Sansón

Sansón foi un persoeiro do Antigo Testamento, de forza extraordinaria, que simboliza a loita dos israelitas contra os filisteos. A lenda de Sansón está recollida no Libro dos Xuíces (13-16). Represéntase con longa cabeleira ou cunha columna crebada.

Estatua de Sansón derrubando as columnas do templo (en Ashdod, Israel).

O seu nome procede do hebreo shamash, sol, co significado de fillo do sol.

Feitos de SansónEditar

A tradición di que a forza de Sansón residía no seu longo cabelo, e nesta característica baséanse os feitos que se contan del, como o de que venceu a todo un exército de filisteos armado só coa queixada dun burro, ou o de que matou un león coas mans, desartellándolle as mandíbulas. Este segundo feito relaciona as figuras de Sansón e de Hércules: tamén este deu morte a un león esganándoo coas mans

O caso foi que Sansón atopou no lugar de Tímnnah unha muller filistea e gustoulle. Convenceu ós país para que arranxasen o casamento, aínda que estes preferían unha muller da aldea e non filistea. Cando foi a Tímnah para coñecer á moza, saiulle ó paso un león e Sansón esgazouno coas mans. Pero a moza traizoouno e el rexeitou casar con ela [1].

Casou con Dalila, tamén de orixe filistea, que lle descobre o segredo da súa forza, o que significou a súa perda: Dalila, aproveitando que durmía, cortoulle o pelo e entregouno ós filisteos. Capturado e vencido o seu principal inimigo, os filisteos celebraron unha festa no templo, con Sansón encadeado ás columnas que o sostiñan. No último momento, Sansón derrubou as columnas e con elas caeu o templo, matando os filisteos todos que nel estaban, o que representou a súa última vitoria e que se lle considere suicida.

Sansón e mailo leónEditar

 
Santiago de Taboada, Silleda.

Na imaxinería relixiosa represéntase nos tres momentos citados: xunto a Dalila, que lle corta o pelo, derrubando as columnas ou loitando co león.

Na escultura románica, a escena de Sansón e o león quedou reflectida nos tímpanos de, polo menos, sete igrexas galegas:

San Martiño de Moldes (Melide). 
San Xoán de Palmou (Lalín). 
Oleiros (Silleda). 
Santa Baia de Beiro (Ourense). 
Taboada dos Freires (Lugo). 
Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas). 

Hai outros autores, como Hipólito de Sá,[4] que discuten a interpretación dalgúns destes tímpanos e ven a imaxe de Santiago Apóstolo a cabalo. De feito, nalgún caso a imaxe do animal lembra máis un cabalo ca un león.

Só un, o de Taboada dos Freires, está datado, nunha inscrición que rodea a imaxe e remata na cara inferior da pedra, na que se especifica o nome do escultor, un tal Pelagius, e a data de 1228 (1190 na nosa cronoloxía). Xosé Ramón Fernández-Oxea, que estudou seis destes sete tímpanos [5], supón que o de Palmou é inmediatamente anterior a 1170, mentres que Yzquierdo Perrín dátao entre 1150 e 1160. O máis moderno de todos eles, o de Beiro, pode datarse ó redor de 1200.

A mesma imaxe aparece profusamente en tímpanos, relevos ou capiteis do resto de España, así como en Francia e Italia.

NotasEditar

  1. "Xuíces, 14, 1-9". .
  2. Hoxe no Museo de Pontevedra.
  3. Actualmente nunha casa particular de Turei, lugar da mesma parroquia.
  4. Rutas del románico en la provincia de Pontevedra, 1978, 617-619; na descrición da igrexa de Santiago de Taboada (Silleda).
  5. Non tiña información do de San Miguel de Oleiros, dado a coñecer en 1971.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Ferro Ruibal, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • Sastre Vázquez, Carlos: "Os sete tímpanos galegos coa loita de Sansón e o león. A propósito da posible recuperación dunha peza do noso patrimonio", en Anuario Brigantino nº 26, 2003, 321-338.

Ligazóns externasEditar