Pazo de San Pedro de Bembibre

pazo fortaleza en Bembibre, Taboada

O pazo de San Pedro de Bembibre é un pazo/fortaleza localizado na aldea de San Pedro, na parroquia de Bembibre (concello de Taboada). Foi o lugar patrucial familiar dos condes de Taboada dende a súa construción no 1530.

Pazo de San Pedro de Bembibre
ConcelloTaboada
ProvinciaLugo
ComunidadeGaliza
Coordenadas42°43′26″N 7°45′33″O / 42.723976196974, -7.7591776971345Coordenadas: 42°43′26″N 7°45′33″O / 42.723976196974, -7.7591776971345
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Algúns trazos renacentistas)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

En 1413, Lope Pérez de Taboada (cuxo lugar patrucial familiar se achaba en Castro Candaz) adquiriu unha propiedade no lugar de Bembibre, onde construíu unha casa-torre. En 1512, o seu bisneto, Lope Taboada "O Fundador" constituíu o morgado, unindo as propiedades que os seus antepasados foran adquirindo e, en 1530, construíu o pazo actual.

A filla de Xoán Taboada (primeiro conde de Taboada) e Aldonza de Castro, dona María Teresa de Taboada Vilamarín e Castro foi nomeada Condesa de Taboada en 1683 e casou en 1687 co conde de Maceda, aínda que ambos condados non se fusionaron, senón que conservaron a súa identidade e administración propias. A pesar de contar con numerosas propiedades por todo o país, o matrimonio estableceu a súa residencia en Madrid.[1] A partir de entón, a liñaxe dos Taboada había manter importantes posicións de poder a nivel galego, e tivo continuidade (ben que en varias ocasións de forma indirecta) até os nosos días.

O seu abandono como residencia permanente deu lugar á súa decadencia, até ser empregado como soar de labranza (rexentado por caseiros) ata finais do século XX. Entre 1984 e 1997, o entón conde Leopoldo González de la Maza someteuno a un importante proceso de restauración. A última condesa e irmá do anterior, Amelia, dooulle o seu patrimonio (incluído o pazo) á creada Fundación Condado de Taboada no 2011.[2]

É de titularidade privada e non é visitábel.

Descrición editar

Trátase dun edificio construído en pedra de cantería nunha planta en U. Na fachada principal, orientada cara ao sur, atópase a entrada principal, composta por un arco de medio punto baixo a heráldica do Condado. Na á oeste está a torre ameada de tres andares. Nas ás oeste e leste hai chemineas ornamentadas.

Esteticamente, trátase dun edificio austero e robusto. Do punto de vista artístico, os poucos elementos ornamentais cos que conta (a varanda da escaleira principal, a decoración dalgunhas xanelas, as molduras da entrada principal, algún arco no interior) fálannos de fórmulas renacentistas. No interior, conta cun pequeno cuarto semi-abovedado, oñecido como "o cárcere", ao que se accede por unhas escaleiras escavadas no propio muro.

A capela, de reducido tamaño, está no interior do pazo e dende o exterior só se recoñece unha pequena cruz, e debeu ser incrustada na nave principal con posterioridade. O pombal está a carón do pazo, foille retirado o seu caleado e ten unha representación antropomórfica. Tamén conta con piscina e, ao noroeste do pazo, hai unhas cortes que hoxe están en desuso.

Ademais, a capela do San Roque, no lugar homónimo, a escasos metros da aldea de San Pedro, tamén pertence ao pazo.

Galería de imaxes editar

Artigo principal: Galería de imaxes do pazo de San Pedro de Bembibre

Notas editar

  1. lavozdegalicia.es (3-1-14). "Un decisorio mecenado (en castelán)". Consultado o 17-7-14. 
  2. elmundo.es (28-3-14). "A última sorpresa da condesa descoñecida millonaria (en castelán)". Consultado o 17-7-14.