Serra de San Mamede

sistema montañoso galego

A serra de San Mamede forma xunto coa serra da Queixa, a serra do Fial das Corzas e os montes do Invernadeiro o espazo natural máis completo da alta montaña galega, o gran macizo ourensán. Pertence aos concellos de Montederramo (ao norte e leste), Maceda (ao oeste) e Vilar de Barrio (ao sur). O punto máis alto é a chamada Fonte do Santo, a 1614 metros de altitude, onde se atopa unha capela na honra do santo que dá nome á serra e onde se celebra unha romaría na segunda semana do mes de agosto.

Serra de Mamede.
Vaca preto da Fonte do Santo, o punto máis alto da serra de San Mamede.

Características editar

Vexetación editar

Na cara leste a vexetación é propia dun clima continental de alta montaña, a chamada rexión eurosiberiana galega. Atopamos no noso camiño vexetación de monte baixo, queirugas, cerquiños, uces brancas, arandos, cancireixos e máis bosques de coníferas resultado da repoboación forestal. Por outra banda, dirixindo a nosa mirada cara ao oeste, baixando pois ao val de Maceda, aparecen carballos, castiñeiros e bidueiros.

Espazo natural editar

Trátase dunha área con parte súa protexida dentro da zona especial de conservación (ZEC) Bidueiral de Montederramo da Rede Natura 2000.[1][2] Estivo en proceso cualificación como parque natural[Cómpre referencia]. Ata o ano 2004 mantívose unha reserva de cervos e corzos nun cercado da parte oeste que hoxe existe e non está a ser empregada. Preto deste cercado se atopa o centro de educación ambiental As Corcerizas.

A paraxe da cara oeste da serra é coñecida como O Coudillo, apelido da familia dona do lugar até a década de 1950. Por entón o Estado adquiriu os terreos co propósito de construír unha residencia de verán para Francisco Franco. Co proxecto cancelado déuselle á zona un uso forestal, como casa do garda forestal. Na década de 1980 comezou a sufrir un abandono paulatino, que concluíu en 2003 co abandono total das instalacións.

 
Serra de San Mamede.

Fauna e outros editar

A serra de San Mamede está repartida entre as moitas parroquias de cada un dos catro concellos que a forman. Así, as aldeas presentes na serra empregan os seus montes comunais repartidos por todo o territorio como lugar de pasto para o gando, maioritariamente vacún, e como zonas produtoras de madeira.

Repartidos por toda a serra, aínda que soamente son doados de divisar no inverno, pódense atopar corzos, cervos, xabaríns e lobos, ademais de coellos e lebres, claros indicadores das rexións da Galiza interior. Tamén hai ampla variedade de aves, réptiles e anfibios. En canto as aves, cómpre destacar a existencia de máis de cen especies, entre as que temos a charrela (perdix perdix), somormullos, martiño peixeiro, lavandeiras e un bo número de aguias e falcóns.

Notas editar

  1. Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Bidueiral de Montederramo Código do ZEC ES1130003.". Consultado o 24/8/2019. 
  2. "ES1130003 Bidueiral de Montederramo". Arquivado dende o orixinal o 25/09/2020. Consultado o 24/8/2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar