Nova narrativa galega
A etiqueta nova narrativa galega designa a produción dun grupo de narradores galegos que publican dende a década de 1950 e durante as seguintes dos 60 e dos 70, ata 1980, ano de publicación de Cara Times Square de Camilo Gonsar; segundo analiza Manuel Forcadela [1]. Porén, moitos persoeiros consideran que en realidade o movemento remata xa no ano 1971 coa publicación de Adiós, María por Xohana Torres.[2]
Adoitan considerarse integrantes seus tamén Xosé Luís Méndez Ferrín, Gonzalo Rodríguez Mourullo, María Xosé Queizán e Xohán Casal[3][1], aínda que algún expertos engaden máis autores. Carlos Casares, Xavier Alcalá e Lois Diéguez tamén contarán cunha primeira etapa creativa cuxa estética e procedementos encaixarán na Nova Narrativa Galega.[1]
Características
editarA prosa da nova narrativa galega supón unha innovación nas formas narrativas, a introdución de modelos culturais estranxeiros e unha ruptura coa concepción tradicional de novela. Incorporan procedementos técnicos e temáticos de autores coma William Faulkner, Franz Kafka, James Joyce, Marcel Proust, John Dos Passos, do existencialismo francés de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus e, moi especialmente, do nouveau roman; movemento do que toman o título. "Nouveau roman" tradúcese por nova novela, isto é, nova narrativa.[1][2][3]
Está protagonizada por escritoras/es novas/os con formación universitaria. Manteñen un compromiso coa lingua propia a través da súa práctica monolingüe en galego. Esténdese entre elas/es unha visión pesimista e desesperanzada da vida, froito da influencia da filosofía existencialista.[4] Comparten unha experiencia xeracional conxunta arredor da chamada "Xeración de 1957" (Millán Otero), "Xeración dos 50" ou "Xeración das Festas Minervais" (X. L. Méndez Ferrín). Pretenden superar os modelos establecidos pola Xeración Nós e por individualidades coma Cunqueiro ou Blanco Amor. Para logralo, rompen cos procedementos tradicionais da prosa, coma a linealidade do tempo ou o narrador omnisciente. Pola súa contra, optan por voces narradoras moi limitadas que simplemente plasman o que perciben, agochadas entre as personaxes ou mesmo converténdose nunha delas, polo que é frecuente o uso da primeira persoa, resultado da influencia do obxectivismo francés, así como tamén frecuentes usos do multiperspectivismo e pluralidade de narradores. Anúlase a cronoloxía lineal para dar entrada á cronoloxía vital, na que todos os planos temporais aparecen fundidos, recurrindo a analepses, prolepses, ucronía ou mesmo á paralización temporal.[1][4]
Introducen tamén técnicas doutras artes, tales coma o cine ou a música, cunha forte influencia da estética beat, o jazz ou o rock, vistas coma novidosas polos seus aires europeos e americanos, o que era moi infrecuente no ambiente da censura e illamento franquistas. Deste xeito, introdúcense trazos dunha certa "narración cinematográfica", xa desenvolvida por autores estranxeiros coma os xa nomeados William Faulkner e John Dos Passos. En boca dun dos integrantes do movemento, había un "devezo de renovación absoluta do relato, de acordo coas máis novas técnicas da ficción"[2] (Méndez Ferrín 1984).[4][1]
O desenvolvemento e estrutura dos personaxes vólvese crucial durante o curso da narración, polo que asenta con forza o uso do monólogo interior, mesmo plasmando pensamentos dun xeito bruto, sen elaboración previa ou posterior, de forma que reflicte a figura dos seus subconscientes, coma discursos mentais non pronunciados. Estas personaxes tenden a sufrir dificultades para a comunicación co exterior ou coa sociedade, chegan a ser antiheroes con riscos psicopáticos ou patolóxicos (loucuras, paranoias, esquizofrenias...), con personalidades desequilibradas ou traumatizadas, que moitas veces non logran distinguir entre soño e realidade. Decote as personaxes son obxectualizadas ou inhumanizadas, polo que o lector ten que explorar o seu subconsciente para descifrar as claves da súa conduta. Enfócanse coma reflexións sobre o absurdo da existencia, pois son figuras incapaces de gobernarse a si mesmas nin ao seu propio destino, chegando a vivir a realidade coma todo un pesadelo. Concíbese o ser humano coma un obxecto máis, normalmente moi degradado.[1][4]
Pola contra, o inanimado toma gran relevancia, sendo moitas veces descrito con minuciosidade, formando parte de contornas urbanas periféricas ou espazos claustrofóbicos, sórdidos ou enigmáticos, desbotando o ruralismo propio da literatura galega anterior. Este cambio de escenario vén acompañado dunha fuxida do realismo directo onde se ofrecen localizacións espaciais ambiguas que, aínda que poden ter conexión co real (v.gr. a Compostela dalgúns relatos de O crepúsculo e as formigas de Ferrín), non existen alén das mentes deformadas das personaxes.[1][3]
A temática concorda coas visións pesimistas propias do movemento, son frecuentes asasinatos, suicidios, a soidade, o illamento, amores insatisfeitos etc. En xeral, a violencia e as paixóns son as protagonistas. A morte e, moitas veces, o sexo convértense en ideas obsesivas nesta narrativa, que reflicten a tensión das relacións humanas e unha sociedade alienante. Enfócase todo isto dende unha contestación aos argumentos lóxicos e usuais, e chega a darse en ocasións unha negación da acción. É frecuente o erotismo e a sexualidade incorpórase coma un compoñente máis do labor literario.[4][1]
A linguaxe utilizada renega do enxebrismo, procura a universalidade dos textos escritos e encádrase nun galego protonormativo.
Historia da nova narrativa
editarOs integrantes do movemento naceran arredor da década de 1930, polo que non sufriron diretamente a Guerra Civil, mais si as súas consecuencias. Criáronse no sistema franquista, que impuña unha forte censura ás chamadas "linguas rexionais", coma era o caso do galego, e educaba a poboación nun marco ideolóxico nacionalcatolicista que bloqueaba o acceso a moitas correntes de pensamento, coma o marxismo. Porén, esta última repercute na xeración, que adopta unha perspectiva marxista para a interpretación da sociedade que impulsa o realismo social.[2][4]
Considérase que a corrente é iniciada por Gonzalo Rodríguez Mourullo con dous libros: Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956). Logo virán nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares ou María Xosé Queizán. Camilo Gonsar é outro dos autores salientables desta Nova Narrativa Galega. Nas súas obras crea un mundo moi persoal. Salientan entre elas Lonxe de nós e dentro (1961), Como calquera outro día (1969) ou Cara Times square (1980). Malia a brevidade da súa obra, tamén destaca Xohán Casal, que finou en 1960, aos 24 anos, cos seus mellores relatos recollidos no libro O camiño de abaixo (1970). María Xosé Queizán contribúe ao movemento con A orella no buraco (1965), novela obxectualista moi influenciada polo nouveau roman francés, aínda que posteriormente vai tomar outra derrota, abordando problemáticas sociais diversas coma a sida, a transexualidade, a homosexualidade etc. [1] Os seus integrantes son militantes activos do galeguismo cultural e político.[2]
Xosé Luís Méndez Ferrín achega libros de relatos coma Percival e outras historias (1958) e O crepúsculo e as formigas (1961), así coma tamén a novela Arrabaldo do Norte (1964), deste xeito convértese nun dos autores máis recoñecidos de toda a historia da literatura galega.
A estrutura xeralmente complexa e profunda das obras do movemento esixe un tipo de lector competente e activo (dificultades técnicas, temáticas...). Nas obras abundan reflexións filosóficas, simbolismos, un forte influxo do marxismo, o behaviorismo, o existencialismo e a psicanálise. Este trazo explica, en parte, o escaso éxito comercial da produción da nova narrativa galega.[1][4]
Prodúcese un paulatino afastamento da experimentación formal ata 1980, data na que o movemento xa foi superado.[4]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 González Avión, Isabel; Ínsua López, Emilio Xosé (2016). Lingua galega e literatura - 2º de bacharelato. Baía Edicións. ISBN 978-84-9995-197-3.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Bermúdez Montes, María Teresa. "Nova narrativa gallega y censura franquista" (pdf). Consultado o 15/04/2019.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Enciclopedia Historia Literatura Galega: Nova Narrativa Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 15/04/2019.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "A Nova Narrativa Galega". edu.xunta.es. Consultado o 15/04/2019.