Abrir o menú principal

Mosteiro de Santa María de Monfero

(Redirixido desde "Mosteiro de Monfero")

Coordenadas: 43°20′26″N 08°02′12″O / 43.34056, -8.03667

Fachada da igrexa do mosteiro.

O Mosteiro de Santa María de Monfero é un mosteiro medieval situado na contorna das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso. Está situado na parroquia de San Fiz de Monfero, no concello de Monfero.

Índice

HistoriaEditar

As súas orixes remóntanse cando menos ao século X, ao se fundar un cenobio ao pe dunha ermida dedicada a San Marcos. Este cenobio favorecido polo rei Bermudo II sufriu o ataque dos normandos, sendo reconstruído a iniciativa de Afonso VII no ano 1134 en colaboración con nobres como Afonso Bermúdez ou o Conde Pedro Osorio que lle fixeron doazóns e lle concederon privilexios.

 
Claustro procesional coa fonte barroca no central

A comunidade naquel entón acollíase a regra de San Bieito xa que a comunidade conformárase con monxes desa orde procedentes do Mosteiro de Santa María de Valverde do Bierzo.

No 1147 acóllese á reforma cisterciense a través do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, vivindo anos de esplendor económico e cultural.

A finais da idade media, coa reforma dos Reis Católicos, anexiónase á Congregación de Castela, da que dependeu ata a exclaustración de 1835. En 1882 hai un intento efémero de reintroducir a vida monacal no mosteiro ao se establecer unha comunidade cisterciense da que era abade Manuel Antonio Díez, que fora monxe da Congregación de Castela. A ruína do mosteiro e unha epidemia de varíola fixeron fracasar a tentativa.

A mediados do século XVI a comunidade monástica iniciou obras de renovación que continuarían ata a seguinte centuria, obras caracterizadas polo seu estilo clásico. No ano 1620 encárgase das obras Simón de Monasterio. A partir de entón imponse o estilo barroco e derrúbase a vella igrexa. A morte no ano 1624 de Simón de Monasterio, ao que se lle atribúen as trazas da planta e o alzado, fai que outros mestres de obra teñan que seguir co seu proxecto.

As obras continuaron e no ano 1639 xa estaba rematado o ciborio. No ano 1645 traballábase na fachada e no ano 1655 consagrouse o templo. A capela da Virxe da Cela remátase cara o ano 1666, obra á que lle seguirán outras como a sancristía, coñecida como Chirola.

DescriciónEditar

 
Galería do claustro procesional coas súas bóvedas estreladas do século XVI

A igrexa é a parte que mellor se conserva. A igrexa románica probabelmente constaba de tres naves e tres ábsidas. Só se conserva dela o muro meridional, notabelmente alombado, cunha porta de acceso de arco apuntado no seu extremo occidental que actualmente está tapiada.

Destaca a súa fachada barroca, única en Galicia polo xadrezado dos perpiaños, alternando granito con xisto, con catro enormes columnas e dúas pilastras rematadas con capiteis corintios, que combina, seguindo a Bonet, unha estrutura clásica cun dinamismo barroco.

A planta é de cruz latina cunha gran cúpula no cruceiro.

No interior atópanse os sepulcros de Nuno Freire de Andrade, Fernán Pérez de Andrade, O Mozo e Diego de Andrade.

O edificio monacal artéllase arredor de tres claustros:

O inacabado Claustro da Hospedería mandado facer polo abade Ruperto Martínez (1803-1807) sobre outro renacentista do que aínda se conserva o tránsito ao Claustro das procesións e catro columnas correspondentes aos recantos do lenzo meridional. A súa construción foi interrompida pola Guerra da Independencia e as obras nunca se retomaron. Só se fixo un dos catro lenzos e pouco máis.

O Claustro procesional, proxectado por Juan de Herrera, é de estilo renacentista con aloumiños góticos nos 24 tramos abovedados do andar baixo, e barrocos no tapiado realizado en 1786 deixando óculos elípticos e fiestras rectangulares. Durante o mandato do abade Alonso de Gorbalán (1683-1685) erixiuse unha fonte barroca.

O Claustro dormitorio é o de maior extensión. A diferenza dos outros claustros, é o único que medrou sen unha planificación previa ao longo dun dilatado espazo de tempo.

Contemplando o mosteiro obsérvase o tránsito harmónico desde un clasicismo herreriano a un barroquismo interpretado cunha aberta naturalidade. Dende o ano 1931 está considerado Monumento Nacional.

Galería de imaxesEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar