Teatro independente en Galicia

(Redirección desde «Teatro independente galego»)

Ao falar de teatro independente dende unha óptica española, cómpre dicir que a partir das décadas de 1960 e 1970, aparecen novas formas de expresión dramática, incorporando en moitos casos técnicas como a mímica ou elementos propios dos espectáculos circenses. Grupos como La Cuadra (no ámbito castelanfalante), Tricicle, Els Joglars (no catalán, aínda que tamén representan en español) ou Grupo Teatro Circo (no ámbito galego) pertencen a esta época. Movementos como o teatro independente arxentino dos anos de 1950 e 1960, ou como o estadounidense underground, influirán o teatro independente peninsular. Funcionou, en definitiva, como un instrumento de loita contra o poder estabelecido, o cal estaba representado en España polo goberno do xeneral Francisco Franco. Pretendíase devolverlle o teatro ao pobo, o cal debía ser partícipe e receptor das súas actividades. A xente de teatro, en moitos casos, estaba na obriga de desempeñar varios traballos á vez, polo que non era infrecuente que unha mesma persoa exercese ao mesmo tempo de escritor, actor, director, iluminador, escenógrafo,...

O caso galego editar

Contexto histórico. Causas da súa aparición editar

Galiza non foi allea ao fenómeno do teatro independente. Este, debe encadrarse de cheo no proceso de recuperación cultural xurdido no país na década de 1960, a cal vai da man das particulares circunstancias históricas existentes no conxunto de España durante esta época. A economía española sufriu un repuntamento positivo a partir deste ano, e a sociedade comezaba a mudar de xeito paulatino. A axuda exercida polos Estados Unidos de América sobre España tiveron a maior parte de responsabilidade neste crecemento económico, do cal derivaron a progresiva industrialización de Galiza o fenómeno de emigración cara ás cidades e o abandono do rural. Xorde a figura do "desertor do arado". Créase pouco a pouco unha sociedade de consumo. A ditadura amolece e o Estado vaise abrindo pouco a pouco ao mundo. A muller incorpórase ao mercado laboral, os estudantes maniféstase en contra de feitos como a Guerra de Vietnam e das matanzas de estudantes producidas en México ou na China. Estamos na época do Maio do 68 e da Primavera de Praga, na fase da historia en que se mitifica ao Che Guevara e a Martin Luther King.

O teatro independente Galego editar

Con este panorama, os escritores dramáticos galegos tentan modificar a realidade que os rodea a través das súas obras, as cales funcionarán, asemade, como un elemento de normalización e dignificación lingüística. Se os autores anteriores non se preocupaban tanto pola representación das súas pezas (agás o caso de Ricardo Carvalho Calero, quen representou algunhas pezas súas no Colexio Fingoi de Lugo), agora a posta en escena pasará a ser o obxectivo principal.

Así nace o fenómeno que agora nos ocupa, o cal nace nas rúas, e non nas universidades como no caso español, cun ton claramente rebelde e subversivo e, en definitiva, con autores dramáticos que pretendían tornar as artes escénicas ao pobo, sen descoidar posíbeis innovacións e rigores estéticos. Nace, pois, en contraposición ao Teatro de Cámara, imperante ata aquel momento.

Segundo estudosos como Manuel F. Vieites ou Laura Tato Fontaíña,[Cómpre referencia] o teatro independente nace en Galiza da man do Grupo de Teatro O Facho, grupo que botou a andar en 1965 con Manuel Lourenzo á cabeza. De todos os xeitos, a compañía que mellor representou o espírito do teatro independente foi o Grupo Teatro Circo, o cal nac en 1967 e conta con figuras como Manuel Lourenzo ou Francisco Pillado.

E, se houbo un marco onde se forxou definitivamente este movemento teatral, este foron as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, as cales se desenvolveron entre 1973 e 1980. A partir deste último ano, o novo contexto histórico galego, motivado pola aprobación do Estatuto de Autonomía, unido ao cambio de público, causará a decadencia do teatro independente.

A importancia deste fenómeno foi determinante na historia dramática. Grazas a el, a dramática galega contou cunha renovación a nivel estético e temático. Alén disto, nesta época xurdiu o primeiro grupo ou xeración de dramaturgos profesionais galegos, o Grupo Abrente, o cal exercerá o seu maxisterio sobre as novas promocións de escritores teatrais.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar