Abrir o menú principal

O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca

Obra dramática de Álvaro Cunqueiro

O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca é unha obra dramática de Álvaro Cunqueiro publicada en 1958 por Galaxia.[1]

O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1958

Foi estreada polo Centro Dramático Galego en 1991.[2] Sarabela Teatro representouna en 2010.[3]

EdiciónsEditar

Foi reeditada por Galaxia en Don Hamlet e tres pezas máis (1974),[4] engadindo unha escena ao texto orixinal. A 5ª ed. é de 1986 e a 9ª, titulada Don Hamlet, de 2003, ISBN 978-84-7154-489-6. Tamén aparece en Obra en galego Completa I (1980)[5] e en Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo. 1932-1968 (2013), todas en Galaxia.[6]

Foi traducida ao castelán[7] como El incierto señor don Hamlet y otras piezas dramáticas (1992, Destino), tradución de Basilio Losada. E ao asturiano[8] como Don Hamlet y otres pieces de teatru (2003, Ámbitu), tradución de Pablo Antón Marín Estrada.

CaracterísticasEditar

É a peza dramática máis coñe­cida de Cunqueiro, a máis longa e a primeira en aparecer. Partindo da traxedia de por William Shakespeare nos arredores do ano 1600, Cunqueiro procede a unha nova lectura do personaxe e dos seus problemas. Na obra explícase o mito de Hamlet ligado ao de Edipo.

Segundo a interpretación do noso autor, Hamlet non mata ao seu tío, senón ao seu pai verdadeiro, o Usurpador. Hamlet revélase como froito dun adulterio, educado por aquel a quen cre seu pai para a vinganza e o parricidio e abocado a unha relación incestuosa coa súa nai. Hamlet decátase de que a súa vida é tan só unha vinganza artellada por outro. Todo este fra­caso vital lévao ao suicidio.

Ao presupor o previo coñecimento do referente de Shakespeare, esixe do público unha actitude activa (como sucede tamén no lector da súa narrativa). Sen merma da profundidade simbólica, o humor e a ironía están presentes mesmo nas es­cenas máis graves.

O autor explica na introdución:

"Benvidos a Elsinor! Para min a pergunta que fai o príncipe, recollendo coa man esquerda a longa cola do seu manto mouro, namentres coa destra aloumiña a propia pálida fronte, é esta: -Pode un home, ao mesmo tempo, ser e non ser? Cantos homes son percisos, no escuro, pra faguer na luz un soio home verdadeiro? Esta é a custión, a caguña, o nó. Aguí fago eu falar a Hamlet, príncipe real de Dinamarca. Aquí fago falar ao home. Hai moito tempo que andan polos teatros as dúbidas, tamén os medos, e a crudel morte de Hamlet. Hai, pra o espeitador, por decilo di algunha maneira, uns supostos hamletianos. Esto, e todo o que teño gostado del, ouvindo en Shakespeare como falaba nas estancias de Elsinor, faime preferir para a mina pergunta e a miña resposta, o vello nome, a antiga escea, a un nome e unha escea tirados do meu maxín. Axeito agora en Hamlet, nesa ponla, de abidueira si querés, que o vento abanea, e no irado castelo de Dinamarca, as miñas teimas, comodamentes coma noutrora axeitei no vello Merlín, pelengrín polos camiños do pais noso, o meu amor ás maxias e ao miragre. I esto vai ben así, ben me decato, porque eu creo mos mitos. Non refago, non modernizo, nin dilucido o mito Hamlet. Conto, por dedentro, unha historia que quizaves aconteceu. Todo o máis, digo, eu son agora mesmo un daqués soldados que chegan a Elsinor con Fortimbrás, anunciados por solenes pólvoras militares, cando aínda están na sala do castelo os cadavres. El Rei, a Raíña, Hamlet, en fin. Un alabardeiro eu son, quizais, ou un arqueiro montado, que pousa nun rincón as súas armas pra axudar a levar os cadavres dos coroados e do herdeiro ao camposanto. E pergunto a uns e a outros, a parentes e amigos, o gallo daquela mortandade, i escoito a diversos a historia e os seus lances, e moito tempo despois, que xa vou vello e canso, e non sirvo mais que pra irlles a mercar un neto de viño ou un xerro de cerveza aos cadetes da garda da Torre da Boutre, unha noitiña de inverno, quentándome ao lume no adro cuberto, póñome a contar a traxedia que alí, onde son as outas paredes que afalaga a hedra vizosa, aconteceu. E pódeseme estorbar que a haxa ido eu adubiando ano a ano, madurecéndoa no meu pensamento, tendendo fíos deste alfinete ao outro, rememorándoa a resoñándoa a traxedia aquela, rememorándoa a resoños, a pálpitos, a sospeitas, e pondo naquel dubidante e delorido que alí pasa, Hamlet amigo, amor e confidencia, e no todo aspra xenreira e noxo? Digo eu.[9]"

ContidoEditar

 
Escultura do autor coa catedral de Mondoñedo ao fondo

Dramatis personaeEditar

  • El Rei Halmar de Dinamarca
  • A Raíña Gerda
  • O Príncipe Hamlet
  • Ofelia
  • Laertes, seu irmán
  • Poloño, pai de ámbolos dous
  • Pantalone
  • Escaramuza
  • Arlequín
  • Doña Guglielma
  • Colombiña
  • Malar, estudante
  • Outros estudantes
  • O coro: xentes, sombras e voces de Dinamarca

Explicación da acciónEditar

"Esta peza ten por escenario o castelo que chaman de Elsinor, no reino de Dinamarca, que é unha floresta salvaxe... Elsinonor máis ca un castelo é unha cidade. Ten un peirao defendido por catro torres... Son donos de Elsinor, e reinan dende fai moitos séculos en Dinamarca, nos días desta peza, uns que se chaman os Hardrada... El Rei era xusto, baixaba ao peirao a ollar as naves, levando da manciña a Hamlet, o meniño real... Pro estaba en damasía mesto con ouro, con treicións, con medo, o sangue dos Hardrada, e cando coidaron as xentes do país que viña un tempo novo, vue, dun golpe, en menos de dous anos, a caída da estirpe no crime. Un, o derradeiro Hardrada, tivo noxo de vivir. E a semente agora vai perdida...[10]"

Halmar é o rei de Dinamarca, é o "Usurpador", porque seu irmán o Rei vello morreu envelenado. Gerda é a raíña, muller agora do Usurpador. Hamlet é o príncipe de Dinamarca.

Poloño é o gardaselos da coroa, os seus fillos son Ofelia e Laertes. Ofelia é a namorada de Hamlet.

Pantalone, Escaramuza, Arlequín, Doña Guglielma e Colombiña son uns cómicos italianos.

O coro ten un papel moi importante na peza.

Primeira xornada (4 escenas)Editar

No castelo de Elsinor fala o coro e bótalle a culpa de todos os males ao vento que castiga o castelo. Tamén dialoga o coro con Halmet, acláralle que seu pai, O Rei vello, que morreu na guerra de Bohemia envelanado por seu irmán O Usurpador, en realidade non é seu pai, o seu pai é o Ururpador que xa antes tivera amores coa raíña. Laertes tamén lle conta a Hamlet que o Rei vello sabía a verdade do fillo que non era fillo, aínda así, criouno e agarimouno porque era a súa arma de vinganza no futuro. Entra tamén Ofelia, dialogan sobre o amor e Hamlet non pode apartar da súa mente a imaxe da súa nai Gerda que traicionou o rei, o seu suposto pai.

Segunda xornada (cinco escenas)Editar

Poloño aconsella os estudantes que marchan e despídese de Laertes, que tamén parte. Despois dialoga coa raíña Gerda. Ela conta como chegou á corte de nena e os comportamentos que viu na Raíña vella. Como tivo que decidir, ela mesma comprou o veleno, dubidou a cal dos dous envelenar e preferiu que fose o máis nobre. E ramata: "a ese único testigo que chaman Hamlet hieno meter no meu colo". Chegan cantando os cómicos de Italia. Hamlet cóntalles a Ofelia, Gerda e Poloño que escribiu unha peza teatral e vai ser representada polos cómicos, eles preguntan de que vai tratar. Hamlet di:

"Algún dirá tamén: o que paga descansa! I entón, señora, eu bicándovos a man, direivos: descansemos, ña nai, que xa é hora de durmir en Dinamarca.[11]"

Terceira xornada (9 escenas)Editar

Os cómicos comezan a represenación, aínda que gustarían máis de representar a traxedia de don Gaiferos. Entra Hamlet e comeza a dirixir a representación, intervén Ofelia. Cando se representan os amores de Halmar e Gerda entran en escena eles que van comentando a acción e dando outra versións dos feitos. Insisten en que o Rei vello o sabía todo e Hamlet sería a súa vinganza. Ela confesa a decisión do veleno real. Nun momento Hamet colle a espada dun actor e atravesa a Halmar que cae morto. Gerda fala co fillo e proponlle seguir de raíña, acollerse a vellos costumes en que nai e fillo poden casar. Mais Hamlet ten que seguir coa súa vinganza e crava un puñal no seo que o criou: "Non mandache matar por se fidel? Non me mandache matar por ser fidel?".

Hamlet dispón con Poloño os funerais, pon ao pescozo un lazo e guíndase desde o alto dunha torre dicindo:

"Nunca deixaron entrar en Elsinor o vento. Unha medida real, Poloño. Un decreto supremo. Pono por escrito. Dende hoxe o vento pode entrar nas estancias de Elsinor. El Rei Hamlet non lle ten medo ao vento que ouvea fóra. Dille a Ofelia que digo Ofelia ao morrer. Fan agora tan ásperos espartos![12]"

E remata o coro: "... dunha cama de pecado, saen estas desgracias... Deus te salve, Hamlet!"

Notas (do autor)Editar

"Esta peza foi escrita no outono de 1958... Eu tíñalle dado moitas voltas no maxín á traxedia de Shakespeare, e din na teima de que había algo máis fondo do conto que non tiña sido usado polo dramaturgo inglés... E un día veume, coma un lóstrego, a revelación: o Usurpador era o verdadeiro pai de Hamlet. Entón, todo cadraba millor. Entón tamén cadraba que a raíña de Dinamarca, a nai de Hamlet, se procurara unha salvación da vinganza do fillo, unha salvación dada, dunha vinganza que a Hamlet se lle tiña pedido, ou que el mesmo maxinara... Cadraba todo: a morte do pai e as vodas coa nai. Estabamos con Edipo, pois, e cunha forma da máis famosa das lendas que predican do home, que contan do home que pra selo matou a seu pai e casou con súa nai... Entón, esta peza nace coma unha explicación máis -pro como a explicación que en certo modo podemos decir "eterna"- dun suceso chamado Hamlet...[13]"

NotasEditar

  1. López Hortas, Paula. "La realidad soñada de «O incerto Señor Don Hamlet príncipe de Dinamarca»" (en castelán). Centro Virtual Cervantes. Consultado o 21/7/2019. 
  2. "CDG: Temporada". Centro Dramático Galego. Consultado o 21/7/2019. 
  3. "O INCERTO SEÑOR DON HAMLET – Sarabela Teatro". sarabelateatro.com. Consultado o 2019-08-06. 
  4. Cunqueiro, Álvaro (1974). Don Hamlet e tres pezas máis. Galaxia. ISBN 84-7154-214-5. 
  5. Cunqueiro, Álvaro (1980). Obra en galego completa. Poesía.teatro I. Galaxia. ISBN 84-7154-358-3. 
  6. "Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo. 1932-1968". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-04. 
  7. "El incierto señor don Hamlet y otras piezas dramáticas". Consultado o 20/6/2019. 
  8. "Don Hamlet y otres pieces de teatru". Consultado o 20/6/2019. 
  9. Cunqueiro 1974, p. 11-12.
  10. Cunqueiro 1974, p. 14-16.
  11. Cunqueiro 1974, p. 57.
  12. Cunqueiro 1974, p. 86.
  13. Cunqueiro 1974, p. 87.

Véxase taménEditar