Unión dinástica

unión de varios reinos, Estados, dominios… so un mesmo soberano

Unión dinástica é a unión de varios reinos, Estados, dominios ou calquera outro título de soberanía[a] baixo un mesmo soberano ou gobernante por dereito dinástico. Como consecuencia de tal tipo de unión, os reinos, Estados, dominios ou títulos así unidos non foron integrados ou fusionados, senón que a mesma persoa posúe cada un deles de xeito independente; e, xeralmente, os dominios do título manteñen as súas propias institucións e lexislación (particularismo). Distínguense dous tipos:

  • Unión persoal, cando dous ou máis reinos, Estados…, após acontecementos dinásticos ou matrimoniais, se achan co mesmo xefe de estado, xeralmente o rei;
  • Unión real, cando dous ou máis reinos, Estados…, deciden, seguindo un tratado, ter un ou máis órganos ou institucións xurídicas comúns, incluído o soberano.
Fernando III, rei de Castela e Toledo (1217-1252) e de Galiza e León (1230-1252).

Na maioría dos casos trátase dunha unión persoal. Dita unión pertence a unha dinastía ou familia, mais non é unión política, senón patrimonial. Os títulos ou dominios forman parte do patrimonio da casa reinante. Unha situación bastante común na Idade Media e no Antigo Réxime foi a unión de Estados vasalos baixo un mesmo soberano, cando este os herdaba por dereito natural; ou baixo un matrimonio de soberanos. Os resultados de tales unións non eran froito do azar, senón da política matrimonial que constituía a parte principal das relacións internacionais da época. No entanto, a imprevisíbel continuidade dos matrimonios concertados (por razóns persoais, biolóxicas ou políticas), así como a supervivencia ou non dos herdeiros, podía frustrar doadamente os proxectos de unións dinásticas.

Notas editar

  1. De Mayoralgo y Lodo, José Miguel (2007). Historia y régimen jurídico de los títulos nobiliarios: Manual de nobiliaria I (en castelán). Madrid: Ediciones Hidalguía. p. 22. ISBN 978-84-89851-56-6. Os títulos soberanos son aqueles que corresponden aos reis ou príncipes ―calquera que sexa a súa denominación― que exercen potestades soberanas. A súa esfera de actuación e de poder áchase moi por riba da que corresponde aos títulos nobiliarios, que están nidiamente subordinados á Coroa. A Coroa ou o Soberano constitúese en fons honorum ou fonte de onde dimana a graza que crea títulos nobiliarios. O título soberano exerce potestades efectivas de tipo político, mentres o nobiliario é estritamente honorífico. O título soberano pertence á esfera do dereito público, mentres o nobiliario encádrase na do dereito privado. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar