María Mariño

escritora galega

María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel (Folgoso do Courel) o 19 de maio de 1967, foi unha escritora galega do século XX⁣. Encadrada na xeración do 36, a pesar da súa con escasa obra (poética en galego e narrativa en castelán) foi reivindicada para a literatura galega pola xeración Brais Pinto, especialmente por Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín. Da súa autoría son Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990).[10] Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 2007, co que foi a terceira muller homenaxeada con ese recoñecemento despois de Rosalía de Castro no 1963 e Francisca Herrera Garrido no ano 1987.

Modelo:BiografíaMaría Mariño

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinalMaría Mariño Carou
Biografía
Nacemento8 de xuño de 1907 Editar o valor en Wikidata
Noia, España Editar o valor en Wikidata
Morte19 de maio de 1967 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Seoane do Courel, España Editar o valor en Wikidata
Causa da morteleucemia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Seoane do Courel 
Educación(sen estudos universitarios)
Actividade
OcupaciónCostureira
Período de actividade1957-1967 [1]
Xénero artísticoPoesía e narrativa
Movementointimismo,[2] xeración do 36 [3][4]
Influencias
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeRoberto Pose Carballido [8] Editar o valor en Wikidata
FillosRoberto Pose Mariño (1946-†1946) Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1356376 BUSC: marino-carou-maria-1907-1967

Traxectoria

editar

Foi a cuarta dos cinco fillos de Xosé María Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira,[11]: María de la Concepción (1898), Emilio (1901), Cándido (1902), María (1907) e Asunción (1908).[12] A súa infancia e xuventude estiveron marcadas polas dificultades económicas da familia. En Noia recibiu uns poucos anos de escola coas monxas e logo traballou como costureira polas casas. Posteriormente trasladouse a Escarabote (Lampón, Boiro), onde unha parente súa, Consuelo, traballaba de cociñeira no Pazo de Goiáns, que tiña unha boa biblioteca e onde accedeu a algunhas lecturas,[13] aínda que Esperanza Mariño (2007) o desmente.[14]

 
Busto en Noia, obra de Soledad Penalta.

Ao pouco de iniciarse a guerra civil española marchou a Berango, Biscaia, onde vivía a súa irmá máis vella, Concha, casada cun mariñeiro vasco. Trala conquista desa zona polas tropas franquistas, regresou a Boiro, onde impartiu clases a nenos. Alí coñeceu o mestre compostelán Roberto Pose Carballido, que tiña escola en Escarabotiño, co que casou na igrexa de Santiago de Lampón o 31 de maio de 1939.[8] El tiña 24 anos e ela estaba a piques de cumprir os 32.

En 1943 marcharon a Arzúa, e despois regresou a Biscaia, ao ser destinado el a Elantxobe no curso 1945-46. Desde alí aproveita para visitar a familia, que se trasladaran de Berango e agora viven en Algorta, Getxo. Regresa a Galiza estando embarazada, para dar a luz nas Casas Baratas das minas de San Fins (Vilacova, Lousame), pois contaba con asistencia médica ao traballaren alí o seu irmán Emilio, mecánico, e maila súa nai, Filomena, xa viúva. Alí, con trinta e nove anos cumpridos, deu a luz o 6 de setembro de 1946 a un fillo, Roberto Pose Mariño, que morreu o 10 de outubro dese mesmo ano a causa dunha gastroenterite aguda.[15]

 
Casa escola de Parada do Courel, onde viviu María Mariño.

O seu marido foi destinado a Romeor, Esperante, e despois trasládanse por consello médico a Parada do Courel, a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Alí botou os restantes anos da súa vida, agás algunhas vacacións en Noia, Monforte de Lemos e A Coruña.

En maio de 1967 faleceu na comarca da montaña luguesa, a causa dunha leucemia. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.

Creación literaria

editar

A mediados dos anos cincuenta, María Mariño comezou a escribir poemas, primeiro en castelán e logo en galego. Despois, no contorno do Courel, coñeceu o poeta Uxío Novoneyra que promoveu a publicación destes versos. Palabra no tempo editouse no ano 1963 na colección Tesos cumes de Ediciones Celta, Lugo,[6] con limiar de Otero Pedrayo e ilustracións de Raimundo Patiño.[16]

[sic] Na peculiar vivencia de María Mariño o seu ser individual non se funde cun Ser total, cunha sorte de Deus. Non se trata pois dunha unio á maneira dos místicos españois do Século de Ouro da sua literatura. É, polo contrario, a materia o elemento total que sorbe o ser persoal de María Mariño e o "come" somete e aniquila

—  Xosé Luís Méndez Ferrín.[3]

 
Tumba en Seoane do Courel.

Sen apenas relación no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.[17][18]

27 anos despois, en 1990, e 23 logo do falecemento, os poetas Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos promoveron unha edición dos seus últimos poemas. O volume, titulado Verba que comenza,[7] rematado pola poeta en marzo de 1967, dous meses antes de morrer, foi publicado polo concello de Noia, cun estudo de Carmen Blanco García. A súa poética é radicalmente intimista, cunha linguaxe rupturista.

[sic] Foi a primeira poeta mística de Galicia. Unha mística sin dogma con todo o patetismo que dá a inminencia da propia morte e máis cando ésta é prematura

—  Uxío Novoneyra.[1]

Escribiu, amais, dous textos narrativos en castelán: Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra, obra desaparecida, coñecida só pola mención feita por Novoneyra, e Más allá del tiempo, de 1965,[19] desaparecida durante máis de cuarenta anos, atopada e publicada en 2007 por Alvarellos Editora, editada por Helena González Fernández.[20]

Recoñecementos

editar

As homenaxes nas revistas Dorna e Carabela de Xiada, a realizada na vila de Noia en 1983, a da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a inclusión en antoloxías e as análises críticas da súa obra, contribuíron a situar no lugar que lle corresponde a obra desta poeta.[4]

En plenario do 7 de xullo de 2006, os membros da Real Academia Galega decidiron dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2007.

Foi homenaxeada no Día das Galegas nas Letras de 2024: a plataforma de crítica literaria A Sega nomeouna Señora das Letras 2024.[21]

Listaxe da obra

editar

Poesía (en galego)

editar

Narrativa (en castelán)

editar

Compilacións

editar
  • Obra completa (1994, 2006, Xerais), edición de Victoria Sanjurjo Fernández.[22]
  • Antoloxía poética (2007, Galaxia), édición de Patricia Arias Chachero.[23]
  1. 1,0 1,1 Novoneyra, Uxío (maio de 1982). "Noiesa do Courel, dinamiteira da fala". A Nosa Terra (189-190). 
  2. Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Editorial Galaxia. p. 278. 
  3. 3,0 3,1 Méndez Ferrín, X.L. (1984). De Pondal a Novoneyra. Xerais. pp. 95–97. ISBN 84-7507-139-2. 
  4. 4,0 4,1 Marco, A. (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. pp. 259–260. ISBN 978-84-8341-146-9. 
  5. Vilavedra, D., ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Galaxia. pp. 363–364. ISBN 84-8288-019-5. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Imaxe da portada de: Palabra no tempo de María Mariño. Coleución Tesos Cumes Ediciones Celta. Lugo. 1963.
  7. 7,0 7,1 7,2 Imaxe da portada de Verba que comenza libro de homenaxe.
  8. 8,0 8,1 Mariño, Esperanza 2007, páx. 18.
  9. Romaní, A. (2006). "Dinamiteira da Fala. Unha desas creacións insólitas da literatura galega" Álbum de Mulleres, CCG.
  10. "Mariño Carou, María". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1311. ISBN 978-84-8288-942-9. 
  11. AgraFoxo 2007, páx. 16.
  12. Mariño, Esperanza 2007, páx. 16.
  13. Villar Janeiro, Helena (17/4/2006). "María Mariño Carou". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 25/04/2017. Consultado o 25/04/2017. 
  14. Oliveira. V. (15/3/2007). "Segundo Esperanza Mariño a biblioteca onde a noiesa contactou coa paixón da lectura é un mito". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 25/04/2017. Consultado o 25/04/2017. 
  15. AgraFoxo 2007, páx. 94, reproduce a acta de defunción.
  16. Alvarellos, Enrique (1993). Mulleres destacadas de Galicia. Alvarellos. p. 193. ISBN 84-85311-96-5. 
  17. Véxase o limiar, de Darío Xohán Cabana, en Mariño Davila, Esperanza (2007). Dicionario María Mariño
  18. "Mariño Carou, María". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 274. 
  19. 19,0 19,1 Fonte, Ramiro (2005). "Mariño Carou, María". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8. 
  20. González, Paula (15/2/2007). "Los enigmas de María Mariño". El País (en castelán). 
  21. "A poeta María Mariño, nomeada Señora das Letras 2024". Nós Diario. 2024-04-03. Consultado o 2024-04-04. 
  22. "Ficha da 2ª ed. da Obra completa, na páxina web de Xerais". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  23. Ficha de Antoloxía poética en Culturagalega.org. CCG

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
Multimedia externa
Imaxes
  Fotografía en Parada do Courel, 1960[1]
  Fotografía do enterro de María Mariño
Gravacións de son
  "Vogar" interpretado por Uxía Senlle.
Vídeos
  A flor das raparigas en sombra de M. Forcadela.[2]
  Galicia letra a letra por Rosario Álvarez Blanco

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  1. Na imaxe aparecen Novoneyra, María Mariño, Saleta Goi (muller de Manuel María), Manuel María e Roberto Pose.
  2. Interveñen, entre outros, Anxo Angueira, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marga do Val, Román Raña, Ana Romaní, Xabier Xil Xardón e Mon Santiso.