Adulterio é ter relacións sexuais consentidas unha persoa casada fóra do matrimonio. Nalgúns países unha persoa solteira que mantén relacións sexuais cunha persoa casada tamén é considerada adúltera. Un matrimonio no que os cónxuxes consideran aceptable teren relacións sexuais fóra do matrimonio denomínase matrimonio aberto e non se consideran adúlteros aínda que nalgúns países si que o poidan ser legalmente.

Muller adúltera, obra de Daniel Hopfer
Muller adúltera na Fachada das Praterías en Santiago de Compostela

Historicamente o adulterio estaba castigado severamente, incluída mesmo a pena de morte, tipicamente o apedramento. Na actualidade o adulterio é aínda ilegal nalgúns estados como en Corea do Sur e Taiwán e en boa parte dos países musulmáns. En Galicia, como no resto de España, o adulterio estivo penalizado ata o 19 de febreiro de 1978. Segundo a lei 2/2006 de dereito civil de Galicia o adulterio é unha das causas polas que se pode desherdar sempre que fose reiterado ou grave.