Literatura galega do século XX

produción literaria en lingua galega do século XX

A literatura galega do século XX pode dividirse, grosso modo, en tres etapas: literatura de preguerra, literatura de posguerra (maioritariamente dende o exilio) e literatura dende a fin da ditadura até a fin de século.

Historia e características

editar

Período intersecular

editar
 
Ramón Cabanillas, poeta entre dous séculos

Despois da máis que esperanzadora etapa do Rexurdimento, a literatura galega comeza un período de decaemento en case todos os xéneros, agás no teatro, posto que a dramática galega nacerá en 1882 coa representación d'A fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia. De feito, un dos primeiros feitos destacábeis da literatura galega no século XX foi a creación, en 1903, da man dun grupo de xoves liderado por Eduardo Sánchez Miño, da Escola Rexional de Declamación. Manuel Lugrís Freire e Galo Salinas serán os escritores dramáticos que máis colaboren con esta escola.

Na poesía, aparecen como figuras destacadas deste comezo de século XX Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro ou Xosé Crecente Vega, mais a súa obra non racha coa tradición anterior do século XIX, se ben en Noriega apréciase o influxo do saudosismo portugués. Percíbese unha mudanza na produción poética a partir de Ramón Cabanillas, posto que esta, pese a convivir coa tradición, estará influída polo modernismo, movemento inaugurado polo nicaraguano Rubén Darío. Véxase Xeración de entre dous séculos.

Na narrativa, quizais sexan o máis destacado deste período intersecular as novelas históricas de Antonio López Ferreiro (Niño de Pombas, O Castelo de Pambre e A tecedeira de Bonaval) e os contos naturalistas Pé das Burgas de Francisco Álvarez de Nóvoa.

Época das Irmandades, do grupo Nós e do SEG

editar
 
Antón Villar Ponte foi un destacado intelectual das Irmandades da Fala.

A partir de 1916, cando nos locais da Real Academia Galega (mais á marxe dela) un grupo de galeguistas (cuxa alma máter era Antón Villar Ponte) funda a "Irmandade de Amigos da Fala" da Coruña, a literatura galega renacerá novamente. Esta asociación, que despois se estenderá por outros lugares do país, dando lugar ás Irmandades da Fala (1917), vaise preocupar de darlle un pulo á literatura galega, cunha manchea de iniciativas, favorecendo o ensaio e a prosa,[1] e espallando o uso do galego na prensa de todo o país. Vai ser nesta época na que se funde o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919) e na que o teatro galego colla o tren de Europa, na que proliferen as publicacións de narrativa breve (Lar, Céltiga...) etc.

 
Otero Pedrayo, un dos grandes narradores do século XX.

En 1920, a partir da fundación da revista Nós (30 de outubro de 1920), xurdirá o chamado grupo Nós, que terá por figuras principais a Vicente Risco, Otero Pedrayo e a A. D. R. Castelao, e cuxa vontade de igualar a literatura galega ás europeas provocará, entre outras cousas, o nacemento da narrativa galega actual. Trátase de autores nacidos entre 1880 e 1890, cunha fonda formación intelectual.

Agás Castelao, o resto dos autores que conforman este grupo incorpóranse á ideoloxía nacionalista de xeito tardío. Risco, Otero e Florentino López Cuevillas formaran parte do chamado Cenáculo ourensán. Como indica o ideólogo desta xeración, Vicente Risco, no seu libro Nós, os inadaptados, estes intelectuais pregaleguistas, dandis, de clase acomodada, vivían na súa "torre de marfil", alienados, illados do mundo que os rodeaba. Esoterismo, filosofía oriental, Nietzsche... eran as súas preocupacións. Todo este mundo, sobre todo o gusto polo alén, verase reflectido na obra destes autores, como se pode ver, por exemplo, n´O Purgatorio de Don Ramiro, O Desengano do Prioiro (ambas as dúas de Otero Pedrayo), Do Caso que lle Aconteceu ao Doutor Alveiros (Risco)... Unha novela fundamental para coñecer o proceso de galeguización destes homes é Arredor de Si, de Ramón Otero Pedrayo.

 
Membros do Seminario de Estudos Galegos en 1928.

En 1923 aparecerá o Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha especie de Universidade Galega onde se van realizar numerosos estudos e publicacións de diferentes ámbitos tendo a lingua galega como habitual, de maneira que tivo unha vital importancia para a aparición do ensaio en lingua galega. Neste Seminario colaboraron personaxes do talle de Otero Pedrayo, Castelao, Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carballo Calero, Armando Cotarelo Valledor...

“O obxectivo fundamental [do teatro das Irmandades] vai ser sentar as bases dun teatro nacional galego, sustentado nunha literatura dramática que reflicta as esencias máis universais do país”
Manuel F. Vieites Manual e escolma da literatura dramática galega (1996), ed. Sotelo Blanco

Os integrantes das Irmandades, do grupo Nós e do SEG traballaron a prol da renovación dos xéneros literarios xa existentes e déronlle un importante pulo a aqueloutros que estaban pouco traballados, como a novela e o ensaio. Xorden así obras clave do ensaio político como Teoría do nazonalismo galego (de Vicente Risco) ou a Doutrina nazonalista (de Antón Vilar Ponte), literatura científica da man de Florentino López Cuevillas, e prosas de ficción como Os camiños da vida (de Otero Pedrayo) ou O porco de pé (de Vicente Risco). Así mesmo, o polifacético Castelao inaugurou un novo subxénero narrativo que combina arte literaria coa plástica, como en Cousas ou Cousas da vida.[2]

Os integrantes das Irmandades preocupáronse tamén polo teatro e moitos foron os autores, e entre os anos 1922 e 1926 o Conservatorio xa mencionado converteuse na Escola Dramática Galega, existindo unha época esplendorosa teatral ao entender de Leandro Carré Alvarellos. Algúns autores teatrais destacados foron Ramón Cabanillas (A man da santiña, O mariscal), Armando Cotarelo Valledor (Mourenza) e Vicente Risco.

Na produción literaria de comezos de século Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas serán unha ponte entre a estética do século XIX e a estética vangardista. Noriega Varela ofrece unha visión poética e impresionista da natureza, iniciando unha corrente denominada "neovirxilianismo" ou "paisaxismo humanista". Cabanillas asimila a poesía de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, tomando ademais elementos modernistas.

Xeración de 1925

editar
“Nós non podemos ollar sin carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ise intrés en convertir o galego n-a fala intérprete de tódalas indecenzas e vulgaridás que tiveron Losada e a maioría d`os mestres menores. Nin a valdeirez verbalista, importación madrileña e co-isto xa se di todo, de Curros. [...]

Hai os que teñen algún valor e desmínten-o espresándose en castelán. Pero hai aínda unha razón dorde supremo: a nosa Fala é nosa. Pospol-a a outra calquera, é unha forma de suicidio.

Arrenegamos de mestres e dos seus consellos [...] Arrenegamos da Lei e da Costume [...] Arrenegamos dos temas obrigados [...] Arrenegamos de toda imitanza”
—Extracto do manifesto Máis alá! (1922), por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro)[3].

A xeración de 1925 abrangue os escritores nacidos en torno ao ano 1900, e cuxa actividade literaria se realiza no período das Vangardas. Estes autores tamén poden aparecer denominados como a xeración dos novecentistas (denominación de Carvalho Calero) ou como a Xeración de 1922.

No ano 1922, o poeta Manuel Antonio e mais o pintor Álvaro Cebreiro dan a coñecer o manifesto Máis alá!. Nel recóllese unha crítica aos "vellos" e mais aos "pollitos bien". Os primeiros eran os escritores que, pese a viviren en pleno século XX, continuaban a imitar a poética dos tres grandes mestres do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal). Os segundos, os seguidores de Valle-Inclán, os creadores literarios que, pese a seren galegos, realizaban o seu labor artístico en lingua española. Por tanto, neste manifesto vangardista estes dous autores están a pedir unha mudanza urxente da literatura galega. Lémbrese, ademais, que esta é unha época na que, en case toda Europa, a vontade de rachar coas xeracións literarias anteriores é moito máis acentuada do normal. Aínda así, no caso galego, resulta que Manuel Antonio, o máximo representante do vangardismo, vai aceptar o maxisterio de Vicente Risco.

Na poesía, as correntes vangardistas nas que participan os escritores desta xeración serán as seguintes:

  • Creacionismo: baixo a influencia do poeta chileno Vicente Huidobro, o máximo (e case único) cultivador desta tendencia en Galiza foi o rianxeiro Manuel Antonio (De catro a catro, 1928). A presenza do mar, a ruptura formal, a ausencia de ritmo tradicional, a creación de imaxes autónomas etc, son as principais características da súa obra.
  • Surrealismo: en Galiza non existiu a corrente surrealista en si. Aínda así, algúns autores cultivárona esporadicamente, como Álvaro Cunqueiro (en Poemas do Si e do Non) ou Aquilino Iglesia Alvariño (en Corazón ao Vento).

Á parte da participación -fiel ou heterodoxa- da poesía galega nalgúns Ismos, esta xeración cultivou formas renovadoras que poden relacionarse por veces coa influencia destes, aínda que non encaixen cos trazos socioliterarios do que se entende por vangarda:

 
Rafael Dieste.

No teatro, os autores da xeración de 1925 continuarán coa renovación levada a termo na época das Irmandades. Álvaro das Casas e Rafael Dieste (A fiestra valdeira, 1927) son dous escritores teatrais sobranceiros desta xeración.

Tamén pertence á xeración de 1925 Eduardo Blanco Amor, destacado valor na renovación da prosa na posguerra, quen comeza a publicar a finais da década dos vinte narrativa e poesía (Poema en catro tempos).

Literatura galega de posguerra

editar
Artigo principal: Literatura galega de posguerra.

O golpe de Estado do xeneral Francisco Franco e a consecuente guerra civil española (1936-1939) truncou toda esta produción literaria. Após a vitoria do bando nacional, a literatura en lingua galega esmorece, pois o novo réxime practicamente non permitiu publicacións en lingua galega. Tan só, na máis inmediata posguerra, se conta con testemuños teatrais de tipo folclórico, semellantes aos producidos na ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1929). Será precisamente unha obra teatral o primeiro texto publicado en libro após a barbarie de 1936, a zarzuela ¡Non Chores, Sabeliña! (1943) de Xosé Trapero Pardo. O seguinte, o poemario de Aquilino Iglesia Alvariño Cómaros verdes (1947). A modo de exemplo, pódese mencionar que entre os anos 1939 e 1950 non chegou a haber nin unha ducia de publicacións en lingua galega no territorio de Galiza, e as que se produciron foron obras fundamentalmente de ámbito rural.

Esta situación de escasa produción (e publicación) literaria comezará a mudar a partir de 1950, ano no que aparece, da man de Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Celestino Fernández de la Vega a editorial Galaxia.

Literatura de posguerra no exilio e na diáspora

editar
Artigo principal: Literatura galega do exilio.
 
Blanco Amor dirixiu revistas e o Teatro Popular Galego en Buenos Aires.

A partir de 1936, e durante as décadas de 1940 e 1950, a literatura galega non estivo morta, senón que foi continuada polos autores galegos que, ou ben se viron na obriga de exiliárense, ou ben estaban emigrados en América do Sur no momento no que estalou a guerra. A súa obra estará fortemente marcada polo drama da desfeita do alzamento nacional en xullo de 1936. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita...) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada. É así que condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais e a carencia de público lector fagan adquirir á literatura galega do exilio características especiais: compromiso político galeguista e republicano, poesía narrativa dun forte compoñente autobiográfico, introdución da temática cívico-social na poesía e a mestizaxe cultural que engade elementos temáticos e estilísticos novidosos.

 
Castelao, autor do ensaio Sempre en Galiza.

Na poesía, destaca o labor literario de Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela. Moi resumidamente, de Emilio Pita poderíase dicir que é o primeiro autor galego que traballou na corrente do socialrealismo, co seu poemario Jacobusland (1942), pese a que hai quen considera que o verdadeiro pai da poesía social galega contemporánea foi, precisamente, Seoane, a través do seu libro Fardel d'Eisiliado (1952). Canto a Lorenzo Valera, este posúe unha cativa obra en lingua galega no que se refire á cantidade, mais de moi alto nivel. En Catro Poemas para Catro Grabados (1944), tamén titulado María Pita e Tres Grabados Medievais, o poeta evoca o pasado glorioso de Galiza, conxuntamente con Luís Seoane, autor dos gravados que ilustran estas composicións. Tamén se pode achar en Lonxe (1954) a problemática social.

Na narrativa, podemos resaltar as novelas de Silvio Santiago e Ramón de Valenzuela. Canto ao teatro, existe un público galego que busca obras evocadoras do país que abandonara. Os temas sobre os que era imposíbel escribir na Galiza do interior (a represión sexual, a crítica ao franquismo...) serán tratados no exterior. Destacados autores teatrais galegos desta época foron Manuel Daniel Varela Buxán e Eduardo Blanco Amor (pese a que este último non publicou a súa obra dramática ata a década de 1970). A peza A Soldadeira (1956), de Seoane, merece ser nomeada con distinción dentro da dramática galega producida en América do Sur (concretamente en Buenos Aires, Arxentina), debido (entre outras virtudes) á súa innovación estética.

No teatro, sobresae a figura de Manuel Varela Buxán, quen fundou en Buenos Aires a compañía Aires da Terra. Castelao asistiu a unha función da obra de Varela Buxán Pola nosa culpa, e quedou impresionado pola acollida do público, o que motivou que lle confiase a estrea d'Os vellos non deben de namorarse.

Literatura de posguerra na Galiza interior. O papel de Galaxia

editar
 
Celso Emilio Ferreiro fundou en 1948 a colección de poesía Benito Soto.

Como se dixo máis arriba, a situación da literatura galega comezará a mudar a partir de 1950. Neste ano, verá a luz a editorial Galaxia, elemento de moita importancia dentro do proceso de recuperación cultural e do rearmamento do galeguismo producido na Galiza interior. A primeira publicación levada a termo por Galaxia non é outra que Antífona da Cantiga (1950), de Ramón Cabanillas. Os autores vinculados a esta editorial cultivarán con especial afán o xénero do ensaio. Ensaístas do talle de Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Xaime Illa Couto, Ricardo Carballo Calero, Francisco Fernández del Riego, Xosé María Álvarez Blázquez ou Xoán Rof Carballo colaborarán con Galaxia. As traducións cobrarán a partir deste momento a mesma importancia que lles fora concedida durante os anos de 1920. Conseguirá Galaxia que moitos dos escritores en lingua galega da etapa de preguerra volvan a publicar literatura no idioma de Galiza (Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño…). E, a través da colección Illa Nova, os novos autores (Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María, María Xosé Queizán…) contarán cun medio no que poder publicar.

Durante a década de 1950 tamén terá un rol importante (e non sempre recoñecido) a editorial viguesa Monterrey. Nela publicará en 1953 Fermín Bouza-Brey a primeira edición da peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo, Entremés famoso sobre da pesca do río Miño (1671), tamén coñecida como A contenda dos labradores de Caldelas. Esta e outras obras saídas do prelo de Monterrey son fundamentais para a divulgación da literatura galega producida durante os Séculos Escuros.

Recuperación cultural e literaria na Galiza dos anos de 1960

editar

Durante a década de 1960, Galiza verá acentuado o proceso de recuperación cultural que xa comezara no decenio anterior. Todo este proceso terá as súas repercusións na literatura. En 1960 celebrouse a primeira e única edición do Certame Literario do Miño e en 1963, no ano no que se celebra por primeira vez o Día das Letras Galegas, apareceu a revista Grial, órgano de vital importancia no ámbito literario e cultural. Entre 1964 e 1967 tiveron lugar as catro edicións do Premio Castelao de Teatro Galego.

As agrupacións culturais proliferaron a partir de 1960, o cal influíu sobre todo no teatro.

A narrativa a partir da posguerra

editar
 
Ánxel Fole, narrador do Courel.

Se anteriormente se mostrou como o teatro e poesía contaron con testemuños en lingua galega durante a década de 1940, para coñecer a primeira obra narrativa (publicada na Galiza interior) posterior á desfeita de 1936 haberá que agardar ata o ano 1951, no cal sae á luz a novela de Ricardo Carballo Calero A xente da Barreira.

Os tres grandes narradores en lingua galega renovadores da prosa galega (á marxe da nova narrativa galega) serán Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole. Trátase de tres grandes narradores, cultivadores de correntes diferentes. Así, pódese dicir do primeiro que se movía como prosista dentro do realismo máxico (ex. Merlín e familia), o segundo na tendencia do socialrealismo (ex. A esmorga) e, o terceiro, combinaría as características do conto popular coa narrativa culta (ex. Á lus do candil). Ademais, tamén Rafael Dieste contribuíu á renovación prosística cos seus contos Dos arquivos do trasno.

 
Franz Kafka influíu na nova narrativa galega.

A partir da aparición da devandita colección Illa Nova da editorial Galaxia, iranse coñecendo novos autores en prosa e en lingua galega. A maior parte deles encadraríanse dentro do movemento da nova narrativa galega. Inspirada no nouveau roman francés, os escritores que se moven dentro desta tendencia posuíran unha serie de características comúns, sendo algunhas delas as enumeradas a seguir:

  1. Utilización abundante do monólogo interior;
  2. Débil delimitación entre o tempo o espazo, que fican indeterminados;
  3. Fusión do mundo onírico co mundo real (os soños adquirirán importancia nestas novelas);
  4. Presentación dun mundo violento e adverso para as personaxes, o cal lles crea desacougo;
  5. Os protagonistas destas narracións son con frecuencia antiheroes;
  6. Con frecuencia, cada vez que apareza unha reivindicación de tipo político, farase mediante o uso de trasuntos, símbolos...

Por outra parte, non existe un criterio unificado á hora de delimitar que autores pertencerían a este movemento. Así e todo, acostúmanse clasificar como membros da Nova Narrativa Galega os seguintes: Xosé Luís Méndez Ferrín (Percival e outras historias), Carlos Casares (Xoguetes para un tempo prohibido), Camilo Suárez-Llanos (Camilo Gonsar, Cara a Times Square), Xohán Casal, Xohana Torres, María Xosé Queizán (A orella no buraco) e Gonzalo Rodríguez Mourullo (Memorias de Tains).

Contemporáneo a estes autores é Xosé Neira Vilas, mais encádrase fóra da Nova Narrativa porque presenta unha narrativa máis tradicional e incide en temas como o mundo rural e a emigración. As súas Memorias dun neno labrego (1961) desenvolven o tema do neno labrego de posguerra.

A poesía a partir da posguerra

editar

Como se viu anteriormente, o primeiro libro de poesía da posguerra publicado en Galiza foi Cómaros verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño.

Segundo indica Xosé Luís Méndez Ferrín, no seu libro De Pondal a Novoneyra (1984), o caso da literatura galega posterior á guerra civil é anómalo, posto que agromarán asemade tres xeracións diferentes que non rompen esteticamente as unhas coas outras. Estas serían:

 
Manuel María, o poeta da Terra Chá.

Aínda así, débese especificar que tres compoñentes da xeración de 1936 xa publicaran poesía con anterioridade ao alzamento antirrepublicano: Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño e Ricardo Carballo Calero. Tamén pertencen a esta xeración Xosé María Díaz Castro, o propio Celso Emilio Ferreiro e moitos outros (Emilio Pita, Xosé María Álvarez Blázquez e seu irmán Emilio, Guerra da Cal, Pura Vázquez, María Mariño etc.). Os autores da xeración do 36 foron educados nun ambiente de maior liberdade da que permitía o réxime franquista, o cal se verá reflectido na súa obra.

Os membros da Promoción de Enlace (Luz Pozo Garza, Antón Tovar, Manuel Cuña Novás...) medraran nun medio adverso cultural e lingüisticamente, polo que comezarán a súa produción poética en español. As carencias formativas e de referentes europeos estarán presentes na súa poesía.

Non acontecerá o mesmo cos membros da Xeración das Festas Minervais ou tamén chamada Xeración dos 50:[4] Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xosé Luís Franco Grande, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Manuel María, Antón Avilés de Taramancos, Salvador García-Bodaño... Esta xeración, igual que xa fixera no seu tempo o grupo Nós, intentará conectar novamente a súa produción literaria coa europea.

Por outra parte, as dúas correntes dominantes nesta etapa na poesía galega son:

O teatro a partir da posguerra

editar

Nos anos inmediatamente posteriores a 1939, o teatro galego camiñará polos mesmos vieiros que andara durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1930) ou, o que é o mesmo, o folclorismo e o ruralismo serán de novo as notas dominantes. Na década de 1940, chegarase mesmo a ver como os coros populares (é dicir, os encargados das representacións) se apropian dos textos dos autores que poderían resultar perigosos para o réxime franquista (ou, o que é o mesmo, estas obras serán representadas sen anunciar o nome dos seus autores). Durante a década de 1950 vese unha certa produción teatral, que pretende continuar co teatro da época das Vangardas. A profesora Laura Tato, no seu traballo "O teatro desde 1936" (2001), albisca unha outra liña, a do teatro de "anguria existencial", que neste artigo se relaciona coa Escola da Tebra da poesía.

A partir da década de 1960 a recuperación cultural influíu na normalización teatral, como xa se explicou coa celebración do Certame Liteario do Miño (1960) e do Premio Castelao de Teatro Galego (1964-1967). En 1965, a través da Agrupación Cultural O Facho, xurdiu o Grupo de Teatro O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo. Dous anos despois, en 1967, o propio Manuel Lourenzo porase, como cofundador, a cargo do Grupo de Teatro Circo, o cal recibe este nome por xurdir do Círculo de Artesáns da Coruña. Con estes dous grupos, pódese dicir que nace o chamado teatro independente en Galicia, o cal pretendía devolverlle o teatro ao pobo, sen renunciar a posíbeis innovacións nin aos rigores estéticos e formais. Cabe especificar que, a diferenza do caso español, o teatro independente galego nace nas rúas, non nas universidades, o que favorece a súa difusión.

 
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Como consecuencia do auxe do teatro independente, xorden en Ribadavia as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, así denominadas por seren organizadas pola Agrupación Cultural Abrente. As oito edicións destas mostras, celebradas entre 1973 e 1980, gozaron dun importante éxito de público. Nelas participarán ou daranse a coñecer os integrantes da primeira xeración de dramaturgos profesionais en lingua galega, o grupo Abrente, cuxos máximos representantes son Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Francisco Taxes e Roberto Vidal Bolaño.

Outros dramaturgos destacados dos anos 60 e 70 foron Álvaro Cunqueiro, Daniel Cortezón, Xohana Torres e Bernardino Graña. Cunqueiro fai coa peza Don Hamlet unha recreación da coñecida obra de Shakespeare. Daniel Cortezón propón unha revisión da historia de Galiza, desde unha óptica nacionalista: Prisciliano (1970), Os irmandiños (1977) ou Pedro Madruga (1981) son algunhas das súas obras teatrais. Xohana Torres trata os temas do exilio en A outra banda do Iberr (1968) e das expropiacións de terras en Un hotel de primeira sobre o río (1968). Bernardino Graña desenvolve técnicas do cine policial en 20 mil pesos crime (1962).

No ano 1973 a Agrupación Cultural O Facho da Coruña comeza a convocar un concurso de teatro infantil, no cal gañan autores como Carlos Casares (As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Manuel Lourenzo (gañador en tres ocasións) e Ana María Fernández Martínez e Xoán Babarro (Grande invento para saír do aburrimento, 1983), entre outros.[Cómpre referencia]

A partir do ano 1984, como continuación das mostras teatrais xa existentes de Ribadavia, comeza a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que se asenta nesta localidade con grande éxito de público, onde durante unha semana se realizan obradoiros, encontros e sobre todo representacións teatrais en galego (ademais doutras linguas como castelán, portugués ou mesmo italiano).

A literatura galega de finais do século XX

editar

A partir da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, a tesitura da literatura galega vai mudar acorde coa nova situación sociopolítica. O asentamento das editoriais e a convocatoria de premios literarios axudaron a impulsar a literatura nestas últimas décadas: o Esquío de poesía (1981), o Certame de teatro de Ribadavia (1973-1980), o premio de relato curto Modesto Figueiredo (1975), os premios da Crítica Galicia (1978), o premio de Novela Longa Blanco Amor (1981), o Xerais de Novela (1984) ou o Merlín (1984) foron dando a coñecer unha ampla lista de autores e autoras. Aínda que se hai que remontar ata a década de 1970 para o caso da poesía e do teatro, neste apartado tratarase sobre todo a literatura desde 1980 ata 1999.

A poesía de finais do século XX

editar
 
Méndez Ferrín foi proposto para o Premio Nobel.

Na década de 1970, concretamente a partir de 1975, comezarán a abrollar colectivos poéticos que continuarán coa recuperación cultural iniciada no decenio anterior. O primeiro en xurdir será o Grupo Rompente, que pretendía, sen renunciar ao formalismo, unha conxunción entre a poesía intimista e social. Outro grupo destacado sería Cravo Fondo (1977) (formado por Xavier Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte e Xesús Rábade Paredes, entre outros), que, tomando a metáfora da obra ferriniana, buscaba como estética a conxunción entre a "pólvora e a magnolia". Grupos sobranceiros desta época tamén foron Loia, Dolmen, Alén...

Por outra parte, tense afirmado que a renovación da poesía galega nesta altura veu da man da publicación do poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín Con Pólvora e Magnolias (1976) e do libro de Arcadio López-Casanova Mesteres (1976). Realmente, Mesteres publicouse en Valencia e a Galiza naquela altura só chegaron dous exemplares desta obra, polo que a súa difusión foi moi reducida. Ademais, hai quen aprecia en Ferrín a influencia do último Álvaro Cunqueiro e, o profesor Luciano Rodríguez Gómez ve en López-Casanova a de Aquilino Iglesia Alvariño. Tamén hai quen apunta a obra de Alfonso Pexegueiro Seraogna (1976) como "aguillón" desta mudanza, mais este poemario non abandona de todo a tendencia socialrealista.

 
Yolanda Castaño.

Os autores da promoción dos oitenta serán os primeiros nos que se aprecie unha clara mudanza estética con respecto á poesía anterior. Estes escritores moveranse sobre todo na estela do culturalismo: (erotismo, mundos míticos, simboloxía das cores...), cunha moito menor presenza da liña social. A apertura temática e estilística aparece reflectida, entón, na obra de autores como Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Xavier R. Baixeras, Román Raña, Lino Braxe, Antón Reixa, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Chus Pato, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Barrio, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Claudio Rodríguez Fer, Luísa Villalta, Henrique Rabunhal, Francisco Salinas Portugal, Gonzalo Navaza...

Por último, tense falado dunha promoción dos noventa, conformada polos autores que se deron a coñecer no decenio pasado. Realmente, a distinción entre a promoción dos oitenta e a promoción dos noventa responde a un criterio xeracional, posto que non existe unha grande diferenza entre a obra dos poetas da unha ou da outra promoción. Si se aprecia, a partir de 1990, unha maior presenza da poesía feminina. Algúns autores destacados deste grupo xeracional son Yolanda Castaño, Olga Novo, Emma Couceiro, Enma Pedreira, María Lado, Lucía Aldao, Estíbaliz Espinosa, Marica Campo, Fran Alonso, Rafa Villar, Miro Villar, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Celso Fernández Sanmartín...

A narrativa de finais do século XX

editar

Con posterioridade á Nova Narrativa Galega, apréciase na narrativa galega unha grande dispersión de estilos e tendencias. Nesta época, a produción neste xénero coñecerá unha máis que notábel ampliación temática, así como tamén un incremento na nómina de subxéneros (novela policial, novela histórica, novela pseudohistórica, novela infanto-xuvenil, novela de aventuras,...) debida en boa parte á incorporación dun novo público xuvenil -a denominada "literatura de instituto"- para o que se escriben textos supostamente accesibles.

 
Manuel Rivas é un dos autores actuais máis lidos.

Aínda que o elemento simbólico continuará a ser empregado, o seu uso será cuantitativamente menor nesta época. De todos os xeitos, máis aló dos límites que se veñen trazando para a Nova Narrativa, aínda cara a finais dos 70 rexistramos un conxunto de obras e autores -Xavier Alcalá, Rei Ballesteros, o propio Méndez Ferrín- que apuran as posibilidades abertas.

A partir de 1980, non obstante, rexistramos ao tempo un retorno aos xeitos máis tradicionais de narrar sen por iso renunciar ao emprego de técnicas novas e, sobre todo, a unha grande apertura temática coa exploración de apartados ata aquel momento descoñecidos pola prosa de ficción galega. Doutra parte, a procura dunha "literatura de quiosco" continúa a ser unha clave fundamental para entender este período.

 
Marilar Aleixandre.

Aínda que resulta dificultoso establecer liñas dominantes, é posible salientar as seguintes tendencias:

  • A) Novela histórica: trátase de textos que recrean a historia de Galicia desde un triplo posicionamento: rescatar, mediante a ficción, esa historia como elemento nacionalitario; procura dun público afeccionado a este subxénero que ata o momento non existía en galego; establecer un verdadeiro exercicio lingüístico que posibilite a madurez da narración en lingua galega.
  • B) Novela policial: ademais da función de puro divertimento, moitos destes textos pretenden incorporar unha verdadeira radiografía da sociedade galega moderna con todo o conxunto de transformacións e cambios sociais, políticos, culturais... que se están a vivir no seu seo.
  • C) Novela intimista ou xeracional: rexístranse un conxunto de novelas e relatos que levan adiante unha exploración na educación sentimental dos seus protagonistas vinculados ás xeracións que viviron a súa infancia nos derradeiros anos do franquismo.
  • D) Novela fantástico-política: trátase de obras que presentan momentos da historia desde a óptica do "if", xa sexa no pasado ou no futuro para levar adiante unha crítica da nosa historia ou unha proxección posible da mesma.
  • E) Novela urbana: emparentada co chamado "realismo sucio", vén ser unha posta ao día do costumismo con carga de denuncia social e afán de representar a sociedade galega cambiante da Autonomía.

Narradores destacados desta época son, entre outros, Manuel Rivas, Suso de Toro, Carlos G. Reigosa, Xosé Carlos Caneiro, Xurxo Borrazás, Marilar Aleixandre, Xavier Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Tucho Calvo, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey...

 
Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis lido e traducido.

Pódese establecer unha clasificación dos escritores en prosa por promocións:

O teatro de finais do século XX

editar
 
Cándido Pazó, autor, director, actor e narrador.

Nesta época, no xénero teatral, sucederá un feito ben curioso. Se na poesía e na narrativa as mudanzas estéticas virán dadas polos autores das novas xeracións, no teatro serán os dramaturgos do grupo Abrente os auténticos artífices do cambio. Finalizadas as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia en 1980, e coa aprobación do Estatuto de Autonomía nese mesmo ano, ábrese un novo marco para a creación teatral. Nese mesmo ano, aparecería na Coruña a Sala de Teatro Luís Seoane, a primeira sala de teatro estábel de Galiza, clausurada en 1988. En 1984, financiado pola Xunta de Galicia, e cun orzamento inicial de 25 millóns de pesetas, fúndase o Centro Dramático Galego(CDG). Iníciase, polo tanto, a etapa do teatro institucional. En 1989, aparecería o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

Aínda así, pese á existencia deste teatro institucional, os grupos afeccionados seguirán a dominar no panorama dramático galego. De feito, a profesora Laura Tato, no seu traballo O teatro actual (1998), afirma que, na primeira metade da década de 1990, Galiza só contaba con catro compañías profesionais á marxe do CDG. Derivado desta situación, chégase a tesituras realmente kafkianas. Así, por pór un exemplo, un dos dramaturgos e actores máis experimentados, Manuel Lourenzo, engrosou, ata a súa aparición nunha coñecida serie televisiva (Mareas vivas), a listaxe de afeccionados.

Debemos sinalar tamén que os premios de teatro axudan a normalizar a creación teatral, entre os que podemos mencionar: o Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia, o Rafael Dieste da Deputación da Coruña e mesmo os Premios Compostela de Teatro do xornal El Correo Gallego. Algúns dos premiados foron Vicente Montouto, Eduardo Alonso ou Xan Cejudo (mellor director 1990), entre outros.

 
Teatro de monicreques.

É salientábel tamén o asentamento do teatro infantil e xuvenil, que actualmente goza de boa saúde, especialmente o teatro de monicreques. Algunhas compañías de marionetas destacadas son Tanxarina títeres e marionetas, Títeres Cachirulo, Títeres Falcatrúa... E entre as compañías de teatro galegas podemos mencionar Ollomoltranvía, Teatro do Atlántico, Uvegá Teatro, Teatro do Noroeste, Ancora Teatro, Teatro do Aquí, Matarile, Chévere, Teatro do Morcego, Sarabela Teatro...

Canto aos novos creadores, está xeralmente admitida a existencia dunha promoción dos oitenta e mais dunha promoción dos noventa. A pesar disto, non todos os estudosos teatrais coinciden en fixar os mesmos límites para o inicio e a fin das mesmas. Son novos autores desta fin de século, entre outros: Henrique Rabunhal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xesús Pisón, Raúl Dans, Cándido Pazó, Gustavo Pernas Cora, Miguel Anxo Murado, Quico Cadaval, Lino Braxe, Marcos Orsi, Ana Vallés, Inma Antonio Souto, Xosé Luís Sendón...

O ensaio de finais do século XX

editar

O ensaio non tivo moita actividade, aínda que aparecen signos de recuperación coa aparición de autores especializados na historia como Ramón Máiz, Xusto González Beramendi, Pegerto Saavedra, Xosé Ramón Barreiro ou Ramón Villares. Debemos mencionar que a oferta vaise incrementando nos últimos anos, xurdindo editoriais especializadas (Andavira Editora -textos técnicos e universitarios-, Edicións Lea -medios de comunicación, deportes e mar-, Edicións Lóstrego -biografía e ensaio científico-, Ouvirmos -música e patrimonio-...), ademais das coleccións ensaísticas das editoriais que publican en galego (destacando neste xénero Galaxia, Xerais, Sotelo Blanco, Ediciós do Castro, Edicións A Nosa Terra, Edicións do Cumio, Laiovento, Baía...)

 
Henrique Monteagudo.

Os eidos nos que o ensaio concentra unha grande actividade son os da lingua e literatura galegas con obras como Problemas da língua galega (1981) e Da fala e da escrita (1983) de Ricardo Carballo Calero, Informe(s) sobre a lingua galega. Presente e pasado (1991) de Xesús Alonso Montero, De Pondal a Novoneyra (1984) de Xosé Luís Méndez Ferrín, Língua e sociedade na Galiza (1993) de Manuel Portas, Literatura galega (1994) de Anxo Tarrío, Historia social da lingua galega (1999) de Henrique Monteagudo e o Diccionario da literatura galega (1995-2003) coordinado por Dolores Vilavedra, entre outros.

Tamén cabe salientar dous autores que orientaron a súa produción cara ao ensaio teolóxico e antropolóxico: Andrés Torres Queiruga, quen escribiu obras como Nova aproximación a unha filosofía da saudade (1981); e Xosé Chao Rego, autor de traballos sobre a identidade galega como Eu renazo galego (1983) e Para comprendermos Galicia (1987).

  1. Tarrío, Anxo: "Os alicerces históricos da edición en Galicia" in Esther Corral Díaz et al. (2009) A mi dizen quantos amigos ey:homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro, USC: Santiago de Compostela.
  2. Queixas Zas, Mercedes: Breve historia da literatura galega, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1999, páx. 47.
  3. VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 178
  4. Tarrío, Anxo (1994). Literatura galega, Aportacións a unha historia crítica, Xerais, páx. 396.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar