Rúa

vía de circulación nunha área urbana
Para o concello ourensán, véxase A Rúa.

Unha rúa é un espazo urbano lineal habilitado para a circulación de persoas ou vehículos e dá acceso aos edificios e soares que se atopan a ambos os dous lados. No subsolo da rúa dispóñense as redes das instalacións de servizos urbanos aos edificios tales como rede de sumidoiros, auga potable, gas, rede eléctrica e telefonía.

Rúa da Raíña, na cidade de Lugo.

O espazo da rúa é de lonxitude indefinida, só interrompida polo cruzamento con outras rúas ou, en casos singulares, polo final da rúa, nunha praza, nun parque urbano etc.

Características

editar

Os trazos principais que asociamos a unha rúa nunha aldea, unha vila ou cidade son:

  • A rúa é unha vía ou camiño para ir dun sitio a outro da poboación. A rúa, tirante unhas poucas excepcións, é un espazo de circulación tanto de persoas como de vehículos.
  • A rúa é un espazo público urbano, é o soporte das actividades cidadás non privadas.
  • A rúa é lineal, a dimensión lonxitudinal predomina nela e nas infraestruturas asociadas (fileiras de casas, de árbores, de farois etc.) así como nas actividades sociais que nela teñen lugar como son as procesións, manifestacións, desfiles, feiras, mercados, romarías populares que se espallan ao longo das rúas.
  • Os edificios ou, no seu caso, os soares (futuros edificios) franquean a rúa, e con eles así mesmo envólvena as actividades asociadas: o comercio, os escaparates, a información, os reclamos publicitarios ou de todo tipo, así como a propia arquitectura, as esculturas, o deseño e unha serie de feitos ou manifestacións culturais, ou estéticas que teñen na rúa o seu escenario.

Gustavo Giovannoni dicía que as rúas que noutros tempos se usaban case exclusivamente para delimitar o espazo construído e dar acceso aos edificios, convertéronse, na cidade moderna, en colectores da circulación de vehículos e persoas, "...as rúas son os verdadeiros órganos do movemento das cidades". Ao fío desta reflexión, Giorgio Rigotti no seu Tratado de Urbanismo sinala que a definición da vía urbana pode ser expresada nos seguintes termos: As vías urbanas son franxas de terreo utilizadas principalmente polo movemento de vehículos e peóns e, en segundo termo, como elementos nos cales, quen confronta, teñen dereito de acceso e de captación de luz e aire. Así vemos como os edificios, maioritariamente, teñen acceso desde a rúa e sobre ela abren portais, fiestras e balcóns.

Termos relacionados

editar
  • Calella, tamén chamada calello, canella ou canellón, rúa moi estreita. O termo tamén pode referirse a un camiño estreito e fondo entre elevacións do terreo[1].
  • Bloque ou quinteiro, grupo de casas que forman un conxunto separado das outras do lugar ou da vila, casal, casar, casarío. O termo tamén se refere á praza ou terreo común no centro da aldea ou ao terreo ao redor da casa labrega no que están o hórreo, os alpendres, a horta etc.
  • Ruada, reunión de xente, polo xeral pola noite, para divertirse con cántigas e bailes, algueirada, carallada, chola, esmorga, festa, folía, foliada, gandaina, pándega, rexouba, riola, troula, trouleo, xolda. Tamén se refire ao percorrido que fan os mozos polas rúas bailando e botando serenatas[2].
  • Ruar, andar polas rúas paseando, enredando etc.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para calella.
  2. "Definición de "ruada" no Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2015. Consultado o 17 de novembro de 2015.