arcos.[15] O nome de Taboada foille atribuído pola xurisdición maioritaria do Antigo Réxime, administrada polos Condes de Taboada, así como a súa capital, pois até mediados do século XX só aparecía rexistrada como "Carballo", "Santo Tomé" ou "Santo Tomé do Carballo".[16]

Inicialmente, Taboada pertencía ao partido xudicial de Chantada, pero cando en 1822 Chantada pasa á provincia de Ourense, Taboada convértese na capital do partido homónimo, abranguendo parte do anterior de Chantada, e mantívose así até 1844. Contou con xulgado comarcal (incluíndo os concellos de Taboada e Portomarín) até 1953.[15].

A mediados do século XIX construíuse a estrada N-540, arredor da cal foi crecendo a vila de San Tomé do Carballo, a cal experimentaría un importante crecemento económico e demográfico.

CulturaEditar

Toponimia e símbolosEditar

Etimoloxicamente, o topónimo procede probablemente do adxectivo latino tabulatus, -a, -um, "chán", que podería ser asignado á terra, -ae, "terra" (por iso derivaría da forma feminina).[Cómpre referencia]

Porén, a explicación histórica máis consolidada é a de que procede do nome dun propietario, Arias Petri de Tabulata, establecido nas terras da actual parroquia de Taboada dos Freires (de onde derivaría igualmente o topónimo). Isto indicaría que o seu soar orixinal estaría na parroquia de Ponte Taboada, en Silleda. Este Tabulata consolidaríase como patronímico nas terras do municipio. A partir de inicios do século XV, os señores e despois condes de Taboada (co soar en San Pedro de Bembibre), reunirían as parroquias da súa xurisdición baixo o nome de Taboada, que lle daría nome ao seu título nobiliario.[17] Hai que dicir, xa que logo, que Taboada é unha invención de época contemporánea para se referir a un conxunto de terras que no Antigo Réxime pertencían a xurisdicións diferentes. Igualmente, o nome da vila de Taboada comezou a utilizarse a partir de época contemporánea, a raíz do crecemento desta localidade como capitalidade municipal, a partir de varias aldeas (Riazón, Pacios, San Tomé, etc.).

Patrimonio histórico e artísticoEditar

  • Arquitectura relixiosa
 
Igrexa de San Pedro de Bembibre

Taboada é unha zona rica en arquitectura románica. Hai un total de sete igrexas deste estilo, construídas entre os séculos XII e XIII.

A Igrexa de San Pedro de Bembibre atópase a un quilómetro do pazo-fortaleza dos condes de Taboada. De planta rectangular e con ábsida semicircular, ten un interesante retablo, conserva o púlpito no muro norte, frescos en bo estado e o sartego do primeiro conde de Taboada, Xoán Taboada de Ribadeneira e Figueroa. Foi declarada Ben de Interese Cultural.

A Igrexa de Santa María de Taboada dos Freires é unha das poucas igrexas de orixe templaria do país. Construída no 1191, é obra do Mestre Pelaxio, como figura no tímpano, onde está representando a Sansón degolando un león. Debeu ser parte dun mosteiro hoxe desaparecido. En febreiro de 2018, a casa reitoral, en fronte á igrexa e do século XVII, veuse abaixo após décadas de abandono.

A Igrexa de Santa María de Piñeira é o templo románico de maior tamaño do concello e estivo ligado á actividade monacal (tendo constancia da presenza de polo menos dous mosteiros na parroquia). Conserva intacta a súa planta primitiva, agás a portada, que é moderna,e ten unha ábsida de considerable tamaño.

Outras igrexas románicas de interese son as de Santa María de Castelo, San Xián de Campo, Santa Mariña de Cerdeda e San Xoán de Bouzoa.

Á parte das grandes construcións, hai en Taboada unha gran cantidade de capelas, cruceiros e petos de ánimas esparexidos polo municipio.

  • Arquitectura civil

Esta é unha zona de gran concentración de construcións señoriais entre as que cómpre destacar:

A Casa da Torre de Moreda, con planta orixinaria propia dunha torre (o que dá conta da súa antigüidade) e moi modificada ao longo da Historia. No seu interior atopáronse restos de tumbas antropomórficas que nos levan a pensar que este foi un dos primeiros asentamentos humanos da contorna.

O pazo-fortaleza de San Pedro de Bembibre ou dos Condes de Taboada, construído en 1413 e residencia dos condes de Taboada dende entón. Ten unha planta en U e o aspecto dunha fortaleza: torre ameada e aspecto austero e robusto.

O pazo de Relás está na aldea homónima, na parroquia de Santo Tomé do Carballo. A súa propiedade estivo ligada á familia dos condes de Taboada e ten, como o anterior, un aspecto austero e robusto.

O pazo de Vilar, na parroquia de Esperante, hoxe en ruínas,ten un gran tamaño e foi cabeza do arciprestado de Vilar e da xurisdición do sur do concello durante o Antigo Réxime.

O pazo de Perrelos, no lugar homónimo da parroquia de Castelo, data do século XVII e é un grande exemplo do barroco civil galego.

Ademais destes, existe o Pazo de Nogueira e múltiples casas grandes, como as da Amieira e Mosteiro (en Xián), a de Covas (en Castelo), a de Buín (en Campo), a do Neto ou do Carreira (en Sobrecedo), a de Vidás (en Cicillón), a de Sonán ou a da Cruz (que funciona como Casa da Cultura na vila de Taboada).

Festas e celebraciónsEditar

  • Festa do Caldo de Ósos

O caldo de ósos é un prato propio de Taboada que goza de certa fama a nivel galego[18]. É un caldo feito co espiñazo do porco (os "ósos" que lle dan nome), garavanzos, pataca, miolos, un sofrito de aceite, allo e pimentón doce e pemento picante ao gusto. Dende os anos 90 vénse celebrando a Festa do Caldo de Ósos, tódolos fins de semana de Entroido, na que se promociona a degustación deste prato e doutros produtos tradicionais: augardentes, licores, queixo, mel, carnes e artesanía. Ademais, tamén hai actividades culturais: concurso de cantos de taberna, concertos de rock e de música tradicional e baile.

  • Queima das Fachas

O Folión de Castelo, chamado nos últimos anos Queima das Fachas, que se celebra tódolos días 7 de setembro, no Castro de Castelo, consiste na queima duns fachos de gran tamaño ou fachas, dispostos de forma circular, conmemorando unha antiga tradición. Esta podería ter diversos orixes: como forma de comunicación, coa función de ver pola noite ou constituír un ritual máxico. Está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e é promovida pola Asociación Cultural "As Fachas"[19].

Esta celebración abre as festas parroquiais de Castelo, adicadas a Santa María.

  • Festas dos Milagres

As festas patronais da vila de Taboada, adicadas á Virxe dos Miragres, teñen lugar o segundo fin de semana de agosto e son as de maior afluencia do concello. O último día das festas celébrase a "Festa do Óso", recuperada no 2013 logo de décadas de abandono e que consiste en comer as sobras da comida preto da chousa de San Pedro (no lugar do San Roque, na parroquia de Bembibre).

Tecido deportivo e asociativoEditar

Do punto de vista deportivo, o concello de Taboada conta con dous equipos de fútbol: o Taboada Club de Fútbol, fundado en 1973, e o Clube Atlético de Taboada ("Relámpago de Taboada"), creado en 2016.

En canto ao tecido asociativo, Taboada conta coa Asociación Cultural e Deportiva O Carballo, fundada en 1985. Tamén hai dúas asociacións que promoven a música e o baile tradicionais, Os D'eiquí (2009) e Os Rechouchíos (2015). A Asociación Cultural O Marrao Enxebre organiza eventos festivos e musicais desde 2014. Conta tamén con Coral Polifónica e Banda de Música Municipal (refundada en 2019 tras varios anos sen actividade).

SímbolosEditar

 
Entrada no concello de Taboada desde Antas de Ulla pola estrada LU-P-1809.

O escudo de Taboada está baseado no da casa dos Condes de Taboada: catro táboas de ouro sobre fondo de goles e oito potes que, segundo a tradición, empregou Lope de Taboada para atravesar o río Miño durante unha campaña militar; unha coroa condal; e o engadido dunhas follas de carballo, en alusión ao peso desta árbore na vida económica do municipio ao longo da historia, máis en concreto ao centenario Carballo de Ramos, na vila de Taboada.[20]

Este escudo ten algunhas diferenzas co escudo condal dos Taboada, inclúe oito potes en vez de nove e ten o engadido das follas de carballo.[20]

EconomíaEditar

O sector primario ocupa un lugar principal na economía do concello. Practicamente a totalidade da súa superficie está destinada á súa explotación e o sector secundario está directamente vinculado co primario. Tamén o sector dos servizos está condicionado en boa medida polas actividades agrarias.

A gandaría ocupa o primeiro lugar nas actividades económicas deste concello, situada na meseta ou superficie de aplanamento interior, con modernas explotacións dotadas das últimas tecnoloxías, que lle permiten unha produción de grande calidade e cantidade. Conta, igualmente con industrias lácteas —queixo da denominación Arzúa-Ulloa— distribuídas en espazos rurais. A fábrica de pensos da cooperativa Aira ocupa o único soar do parque empresarial.

 
A cooperativa Aira é a única con presenza no polígono.

A agricultura é a outra grande actividade, na que destacan as forraxes, para consumo propio. A viticultura ten tamén un forte peso, levándose a cabo (sen ter en conta desprezables excepcións) nas plataformas en chanzos das ribeiras do encoro de Belesar, no linde oriental do municipio. A variedade de uva máis apreciada é a mencía. As augardentes multivarietais, dentro da denominación de Portomarín, conseguen unha alta calidade.

A explotación da madeira é o outro gran motor económico primario. Sobre todo no nordeste do concello esténdense importantes plantacións de piñeiro e, en menor medida, tamén de eucalipto.

O sector servizos (alimentación, transportes, servizos agrícolas, de ensino, de saúde etc) está concentrado case na súa totalidade na capital municipal.

Boa parte dos pequenos empresarios e comerciantes do concello están organizados na Asociación de Comerciais e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA).

Política e gobernoEditar

Actualmente e desde 2009 o alcalde é Ramiro Moure Ansoar, do PPdG, sempre con maioría absoluta. Desde as eleccións municipais de 2019, o PSdG-PSOE converteuse en segunda forza con 5 concelleiros. O BNG quedou sen representación.[21]

Galería de imaxesEditar

Artigo principal: Galería de imaxes de Taboada.

Parroquias e lugaresEditar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Taboada vexa: Lugares de Taboada.

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Taboada

Ansar (Santo Estevo) | Arxiz (San Paio) | Bembibre (San Pedro) | Bouzoa (San Xoán) | Campo (San Xián) | Carballo (San Tomé) | Castelo (Santa María) | Cerdeda (Santa Mariña) | Cicillón (Santiago) | Couto (San Martiño) | Esperante (Santiago) | Fradé (Santiago) | Gondulfe (San Lourenzo) | Insua (San Salvador) | Mato (San Martiño) | Meixonfrío (Santa Mariña) | Moreda (Santa María) | Mourulle (San Vicente) | Piñeira (Santa María) | San Xián de Insua (San Xián) | Sobrecedo (Santiago) | Taboada dos Freires (Santa María) | A Torre (San Mamede) | Vilameñe (Santa Mariña) | Vilar de Cabalos (Santa Eulalia) | Vilela (San Miguel) | Xián (Santa María)

NotasEditar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2019) "Taboada".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.Este produto emprega a API de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), pero non está certificado ou aprobado polo IGE.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia (Escribir o nome do concello e premer en Buscar)
  5. Goberno de España, Ministerio do Interior (ed.). "Elecciones 2019". resultados.eleccioneslocaleseuropeas19.es. Consultado o 27 de maio de 2019. 
  6. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Taboada". www.fegamp.gal. Consultado o 14 de setembro de 2019. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Concello de Taboada. "Vestixios prerrománicos: Fradé". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015. 
  9. Concello de Taboada. "Vestixios prerrománicos: Arxiz". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015. 
  10. Concello de Taboada. "Vestixios prerroánicos: Insua". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2015. Consultado o 6 de abril de 2015. 
  11. Concello de Taboada - Laureano F. Carballo. "Guerreiro castrexo de Ralle". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 4. 
  12. Gómez Vila,, Javier; Neira González, Mar (2017). A cultura castrexa e galaico-romana no Condado de Pallares. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 58–67. 
  13. Sobrado Vázquez,, Xoán Manuel (2009). O trazado da vía romana Lucus Augusti-Aquis Querquennis na provincia de Lugo. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 58–67. 
  14. Río Barja, F.J. (1990). Cartografía xurisdiccional de Galicia no Século XVIII. Consello da Cultura Galega. 
  15. 15,0 15,1 Fariña Jamardo, X. (1990). Os concellos galegos (Parte Xeral). Fundación Barrié de la Maza. 
  16. Fariña Jamardo, X. (1990). Os concellos galegos (Parte específica). Fundación Barrié de la Maza. 
  17. Delgado Gómez, Jaime (2006). Origen del topónimo y luego apellido "Taboada": el célebre "Arias Petri de Tabulata" y la románica iglesia de Taboada dos Freires. 
  18. Concello de Taboada. "Festa do Caldo de Ósos de Taboada". Consultado o 6 de abril de 2015. 
  19. Asociación Queima das Fachas de Castelo. "Asociación Queima das Fachas de Castelo". Consultado o 6 de abril de 2015. 
  20. 20,0 20,1 Páxina sobre o escudo na web do concello
  21. "La Voz de Galicia. Elecciones Municipales 2019. Taboada". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 2019-05-27. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar