Man vermella do Ulster

A man vermella do Ulster ou man roxa do Ulster[1][2] (en inglés: Red Hand of Ulster; en irlandés: Lámh Dhearg Uladh) é un símbolo usado na heráldica[3] para designar a provincia irlandesa do Ulster, aínda que historicamente a man foi usada por moitos clans de toda a illa de Irlanda, incluíndo as familias gobernantes de Connacht, e os xefes das Midlands.[4]

Man vermella dexter (dereita)
Man vermella sinister (esquerda, sinistra)

É unha man aberta de cor vermella, cos dedos cara arriba, o polgar paralelo aos dedos e a palma cara adiante. Maiormente móstrase como man dereita, pero ás veces é unha esquerda, como nos escudos dos baronetes.

Antecedentes históricosEditar

 
Selo de man vermella orixinal de Ó Néill

Ten raíces na cultura gaélica e, aínda que se descoñece a súa orixe e significado, crese que se remonta a tempos pagáns. Algunhas das primeiras pinturas rupestres son mans roxas, tanto en positivo coma en negativo, na Península Ibérica, Europa central etc.[5]

A man vermella está documentada por primeira vez no Ulster no s. XIII, utilizada polos earls (condes hiberno-normandos). Walter de Burgh, primeiro conde do Ulster desde 1243, foi quen combinou a cruz de Burgh coa man roxa para crear unha bandeira do condado do Ulster, que máis tarde se converteu na bandeira moderna. Despois foi adoptada polos O'Neill (Uí Néill) cando asumiron o reinado do Ulster (Ulaid), inventando o título Rex Ultonie en 1317 e reclamándoo sen oposición desde 1345 en diante.[6] Un uso heráldico irlandés precoz en Irlanda da man dereita pódese ver no selo de Aodh Reamhar Ó Néill, rei do Ulster, 13441364.[7]

A primeira liña do Lámh dhearg Éireann í Eachach, poema de Mael Ó hÚigínn do s. XV, di Lamh dhearg Éiriond Ibh Eathoch ("Os Úí Eachach son a 'man vermella' de Irlanda"). Os Uí Eachach eran unha das tribos Cruthin (coñecidas como Dál nAraidi após 773) que formaban o antigo reino de Ulaid.

Crese que a man roxa foi usada polos O'Neill contra o dominio inglés en Irlanda na Guerra dos Nove Anos (1594–1603), que remataría coa paz de Londres e a Fuga dos Condes. O grito de guerra lámh dearg Éireann abú ! ("a Man Vermella de Irlanda á vitoria") tamén estaba asociada con eles. Un escritor inglés da época sinalou:

A antiga man vermella do Ulster, a sanguenta Man vermella, un coñecemento terrible! E en alusión a ese terrible coñecemento: o berro de batalla de Lamh dearg abu![6]

A Orde dos Baronetes foi instituída por cartas patentes de maio de 1612, que establecen que "os baronetes e os seus descendentes levarán e poderán levar, ben nun cantón, ben nun escudo, á súa elección, as armas do Ulster, é dicir, nun campo de prata, unha man de goles ou ensanguentada". Os baronetes máis antigos usaban unha man dereita igual que os O'Neill; con todo, máis tarde converteuse nunha man sinistra (esquerda).

Disputa sobre a propiedadeEditar

Os dereitos exclusivos sobre o uso do símbolo foron motivo de debate durante séculos, se pertenceu aos O'Neill ou aos Magenises (Méig Aonghasa, McGuinnes). Os O'Neill convertéronse na principal dinastía dos Cenél nEógain do norte de Uí Néill e máis tarde en reis do Ulster, mentres que os Magennises foron a dinastía gobernante dos Uí Eachach Cobo, a principal dinastía dos Cruthin de Ulaid, e do Clanna Rudraige. Un poema do s. XVI sinalaba un desacordo entre o Síol Rúraí (alias de Clanna Rudraige) e o Uí Néill do norte.

Unha disputa, datada en 1689, sobre cuxa pretensión á Man Vermella era a máis lexítima, xurdiu entre varios poetas:

  • Diarmaid Mac an Bhaird, un dos últimos bardos irlandeses plenamente adestrados, amonesta a reclamación dos O'Neill, dicindo que pertence xustamente aos Magennis e que se lles debía permitir mantelo. Apoia a afirmación en textos medievais atribídos a Conall Cernach, o lendario antepasado do Uí Eachach Cobo.
  • Eoghan Ó Donghaile refuta a Clanna Róigh (Clanna Rudraige) o dereito ao símbolo. Cita unha historia baseada no Lebor Gabála que afirma que pertence aos descendentes de Érimón, de quen se di que descende Conn o das Cen Batallas e, polo tanto, O'Neill.
  • Niall Mac Muireadhaigh rexeita ambas as afirmacións e di que pertence ao Clann Domhnaill (descendente dos Tres Collas, os lendarios antepasados dos Airgíalla). Mac Muireadhaigh burla de Ó Donnghaile, di que é un parvo e considera deplorable que sexa un autor.

Mac an Bhaird e Ó Donnghaile fixeron outras cuartetas na disputa: o primeiro ridiculiza a Ó Donnghaile por non proceder de familia de bardos e di que é de rango sen honra, ademais de insinuar o vínculo xenealóxico da súa familia cos O'Neill.

Escribindo en 1908, o entón xefe do clan O'Neill di da man vermella:

A historia ensínanos que xa en tempos pagáns foi adoptada polos O'Neill dos Macgennis, que eran príncipes na rexión do norte de Irlanda habitada por eles.

Posibles orixesEditar

Os mesmos implicados na disputa dos bardos de 1689 afirmaron que o símbolo procedía dun antepasado lendario que puxo a súa man con sangue nunha faixa ou lenzo após da vitoria na batalla:

  • Diarmaid Mac an Bhaird afirmou que Conall Cernach (mítico heroe Ulaid do Ciclo do Ulster) puxo a súa man ensanguentada nun lenzo mentres vingaba a morte de Cú Chulainn (outro heroe de Ulaid), e que pertenceu aos seus descendentes desde entón. Isto di estar avalado por textos medievais como Scéla Mucce Meie Da Thó ("O conto do porco de Mac Da Thó"), o Leabhar Ultach (tamén coñecido como Senchas Ulad e Senchas Síl Ír ), e o poema de Ó hÚigínn que comeza Lámh Éireann í Eachach.
  • Eoghan Ó Donnghaile, baseando o conto no Lebor Gabála Érenn, afirmou que despois de que os milesios derrotasen aos Tuatha Dé Danann, concedéronselle tres obxectos preciosos, entre eles unha faixa coa man vermella. Este estandarte acabou en mans dos descendentes de Érimón, fillo de Míl, de quen se di que descende Conn o das Cen Batallas e, polo tanto, O'Neill. Os textos superviventes do Lebor Gabala mencionan catro tesouros pero non unha faixa.
  • Niall Mac Muireadhaigh afirmou que cando os Tres Collas derrotaron aos Ulaid, un deles colocou a súa man ensanguentada nunha faixa que lles quitaron. Logo, afirma que o clan Domhnaill usou o símbolo no seu tempo e acepta o poema Lámh Éireann í Eachach. Porén, segundo o historiador Gordon Ó Riain, Mac Muireadhaigh confundiu o í Eachach, elemento para significar os descendentes de Echu Doimlén, pai dos Colla, cando en realidade é en referencia a Echu Coba, antepasado lendario dos Magennis.

O historiador Francis J. Bigger sinala o uso da man dereita polos O'Neill ao redor de 1335, e conxectura que puido ser para eles un símbolo que significaba a axuda e a forza divinas, mentres que tamén suxire que os antigos fenicios puideron levar o símbolo a Irlanda.

Noutra lenda que se estendeu, o primeiro home que puxese a man sobre a provincia de Ulster tería reclamación.[8] Como resultado, os guerreiros correron cara a terra coa man cortada dun deles e lanzábana aos seus compañeiros, gañando así a terra.[8] Nalgunhas versións do conto, a persoa que corta a man pertence aos O'Neill. Noutras versións, a persoa é o mítico Érimón.[9]

"Red Hand" como nomeEditar

Os O'Neill crían na Idade Media que un rei mesiánico chamado Aodh Eangach viría para dirixilos e expulsar os ingleses de Irlanda. Nunha edición de 1901 da All Ireland Review, un escritor chamado "MM" suxire que a man roxa leva o nome do fundador do clan Rudraige, Rudraige mac Sithrigi, e que o nome Rudraige pode significar pulso vermello. Noutra edición un tal "YM" suxire o mesmo, argumentando que o nome de Rudraige significa brazo vermello. Tamén suxiren que o Cróeb Ruad (ramo roxo) do antigo Ulaid pode vir de crob e ruadh (man vermella). Na literatura irlandesa medieval, varios reis (reais e lendarios) recibiron o nome de "man vermella" (lamderg, derg lamh, lámhdhearg ou crobhdhearg) para significar que eran grandes guerreiros.[10]

  • O deus Nuada Airgetlám (Nuada da man prateada) tamén era coñecido como Nuada Derg Lamh, o roxo. Aparece no Libro de Lecan como antepasado dos Eóganachta e Dál gCais de Munster.
  • Lugaid Lámderg aparece no Libro de Leinster e no descenso do Dál gCais.[11] O epíteto que significa "man vermella", foi transferido a Lugaid Meann ao comezo do período histórico irlandés.
  • Labraid Lámderg (Labraid da man vermella) é un personaxe do Ciclo Feniano da mitoloxía irlandesa.[12]
  • Os Anais dos Catro Mestres mencionan a 'Reachta Righdhearg' (Rechtaid Rígderg) como un Gran Rei de Irlanda. Gañou o nome de 'Righdhearg' segundo Geoffrey Keating porque tiña un brazo que excedía a vermello, e figura como bisneto de 'Lughaigdh Lamdhearg' (Lugaid Lámderg).
  • Cathal Crobhdearg Ua Conchobair, tamén coñecido como 'Cathal o O'Conor das mans roxas', foi un rei de Connacht a principios do s. XIII. Hai un poema composto cerca da morte de Cathal (1224), que fai referencia frecuente á súa man vermella.
  • Dermott Lamhdearg é citado por Meredith Hanmer nas súas Crónicas de Irlanda (1633), como un rei de Leinster que loitou a principios do s. V contra un exército en Knocknigen, preto de Dublín.
  • Os Kavanagh de Borris, condado de Carlow, descenden de Dermot Kavanagh Lamhdearg, señor de St Mullin's, o segundo fillo de Gerald Kavanagh (1431). Gerald descendía de Domhnall Caomhánach, fillo de Diarmait Mac Murchada, rei de Leinster.
  • Os Cavenagh de Kildare forman parte da ascendencia protestante son parentes dos Kavanagh de Borris e afirman descender dun Cathair Rua Caomhánach que se dixo que descendía da rama Lámhdhearg (man vermella) do clan Caomhánach.
  • O cuarteto 78 do Carn Fraoich Soitheach na Saorchlann fai mención a "inghean ríogh lámhdhearg Laighean", a 'filla dos reis da man roxa de Leinster'. Este poema, así como o relacionado Osnach Carad i gCluain Fraoch, menciona un Carn Lámha (sepultura da man de Fraoch).
  • Gleoir Lamhderg (Gleoir o Vermello), foi un rei dos Lamraighe e suposto padrastro Fionn mac Cumhaill do Ciclo Feniano. Afirma que os Lamraighe descenden de Lamha, un fillo de Conchobar mac Nessa, lendario rei do Ulster.
  • Owain Lawgoch (en galés medio "o da man roxa") foi un príncipe de Gales. Despois da súa morte contáronse varias lendas, unha delas que medía sete pés (2'13m) e tiña unha man vermella, e que durmía nunha cova "até a hora sinalada; cando esperte será o rei dos británicos".

Símbolos semellantesEditar

A Dextera Dei, ou "Man Dereita de Deus", é un símbolo que aparece en tres cruces altas en Irlanda: a Cruz de Muiredach en Monasterboice; a Cruz do Rei Flann (tamén Cruz das Escrituras) en Clonmacnoise; e a Cruz na Rúa de Kells. Os dous primeiros teñen a man completa cos dedos estendidos de xeito similar á man vermella. A forma e posición do Kells Dextera Dei é un patrón habitual no continente, porén o usado en Monasterboice e Clonmacnoise parece único dentro da cristiandade.

Francis J. Bigger suxire que a Dextera Dei representa a expresión figurativa do antigo mundo que significa forza e poder, e tales símbolos da man pódense atopar en civilizacións antigas, incluíndo asirios, babilonios, cartaxineses, caldeos, fenicios, exipcios[13], etc. Tamén é usado por xudeus e musulmáns e pódese atopar en Palestina e Marrocos. Aborixes australianos reverenciaban as mans dos seus xefes falecidos. En Galiza a man con distintas posicións é un amuleto común contra as meigas ou o diaño. Outro historiador, FJ Elworthy, segundo Bigger, demostrou de forma concluínte o carácter antigo e o uso xeneralizado do símbolo entre as primeiras civilizacións pagás.

Segundo Charles Vallancey en 1788, unha man vermella apuntando cara arriba era o símbolo armorial dos reis de Irlanda, e que aínda estaba en uso pola familia O'Brien, cuxo lema era Lamh laidir an uachdar , que significa "a man forte cara arriba" ou "a man forte prevalece". As mans ocupan un lugar destacado na obra do s. XVIII de Dermot O'Connor "Blazons and Irish Heraldic Terminology", co Ó Fearghail sept que leva o lema Lámh dhearg air chlogad lúptha.

Referencias a GalizaEditar

Nalgúns armoriais centroeuropeos dos séculos XV e XVI aparece o Reino de Galiza representado mediante un escudo cunha man vermella, ou cunha luva roxa. Pode deberse á similitude fonética gaélico-galego (as armas falantes empregaban iso deliberadamente ou por confusión, como Galice-Calice ou D'Aragón-Dragón), ou pola asimilación do pobo galego co pobo milesiano ou pobo de Breogán. No século XVI Santiago converteuse, segundo o bispo Thomas Strong (tío de Thomas White, fundador do Colexio dos Irlandeses de Compostela após a Fuga dos Condes) na "verdadeira capital do pobo irlandés no exilio".[14]

Uso modernoEditar

 
Escudo de Monaghan

A forma común é unha man roxa dereita aberta cos dedos cara arriba, o polgar paralelo aos dedos e a palma cara adiante. Escudos usados por aqueles cuxos apelidos son ou non de orixe Uí Néill— Ó Donnghaile, Ó Catháin, Mac Aodha do condado de Galway e os seus parentes, Ó Flaithbheartaigh, Ó Dálaigh, Ó Maéilsheachlainn e Ó Ceatharnaigh, e outros, todos presentan a man dalgún xeito. No escudo de armas de Ó Néill e Donnelly o lema é Lámh Dhearg Éireann (Man Vermella de Irlanda).[15]

As armas dos xefes do clan escocés MacNeil conteñen a man roxa; o clan tradicionalmente afirmaba descender de Niall dos Nove Reféns. Moitas outras familias utilizaron a man roxa para destacar unha ascendencia do Ulster. O xefe da familia Guinness, o conde de Iveagh, ten tres mans nas súas armas desde 1891.[16]

As armas da Sociedade Irlandesa que levou a cabo a Colonización do Ulster desde Xacobe I, presentan a man vermella.[17]

A man está presente nas armas de varios condados do Ulster, como Antrim, Cavan, Derry, Monaghan e Tyrone. Tamén aparece no Ulster Banner, e é usado por moitas outras organizacións oficiais e non oficiais en toda a provincia. Pode ser considerada como un dos poucos símbolos intercomunitarios en Irlanda do Norte (seis dos nove condados do Ulster) que atravesan a división política. Debido ás súas raíces como símbolo gaélico irlandés, os grupos nacionalistas / republicanos utilizárono (e seguen usándoo), por exemplo, o Exército Cidadán Irlandés, a Asociación Republicana de Sepulturas Nacionais de Belfast, o Sindicato Irlandés de Transportes e Traballadores Xeral e Clubs da GAA no Ulster. Outras organizacións dentro dos nove condados do Ulster e tamén apoiadas dentro da división política sectaria, utilízana nos seis condados do Ulster dentro de Irlanda do Norte, como a Unión de Hockey do Ulster, que son apoiadas por ambos os lados da comunidade: nacionalistas e unionistas. Como o símbolo máis identificable do Ulster, a principios do século XX tamén foi utilizado polos unionistas e lealistas de Irlanda do Norte, como o seu uso no Pacto do Ulster (1912) e nas armas do Goberno de Irlanda do Norte (1922), a Bandeira do Ulster (antiga bandeira do goberno de Irlanda do Norte), os Voluntarios do Ulster e os grupos paramilitares leais baseados só dentro de Irlanda do Norte, como a Forza de Voluntarios do Ulster e a Asociación de Defensa do Ulster, entre outros.

BaronetesEditar

 
Armas do vizconde de Brookeborough, coa Red Hand

Unha man de goles sinistra (man roxa esquerda) é unha opción para os baronetes engadiren ás súas armas. O Heralds' College permitiuno en 1835, dictaminando que os baronetes de Irlanda ou Reino Unido poden levar un cantón "nun escudo, ao seu gusto, as armas do Ulster (a saber) unha man de goles ou unha man sanguenta nun campo de prata". Está brasonado como: Unha man sinistra golpeada no pulso estendida en goles pálidos.[18]

O rei Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra estableceu a orde hereditaria dos baronetes en Inglaterra o 22 de maio de 1611, en palabras de Collins (1741):

para a plantación (colonización) e protección de todo o Reino de Irlanda, pero máis especialmente para a defensa e seguridade da Provincia do Ulster, e por tanto, pola súa distinción, os desta orde e os seus descendentes pódena levar (a man Vermella do Ulster) nos seus escudos de armas nun cantón ou nun escudo na súa elección.[18]

Estes baronetes tamén poden mostrar o símbolo como insignia suspendida por unha cinta debaixo do escudo.[19] Os baronetes de Nova Escocia, a diferenza doutros, non usan a man vermella, teñen outra insignia co escudo de Escocia sobre a cruz de San Andrés.[20] A versión da esquerda tamén foi utilizada polos Irish National Foresters, o Exército Cidadán Irlandés e o Sindicato de Traballadores Federados de Irlanda.

ExemplosEditar

Outros usosEditar

 
Pegadas roxas de mans de membros e empregados do Bundestag no Día da Man Vermella 2012
  • A Oda I de Horacio.2,2-3 fala da "rubente dextera"[21]. Esa expresión foi traducida por John Milton como "red right hand".
  • "Red Right Hand" é unha canción de Nick Cave que apareceu en diversas series de TV e películas, entre elas The X-Files, Jack Irish ou Scream 3. É a canción principal de Peaky Blinders serie da BBC e Netflix baseada nunha banda de irlandeses descendentes de xitanos (gipsies). A canción foi versionada por Arctic Monkeys, PJ Harvey, Iggy Pop, Jarvis Cocker e Snoop Dogg entre outros.[22]
  • Varias organizacións armadas, con ou sen relación co Ulster foron chamadas "Man roxa", como La Main Rouge (grupo terrorista francés que pretendía evitar a independencia de Alxeria), o Red Hand Commando, grupo ligado á Ulster Volunteer Force e o Red Hand Defenders paramilitares de Irlanda do Norte
  • O Día da Man Vermella celébrase cada 12 de febreiro desde 2002, fanse súplicas aos líderes políticos e celébranse eventos en todo o mundo para chamar a atención sobre nenos soldados: menores de idade que participan en organizacións militares. Faise un chamamento para frear esa práctica e apoiar os afectados por ela.[23]

NotasEditar

  1. "Dicionario de dicionarios". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-02-19. 
  2. "Gama cromática en galego. Análise semántico" (PDF). UDC. Consultado o 19-2-2022. 
  3. "Heraldry. Tradition". Irish Times. Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2011. Consultado o 19 de febreiro de 2022. 
  4. Armas: Sracfhéachaint ar Araltas na hÉireann. 2017. pp. 8–9, Plates 1,22. ISBN 978-1-78201-139-2. 
  5. "Red Hands in Chauvet". bradshawfoundation.com. Consultado o 19-2-2022. 
  6. 6,0 6,1 O'Callaghan, John Cornelius (1870). History of the Irish Brigades in the Service of France: From the Revolution in Great Britain and Ireland Under James II., to the Revolution in France Under Louis XVI. (en inglés). Cameron and Ferguson. 
  7. National Library of Ireland Heraldry In Ireland
  8. 8,0 8,1 Hylland Eriksen, Thomas (2007). Flag, Nation and Symbolism in Europe and America. Routledge. p. 81. ISBN 978-1-134-06696-4. 
  9. "The Red Hand of Ulster" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2016. Consultado o 19 de febreiro de 2022. 
  10. Ó hÓgáin, Dáithí. Myth, Legend & Romance: An encyclopaedia of the Irish folk tradition. Prentice Hall Press, 1991. pp.36-37
  11. Barry (1895)
  12. "Labraid'mderg". Oxfordreference. 
  13. "Art collection; amulet hand". metmuseum. 
  14. "Thomas White | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2022-02-18. 
  15. "O'Neill". Araltas. 
  16. Burke's Peerage, Londres 2003, sub "Iveagh"
  17. "British; Plantation". BBC.co.uk. 
  18. 18,0 18,1 Collins, Arthur, The English Baronetage: Containing a Genealogical and Historical Account of all the English Baronets now Existing, Volume 4, Londres, 1741, p.287
  19. Debrett's Peerage, 1968, p.1235
  20. A history of the baronetage (en inglés). 2016. pp. 262–269. ISBN 9780956815750. 
  21. "'rubente dextera sacras iaculatus arcis terruit urbem,' collaborative text notes on NoDictionaries.". nodictionaries.com. Consultado o 2022-02-20. 
  22. Britton, Luke Morgan (14 de decembro de 2017). "Listen to Iggy Pop and Jarvis Cocker's cover of 'Peaky Blinders' theme 'Red Right Hand'". NME. 
  23. About Red Hand Day Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Red Hand Day website

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • ""On Ogham-Stones Seen in Kilkenny County". The Journal of the Royal Society of Antiquaries of Ireland. Fifth Series. Royal Society of Antiquaries of Ireland.". Fifth Series 5 (4). 1895: 348–368. 
  • ""Unpublished Irish Poems. XXIX: On Cathal Redhand". Studies: An Irish Quarterly Review. Irish Province of the Society of Jesus" 14 (53). 1925: 61–65. 
  • ""The Dextera Dei Sculptured on the High Crosses of Ireland". Proceedings of the Royal Irish Academy. Royal Irish Academy." 6. 1902. 
  • The General Armory of England, Scotland, Ireland, and Wales, Comprising a Registry of Armorial Bearings from the Earliest to the Present Time. 1884. 
  • ""Badge of the Royal Society of Antiquaries of Ireland". The Journal of the Royal Society of Antiquaries of Ireland. Fifth Series. Royal Society of Antiquaries of Ireland.". Fifth Series 32 (4). 1902: 415–418. 
  • ""Miscellaneous Stories of Caomhánachs in Exile". The Past. Uí Cinsealaigh Historical Society (27): 96–105." (27). 2006: 96–105. JSTOR 25520125. 
  • Royal Inauguration in Gaelic Ireland C. 1100–1600: A Cultural Landscape Study. Boydell Press. 2004. ISBN 9781843830900. 
  • Duffy, Seán (2005). Medieval Ireland An Encyclopedia. Routledge. 2005. ISBN 0-415-94052-4. 
  • On "A North House," in the Demesne of Hampton, and the Opening of a Tumulus near Knockingen 3. Royal Irish Academy. 1844. pp. 249–252. 
  • The General History of Ireland. J. Bettenham. 1723. 
  • Keating, Geoffrey (1983). Keating's History of Ireland. Irish Genealogical Foundation. 1983. ISBN 978-0-686-44360-5. 
  • ""The "Three Waves" of Ancient Erin". All Ireland Review." 2 (24). 1901: 184–185. JSTOR 20545459. doi:10.2307/20545459. 
  • ""Surnames and Scions: Adjectival Qualification of Christian Names and Cognomina in Classical Irish Poetry". Ériu. Royal Irish Academy.". 63, pp. 117–143. 2013. 
  • Early Medieval Ireland 400–1200. Longman. 1995. 
  • O'Curry, Eugene (2010). On the Manners and Customs of the Ancient Irish, III. Kessinger Publishing. 2010. ISBN 978-1163577769. 
  • "O'Daly, John; O'Donovan, John. "Inauguration of Cathal Crobhdhearg O'Conor, King of Connaught". Transactions of the Kilkenny Archaeological Society. Royal Society of Antiquaries of Ireland." 2 (2). 1853: 335–347. 
  • O'Neill (1908). "The Heraldic Emblem of Ireland". Ulster Archaeological Society. 14 (4): 178–180. Second Series 14 (4): 178–180. 
  • "Ó Riain, Gordon. "VARIA III. Quatrains relating to the controversy of the Red Hand". Ériu. Royal Irish Academy" 61. 2011: 171–178. 
  • "Ó Riain, Gordon. "VARIA I". Ériu.". Royal Irish Academy 63: 145–153. 2013. doi:10.3318/ERIU.2013.63.145. 
  • Schlegel, Donald M. (2002). Reweaving the Tapestry of Ancient Ulster. Vol. Clogher Record. Clogher Record. Clogher Historical Society. pp. 747–9. 
  • Shearman, J. F. (1877). "Loca Patriciana: Part XI. St. Patrick's Progress into Ossory-Disertum Patricii, Martartech in Magh Roighne – Patrician Missionaries in Ossory, Their Churches, Killamorey: St. Ciaran,First Bishop and Patron of Ossory: His Period, &c., &c.: Notices of Some Saints of the Raceof the Ossorians". The Journal of the Royal Historical and Archaeological Association of Ireland. Fourth Series. Royal Society of Antiquaries of Ireland. 4 (29): 188–245. Fourth Series 4 (29): 188–245. 
  • Welsh, Robert (1996). Oxford Concise Companion to Irish Literature. ISBN 0-19-280080-9. 
  • Westropp, Thomas Johnson (1918). "The Earthworks, Traditions, and the Gods of South-Eastern Co. Limerick, Especially from Knocklong to Temair Erann". Proceedings of the Royal Irish Academy: Archaeology, Culture, History, Literature. Royal Irish Academy. 34: 127–183. JSTOR 25504213. 
  • Williams, N. J. A (1990). "Dermot O'Connor's Blazons and Irish Heraldic Terminology". Eighteenth-Century Ireland / Iris an Dá Chultúr. Eighteenth-Century Ireland Society. 5 5: 61–88. 
  • Vallancey, Charles (1788). "Description of an Ancient Monument in the Church of Lusk in the County of Dublin". The Transactions of the Royal Irish Academy. Royal Irish Academy 2: 57–68. 
  • "Annals of the Four Masters". All Ireland Review 2 (14): 102–103. 1901. JSTOR 20545308. doi:10.2307/20545308.