Olalla Cociña
Olalla Cociña Lozano, nada en Viveiro o 15 de outubro de 1979, é unha poeta e xornalista galega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de outubro de 1979 (44 anos) Viveiro, España |
Formación profesional | Xornalismo |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, música, escritora, poetisa |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Premios | |
Traxectoria
editarLicenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Logo de gañar varios premios poéticos xuvenís, obtivo no ano 2000 o premio de poesía "O Facho", outorgado pola asociación coruñesa do mesmo nome. No 2004 conseguiu o segundo premio na XVIII edición do certame literario da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona).
No ano 2005 publicou o poemario As cervicais da memoria (Edicións Fervenza), co que o ano anterior lograra o VIII Premio de poesía "Avelina Valladares" que convoca o Concello da Estrada. No prólogo deste libro Xosé María Álvarez Cáccamo sinala algunhas das claves da ollada poética de Olalla Cociña: "Fraxilidade, transparencia, percepción sonambular".
O seu segundo libro, Aquí (intemperies), saíu á luz en 2006 na colección "Poeta en Compostela" (Grupo Correo, Concello de Santiago, AELG). Moitos dos poemas e textos recollidos neste volume apareceran previamente nun blog da autora xa pechado, e algúns formaron parte antes dunha obra inédita consistente nun sobre no que os poemas podían ser escollidos aleatoriamente.
En marzo de 2008 gañou a oitava edición do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño[1] polo seu poemario Libro de Alicia (Edicións Espiral Maior, 2008). En decembro de 2016 gañou o premio de poesía Afundación co poemario Vestir a noite.[2]
Olalla Cociña participou ademais en varias publicacións colectivas, entre as que destacan a antoloxía bilingüe Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (Eneida, 2005), e o número 34 da serie "Alfa fulls temporals d'art i literatura" (Una llum del nord, Quatre poetes de Galícia), con poemas traducidos para o catalán, o castelán, o inglés e o francés. Actualmente mantén o blog reveladora, no que é autora dos textos.
Como música, canta e toca o teclado no grupo Atrás Tigre.
Obra
editarPoesía
editar- As cervicais da memoria, 2005, Edicións Fervenza.
- aquí (intemperies), 2006, Grupo Correo, Concello de Santiago, AELG.
- Libro de Alicia, 2008, Espiral Maior.
- Ningún precipicio, 2013, Toxosoutos. Foi traducida ao castelán.[3]
- Vestir a noite, 2017, Centro PEN Galicia.
Obras colectivas
editar- Das sonorosas cordas, 2005, Eneida.
- Poetas con Rosalía, 2006, Fundación Rosalía de Castro.
- Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, 2006, Difusora.
- Letras novas, 2008, Asociación de Escritores en Lingua Galega.
- Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís, 2011, A Nave das Ideas.
- Novas de poesía. 17 poetas, 2013, Fundación Uxío Novoneyra.
- De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, 2015, Fundación Rosalía de Castro/Radio Galega.
- 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, 2015, Biblos Clube de Lectores. Poesía.
Premios
editar- Premio de poesía O Facho no 2000.
- Premio de poesía Avelina Valladares do concello da Estrada no 2004, por As cervicais da memoria.
- Segundo premio na XVIII edición do certame literario da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà no 2004.
- Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2008, por Libro de Alicia.
- Premio de poesía Afundación no 2016, por Vestir a noite.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 18 de abril de 2008.
- ↑ Olalla Cociña gaña a nova edición do Premio de Poesía Afundación
- ↑ "Ningún precipicio". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-11-02.