Luz Pozo Garza
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao. Dende 1996 foi membro numerario da Real Academia Galega, ocupando o cargo de vicesecretaria de 1997 a 2001. En 2007 foi proposta pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xullo de 1922 Ribadeo, España |
Morte | 20 de abril de 2020 (97 anos) A Coruña, España |
Educación | Universidade de Oviedo |
Q89547790 | Códice Calixtino |
Actividade | |
Ocupación | poetisa, escritora, crítica literaria |
Membro de | Real Academia Galega (académica de número) (1996–2020) Real Academia Galega (membro correspondente) (1950–1996) |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Familia | |
Cónxuxe | Eduardo Moreiras (1982–1991), morte Francisco Vázquez Ramudo (1944–década de 1980), divorcio |
Fillos | Gonzalo, Mónica e Luz Vázquez Pozo |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Gallegos Diccionario bio-bibliográfico de escritores |
Traxectoria
editarFilla de Gonzalo Pozo y Pozo, inspector veterinario e militante de Izquierda Republicana e Luz Garza Feijoo, mestra políglota, ata os sete anos de idade (1929) viviu en Ribadeo, onde comezou a estudar con Prieto Coussent[1], posteriormente residiu en Viveiro ata o verán de 1936.[2] Con catorce anos de idade, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, cofundador en Viveiro do Partido Republicano Radical Socialista, detido e preso na cadea dos sotos do edificio da emisora local de radio de Lugo, trasladouse coa súa nai e irmáns a vivir nunha fonda da rúa Bispo Aguirre desa cidade ata finais de 1938.[a][3] Aos 15 anos de idade comezou a colaborar con Radio Lugo.[4] Xa co pai liberado, e coa axuda do tío Román del Pozo y del Pozo, funcionario de facenda en Tetuán,[5] foron a vivir a Larache (Protectorado Español de Marrocos). O seu único irmán varón, Gonzalo, mobilizado polo bando nacional, morreu no Hospital Militar de Jaca en 1939, aos vinte anos de idade.
Volveron a Viveiro en 1940. Durante eses anos de posguerra finalizou o bacharelato. Fixo estudos musicais de solfexo, piano, violín e laúde que deixaron unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Casou en maio de 1944 cun profesor seu da academia Minerva, Francisco Vázquez Ramudo, despois alcalde de Viveiro de 1957 a 1963,[6] e tivo un fillo, Gonzalo (1945), e dúas fillas, Mónica (1959) e Luz (1962). Foi á Universidade de Oviedo a estudar literatura, sendo alumna de Carmen Bobes e Emilio Alarcos Llorach e licenciándose en Filosofía e Letras en 1963. Iniciou a andaina literaria primeiramente en castelán, para se decantar exclusivamente polo galego na década dos oitenta.[7]
Os seus traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula, Vida Gallega, Ateneo Ferrolán e Galeuzca.[8] Segundo a mesma autora, Dionisio Gamallo, foi o seu mentor.[9] Frecuentou o trato cos poetas Luís Pimentel e Eduardo Moreiras, ao que coñeceu en 1948 e co que casou en segundas nupcias en 1982, tras divorciarse do seu primeiro marido.[7] O pasamento de Moreiras, en 1991, afectoulle profundamente.[10]
Desenvolveu en Badaxoz (moi pouco tempo), Corcubión (como directora), A Coruña e Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario,[7] xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu Nordés: revista de poesía y crítica xunto a Tomás Barros (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista).[11][7] Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión, que botou a andar en 1995.[2]
Formou parte da promoción de enlace, entre a xeración do 36 e a xeración das Festas Minervais, canda Ramón González-Alegre, Faustino Rey, Antón Tovar, Tomás Barros, Xavier Costa Clavell, Eliseo Alonso, Manuel Cuña Novás, María do Carme Kruckenberg, Xosé Neira Vilas, José Ángel Valente, Manuel Blanco Mariño e Antón Santamarina Delgado.[12]
Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende 1950.[11] A proposta de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, pasou a ser membro numerario o 29 de novembro de 1996, a segunda muller en facelo (tras Olga Gallego), pronunciando o discurso titulado Diálogos con Rosalía,[13] respondido por Alonso Montero. Foi vicesecretaria da institución de 1997 a 2001,[8] a única muller que ocupou un posto de dirección durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego.[14] Foi membro e directiva do PEN Clube de Galicia.[8]
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro.[11] O seu libro máis coñecido, Códice Calixtino, formado por poemas escritos basicamente na década dos oitenta, publicado por primeira vez no ano 1986 en Sotelo Blanco, na colección Leliadoura, é unha obra de plenitude na que se unen luz e sombra, paixón e melancolía, vida e morte, tradición e modernidade, mediante unha expresión intimista, unha obra para unha literatura na que Luz Pozo é confluencia de xeracións e creadora dun novo e vivo xeito de sentir a poesía.[15] O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares, reflectida en As arpas de Iwerddon (Linteo 2005).[11]
Ten dado ao prelo numerosos traballos sobre Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Xosé Luís Franco Grande, Álvaro Cunqueiro, Tomás Barros, Martín Codax e Luís Seoane que viron a luz en Grial e Nordés sobre todo.[8][16]
Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris e Bruxelas e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.[8]
Luz Pozo foi, segundo Rosario Álvarez Blanco "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral".[14] Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.[17]
Finou como decana da poesía galega, aos 97 anos de idade, o luns 20 de abril de 2020, na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos oitenta.[11]
Obra en galego
editarPoesía
editar“ | Naquela cidade |
” |
— "Far blues". Códice Calixtino. |
- O paxaro na boca, 1952, Colección Xistral, ao coidado de Ángel Johán.
- Últimas palabras / Verbas derradeiras, 1976, Colección de poesía, Nordés.[b]
- Concerto de outono, 1981, Serie Limiar, Ediciós do Castro.
- Códice Calixtino, 1986, Leliadoura, Edicións Sotelo Blanco.[18][19]
- Prometo a flor de loto, 1992, Deputación da Coruña.[c]
- Vida secreta de Rosalía, 1996, Espiral Maior. Traducida ao xaponés.[20]
- Ribadeo, Ribadeo, 2002, Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia.
- Medea en Corinto, 2003, Linteo, edición bilingüe galego-castelán.[d]
- Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003, 2003, PEN Clube de Galicia.
- Memoria solar (obra poética), 2004, Linteo.[e]
- As arpas de Iwerddon, 2005, Linteo. Prologado por Olivia Rodríguez.[21]
- As vodas palatinas, 2005, Espiral Maior.
- Deter o día cunha flor, 2009, Baía Edicións. Con ilustracións de José Valentín.[22]
- Rosa tántrica, 2016, Colección Libros do Sarela, Alvarellos Editora.[f][23]
- Pazo de Tor, 2019, Alvarellos Editora.[24]
- Unha Camelia / One Camellia Blossom, 2021, edición bilingüe de seis poemas, tradución de Adina Ioana Vladu, Small Satations Press.[25]
Ensaio
editar- A bordo de "Barco sin luces" ou o mundo poético de Luís Pimentel, 1990, Sotelo Blanco.[g]
- Álvaro Cunqueiro e "Herba aquí ou acolá", 1991, Editorial Galaxia.[26]
- Galicia ferida: a visión de Luís Seoane, 1994, Ediciós do Castro.
- Diálogos con Rosalía, 1996, discurso de ingreso na RAG.[13]
- Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, 1996, Espiral Maior.
Antoloxías e obras colectivas
editar- Antoloxía da poesía galega actual. Nordés, 1978, Ediciós do Castro.
- I Festival de Poesía no Condado, 1981, S. C. D. Condado.
- Antologia poética. Cancioneiro rosaliano, 1985, Guimarães Editores.
- Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole, 1986, Concello de Lugo.
- Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas, 1997, Fundación Rosalía de Castro.
- Tres poetas medievais da Ría de Vigo: Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas, 1998, Galaxia.[h][27]
- A poesía é o gran milagre do mundo, 2001, PEN Clube de Galicia.
- Poetas e narradores nas súas voces. I, 2001, Consello da Cultura Galega.
- O libro dos abanos (Palabras no aire), 2002, Libros da Frouma, Follas Novas.
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000, 2003, Tris Tram. Por Arturo Casas.
- Carlos Casares. A semente aquecida da palabra, 2003, Consello da Cultura Galega.
- Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, 2003, Espiral Maior.
- Poemas de amor. Xeración dos 50, 2004, Tórculo. Por Maximino Cacheiro.
- Son de poesía, 2005, Edições Fluviais, Lisboa.
- Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80, 2006, Baía Edicións.[i]
- Poemas pola memoria (1936-2006), 2006, Xunta de Galicia.
- Poemas coruñeses: antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre a Coruña, 2008, Espiral Maior.
- Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación, 2009, Fundación Manuel María.
- Erato bajo la piel del deseo, 2010, Sial Ediciones.
- Poemas para Carmen Blanco, 2010, Libros da Cebra.
- Poetas con Valente, 2010, Universidade de Santiago de Compostela.
- To The Winds Our Sails, 2010, Salmon Poetry. Tradución do galego ao inglés.
- Tamén navegar, 2011, Editorial Toxosoutos.
- Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), 2012, A. C. Alexandre Bóveda.
- Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, 2013, Academia Real Isaac Díaz Pardo.
- De Cantares Hoxe. Os Cantares gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, 2015, Fundación Rosalía de Castro/Radio Galega.
- Un pozo de Luz, 2017, homenaxe da RAG no seu 95 aniversario.[28]
Himno
editar“ | As súas acendidas prosas poéticas, inspiradas por Eduardo, teñen como fío argumental o itinerario sensual e sentimental de historia primeira dos amantes como presaxio e desenvolven, en dialéctica permanente, os temas da paixón erótica e da desolación sentimental, aínda que se superpoña sempre a primeira en apoteótico estalido cósmico de orxía dionisíaca.[j] | ” |
— Carmen Blanco, 2006.[29] |
Compuxo a letra do Himno do Congreso Eucarístico de Viveiro, arranxado por Hernán Naval para a ocasión da homenaxe á Virxe dos Remedios feita na década dos noventa.[30]
Obra en castelán
editarPoesía
editar- Ánfora, 1949, Vigo, edición da autora. Con portada de Xosé Sesto representando a Dánae.
- El vagabundo, 1952, Ribadeo, edición da autora.[k]
- Cita en el viento, 1962, Viveiro, edición da autora. Dedicado a Dionisio Gamallo.
- Últimas palabras/Verbas derradeiras, 1976. A Coruña: Nordés.
- Sol de medianoche, 2013, Eurisaces.[l]
Premios e recoñecementos
editar- Foi premiada na VII Festa da Cantiga polo poema "Noticia dende a Cruña a un amigo foraño" (Flor Natural) en 1974.[8]
- Premio Tomás Barros de ensaio en 1990.[8]
- Premio á Creación Feminina da Consellería de Cultura no 1991, por toda a súa traxectoria literaria.
- Premio Miguel González Garcés no 1992, por Prometo a flor de loto.[2][16]
- Premio Gallegas distinguidas de Diálogos 90, en 1994.[8]
- Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 1995.[31]
- Premio Celanova Casa dos Poetas no 2001.[2][16]
- Premio Galicia en Feminino. Premio á participación artístico-cultural das mulleres 2002.[32]
- Premio Letras de Bretaña, en 2007, do Real Coro Toxos e Froles.[33]
- Premio da Crítica de poesía galega no 2009, por Deter o día cunha flor.
- Premio Cultura Galega das Letras da Xunta de Galicia no 2013.
- XI Premio Laxeiro da Fundación Laxeiro, no 2014.[34][35]
- Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2019.[36]
En setembro de 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (letra E),[37] celebrando con ela a «Homenaxe á Escritora na súa Terra» en Ribadeo, chantando un monólito cun poema que seleccionou do libro Vida secreta de Rosalía.[38] Ese mesmo ano, Ribadeo adicoulle unha rúa.[39] Asemade, ten rúas adicadas no Burgo de Culleredo,[40] na Coruña[41][42] e na Pobra do Caramiñal.
En 2007 a AELG acordou, na asemblea anual celebrada no Museo do Pobo Galego, propoñela á Academia Sueca, canda Xosé Luís Méndez Ferrín, como candidata ao Premio Nobel de Literatura,[43] sendo a primeira muller galega nomeada para un Premio Nobel.[44]
En 2017, co gallo do seu 95 aniversario, a RAG rendeulle unha homenaxe. No acto recitáronse versos da súa autoría por dez poetas de distintas xeracións. A escolma foi recollida no opúsculo Un pozo de luz.[28]
En 2018 déronlle o seu nome á Escola Oficial de Idiomas de Viveiro,[45] concello que a nomeou filla adoptiva.[46]
A finais de 2019 foi proposta para filla predilecta de Ribadeo, nun expediente instruído pola concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos. Foi nomeada o 18 de xaneiro de 2020.[9][47][48] Despois do seu pasamento, o concello de Ribadeo decretou poñer as bandeiras a media hasta.[49]
Galería de imaxes
editar-
Dedicatoria de Luz Pozo nun exemplar de Ánfora, 1949.
-
O paxaro na boca, Colección Xistral, ao coidado de Ángel Johán, 1952.
-
Códice Calixtino, n.º 68 da Biblioteca Galega 120, 2002.
-
Dedicatoria a Xohán Naya nun exemplar de Prometo a flor de loto, 1992.
Notas
editar- ↑ No mesmo edificio no que vivía o poeta Luís Pimentel.
- ↑ Versión galega autotraducida do orixinal castelán.
- ↑ Premio de poesía Miguel González Garcés 1992.
- ↑ Edición de Andrés Pociña e Aurora López.
- ↑ Recolle catorce poemarios de 1949 a 2004.
- ↑ Edición, ao coidado de Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, coa colaboración de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que asinan senllos poemas ao final da obra. Luz Pozo é a autora da ilustración da capa e dos debuxos interiores.
- ↑ Edición corrixida e ampliada no 2011, publicada por Alvarellos Editora.
- ↑ Con Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.
- ↑ Edición de Maximino Cacheiro.
- ↑ Tradución, de gl.wikipedia.org, do orixinal en lingua castelá:
Sus encendidas prosas poéticas, inspiradas por Eduardo, tienen como hilo argumental el itinerario sensual y sentimental de historia primera de los amantes como presagio y desenvuelven, en dialéctica permanente, los temas de la pasión erótica y de la desolación sentimental, aunque se superponga siempre la primera en apoteósico estallido cósmico de orgía dionisíaca.
- ↑ Escrito en 1950 para o Premio de Poesía Adonais. Repite a portada de Sesto. Dedicado aos poetas Gerardo Diego, Gamallo, Rabanal e Moreiras. Inclúe ilustracións de Lugrís.
- ↑ Elexía dedicada a súa neta, Natalia Vázquez, finada en 2012 aos 39 anos de idade. Con prólogo de Ramón Loureiro e epílogo de Javier González Lamelas.
- Referencias
- ↑ Otero Cabarcos, Pilar (18/1/2020). "Luz Pozo Garza, filla predilecta de Ribadeo". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Blanco García 2006, p. 505.
- ↑ Blanco García 2002, p. 29-30.
- ↑ Jaureguízar (2/5/2020). "A vida non hai que ferial". La Comarca del Eo (5224).
- ↑ Pascual Rodríguez, Roberto (2007). "O harmónico cosmos de Luz Pozo Garza". Madrygal (10): 211–216. ISSN 1138-9664.
- ↑ "Inhumados los restos de Francisco Vázquez, ex alcalde de Viveiro". La Voz de Galicia (en castelán). 7/1/2005.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Marco 2007, p. 356.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 "Membros da Academia". Real Academia Galega.
- ↑ 9,0 9,1 "Luz Pozo Garza - Novas". Concello de Ribadeo. 15/1/2020. Arquivado dende o orixinal o 01/06/2020. Consultado o 18/01/2020.
- ↑ Blanco García 2006, p. 511.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 "A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Luz Pozo Garza". RAG. 20/4/2020.
- ↑ Méndez Ferrín 1984, p. 239–241.
- ↑ 13,0 13,1 Pozo Garza, Luz (29/11/1996). "Diálogos con Rosalía". Real Academia Galega. ISBN 84-89652-30-9.
- ↑ 14,0 14,1 Álvarez Blanco, Rosario (2008). "As mulleres na Real Academia Galega".
- ↑ Velasco 1998, p. 268.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Marco 2007, p. 357.
- ↑ "95 anos de luz" Editorial Galaxia, 21/7/2017.
- ↑ Vilavedra 2000, p. 93.
- ↑ Velasco 1998.
- ↑ "[Vida secreta de Rosalía. Xaponés]". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2022-01-27.
- ↑ Rodríguez, Olivia (2007). "Luz Pozo Garza: Ángeles con patines blancos en la plaza de O Grove". Cien años de poesía, 53 poemas en catalán, gallego y vasco: estructuras poéticas, pautas críticas (en castelán). Bern: Peter Lang. pp. 303–315. ISBN 978-3-03910-765-0.
- ↑ "Deter o día cunha flor". Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-79-5.
- ↑ "Rosa tántrica". Alvarellos. ISBN 978-84-16460-08-3. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 26 de abril de 2020.
- ↑ "Luz Pozo Garza visita as raíces da memoria familiar en 'Pazo de Tor'" RAG, 8/2/2019.
- ↑ "A Xunta colabora na tradución ao inglés dunha antoloxía poética de Luz Pozo Garza". Xunta de Galicia. 5/10/2021. Arquivado dende o orixinal o 06/10/2021. Consultado o 6/10/2021.
- ↑ Álvaro Cunqueiro e Herba aquí ou acolá vista previa en Google Books.
- ↑ Tres poetas medievais da ría de Vigo vista previa en Google Books.
- ↑ 28,0 28,1 Rodríguez, Olivia, ed. (2017). Un pozo de Luz. RAG. ISBN 978-84-946005-6-2.
- ↑ Blanco García 2006, p. 507.
- ↑ Ínsua, Emilio Xosé (9/9/2016). "Da tradición musical de Viveiro (II)" (blog). A ínsua do Insua.
- ↑ "Corrección de erros. Decreto 167/1995, do 16 de xuño, polo que se concede a Medalla Castelao no ano 1995" DOG 118, 21/6/1995.
- ↑ Palacios, Xosé María (7/3/2002). "Luz Pozo Garza, premiada como símbolo de la participación cultural de la mujer". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ "Luz Pozo recibe o Premio Letras de Bretaña" Vieiros, 28/2/2008.
- ↑ "Laxeiro 2014: Luz Pozo" Arquivado 06 de abril de 2019 en Wayback Machine. Fundación Laxeiro.
- ↑ Santos, Ágatha de (22/2/2014). "Luz Pozo se convierte en la segunda mujer que recibe el Premio Laxeiro". Faro de Vigo (en castelán).
- ↑ "A Fundación Otero Pedrayo premia a Luz Pozo Garza, 'a máis sublime das poetas galegas'". Cultura Galega. 4/4/2019. Consultado o 8/4/2019.
- ↑ Asociación de Escritores en Lingua Galega
- ↑ "A escritora na súa terra: Luz Pozo Garza. Ribadeo, 2001" AELG, 22/9/2001.
- ↑ "Luz Pozo Garza, Filla Predilecta de Ribadeo". La Voz de Galicia (en castelán). 18/1/2020. Consultado o 19/1/2020.
- ↑ "Rúa Poeta Luz Pozo". callejero.net.
- ↑ "La poetisa Luz Pozo Garza ya tiene su propia calle". 20 minutos (en castelán). 7/3/2007.
- ↑ Plano da Coruña Concello da Coruña.
- ↑ "Luz Pozo Garza e Méndez Ferrín, candidatos galegos ao Premio Nobel de Literatura". Faro de Vigo. 23/1/2007.
- ↑ Franco, Camilo (24/12/2007). "«Hai moitos libros de poesía e non todos chegan a un nivel aceptable»". La Voz de Galicia.
- ↑ "Luz Pozo Garza xa dá nome á Escola Oficial de Idiomas de Viveiro". Praza.gal. 4/6/2018. Consultado o 4/6/2018.
- ↑ Nuevo Cal, Carlos (30/11/2018). "A voz poética de Luz Pozo resoará con máis forza en Viveiro". La Voz de Galicia.
- ↑ "Sede Electrónica de Ribadeo - Acta de pleno dec. 2019". Concello de Ribadeo. Consultado o 29/1/2020.
- ↑ "Pleno extraordinario o 30 de decembro". Concello de Ribadeo. 25/12/2019. Arquivado dende o orixinal o 01/06/2020. Consultado o 26/12/2019.
- ↑ "Pasamento de Luz Pozo". Concello de Ribadeo. 20/4/2020. Arquivado dende o orixinal o 21/04/2020. Consultado o 24/04/2020.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Alvarellos Iglesias, Enrique (1993). Mulleres destacadas de Galicia. Alvarellos Editora. p. 252. ISBN 84-85311-96-5.
- Barrera, F., ed. (2002). Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI (en castelán). El Correo Gallego. p. 461. ISBN 84-8064-113-4.
- Blanco García, Carmen (2002). Luz Pozo Garza: a ave do norte. Aberta. Ourense: Linteo. ISBN 84-931893-9-1. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 20 de abril de 2020.
- ——— (2006). "Luz Pozo Garza: Memoria radiante de una mujer solar". Arbor (en castelán) (CSIC). CLXXXII (720): 505–515. ISSN 0210-1963. doi:10.3989/arbor.2006.i720.46.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 121.
- Fernández, X. M.; Rabuñal, H. (1993). Luz Pozo Garza: Códice Calixtino (Curso de Orientación Universitaria). Baía. ISBN 84-87674-33-X.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. pp. 350–351. ISBN 84-7492-465-0.
- Gómez Sánchez, A.; Queixas Zas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. p. 267. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 20/04/2020.
- González Fernández, Helena (1997). Códice Calixtino de Luz Pozo Garza. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-108-0.
- López, A.; Pociña, A. (2014). Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza. Alvarellos Editora. ISBN 978-84-89323-89-6. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 20 de abril de 2020.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas [Das orixes a 1975]. Edicións A Nosa Terra. pp. 356–357. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. pp. 239–241. ISBN 84-7507-139-2.
- Noia, Camiño (2002). "Fonte de coñecemento". Crítica e autores I. Biblioteca Galega 120. La Voz de Galicia. pp. 344–345. ISBN 84-9757-097-9.
- Panero Menor, Carmen (1993). Códice Calixtino de Luz Pozo Garza. Edicións do Cumio. ISBN 84-87126-71-5.
- Sanjurjo, V. (1998). Entre la llum i l'ombra: l'obra poètica de Luz Pozo Garza (en catalán). Barcelona: Parsifal. ISBN 978-84-87265-87-7.
- Sanmartín Rei, Anxos (1994). Códice Calixtino, Luz Pozo Garza. Sotelo Blanco Edicións. ISBN 84-7824-208-2.
- Tarrío Varela, Anxo (1994). Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-778-1
- Vázquez Pozo, Mónica (2019). Leabhar Gabhála Éireann: reminiscencias de una relación intercultural entre Galicia e Irlanda (tese) (en castelán). UDC. pp. 230–252.
- Velasco, M. (1998-1999). "Luz Pozo Garza e o Códice Calixtino". Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (UNED) (6): 259–268. ISSN 1130-8508. doi:10.5944/rllcgv.vol.6.1998.5774.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 483–485. ISBN 84-8288-019-5.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 93–95. ISBN 84-8288-365-8.
- "Pozo Garza, Luz". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- "Pozo Garza, Luz". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Pozo Garza, Luz". Diccionario enciclopédico galego universal. La Voz de Galicia. 2003-2004. ISBN 84-7680-429-6.
- "Pozo Garza, Luz". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 132.
- VV. AA. (2019). En Trasalba moraron as palabras tutelares. Fundación Otero Pedrayo.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luz Pozo Garza |
A Galicitas posúe citas sobre: Luz Pozo Garza |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editarRexistro de Nós X. M. Álvarez Cáccamo, UVigo, 2013. |
- Luz Pozo Garza na páxina web da Real Academia Galega.
- Luz Pozo Garza na Biblioteca Virtual Galega.
- Entrevista de Literatura galega do s. XX IES Manuel García Barros.
Predecesor: — |
Vicesecretaria da Real Academia Galega 1997 — 2001 |
Sucesor: Salvador García-Bodaño |