Iria Ribadomar
Iria Ribadomar Molina, nada en Cambados en 1984, é unha pintora e ilustradora galega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1984 (39/40 anos) Cambados, España |
Educación | Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo |
Actividade | |
Ocupación | pintora, debuxante, ilustradora, deseñadora |
Traxectoria
editarIria Ribadomar medrou nun fogar onde as manualidades, a artesanía e o debuxo estaban presentes sobre todo nas mans da súa nai e a súa tía. Ela desde nena tivo o pasatempo de debuxar que nunca deixou de facer, e foi explorando e descubrindo a súa vocación.
Marchou a Santiago de Compostela no ano 2003 para estudar artes plásticas e arquitectura éfemera[1] na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDE). Anos despois solicitou un permiso de actividades artísticas na rúa e no ano 2009 comezou a pintar, expoñer e vender a súa obra no centro histórico de Santiago. Para ela ese tempo foi coma un máster de arte ao aire libre e unha experiencia clave na que puido mostrar o seu traballo a persoas de todo o mundo, desde os soportais do edificio de Correos da cidade.[2]
Reivindica os costumes e a cultura galega, rexeitando a idea da baixa autoestima que di que se ten en Galicia. Por iso, como xesto activista leva posto o mandil desde o principio, poñendo en valor ás mulleres, inspiradoras da súa obra. Deste xeito é coñecida como a artista do mandil, que sempre loce orgullosa.
Como muller, galega e de clase traballadora, síntome moi identificada coas señoras con mandil que levan o peso das responsabilidades impostas na súa vida con moita dignidade.[2]
Obra
editarNo seu traballo emprega a combinación do debuxo e a pintura. Os proxectos que fai abranguen un abano variado, desde deseños de carteis, ilustracións decorativas, portadas de publicacións, escenografías, embalaxes, etc.[3] No ano 2013 creou Deica! Creacións, un proxecto arredor da cultura galega no que sintetiza o que para ela representa a identidade galega.[4][5][6] O recoñecemento social da súa obra parte do diálogo orixinal que a artista mantén cos símbolos da matría galega, sendo a súa obra máis recoñecida a bandeira da Serea.
Ribadomar está convencida do poder da arte como ferramenta de cambio social, por iso participa en actividades feministas e de fomento da arte como o Delas Fest, o primeiro festival feminista de arte urbana e conceptual de Europa,[7][8] na ou iniciativas con motivo de Día de Rosalía,[9] sumándose a campaña #euquedonacasa orixinada en 2020 pola situacíón de pandemia do COVID-19,[10] ou no Día da Ilustración. Neste último caso, no ano 2021, Ribadomar fixo un cartel de homenaxe a figura de Lolita Díaz Baliño, precursora da ilustración en Galicia e referente para ilustradoras galegas.[11][12]
Tamén colaborou na creación de imaxes para datas sinaladas coma o 8 de marzo, o 25 de xullo ou o 25 de novembro... así como no cartel para as Festas da Ascensión no ano 2018 rendéndolle unha homenaxe ás mulleres, ás persoas que traballan durante as festas e ós carteis de principios do século XX.[13]
No ano 2019 presentou o Rueiro de Cambados, do que fixo o deseño. Foi o primeiro, nese momento, trilingüe con elementos en tres dimensións e poñendo en valor os principais recursos turísticos da súa localidade natal.[14]
Publicou dous libros de actividades para colorear e pintar, Un libro para pintar en galego. (2017) e II Libro para pintar en galego (2018), editados por Sacaúntos, en castelán e galego.
Exposicións
editar- II Mostra do Cuadrante Norte, Vilagarcía, 2003.
- Cores para Cabanillas, Cambados, 2009.
- Exposición efémera na rúa, Santiago de Compostela, 2009-2019.
- Saudarte, Cambados, 2012.
- Conexións, Vilagarcía de Arousa, 2013.[15]
- Píntao de Rock, Cambados, 2013.
- Iniciación en las ciencias físiconaturales, Santiago de Compostela, 2013.
- Encontro, Cambados, 2013.
- Son de cambados Cambados, 2014.
- Exposición con Annika Fernández, Cambados, 2014.
- Exposición individual, Pontevedra, 2014.
- Case nada en común, Santiago de Compostela, 2017. [16]
- Exposición individual, Cambados, 2018.
- Exposición individual, Agolada, 2018.
- Exposición individual, Nigrán, 2018.
- Exposición colectiva de ilustración galega da AGPI, São João da Madeira, 2019.[17]
- Colleita, Cambados, 2019.
- Corentena, Cambados, 2020.[18]
Notas
editar- ↑ Artigo en La Voz de Galicia
- ↑ 2,0 2,1 "Iria Ribadomar, la original artista del mandil curtida en las calles de Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-01-12. Consultado o 2022-03-27.
- ↑ "Iria Ribadomar arquivos". AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Consultado o 2022-03-27.
- ↑ "Deica Creacions – deica! Creacións é un proxecto creativo ilustrado por Iria Ribadomar e inspirado na cultura galega. Complementos ilustrados, láminas, bandeiras e libros baseados na tradición e no carácter do pais co obxectivo de favorecer a difusión da nosa identidade.". Consultado o 2022-04-05.
- ↑ "El arte de representar la identidad de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-08-17. Consultado o 2022-04-06.
- ↑ Artigo na páxina web da Cidade da Cultura
- ↑ "Iria Ribadomar apoia o II #DelasFest! Faite mecenas!". Consultado o 2022-03-27.
- ↑ "Chega o “Delas Fest”, o primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual de Europa, que se celebrara en Ames, Santiago e Teo". Concello de Ames (en castelán). 2019-11-29. Consultado o 2022-03-27.
- ↑ Redacción. "A Deputación da Coruña festexa nas redes o Día de Rosalía". Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia. Consultado o 2022-03-27.
- ↑ "BriefingGalego.com Centro xove da almaciga". BriefingGalego.com (en castelán). Consultado o 2022-03-27.
- ↑ 20minutos (2021-01-25). "El Día da Ilustración homenajea por primera vez a una mujer: Lolita Díaz Baliño, pionera del sector en Galicia". www.20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2022-03-27.
- ↑ "Día da Ilustración 2021 - Iria Ribadomar". Consultado o 2022-04-03.
- ↑ "BriefingGalego.com Cartel Ascensión 2018". BriefingGalego.com (en castelán). 2018-05-03. Consultado o 2022-03-27.
- ↑ Cambados, diego doval (2019-05-24). "Un rueiro muy particular". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-03-27.
- ↑ Artigo no Faro de Vigo
- ↑ Artigo no portal de noticias do Concello de Santiago
- ↑ Artigo en Público
- ↑ Artigo en La voz de Galicia