Boiro
Boiro é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Barbanza. Segundo o IGE no 2014 tiña 19.060 habitantes (19.165 no 2012, 19.106 no 2011, 19.079 no 2010). O xentilicio é boirense[1] ou boirés.[2] O topónimo ten unha orixe discutida, probabelmente prerromana ou xermánica.[3]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Boiro de Arriba | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 18.984 (2023) (220,74 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 86 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 32 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | José Ramón Romero García | ||||
Eleccións municipais en Boiro | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15930 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15011 | ||||
Páxina web | boiro.org |
Xeografía
editarO concello de Boiro está situado no sueste da comarca de Barbanza, e ocupa uns 86 km².
Orografía
editarA altitude media sobre o nivel do mar é de 32 metros e existe unha estreita franxa litoral na que se asentan a maior parte dos núcleos de poboación. Nos cumios de Fontefría supéranse os 600 metros. A cordilleira do Barbanza atravesa o municipio de norte a sur. Nas áreas montañosas o chan está sometido a continua erosión e son xeralmente pouco propicios para o cultivo debido á súa pendente e escasa profundidade. Na área litoral os chans son máis profundos e ricos en materia orgánica, moi aptos para a agricultura.
Hidrografía
editarO río máis importante do municipio é o río Coroño, o de maior caudal da serra do Barbanza, que se dirixe de norte a sur e desemboca en Ponte Goiáns. Outros ríos de menor entidade son o Brea, Grande, Barbanza (que desemboca na Pobra do Caramiñal) e o Beluso que nace no monte Muralla, entre Lousame e Rianxo). Todos eles son cursos curtos, que teñen superar desniveis de até 600 metros, debido á proximidade da serra ó mar, polo que teñen un gran poder erosivo.
Costas
editarA costa que bordea o municipio ten uns 37 km de lonxitude. Fundamentalmente é baixa, areosa e salpicada de pequenas agrupacións rochosas. Iníciase na punta de Escarabote e remata na desembocadura do río Beluso.
Demografía
editarCenso total (habitantes) | 19.060 (2014) |
Menos de 16 anos | 2.845 (14.93 %) |
Entre 16 e 64 anos | 12.436 (65.25 %) |
Máis de 64 anos | 3.779 (19.83 %) |
Evolución da poboación de Boiro Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
8.953 | 10.505 | 12.570 | 17.288 | 18.302 | 18.883 | 19.106 | 19.165 | 19.144 | ||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Evolución da poboación boirense dende principios do século XX ata 2010:
Historia
editarPaleolítico
editarEstudos e achados amosan que xa no Paleolítico inferior existía vida humana en Boiro, o que o converte nun dos poboamentos mais antigos de Galicia. No concello de Boiro encóntrase unha das concentracións máis significativas de monumentos megalíticos da comarca, existindo escasos paralelos no resto da comunidade. Os máis soados son O Outeiriño Redondo, A Casota do Páramo, A Arca do Barbanza, Armadoiro, Pedra da Xesta, Cavada Primeira e Segunda, Casarota do Fusiño e A Necrópole da Amañecida.
Idade de Bronce
editarAs últimas investigacións que se acometeron na comarca poñen de manifesto que se trata dunha das zonas con maior presenza de petróglifos. No caso concreto do concello de Boiro, destacan A Cabra de Cubeliño, próximo ó lugar de Quinteiro, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. A súa presenza xa foi mencionada nas obras de Castelao sobre As cruces de pedra na Galiza.
Outros conxuntos de gravados da arte rupestre son os situados en Vitres, Macenda, Confurco, Agüeiros, ou os petróglifos de Chan dos Reis ou de Pedra da Bouza, tamén son destacables os de Bealo, amplo conxunto con múltiples representacións cerca da capela de San Ramón de Bealo.
Idade de Ferro
editarUn dos poboados castrexos máis emblemáticos da Idade de Ferro galaico son os castros do Neixón, situados na península do mesmo nome, na parroquia de San Vicenzo de Cespón. O conxunto arqueolóxico está formado por dous castros, o Castro Pequeno (VI-IV a. C.) e o Castro Grande (IV a. C.-III/IV d. C.) que foron importantes enclaves de intercambio e comercio de mercadorías. Destaca entre outras moitas circunstancias, por ser un dos castros máis antigos (Castro Pequeno) do NW peninsular. Na actualidade estanse realizando intervencións arqueolóxicas con fins científicos, asumidos polo Instituto Padre Sarmiento, dependente do CSIC; á par estase executando unha posta en valor do sitio, adecuándoo para que sexa visitable; e dotouse dun centro de interpretación nas inmediacións: Centro Arqueolóxico do Barbanza Castros de Neixón.
Outro sitio de interese é o Castro do Achadizo, que se localiza nunha pequena península sita na marxe setentrional da ría de Arousa, a unha altitude de 5 m sobre o nivel do mar; nun lugar ocupado hoxe en día pola vila de Cabo da Cruz. Os traballos de apertura dunha nova rúa en 1991, fixeron que saíra á luz parte das estruturas habitacionais, así como un conxunto importante de restos materiais.
Existe outra serie de asentamentos castrexos na zona de Boiro, como son o Castro de Amoureira ou o Castro de Goritas, pero sen apenas tradición historiográfica, e que non foron intervidos arqueoloxicamente, agás as prospeccións pertinentes.
Imperio Romano e Idade Antiga
editarAs distintas interpretacións feitas sobre a Calzada Romana de Vitres consideran que se trata dun treito da Calzada que formaría parte da vía XX (per loca maritima) do itinerario de Antonino, variante da vía XIX pero situada ao longo da costa atlántica do NW, cunha extraordinaria importancia económica, definida pola intensa actividade mineira, e o extraordinario papel comercial que permitía ter comunicados os núcleos costeiros cos interiores.
As referencias á calzada romana do Monte de Vitres (López Ferreiro) fan alusión ao acuartelamento da Legio VII Victrix na contorna, o que quedaría fixado na toponimia da zona como Castelo de Vitres. Outros anacos desta estrada podemos vela en Belles de Arriba e Belles de Abaixo.
Malia a eiva de datos empíricos nestes intres, é probable que nos atopemos ante unha calzada romana fosilizada ou substituída por un rueiro medieval, atendendo a datos como os restos arqueolóxicos conservados, que manifestan que se trata dun asentamento medieval, así como o topónimo: Castelo. O posible contexto de fundación do Castelo de Vitres sexa finais da Alta Idade Media, momentos que corresponden cunha alta inestabilidade e conflitividade política militar coas invasións normandas, viquingas e sarracenas. Neste contexto adóptanse unha serie de medidas co fin de protexerse destes ataques, e unha delas é a construción dunha serie de torres con fins de vixilancia, protección e defensa contra os asediadores. Como resultado destas medidas constrúense as Torres de Oeste en Catoira, as fortificacións de Ponte Sampaio ou a Lanzada, e posiblemente o Castelo de Vitres, que posúe un amplo control visual sobre parte da ría de Arousa.
Idade Media
editarDesta época data a división administrativa en parroquias que fixa as súas raíces no reino suevo, que perdura até a actualidade, e que podemos clasificar como parte do patrimonio inmaterial.
En Boiro hai oito parroquias: San Cristovo de Abanqueiro, San Ramón de Bealo, San Vicenzo de Cespón, San Xoán de Macenda, Santa Baia de Boiro, Santa María do Castro, Santiago de Lampón, Santo Andrés de Cures. Cada unha delas dispón dun conxunto monumental impresionante e único, do que dan fe as distintas igrexas, igrexarios e casas reitorais.
A igrexa parroquial de San Cristovo de Abanqueiro é de fábrica románica.
Outra das evidencias da Alta Idade Media en territorios boirense atópase nas inmediacións do núcleo de Abanqueiro, onde se conserva un sartego (sepulcro antropoide) que dadas as características que presenta podería ser máis antigo que a propia fundación do templo de San Cristovo de Abanqueiro, que se estima ao longo do século XIII.
Unha interesantísima testemuña da historia de Boiro é a Torre de Goiáns antiga fortaleza medieval que pertenceu ós Mariño, unha das liñaxes de primeiro rango nobiliario da Costa Galega. Talvez da mesma época sexa a Torre dos Cóengos no lugar de Cabo de Cruz, hoxe moi desfigurada polas transformacións que sufriu.
Século XVI e sucesivos
editarNo século XVI xorden en Boiro pazos e casonas propiedade dunha nobreza fidalga que seguía exercendo o control sobre as comunidades rurais dos seus antigos señoríos. Destacados exemplos son os de Fonteneixe, pazo excepcionalmente restaurado localizado no Camiño Real (Boiro) que posúe unha completa pinacoteca de artistas galegos. Agueiros, pazo que se topa en Abanqueiro tan inmortalizado nos cadros de Roberto González del Branco; o pazo de Vilariño, a casa de Vimieiro e a Granza do Esteiro. Esparexidas por todo o termo municipal podemos atopar un bo número de casas brasonadas: casa da Tenencia (Camiño Real de Boiro), Casa priorado de Cespón... ou máis humildes como as casas asoportaladas no lugar de Abanqueiro que son verdadeiras obras de arte testemuñas de tempos pretéritos.
Cultura
editarToponimia
editarSegundo J. M. Piel, o topónimo Boiro ten orixe xermánica, a través de burio, borio, referíndose a un recinto pechado, alpendre ou curral para o gando,[4] relacionado co nome do pobo xermánico dos burios,[5] os cales entraron na Gallaecia xunta os suevos.
Patrimonio arquitectónico
editarArquitectura relixiosa
editarA arquitectura relixiosa tamén ocupa un lugar destacado no patrimonio cultural boirense. Moitas son as igrexas, capelas e ermidas localizadas nestas terras, pero quizais os exemplos máis significativos sexan: a igrexa parroquial de San Vicente de Cespón (que conserva un fermoso baldaquino en pedra, e un valioso retablo barroco que contén un fragmento da tibia de San Vicente), a igrexa parroquial de Santa Baia de Boiro, a igrexa parroquial de San Cristovo de Abanqueiro (un claro exemplo de románico) e a igrexa parroquial de Santiago de Lampón, un fermoso templo románico rural que conserva un antigo retablo barroco dourado e na que se conservan escudos que fan referencia aos Mariño e os señores de Goiáns.
Debemos citar os moitos cruceiros existentes no concello, entre eles destacan o monumental Calvario de Cespón, o altísimo Cruceiro da Magdalena (Lampón), e o de Fonteneixe.
Os máis vellos de Abanqueiro recordan a existencia dun Viacrucis que se estendía dende a igrexa parroquial ata a Capela de Nosa Señora de Exipto, situándose as estacións a ambos lados do camiño. Desgraciadamente non se conserva ningunha destas cruces.
Boiro na literatura popular
editar- Aldeíña de Loimar/ toda ela é costa arriba,/ a i-auga que nela nace/ que boas rapazas cría [6].
- Aldeíña de Ferreiros,/ aldea que me namora/ aínda mas ha de pagar/ quen dela me bote fóra [7].
- Na Arousa non hai mozas,/ en Boiro todas son vellas;/ vivan as de Santo Isidro/ que n’hai mozas como elas [8].
- O señor cura de Boiro/ ten a camisa rachada./ Viva o noso de Cespón/ que ten nove na colada [9].
- Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [10].
- Quérenme as nenas de eiquí/ e as da banda de Leiro,/ se me collen en Rianxo/ berraranme en Abanqueiro [11].
- Somos do canle de Cures,/ da raíz da carroucheira,/ sabemos bebe-lo viño/ como os guapos da ribeira [12].
- Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro/ e Santo Isidro tamén [13].
- Viva Boiro, viva Boiro,/ viva Boiro, viva ben./ Viva Boiro, viva Boiro,/ Vilagarcía tamén [14].
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Boiro.
-
Praia de Barraña
-
Praia de Barraña
-
Escarabote
-
Barraña
-
Posta de sol desde Barraña sobre Escarabote
-
Posta de sol desde Barraña
-
Cabo de Cruz
-
Cabo de Cruz
-
Fervenza
Parroquias
editarLugares da Estrada
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Boiro vexa: Lugares de Boiro.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para boirense.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 43. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Real Academia Galega (Ana Boullón) (25/11/2021). O Seminario de Onomástica responde: Boiro (Youtube).
- ↑ Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 244. Ed. Xerais, Vigo 1992.
- ↑ "Concello de Boiro - Historia". boiro.gal. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-02-05.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 201. No orixinal: costas, n-ela. Loimar é lugar da parroquia de Bealo (Boiro).
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 201. No orixinal: m-as, de ela. Ferreiros é aldea da parroquia de Cespón (Boiro).
- ↑ Fermín Bouza Brey, 1929, 170. No orixinal: n-hai. Santo Isidro de Posmarcos é unha parroquia da Pobra de Caramiñal.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 195.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 172. No orixinal: Noya, Són.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 162). Leiro, parroquia de Rianxo; Abanqueiro, parroquia de Boiro.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 172. No orixinal: bebel-o. A carroucheira ou carroucha é a Erica, brezo, carroncha, argaña etc, planta da familia das ericáceas. Santo André de Cures é unha parroquia do concello de Boiro.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 201). San Isidro de Posmarcos é unha parroquia da Pobra de Caramiñal.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 200.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Boiro |
Bibliografía
editar- Bouza Brey, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.