Mareas vivas
Mareas vivas é unha serie da Televisión de Galicia, creada por Antón Reixa e producida por Voz Audiovisual e Zopilote, que foi emitida entre 1999 e 2003. Foi o maior éxito da TVG e os personaxes das primeiras tempadas fixéronse moi populares entre a poboación galega. A teleserie fixo historia por empregar unha lingua popular, dialectalmente propia do galego da Costa da Morte. Gravouse principalmente en Laxe, que na serie adoptou o nome ficticio de Portozás.
Mareas vivas | |
---|---|
Formato | Drama, Comedia |
Creado por | Antón Reixa |
Desenvolvido por | Miguel Aguiar, Ringo Rango e Zopilote |
Dirixido por | Antón Reixa (1998-1999) e Emilio Mac Gregor (2000-2002) |
Intérpretes | Luís Tosar, Isabel Blanco, Luís Zahera, Camila Bossa, Miguel de Lira, Ana Santos |
Tema de apertura | Mareas vivas interpretada por Mercedes Peón |
País de orixe | Galicia (España) |
Temporadas | 10 |
Episodios | 152 |
Produción | |
Produtor(es) executivo(s) | Voz Audiovisual |
Duración | 60 minutos por episodio |
Emisión orixinal | |
Canle de orixe | TVG |
Formato de imaxe | 4:3 |
Primeiro episodio | 11 de xaneiro do 1999 |
Derradeiro episodio | 9 de febreiro do 2003 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Para moitos dos seus actores, Mareas vivas foi un trampolín cara á fama en Galicia. Nalgúns casos propiciou o salto ó panorama estatal, como o de Luís Tosar.
Argumento e tramas
editarMareas vivas reflicte a realidade dunha vila mariñeira galega situada na Costa da Morte.
O protagonismo recaía, nas primeiras tempadas, principalmente nos personaxes de Andrés (Luís Tosar) e María (Isabel Blanco). Con todo, tratábase dunha serie coral, cun elenco amplo, que puido sobrevivir bastante tempo nas pantallas dende a marcha dos dous citados personaxes.
Aínda que moitas das amenas historias que conta a serie son dun claro e marcado carácter costumista e enxebre (temas de naufraxios mariñeiros, disputas polas propiedades das terras, lendas relixiosas ou históricas, enfrontamentos cos da vila do lado...), algunhas das tramas máis importantes e intrigantes foron sobre temas moito menos alegres.
Algunhas das máis importantes foron:
- Suso Maroto e a organización
- Belinda e a mafia
- A morte de dous amigos
- A estafa de Viriato e Odilo
Lugares de gravación
editarMalia que a maioría das escenas rodáronse en Laxe (Portozás na serie), outras localidades galegas tamén foron protagonistas, como a rodaxe do rescate de Iria no porto da Coruña ou escenas en Corme (Cormelle na serie). A veciñanza de Cabana tamén puido ser testemuña da gravación.
A serie tamén trasladou a rodaxe, de forma excepcional, a Santa Cruz de Tenerife (Tenerife) para rodar os capítulos nos que Currás marchara traballar para Canarias.
Intérpretes e personaxes
editarEstes son todos e cada un dos protagonistas principais da serie ó longo dos seus 5 anos de vida:
- Luís Tosar: Andrés Domínguez (1998-2000)
- Canso da súa vida na Coruña, decide aproveitar a oportunidade que se lle presenta ó ser elixido para ocupar unha praza como xuíz nunha pequena vila mariñeira chamada Portozás, o que supón a ruptura coa súa moza, Mónica. Acaba casando con María, pero todo comeza a complicarse cando marchan para Bruxelas. Acaban divorciándose.
- Isabel Blanco: María Ares (1998-2002)
- Despois de o seu marido desaparecer no mar dous anos antes, María tívose que facer cargo soa da súa filla Iria. Viven nunha casiña nos arredores da vila. Chega a casar con Andrés e mesmo marcha xunto a el cando este marcha traballar para Bruxelas. Acaba volvendo e divorciándose del. Casa tempo despois con Viriato. Ao principio da serie era caixeira do supermercado Único. Máis tarde converteuse en traballadora do Concello.
- Luis Zahera: Celso Álvarez Puga "Petróleo" (1998-2002)
- Tempo atrás traballara nas plataformas, por iso é coñecido como Petróleo. Agora é o dono do bar da confraría de pescadores. É moi amigo de contar as historias da súa época de mariñeiro, pero os seus amigos nunca lle cren unha palabra. Ten un barco de pesca, O Cazador, no que traballa con Mangüi. É o novo alcalde de Portozás despois de marchar Celia da vila. Logo de ter unha historia con Berta, coñeceu a Belinda, a súa parella definitiva.
- Camila Bossa: Belinda Romero (1999-2002)
- Chegou a Portozás fuxindo dunha mafia que a obrigaba a traballar nunha barra americana. Despois de solucionar a situación acaba casando con Petróleo, con que ten unha filla, Carmiña. É da República Dominicana.
- Sonia Castelo: Berta Díaz (1998-2000)
- É a médica de Portozás e a mellor amiga de María ao comezo da serie. Ela é de Vigo e espera que lle dean alí a praza fixa que tanto ansía. Ó final queda en Portozás, pero cando Xurxo marcha, ela marcha con el.
- Mela Casal: Celia Rei (1998-2001)
- É a alcaldesa de Portozás. Son típicos os enfrontamentos entre ela e Couto, pois a alcaldesa non quere que o empresario se faga co control da vila. Porén, parece que a súa inimizade tamén vén do pasado, cando mantiveron unha relación. Ten unha sobriña chamada Ana. Cando marcha de Portozás é substituída no seu cargo por Petróleo.
- Tuto Vázquez: Ramón Couto (1998-2002)
- É o cacique da vila. É armador e construtor e case sempre consegue o que quere. Os seus maiores propósitos son intentar facerse co varadoiro de Puntazás e amolar a Celia. Porén, no fondo seguen namorados e acaban xuntos. É viúvo e ten dous fillos: Ladislao e Paula.
- Carlos Blanco: Ladislao Couto (1998-2001)
- É o fillo de Ramón Couto. Estudou Dereito en Santiago de Compostela e agora exerce como avogado das silveiras en Portozás. É hipocondriaco e fanático dos ovnis e dos misterios do máis alá. Amigo inseparable de Currás, falece accidentalmente electrocutado na bañeira da súa casa.
- María Louro: Paula Couto (1998-2002)
- É a filla pequena de Ramón Couto e a irmá de Ladislao. Sempre lle leva a contra ó seu pai por como este fai negocios, estafando e aproveitándose da xente. Traballa na radio local e, posteriormente, na televisión da vila. Sae un tempo con Ismael, o irmán de Taracido, co que incluso marcha a África unha tempada. Finalmente acaba saíndo con Mangüi, o seu mellor amigo.
- Miguel de Lira: Evaristo Currás Canosa/ Víctor Currás (1998-2001)
- É un percebeiro furtivo da zona. Sempre di que os seus percebes "son coma puños". Lévase mal con Taracido, pois este sempre o anda a amolar, e moitas veces denúncianse un ó outro. Ó que máis medo lle ten no mundo son ós esquimós. Namorado de Pitusa, acaba morrendo afogado ó salvarlle a vida a Taracido. Ten un curmán chamado Víctor, cuspidiño a el.
- Xaquín Caamaño "O Platero": Arturo Vidal "Mangüi" (1998-2002)
- É o mellor amigo de Petróleo. Traballa como mariñeiro ata que monta o seu taller de motos. No pasado tivo problemas coa droga, pero logrou rehabilitarse e agora traballa con Petróleo n' o Cazador. Tivo unha relación con Aurea, profesora no instituto da vila, e despois saíu con Paula.
- Isabel Naveira: Ana Mouzo Rei (1999-2001)
- É sobriña de Celia e ten unha irmá máis vella, Nuria, unha avogada de moita reputación. Ao comezo traballa na radio con Paula e Chano e despois faise socia da tenda de Celia e traballa nela. Saíu con Chano un tempo e tivo amoríos con Mangüi e Xurxo. É unha persoa un pouco atolada e moitas veces acaba por se meter en leas, ela e aos seus amigos.
- Nacho Castaño: Chano Morais Vidal (1999-2000)
- É curmán de Mangüi. Traballa na radio con Paula e Ana. Consegue un traballo nun xornal de Santiago de Compostela e acaba marchando para alá.
- Xosé Manuel Olveira "Pico": Don Amancio (1998-1999)
- É o párroco da vila, un cura moderno e sempre disposto a axudar. O seu mellor amigo é Florencio. Logo de ter un accidente de coche con Petróleo e quedar nunha cadeira de rodas, decide cambiar de aires e marchar a Vigo para facerse cargo dunha parroquia da zona.
- Paco Campos: Florencio Quintela (1998-1999)
- É o primeiro mestre de Iria e Fito, un home de mediana idade moi intelixente e culto. Mantén con Amancio unha constante rivalidade, no xadrez ou na pesca de troitas, aínda que no fondo son moi bos amigos. É substituído por Xurxo cando é ascendido a director da escola Neira Castro.
- Monti Castiñeiras: Xurxo Vázquez (1999-2000)
- É o novo mestre dos rapaces. Ó primeiro non aturaba a idea de ser substituto nunha vila coma Portozás, pero co tempo acaba sendo un máis entre a xente. Ó final acaba marchando a Mozambique, acompañado por Berta, para rematar a súa tese de doutoramento.
- Santiago Romay: Fito (1998-2002)
- É o mellor amigo de Iria, mal estudante e moi popular entre os compañeiros. Sae con Laura e na última etapa da serie apenas aparece por estar na Coruña na universidade.
- Patricia Fernández Aufiero: Iria Maroto Ares (1998-2002)
- É a filla de María e Suso. O seu mellor amigo é Fito.
- Tamara Canosa: Laura Castro (2000-2002)
- É a moza de Fito e amiga de Iria. Ó rematar o instituto, tras non acadar a nota para estudar a carreira que quería, malia ser boa estudante, acaba traballando de camareira no Petróleo.
- Martiño Rivas: Dani (1999)
- É adoptado por Andrés logo da repentina morte do seu pai. É un pouco maior que Fito e Iria, aínda que fai boas migas con eles durante o pouco tempo que está na serie.
- Uxía Blanco: Helena Souto (1999-2000)
- Elena chega de Barcelona logo da morte do seu pai para facerse cargo do varadoiro que lle deixara en herdanza. Ten moitos problemas cos bancos e intenta por tódolos medios que a situación económica do varadoiro de Puntazás mellore. Finalmente decide, con certa tristura, desfacerse del e volver a Barcelona. Foi moza do segundo xuíz de Portozás, Carlos.
- Evaristo Calvo: Carlos Porto (1999-2002)
- É o substituto de Andrés cando este marcha para Bruxelas. É un xuíz novato e con pouca man dura. Tras problemas no traballo, acaba collendo a baixa por depresión. Marcha vivir para os cantís nunha autocaravana que acaba compartindo coa súa moza Rosa. Antes saíra con Helena, e ao chegar a Portozás tiña outra moza, Cristina. O seu mellor amigo é Anselmo.
- Eva Fernández: Rosa (2000-2002)
- É unha mariñeira con moita experiencia. Acaba vivindo nos cantís con Carlos e elixida como patroa maior da confraría de pescadores.
- Patricia Vázquez: Sabela Muíños (2001-2002)
- É a nova xuíza e substituta de Carlos. Lévase moi ben con Pitusa e incluso acaban vivindo xuntas.
- Ana Santos: María Xesús Seoane "Pitusa" (1998-2002)
- É a secretaria do xulgado, moi seria e disciplinada no seu traballo. Estivo a piques de casar con Anselmo, aínda que estaba namorada de Currás, co que acabou vivindo a ata a morte deste.
- Víctor Mosqueira: Francisco Taracido Taracido (2000-2002)
- Igual ca Currás, é un percebeiro furtivo. Calquera motivo é bo para amolalo, xa sexa por problemas cos percebes ou polas propiedades das terras. Está casado con Concha.
- Amelia Rodríguez: Concha (2000)
- É a muller de Taracido. Aínda que o abandona por outro, el marcha buscala e acaban vivindo xuntos de novo.
- Manuel Lourenzo: "Melgacho" (1998-2002)
- É un vello e sabio mariñeiro. Toda canta historia hai é coñecida por el. A xente considérao moi bo conselleiro, mais o único que fai é falar do mar, o que máis lle gusta no mundo.
- Marcos Viéitez: Suso Maroto (1998-1999)
- É o home de María, desaparecido hai anos nun naufraxio e dado oficialmente por morto.
- Roberto Vidal Bolaño: Miguel Aguiar (1998-1999)
- É un temido avogado que leva o caso de Maroto. Planea e coordina o secuestro de Iria.
- Miguel Varela: Hadrián (1999-2000)
- É un veterano traballador do varadoiro de Puntazás.
- Suso Lista: Suso Lista (2002)
- É un mariñeiro que anteriormente traballara no varadoiro de Puntazás. Tivo problemas co xogo.
- Alfonso Agra: Anselmo (2000-2001)
- É o médico que substitúe a Berta. O seu mellor amigo é Carlos, con quen comparte a paixón polas aves. Estaba namorado de Pitusa, coa que estivo a piques de casar.
- Nunci Valcárcel: Loli
- É caixeira do supermercado, moi laretas e sempre pendente da vida dos demais. Nas últimas etapas da serie convértese en muller do tempo da canle de televisión local de Portozás e mantén unha relación co garda civil Manolo.
- Paula Sanmartín: Áurea (2000-2001)
- É a profesora que substitúe a Xurxo cando este marcha para Mozambique. Mantén unha relación con Mangüi
- Xavier Estévez Montoto: Viriato (2001-2002)
- É un sofisticado avogado que engana a María para quitarlle o diñeiro á xente. Ó final, arrepentido, trama un plan para traizoar o seu xefe Odilo e recuperar o diñeiro de todos. Casa con María, traballa con Couto e acaba sendo moi querido por todos os habitantesde Portozás.
- Xurxo Souto: Brais (2001-2002)
- É o locutor de Radio Portozás. Máis tarde, tamén forma parte do equipo da televisión local, superado o pánico escénico inicial.
- Miro Magariños: Don Vicente (2002)
- É o novo cura de Portozás trala marcha de Don Amancio.
- César "Goldi": Lisardo Montes (2002)
- Coñeceu a Viriato na cadea. As marabillas que este lle contou sobre Portozás foron as que o fixeron decidir ir vivir para a vila. Acaba atopando un traballo como encargado da limpeza.
- López Baño "Tanas": Manolo (2002)
- É un membro da Garda civil algo parado e mozo de Loli.
- Adrián Búa: Lois
- É amigo e compañeiro de moitas das trasnadas de Fito e de Iria, da que acaba sendo mozo.
- Ronaldo Delgado: Ismael Taracido (2000)
- É medio irmán de Francisco Taracido.
- Rebeca Montero: Mónica (1998-1999)
- É a antiga moza de Andrés.
- Mariana Carballal: Cristina (2000)
- É a moza de Carlos cando chega a Portozás.
Lista de episodios
editar- Artigo principal: Lista de episodios de Mareas vivas.
A serie conta cun total de 152 episodios, divididos en 10 tempadas.
Galardóns e nomeamentos
editarAno | Categoría | Receptor | Resultado |
---|---|---|---|
2002 | Mellor realizador | Carlos Sedes e Marisol Torreiro | Nomeado |
Mellor dirección de produción | Emilio McGregor, Alfonso Blanco e Paula Fernández | Nomeado | |
Mellor dirección artítica | Inés Rodríguez | Nomeado | |
Mellor banda sonora | Mercedes Peón | Nomeada | |
Mellor son | Santi Jul e Fran Arcay | Nomeada | |
Mellor fotografía/iluminación | Carlos Vilas e Xosé Manuel Neira | Nomeada | |
Mellor maquillaxe e peiteado | Susana Castellvi | Nomeada |