Antón Avilés de Taramancos

escritor galego

Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos, nado en Boa (Noia) o 6 de abril de 1935 e finado na Coruña o 23 de marzo de 1992. Foi un escritor galego e membro destacado da chamada Xeración das Festas Minervais[1].

Antón Avilés de Taramancos
Estatua en Noia
Nacemento6 de abril de 1935
 Boa
Falecemento23 de marzo de 1992
 A Coruña
Causacancro
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e político
FillosLuis Avilés Baquero
XénerosPoesía
Coñecido/a porNova Crónica das Indias
PremiosPremio da Crítica de poesía galega
Na rede
Bitraga: 2616 AELG: 6 Dialnet: 4982200
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 2003.
editar datos en Wikidata ]

Para Ramiro Fonte a súa obra é considerada como "unha das mellores poéticas que podían suceder nunha Galicia necesitada de esperanza dos seus mellores homes" [2] e para Miguel Anxo Fernán-Vello, a súa poesía é "Un dos estádios máis brillantes da história literária contemporánea" [3]. En 2003 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. É pai do cineasta Luis Avilés Baquero.

Traxectoria editar

Infancia e xuventude editar

Fillo de Manuela Vinagre Fuentes, labrega, e de Severiano Avilés Outes, zapateiro de profesión e máis tarde mariñeiro. Ali naceron tamén os seus irmáns Guillermo (1940); José Manuel (1942) e Alfonso (1945). A primeira filla do matrimonio, Josefa, morrera con pouco máis de dous anos, en setembro de 1935. Dúas nenas máis e tres nenos naceron mortos[4]. Na casa natal convive ademais coa avoa materna, Josefa Fuentes Queiro, Pepa da Pastora, quen influirá decisivamente na formación da personalidade do poeta[5].

Fixo o bacharelato en Noia, e aos 15 anos de idade publica o seu primeiro poema, en lingua galega, na revista local Tapal editada por Manuel Fabeiro.

Na Coruña editar

Chegou á Coruña para facer estudos de náutica, alí foi decisiva a súa amizade con Urbano Lugrís González, Xohán Casal e Reimundo Patiño que influíron na súa concepción de Galicia e na súa ideoloxía. Desa época, Antón declararía o seguinte[3]:

"Habia que deixar-se pasar por persoaxes pintorescas -falar galego era pintoresco- e andar nas catacumbas á percura dalgunha persoa afin para contar as nosas cuitas ou os anguriantes proxectos de futuro".

Especialmente salientable foi a amizade que mantivo con Urbano Lugrís González, ó que o autor lle dedicaría varios poemas[6] e incluso un panexírico trala morte do poeta coruñés[7]:

“Sinto aínda o calor da sua grande man amparando-me. Agora que non sei onde andan o seus ósos, atropelados aínda despois da morte polo destino implacável, e sinto a preséncia afectuosa e imensa de Urbano Lugrís guiando a miña man para desvelar o mistério dun verso ou para abranguer unha paisaxe ida na que de súpeto cruza unha fragata e chega un arrecender antigo de mercadorias e de portos nocturnos nos que só el podia entrar e abrir-me as portas”

Neste tempo colaborou en revistas literarias como Aturuxo de Ferrol ou Quatro Ventos de Braga. Na revista Atlántida da Coruña publicou os seis poemas que constitúen As moradías do vento, e en 1959 publicou o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo e o poemario que enviou ao concurso literario organizado polo Grupo Brais Pinto, Pequeno canto para un peito xoven, que quedou inédito ata 1982. Participou na estrea da obra teatral de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca.

Na emigración editar

En 1961 emigrou a Colombia, alí permaneceu ata 1980, primeiro na Selva Amazónica e máis adiante na embaixada brasileira en Bogotá. Alí coñeceu a que se converteu na súa muller en 1970 e mais a Manuel José Arce y Valladares, embaixador de Guatemala, de orixe galega. Unha vez finalizado o contrato coa embaixada iniciou unha serie de traballos sen moito éxito ata que conseguiu un traballo como distribuidor de libros en Cali. A vida do poeta non sería fácil, así lle terá manifestado ó seu amigo Salvador García-Bodaño nunha carta datada do 28 de Xaneiro de 1970, que[2]:

“Unicamente a saudade me ten crucifixado. Non poido ter un día de festa,nen de acougo. Nos lugares máis fermosos onde pudera ter un intre de lediza, o nome de Galiza, dos amigos, acoitélame terrivelmente e vólvome aspro, duro, incomprensível.Non podo desfacer o nó dista forza cósmica”

Volta a Galicia editar

O 15 de agosto de 1980 regresou a Noia, rexentou unha taberna, a Tasca Típica, na que organizou recitais poéticos e dende a que organizou a Sociedade Cultural Catavento. Dous anos despois de regresar a Galicia, Avilés deu a coñecer O tempo no espello (1982), onde incluíu, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981). Pouco despois viron a luz Cantos caucanos (1985), produto das lembranzas colombianas do poeta, que lle valeu o Premio da Crítica española e chegar a finalista do Premio Nacional [8].

Presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1986), entidade pola que foi nomeado socio de honra en 1995.

Actividade política editar

Foi elixido concelleiro en Noia polo Bloque Nacionalista Galego, polo que ocupou o posto de concelleiro de cultura (1987–1991). Dentro da área municipal, desenvolveu unha intensa actividade como concelleiro de cultura, dotando á vila de Noia de centros tan notables como a Escola-Obradoiro de Noia, a Casa da Cultura (hoxe co seu nome), o Instituto de Formación Profesional e como propulsor de importantes actuacións culturais: Asociación Cultural Catavento, Xornadas de Teatro na Escola, Homenaxe a María Mariño, Xustas Poéticas do Barbanza, Normalización Lingüística do concello noiés, revista Barbanza, Mostra Artesanal de Noia (ARTESANOIA)[2]

Falecemento editar

O 27 de outubro de 1991 asinou Antón Avilés de Taramancos o seu testamento hológrafo[9]:

Pido que se me enterre en Boa, na sepultura onde está meu pai. Hai unha lápida de pedra… Pido que ela me cubra, e que se poña a seguinte inscripción: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS. POETA

Morrería pouco despois por mor dun cancro de ganglios linfáticos no Hospital Juan Canalejo da Coruña á idade de 56 anos[10], os seus restos mortais descansan no cemiterio parroquial de Boa[11].

Obras editar

 
A Nao do Ar, obra de Alfonso Costa, en Noia.

Poesía editar

Narrativa editar

Ensaio editar

 
Placa.

Teatro editar

  • Tres capitáns de tempos idos (2003, Xerais).

Obras colectivas e antoloxías editar

  • VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado).
  • Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Ediciós do Castro).
  • Obra poética. Antoloxía (1997, AS-PG e A Nosa Terra), por Xosé María Álvarez Cáccamo.
  • Antoloxía (2003, Galaxia), por Ana Romaní.
  • Antoloxía consultada da poesía galega 1976–2000 (2003, Tris Tram), por Arturo Casas.
  • Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003, Espiral Maior).
  • Poemas pola memoria (1936–2006) (2006, Xunta de Galicia).
  • Tamén navegar (2011, Editorial Toxosoutos).

Traducións editar

Notas editar

  1. Monteagudo, Henrique (2021). O idioma galego baixo o franquismo. Ed. Galaxia. ISBN 978-84-9151-780-1. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Alonso Montero, Xesús; Barreiro Fernández, Xosé R.; García-Bodaño Zunzunegui, Salvador (2003). "Antón Avilés de Taramancos". Boletín da Real Academia Galega 364: 167. ISSN 1576-8767. 
  3. 3,0 3,1 Marco, Aurora (2003). Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura. Toxosoutos. ISBN 84-95622-84-X. 
  4. Álvarez Cáccamo, Xosé María (2003). Vida de Antón Avilés de Taramancos. Ed. Galaxia. ISBN 84-8288-591-X. 
  5. Sánchez Palomino, Dolores. "Antón Avilés de Taramancos". Real Academia Galega. Consultado o 11/08/2023. 
  6. Os poemas da ausencia. O tempo no espello. Ed. do Castro. 1982. 
  7. Seara, Teresa (17/03/2003). "Antón Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís: Unha amizade marítima". Casa da Gramática. 
  8. "Antón Avilés de Taramancos". Biblioteca Virtual Galega. Consultado o 12/08/2023. 
  9. "Antón Avilés de Taramancos". Agrupación cultural Alexandre Bóveda. Consultado o 11/08/2023. 
  10. Marco, Aurora. "Antón Avilés de Taramancos: vida e poesía". Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 11/08/2023. 
  11. Romaní, Ana (2010). "Antón Avilés de Taramancos" (PDF). Consultado o 11/08/2023. 
  12. "[A] Obra viva". Biblioteca da Tradución Galega. Consultado o 11/7/2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Vídeos externos
  Dolores Sánchez Palomino sobre Avilés de Taramancos.

Ligazóns externas editar