Diario Cultural
Diario Cultural[1] é un programa informativo diario que se emite en bloques de mañá, sobremesa e tarde, especializado na cultura que a Radio Galega comezou a emitir en outubro de 1990. Programa decano na información cultural en Galicia, é un dos máis veteranos da radiodifusión galega e da Península Ibérica.[2] O programa, ideado e dirixido desde os seus inicios por Ana Romaní, está conducido por ela e mais Xiana Arias, Belén Regueira e Paula Ribeiro desde setembro de 2018.
Diario Cultural | |
---|---|
Presentado por | Ana Romaní, Xiana Arias, Belén Regueira |
Cadea | Radio Galega |
Día da estrea | outubro de 1990 |
Na rede
| |
http://www.diariocultural.gal/ | |
Emisións
editarDesde setembro de 2018 emítese en tres bloques de 15 minutos pola mañá, na sobremesa e a noite nos días laborables. No portal do web do programa pódense consultar os podcasts das emisións.[1]
Lingua
editarO Diario Cultural apostou desde as súas orixes polo uso do galego en todas as emisións. Ponse un importante coidado na calidade da lingua utilizada, cun ton serio acorde á relevancia da tarefa normalizadora que pretende exercer. Téñense moi en conta os mecanismos de conexión entre a lingua e a cultura, canto ao prestixio. Nunha sociedade onde a lingua de prestixio é o castelán, normalizar o uso do galego nos medios de comunicación como a radio é un dos principais obxectivos do programa. Unha das medidas que máis debates suscitou foi a de realizar as entrevistas a persoas non galegofalantes en galego. Decidiuse non trasladar as preguntas ao castelán, e no caso de ter que o facer, estas volverían ser traducidas ao galego na posterior emisión.
Préstase unha especial atención aos países que conforman a lusofonía, (como Brasil ou Portugal) para integrar interlocutores doutras áreas, o que achega información á perspectiva lingüística que defende o programa.
En resumo, o Diario cultural busca promocionar un modelo de lingua culta, viva, que se enriquece continuamente, cunha especial preocupación pola perda de usos, léxico e sintaxe.[2]
Historia
editarOrixe
editarEn 1990 a Radio Galega comezou a emitir o Diario Cultural.[3] Naceu como un espazo de información, promoción e difusión da cultura galega cunha perspectiva propia. O seu formato combina a liña dos informativos con outras características da revista radiofónica. O seu obxectivo é servir como un espazo de información e divulgación, no cal tamén hai cabida para o debate. Un programa destas características esixe un rigor e unha amenidade que contribúan a un maior coñecemento das raíces da cultura galega, sen perder de vista a súa relación coas distintas culturas de todo o mundo. O programa pasou por diversas franxas horarias, en horario vespertino, nocturno e de sobremesa.[4]
O Diario Cultural foi mudando ao mesmo tempo que o facía o tecido cultural galego; os contidos ampliáronse e as persoas implicadas no funcionamento do programa diversificáronse co paso dos anos.
Alén das emisións diarias e doutros programas especiais e monográficos, o Diario promoveu o libro Narradio. 56 historias no ar e, convoca e produce anualmente, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Para fomentar a creatividade radiofónica entre a audiencia do programa, convoca o concurso de creación semanal "Sonigramana". O programa propón unha historia en sons e a audiencia escribe unha historia de ata cen palabras.
Organigrama (1990-2018)
editar- Dirección, redacción e presentación: Ana Romaní.
- Redacción e presentación: Xiana Arias.
- Realización técnica e sonora: Chus Silva.
- Produción: Concha de la Fuente.
Cada día da semana unha persoa facía crítica especializada nun eido da cultura: Uxía Senlle (crítica musical), Chus Nogueira (crítica literaria), Natalia Poncela (artes visuais), Antón Lopo (artes escénicas) e Miguel Anxo Fernández Fernández (cinema).
Ao longo da traxectoria do programa ocupáronse da redacción e presentación Begoña Caamaño, Anxo Quintela, entre outras. Colaboraron no programa Alfredo Conde, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Lorenzo, Francisco Fernández del Riego, Víctor F. Freixanes, Antón Fraguas, Xavier Alcalá, Susana Cendán, Fernando V. Arias, Xosé González Martínez, Modesto Hermida, Carlos Casares, Carlos Valle, Ramón Villares, Xavier Queipo, Dolores Vilavedra, Anxo Quintela, Luz Fandiño, Helena González Fernández ou Débora Campos.[5]
Estrutura (1990-2018)
editarNa xeira, dirixida por Ana Romaní, cada programa tiña unha duración aproximada duns 45 minutos. Comezaba cunha sintonía propia seguida dunha breve introdución na que se expuñan grosso modo os temas que serían tratados posteriormente. Estes temas abranguen desde o pensamento, a crítica literaria e musical á presentación de obras de teatro e espectáculos. Os programas incluían entrevistas a diferentes figuras do panorama cultural galego.
Unha das características do Diario Cultural era a programación especial co gallo de datas destacadas como o Día das Letras Galegas, o 25 de xullo ou 8 de marzo, do recoñecemento ou do pasamento de persoas destacadas da cultura, sinaladamente, da cultura galega. Moitos destes especiais celebráronse en lugares sobranceiros da cultura galega (teatros, institucións etc.).
Un dos proxectos máis sinalados foi o proxecto de emisións poéticas “De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI”, no que se propuxo a poetas de diversas xeracións e estilos a reescrita dos 36 poemas de Cantares Gallegos que aínda non foran versionados.[6] No libro que recolle os textos, explícase cal era o obxectivo do proxecto:
Procúrase un diálogo poético quenada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro senón de exercicio de libre creación erecreacion, cos materiais das poéticas contemporáneas, das tensións que emerxen nos textos de Rosalía de Castro. A iniciativa, que se enmarca na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto –no que tempos e voces conflúen– subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar interaccións. Ao tempo, o proxecto pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquire a relevancia que a grafía ten no texto escrito.
Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural
editarEste premio, con dotación económica, está organizado polo programa Diario Cultural en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Celebrouse por primeira vez no ano 2006 e a partir de 2008 convócase con periodicidade anual. O seu obxectivo é promover a escrita de textos dramáticos para a radio, así como colaborar na recuperación do formato do teatro radiofónico. Trátase tamén de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e proporcionar unha plataforma de creación que permita a entrada de novas linguaxes artísticas na radio.[7][8] O premio conta cun volume moi elevado de presentación de orixinais. Ata 2017 presentáronse máis de 450 obras orixinais e foi en 2016 cando se acadou o récord de inéditos, cun total de 82.[9][10][11] A listaxe de premios permite constatar que as autoras e autores repiten (David Rodríguez, Eva F. Ferreira, Marcos Abalde).
As asociacións e institucións profesionais salientaron en diversas ocasións o relevo deste proxecto para a visibilización, recoñecemento e dinamización do teatro galego, xa que, como sinalou a MIT, fai de “atalaia que nos remiten os sons, as mensaxes, a sedución ou o impacto que nos agarda na escena [...] non escapa de lle conceder decotío un digno espazo de tempo a un xénero, o teatral, ás veces marxinal no mercado do libro ou das lecturas escolares".[12]
Virgina Guarinos salienta a importancia deste premio entre os que contribúen a reforzar o radioteatro, máis alá da fórmula da radio soap, na Península Ibérica, xunto a programas como o clásico Premio de Teatro Radiofónico Margarita Xirgu de Radio Exterior de España e o Concurso Radio Teatro Carlos Pérez Uralde de Radio Vitoria.[13]
As obras premiadas foron publicadas en audiolibro por Edicións Xerais de Galicia, e, desde a VIII edición, de 2014, pola Xunta de Galicia. O primeiro logotipo do premio foi deseñado por Uqui Permui en 2008.
Obras gañadoras
editarPremio do xurado | Premio da audiencia | Mención especial
ou finalistas do xurado |
Finalistas do público | |
---|---|---|---|---|
2006 | O bambán, de David Rodríguez | O elixido, de Raúl Dans
1073, de Eva Freixeira Ferreira |
||
2008 | O mal da vaca, de Begoña García Ferreiro | Saltimbanqui, de Lois Pérez Díaz | Ola Silvia, ¿estás aí?, de Fátima Rodríguez Figueiras
Último capítulo, de Roi Vidal Ponte |
|
2009 | Peter Buckley, de Rubén Ruibal e César Candelas[14] | Servizo de Información, de Paula Carballeira
O xou mas gou on, de Eva Freixeira Ferreira |
||
2010 | Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo | O vento da illa, de Begoña García | Nunca me esquecerei de ti, de David Rodríguez | |
2011 | Paraísos, de Xosé Manuel Pacho Blanco | Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira Ferreira | Carne de canón, de Rebeca Montero | Señora Carme, de Manuel Román |
2012 | Poema sinestésico para tres voces e un can, Eva F. Ferreira | Intercom-Baby, de Santiago Cortegoso e María Bañobre | Ironías, de Carlos Losada Galiñáns | Quendas, de Zé Paredes |
2013 | Chovencartos, de Raquel Marco | O demo nunca dorme, de Jesús Lista Negra | Despois do sinal, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre | Suite en tres movementos para unha época de noxo, carraxe e indignación, de Irma Amado |
2014 | Explotados, de César Carracedo[15] | A primeira vez, de Carmen Blanco Sanjurjo | Para o norte, de Marcos Abalde | A guerra silenciosa, de Marcos Abalde |
2015 | Evasión, de Clara Gayo Pérez | Non teño espello no baño, de Avelina Pérez Pérez | Hai un punto que me doe, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso | Asalto ao rexional das 11, de Daniel García Níñez |
2016 | O quinto inverno, de Eva F. Ferreira[16] | Un bo final, de Carolina Alba Castro | Punto de vista, de Avelina Pérez | Veos, de Ana Carreira |
2017 | Psicofonías, de Marcos Abalde | Alianzas, de Avelina Pérez Pérez | Proxecto tempo, de Clara Gayo | Andrómenas soa moi antigo, de Fernando Epelde |
Equipo artístico e técnico
editarDirección e adaptación radiofónica |
Elenco | Realización e deseño sonoro | |
---|---|---|---|
2006 | Lino Braxe | Luís Tosar, Luis Zahera | |
2008 | Quico Cadaval | Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira 'Pico’, Fernando Pedrido | |
2009 | Cándido Pazó | Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira 'Pico', Pepo Suevos, Miguel Varela, Marcos Correa | |
2010 | Ánxeles Cuña | Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja, Josito Porto | |
2011 | Ana Vallés | Nuria Sanz, Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Laura Ponte, Marcos Viéitez, Manu Lago | |
2012 | Evaristo Calvo | Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira, José L. López Cava | |
2013 | Mariana Carballal | Xosé Barato, César Cambeiro, Luisa Merelas, Celso Parada, Estíbaliz Veiga, Mela Casal, Belén Constenla, Afonso Becerra, Rocío González, Xosé Baliñas, Santiago Pemán. | Chus Silva |
2014 | Cristina Domínguez | César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas, Aaron Gómez Gallego | |
2015 | Tito Asorey | Melania Cruz, Fernando González, Antonio Durán Morris, Mela Casal, Covadonga Berdiñas | |
2016 | Marta Pazos | Melania Cruz, Maria Roja, Ricardo de Barreiro, Gena Baamonde, Chelo do Rejo | |
2017 | Santiago Cortegoso | Fernando Dacosta, Iria Sobrado, Salvador del Río, Marián Bañobre |
Publicacións
editarTodas as publicacións do programa recollen proxectos especiais ideados para o programa de radio, en diferentes formatos. Publícanse como audiolibro mais o soporte de son é variable: cd ou ficheiro de Internet en acceso aberto.
- Narradio. 56 historias no ar (Xerais / Radio Galega, 2003). Libro-CD. Extensa antoloxía de relatos creados para o Diario Cultural.[17]
- I Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2006 (Xerais / Radio Galega, 2007). Libro-CD.
- II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2008 (Xerais / Radio Galega, 2008). Libro-CD.
- III Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2009 (Xerais / Radio Galega, 2009). Libro-CD.
- IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2010 (Xerais / Radio Galega, 2010). Libro-CD.
- V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2011 (Xerais / Radio Galega, 2011). Libro-CD.
- VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2012 (Xerais / Radio Galega, 2012). Libro-CD.
- VII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónic0 2013 (Xerais / Radio Galega, 2013). Libro-CD.
- De Cantares Hoxe. 35 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ed. por Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias (Fundación Rosalía de Castro / Radio Galega, 2014). Libro-CD e libro electrónico.[18][19]
- VIII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2014 (Xunta de Galicia / Radio Galega, 2015). Libro-CD e libro electrónico.
- IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2015 (Xunta de Galicia / Radio Galega, 2016). Libro-CD e libro electrónico.
- X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2016 (Xunta de Galicia / Radio Galega, 2017). Libro-CD e libro electrónico.[11]
Algúns dos colaboradores no programa recolleron en libro as súas intervencións:[20]
- Clío nas ondas, de Ramón Villares Paz (tresCtres, 2007). Recolle as colaboracións realizadas polo seu autor os luns entre abril de 2003 e xullo de 2005.
- Caderno da revolucion cultural, de Xavier Queipo (Laiovento, 2007). Recolle algunhas das súas colaboracións, que sempre remataban co lema "Que sexan felices e diferentes".
Premios e recoñecementos
editarGalardóns outorgados ao programa ou á súa directora, Ana Romaní.[21]
- I Premio Irmandade do Libro, 1992, da Federación de Librarías de Galicia.
- Premio Xerais á Cooperación no Labor Cultural, 1999.
- Premio San Martiño de Normalización Lingüística e Cultural, 2000.
- Premio Liber, modalidade Radio, 2007, da Feria Internacional del Libro de Barcelona
- Premio ao Fomento da Lectura, modalidade Radio, 2007, da Federación de Gremios de Editores de España.
- Premi Atlàntida, modalidade medio ou xornalista de radio, 2008, do Gremi d’Editors de Catalunya, para Ana Romaní, polo Diario Cultural.
- Premio María Casares, modalidade Premio de Honra Marisa Soto, 2009, a Ana Romaní, polo labor de difusión da actividade cultural no Diario Cultural.
- Premio á Traxectoria Xornalística, 2009, da Asociación de Escritores en Lingua Galega a Ana Romaní.
- Premio Xiria ao Labor Teatral, 2011, da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas a Ana Romani polo Diario Cultural.
- Premio á mellor xornalista cultural, 2012, da Asociación de Escritores en Lingua Galega a Ana Romaní.
- Premio do Público Culturgal, 2014.
- Premio Ínsua dos Poetas, categoría medios de comunicación, 2017.
- Premio Gala do Libro Galego á traxectoria no xornalismo cultural, 2018, a Ana Romaní.[22]
En 2018 a Real Academia Galega nomeou a directora, Ana Romaní, académica numeraria electa, salientando as achegas feitas desde o programa:
Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa. O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.[23]
Anuncio de cambio de formato e campaña de apoio ao programa
editarO 8 de maio de 2018 a Radio Galega anuncia que a partir do 10 de setembro de 2018 muda o formato dunha hora e que os seus contidos se incluirán noutros formatos, pero sen contar cunha franxa horaria propia nin autonomía. Esta decisión forma parte dunha reestruturación da programación da emisora que provoca unha campaña de apoio ao programa e a protesta do cadro de persoal por estes cambios e a manipulación informativa, os chamados Venres negros.[24]
Esta decisión da CRTVG provoca a proposta do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores, A Mesa pola Normalización Lingüística, Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e mais outras asociacións, institucións e persoas destacadas do eido cultural que se adhiren á campaña pública de apoio ao programa e denuncia da política da Radio Galega.[25][26][27] Manuel Bragado defendeu que o Diario Cultural é máis que un programa de radio, "é un patrimonio colectivo da cultura galega de entre séculos que debe ser respectado e merece ser potenciado".[28] Marilar Aleixandre salienta a mirada feminista do programa:
Ana Romaní e os seus colaboradores, como Xiana Arias, levan ao Diario Cultural a ollada feminista, non por medio de pauliñas ou discursos, senón pola súa actuación. Así, tanto por prestar a mesma atención ás músicas, escritoras, actrices, xornalistas ou cineastas mulleres que aos homes, como polas súas preguntas nas entrevistas, esculcando nas cuestións de xénero.[29]
Persoas destacadas da cultura galega promoveron o manifesto Nós non imos ficar caladas.[30][31] Nas redes sociais as denuncias levan os hastags #QueremosDiarioCultural, #euquerodiariocultural, #SalvemosODiarioCultural.
Na III Gala do Libro Galego, celebrada en 2018, Ana Romaní acadou o premio á traxectoria nos medios de comunicación. En plena polémica polo peche do programa e nunha gala reivindicativa, o xurado destacou en Romaní "a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega",[32] e a xornalista, no discurso de agradecemento afirmou que "o xornalismo cultural non é só a axenda do día nunha compilación de actos".[33]
O 18 de xuño de 2018 o equipo de colaboradoras do programa dirixe a súa carta de renuncia á xefa de programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, como protesta polo desmantelamento do programa no formato tradicional e denuncian:
a destrución dun tecido radiofónico de probada efectividade informativa, con identidade propia, produción singularizada e impulso á diversidade, todo isto marcado por unha calidade indiscutible. (...) o Diario Cultural logrou ao longo de case trinta anos establecer un territorio comunal onde puidemos vernos todos os sectores implicados na cultura do país. (...) consideramos que o exercicio libre da crítica é indispensable para a consolidación dun contexto crítico propositivo, nun medio como a Radio Galega con vontade de servizo público.[34]
A carta vai asinada por Uxía Domínguez Senlle, Miguel Anxo Fernández Fernández, María Xesús Nogueira Pereira, Natalia Poncela López e Antón Lopo.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Diario Cultural da Radio Galega".
- ↑ 2,0 2,1 Ana, Romaní, (2008). "Lingua e cultura na radio. A experiencia do Diario cultural" (en inglés).
- ↑ Na tempada 1990-1991 créase e consolídase o programa "con Amelia García nas dúas primeiras temporadas, para logo asentarse definitivamente con Ana Romaní. A hora de emisión deste programa sufriu algún cambio, pero a principios de 1991 quedou fixado en torno ás 21 horas, exposto a modificacións ocasionais por ser horario propio celebración de partidos de fútbol e polo tanto da correspondente transmisión deportiva". (Maneiro, 2013: 146-147)
- ↑ Maneiro, 2013.
- ↑ Maneiro, 2013, p. 165.
- ↑ "#EuSonRosalía Presentación do libro-cd De Cantares Hoxe. 34 poetas dialogan cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro | crebas.gal". crebas.gal. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico".
- ↑ Vieites, Manuel F. (2016). "Música y teatro: aspectos teóricos y algunos textos y espectáculos relevantes desde Galicia". En Romera Castillo, José. Teatro y música en los inicios del siglo XXI. Verbum. pp. 141–157. ISBN 978-84-9074-312-6.
- ↑ "61 orixinais concorren ao XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico supera marcas, con 82 orixinais recibidos | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ 11,0 11,1 "X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2016 | Librería Institucional de la Xunta de Galicia". libraria.xunta.gal (en castelán). Consultado o 2018-05-21.
- ↑ "O programa “Diario Cultural” da Radio Galega recibiu o Premio Abrente 2013 | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ Guarinos, Virgina (2016). "From de radio script to the sound script". En Domínguez, César; Abuín González, Anxo; Ellen, Sapega. A Comparative History of Literatures in the Iberian Peninsula, Volume 2. Amsterdam/Filadelfia: John Benjamins. p. 567. ISBN 9789027234650.
- ↑ Ruibal, Rubén (2014). "Peter Buckley e o Premio Diario Cultural". En Biscainho Fernandes, Carlos Caetano; Freixeiro Mato, Xosé Ramón. Lingua e Teatro. X Xornadas sobre Lingua e Usos. A Coruña: Universidade da Coruña. pp. 55–58. ISBN 978-84-9749-588-2.
- ↑ "César Carracedo: “O importante é contar cousas e contalas da mellor maneira posible, sexa cal sexa a canle”". www.noticieirogalego.com. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico". cultura.gal. Consultado o 28 de xullo de 2024.
- ↑ Maneiro (2013, p. 141-142) sinala a importancia deste proxecto para a cultural galega. Colaboran: Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Alfonso Álvarez Cáccamo, Rosa Aneiros Díaz, Anxo Angueira, Vicente Araguas, Xurxo Borrazás, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Caride Ogando, Fina Casalderrey, Carlos Casares, Laura Caveiro, Alfredo Conde, Lois Diéguez, Francisco X. Fernández Naval, Agustín Fernández Paz, Manuel Forcadela, Camilo Franco, Isabel Freire, Víctor F. Freixanes, Salvador García-Bodaño, Bieito Iglesias, Xavier Lama, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, Paco Martín, Carlos Mella, Xosé Miranda, Estro Montaña, Gonzalo Navaza, Xosé Neira Vilas, Isidro Novo, David Otero, Carmen Panero, Xosé Ramón Pena, Xosé Antonio Perozo, María Xosé Porteiro, Xabier P. Docampo, Xavier Queipo, María Xosé Queizán, Xesús Rábade Paredes, Luís Rei Núñez, Antonio Reigosa, Antón Riveiro Coello, Gloria Sánchez García, Manuel Seixas, Xurxo Souto, Anxo Tarrío, Suso de Toro, Xesús Manuel Valcárcel, Xosé Vázquez Pintor, Luísa Villalta e Helena Villar.
- ↑ Recolle os poemas inéditos escritos para o especial titulado De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI e que se presentou na Fundación Rosalía de Castro.
- ↑ Colaboran: Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Carmen Blanco, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Luís González Tosar, Elvira Ribeiro, Cesáreo Sánchez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar, María Lado, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar,Anxo Angueira, Xabier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimóndez, Manuel Darriba, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña, Lino Braxe, Antía Otero, Román Raña, Dores Tembrás, Celso Fernández Sanmartíne Susana Sánchez Aríns.
- ↑ "Culturgal – O Diario Cultural da Radio Galega gaña o Premio do Público Culturgal 2014". culturgal.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2018. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "La Mostra de Teatro premia a Ana Romaní - Faro de Vigo". Faro de Vigo. Consultado o 2018-05-10.
- ↑ Terceira edición do premio coorganizado por: Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG).
- ↑ "O Pleno nomea a Ana Romaní académica de número electa - Publicador de contidos". academia.gal. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "Trabajadores de la radio y televisión gallega, en lucha contra la manipulación de Feijóo" (en castelán). Consultado o 2018-06-26.
- ↑ "A Radio Galega eliminará o “Diario Cultural” a partir de setembro - Nós Televisión". Nós Televisión. 2018-05-08. Consultado o 2018-05-10.
- ↑ "Medra a inquietude en torno á Radio Galega pola fin do 'Diario Cultural' e das desconexións locais - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ Confidencial, Galicia. "O mundo da cultura, en contra do peche do Diario Cultural da RG: "Pecha todo un referente"". Galicia Confidencial. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ Galiza, Sermos. "O 'Diario Cultural' é máis que un programa de radio". Sermos Galiza (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2018. Consultado o 2018-05-09.
- ↑ Confidencial, Galicia. "O Diario Cultural e a ollada feminista". Galicia Confidencial. Consultado o 2018-05-12.
- ↑ "Nós non imos ficar caladas!". Nós non imos ficar caladas!. Consultado o 2018-05-10.
- ↑ O texto foi redactado por Xurxo Souto, que traballou na Radio Galega, e mais Ledicia Costas, María Reimóndez, Manuel Bragado, Cesáreo Sánchez Iglesias, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Mercedes Queixas, Margarita Ledo Andión, María Xesús Nogueira, Fran Alonso, Manuel Rivas, Dores Tembrás, Xiana Lastra, Marcos Maceira e Suso de Toro.
- ↑ Galiza, Sermos. "O libro galego vístese de longo para recoller os seus premios anuais". Sermos Galiza (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2018. Consultado o 2018-05-21.
- ↑ "O libro galego entrega os seus premios nunha gala reivindicativa". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-05-20. Consultado o 2018-05-21.
- ↑ Confidencial, Galicia. "Os colaboradores de Diario Cultural renuncian a continuar polo que consideran o desmantelamento do programa". Galicia Confidencial. Consultado o 2018-06-26.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Maneiro, Arturo (2013). 25 anos de Radio Galega. De 1985 a 2010. Santiago de Compostela: Editorial Compostela. Libro electrónico. ISBN 978-84-8064-229-3
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Podcasts do Diario Cultural da Radio Galega
- Bases do Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega
- Labor literario de Ana Romaní
- De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, ed. por Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias (Fundación Rosalía de Castro / Radio Galega, 2014), libro electrónico.
- VIII Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2014 (Radio Galega / Xunta de Galicia, 2015), libro electrónico.
- IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2015 (Radio Galega / Xunta de Galicia, 2016), libro electrónico.