Para a moeda romana con valor dun terzo de ás, ver Triens.

O tremissis ou tremis (do grego: τριμίσιον, trimision), tamén denominado triente (do latín: triens, -entis), foi unha pequena moeda de ouro de diversos pobos da Antigüidade Tardía, cun valor equivalente á terceira parte dun sólido do Imperio Romano e de Bizancio.[1][2]

Tremissis bizantino de Constantinopla, do segundo reinado de Zenón.

Historia

editar
 
Tremissis merovinxio con cruz cristiá, cuñado nos Países Baixos, da década de 600.

Nos imperios Romano e Bizantino

editar

O tremissis foi introducido como moeda romana na década de 380 polo emperador Teodosio I, cunha equivalencia de 8 siliquas, o que equivale a uns 1,52 gramos.

Este tremissis romano continuou a ser emitido con regularidade en Bizancio en grandes cantidades, e converteuse na moeda de ouro máis accesible para a poboación. No entanto, despois do reinado de León III (717-741) a súa produción caeu ata se limitar a pequenas tiradas de uso cerimonial. Finalmente, a súa cuñaxe suspendeuse en Constantinopla no período de Miguel I (811-813) e en Siracusa durante o imperio de Basilio I (867-886).[3] Aínda que cunha denominación diferenciada, o aspron (de electro con só un 25 % de ouro), introducido xa no século XII, tiña un valor equivalente ao do antigo tremissis, xa que supuña a terceira parte do hyperpyron.[4]

 
Tremissis longobardo a nome de Cuniperto (688-700)

Uso por outros pobos

editar

Ademais dos pobos romano e bizantino, outros como os anglosaxóns, os burgundios, os francos, os merovinxios, os frisios, os longobardos, os ostrogodos, os suevos e os visigodos cuñaron tamén tremissis entre os séculos V e VIII.[5]

Cuñaxe de tremissis visigodos en Galicia

editar

Durante o período da monarquía de Leovixildo, os visigodos comezaron a cuñar na Gallaecia e no resto das provincias do reino os seus propios tremissis, cunha arte basta, cos bustos dos seus propios reis e con lendas alusivas a eles escritas nun latín xa moi pouco fiel ao padrón clásico.[6]

Os bustos

editar

Os bustos destas pezas teñen uns deseños con escasa pretensión de exactitude e son de carácter máis fantasioso que realista, con trazados moi xeométricos, e aparecen no centro dos seus anversos e dos seus reversos ata que Chindasvinto fixo suprimir o busto do reverso para o substituír por un monograma que, con escasas variacións e alternando coa primitiva forma dos bustos nas dúas faces, se manterá posteriormente durante os sucesivos reinados.

 
Busto do rei Vitiza no anverso dun tremissis ou triente de finais do século VIII, cuñado no obradoiro monetario de Bracara Augusta, na Gallaecia

As lendas

editar

Canto ás lendas, comunmente seguían unha estrutura moi semellante: nos anversos o nome do monarca e a palabra REX –na súa forma plena ou con diversas formas apocopadas (RE, R, RX)–, e nos reversos o topónimo do obradoiro monetario de cuñaxe, xunto cos epítetos PIVS e IVSTVS referidos aos monarcas. Recaredo introduciu ademais o epíteto VICTOR, o que deixa constancia dos seus triunfos militares.

Os obradoiros monetarios

editar

Hoxe coñécese arredor dunha decena de cecas ou obradoiros monetarios visigodos que funcionaran na Gallaecia, aínda que existen outros moitos de localización incerta. Este notable número de obradoiros non está, no entanto, en consonancia coa cantidade de moedas emitidas por eles. Pola contra, a produción das cecas visigodas foi moi escasa e en determinados casos a súa actividade limitouse a períodos moi breves, polo que os exemplares hoxe conservados son moi escasos. Esta escaseza pode explicarse presumiblemente pola utilización do ouro extraído de numerosos depósitos esparexidos por todo o país, aínda que dunha produción moi cativa, polo que, logo de esgotados, serían abandonados e os labores de amoedación dos talleres situados nesas áreas quedarían definitivamente abandonados.[7]

 
Imitación moderna dun tremissis ou triente visigodo do obradoiro monetario de Olovasio durante o reinado de Recaredo I. Anverso: +RECCAREDVS PIV. Reverso: "+OLOVASIO PIVS".
Topónimo visigodo Correspondencia actual[8]
ARROS Arón, Cedeira
AVRENSE Ourense
AVIONO Avión
BERGANCIA Betanzos
CATORA Catoira
FRAVCELLO Localización descoñecida na Gallaecia
GEORRES ou GIORRES Valdeorras
INCEIO O Incio
IRIA Santiago de Compostela
LVCV Lugo
PINCIA Pinza
TORNIO Torroña
TVDE Tui
LAVRVCLO Probablemente Larouco
OLOVASO Probablemente Olives
ALIOBRIO Localización descoñecida na Gallaecia
CALABACIA Localización descoñecida na Gallaecia
CELO Localización descoñecida na Gallaecia
LAURE Localización descoñecida na Gallaecia
MANDOLAS Localización descoñecida na Gallaecia
TORNIO Localización descoñecida na Gallaecia
VALLEGIA Localización descoñecida na Gallaecia
  1. "Tremissis". En Forum Ancient Coins (en inglés)
  2. Pita Fernández, Ricardo Luís. (1999). "Glosario de Unidades monetarias: Triente". Páxina 203.
  3. Kazhdan, A. (1991): Páxina 2113.
  4. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Aspron trachy".
  5. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Tremís".
  6. "La moneda suevo-visigoda en Galicia Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". Asociación Numismática Val de Ariz. Setembro de 2010.
  7. Pita Fernández, Ricardo Luís. (1999). "Numismática galego-xermana", páxinas 20-24. "Cecas galegas da época xermana", páxinas 47-60.
  8. Mateu y Llopis, F. (1942).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar