Igrexa de San Martiño de Tiobre

templo relixioso en Tiobre, Betanzos

A igrexa de San Martiño de Tiobre é o templo parroquial de Tiobre, no concello de Betanzos. Atópase no lugar de Betanzos o Vello. Pódese afirmar que igrexa de san Martiño de Tiobre é un dos exemplares de igrexa rural románica de finais do século XII e principios do XII mellor conservada da provincia da Coruña.

Igrexa de San Martiño de Tiobre
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSan Martiño
LocalizaciónTiobre (Betanzos)
Coordenadas43°17′36″N 8°12′07″O / 43.293333333333, -8.2019444444444Coordenadas: 43°17′36″N 8°12′07″O / 43.293333333333, -8.2019444444444
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
editar datos en Wikidata ]

Localización editar

Chégase pola estrada que se dirixe a Ferrol, tomando a un quilómetro da saída de Betanzos un desvío sinalizado. O templo de Tiobre está situado no cumio dun monte no que se asenta un castro. Atópase nun lugar illado, aínda que próximo ás casas que conforman o lugar.

Historia editar

Orixe editar

A orixe da igrexa non está clara[1]. En todo caso estas dúas opinións non contan con ningún soporte documental.

Por unha banda, o historiador Martínez Santiso[2] retrotrae a fundación da igrexa ata a época da predicación do Apóstolo Santiago por terras galegas.

Durante el reinado de Constantino, y por consecuencia del edicto otorgando la paz a la iglesia, reedificose el templo que en Betanzos había eregido el Apóstol Santiago; se dedicó al Divino Salvador.

A base desta teoría radica en que no século XIX apareceu unha moeda coa efixie do emperador romano Constantino I o Grande[2] e ademais, que na igrexa descubriuse unha lápida de cantaría baixo o altar maior coa cara deste emperador romano.

Outros autores remontan a data da construción ó século VIII, atribuíndoa ós suevos[3][4], debido ó "dragón" que figurou no campanario da igrexa. Desta idea é Antonio Neira de Mosquera[5] "esta iglesia es un documento histórico de la dominación sueva en aquella parte de Galicia...", o autor finaliza con esta análise:

Concluiremos por decir á nuestros lectores que la iglesia de San Martín de Tiobre es una medalla que comprueba la antigüedad de Betanzos, célebre ya desde los tiempos heróicos en que el rey Brigo tuvo la humorada de llegar hasta allí, para fundar, como dice la historia una población combatida mas tarde por las águilas romanas, y que como este monumento habrá otros muchos que debian ocupar la atención de los eruditos, en beneficio de la claridad, tan poco usada en muchos periodos de nuestra celebre, interesante y gloriosa historia.

Evolución histórica editar

Non obstante, cítanse en documentos do século IX, concretamente do ano 830[6] un no que se enumeran as igrexas pertencentes ó bispado de Iria - Compostela. No ano 868[7], nun documento de Tructino, delegado rexio do rei Afonso III, aparece nunha listaxe das igrexas de Nendos, nesta listaxe aparece San Martiño como patrón; e outro referido á igrexa e ó Castelo da Espenuca.[8]

Foi ademais mandada consagrar por Xelmírez entre os anos 1108 e 1112[9], xunto con outras igrexas como a de Nendos, mandato levado a cabo por Juan Rodríguez, arcediago daquela comarca e cóengo de Santiago de Compostela[10]. Aparece citada nunha bula do papa Alexandre III[10], datada do 20 de marzo de 1178, na que se confirman tódolos privilexios e posesións da Igrexa Compostelá. A finais do século XII, formou parte da doazón que o rei Afonso VIII de León e Galicia realizou á igrexa de Santiago[10], así pasaban á sé Compostelá tódolos dereitos reais que lle competía, entre outros, no couto de San Martiño de Teyoure (Tiobre).

O núcleo principal da vila de Betanzos estaba en Tiobre, ata que no ano 1219[11] trasladouse á localización actual.

Xa no século XIX, concretamente no ano 1858 sendo o cura Manuel Rodiño, sufriu unha reforma na que se perdeu o dragón e varios dos seus símbolos históricos característicos[6]. No ano 1972 volveuse a realizar un acondicionamento da igrexa[12].

Por diante da igrexa pasaba o Camiño Inglés que viña dende Ferrol para unirse ó que procedía dende Irixoa diante do santuario da Nosa Señora dos Remedios, despois de baixar polo lugar de Caraña, o que incrementou de maneira significativa a súa importancia durante o período de maior auxe da peregrinación a Compostela.

Descrición editar

A planta da igrexa é de estilo románico e data do século XII. Presenta unha planta rectangular onde se atopa unha nave e unha ábsida tamén rectangular.

No interior o espazo intermedio entre o presbiterio e a nave está delimitado por un arco triunfal apuntado, sostido por semicolumnas unidas, con capiteis que mesturan follas, volutas e cabezas. No exterior da fachada principal concéntrase toda a ornamentación. A porta rectangular está inscrita nun tímpano con escasa decoración e sobre ela sobresaen as arquivoltas semicirculares con catro columnas nas xambas cos capiteis corintios de decoración vexetal. Sobresae a espadana dobre rematada nun corpo triangular rodeada por pináculos. Os muros do edificio son de canteira de granito e a cuberta a dúas augas cubertas de tella curva[13].

Como en moitas igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos[14].

Notas editar

  1. "Galicia pueblo a pueblo". 2017. Consultado o 06/08/2020. 
  2. 2,0 2,1 Martínez Santiso, Manuel (1987). Historia de la ciudad de Betanzos. Ed. Facsímile de la Edición de 1892. p. 101. 
  3. "Iglesia de Tiobre". Galicia Máxica. 14/04/2020. Consultado o 06/08/2020. 
  4. Carré Aldao, Uxío (1928). San Martiño de Tiobre. Geografía General del Reino de Galicia. 
  5. Neira Mosquera, Antonio (1843). Museo de las familias. Lecturas agradables e instructivas I. p. 256. 
  6. 6,0 6,1 Carrillo Lista, María del Pilar (1994). "La Iglesia románica de San Martiño de Tiobre". Anuario Brigantino (17): 231–240. ISSN 1130-7625. 
  7. Sánchez Pardo, José Carlos (2008). Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media: tesis doctoral. Santiago de Compostela: Universidade. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. p. 456. ISBN 978-84-9887-073-2. 
  8. "La iglesia Románica de San Martiño de Tiobre" (PDF). 1994. Consultado o 06/08/2020. 
  9. "San Martiño de Tiobre" (PDF). Románico Digital. Consultado o 17/10/2023. 
  10. 10,0 10,1 10,2 López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa A.M Iglesia de Santiago de Compostela IV. 
  11. Cegarra, Basilio (1999). Guías e rutas da arte: A Coruña III. Vigo: Galaxia. p. 25. ISBN 84-8288-326-7. 
  12. Rodríguez Gil, R.A (1975). El arte popular en el arciprestazgo de Pruzos: el románico. Santiago de Compostela: Tesis Licenciatura inédita. p. 136. 
  13. "Igrexa de San Martiño de Tiobre". Turismo de Galicia. Consultado o 06/08/2020. 
  14. Igrexa de San Martino de Tiobre na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.