Premios María Casares

premio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Os Premios María Casares son uns galardóns entregados anualmente pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia que destacan os mellores espectáculos, actores e actrices e profesionais técnicos da temporada teatral anterior. Concedéronse por vez primeira no ano 1997 e reciben o nome de María Casares debido á que foi a actriz galega con máis éxito internacional de sempre[1]. Os gañadores son decididos por todas as persoas asociadas mediante votación electrónica.

Algúns dos premiados na edición de 2014.

Descrición Editar

A gala de entrega realízase no teatro Rosalía de Castro, na Coruña, en datas próximas ao Día Mundial do Teatro (27 de marzo). Os patrocinadores habituais son o Concello e a Deputación da Coruña, a AGADIC, a Fundación AISGE, a SGAE e nos últimos anos contou coa colaboración do Padroado da Cultura do Concello de Narón, do Centro Dramático Galego e de Gadis[2]. Ademais, é emitida a través da primeira canle da Televisión de Galicia e das redes sociais, menos na edición de 2019 que foi transmitida exclusivamente a través da plataforma YouTube.[3]

A mecánica é a habitual deste tipo de entregas, aínda que con varias peculiaridades. Desde o comezo, o obxecto entregado a cada gañadora era unha cunca de Sargadelos coa cara de María Casares, mais en 2019 substituíuse por un deseño da ceramista Paula Pereira.[4] A escenografía, música e guión de cada edición son encargadas a unha compañía ou dirección diferente, realizando representacións entre as entregas e agradecementos. A edición de 2010 foi conducida por Voadora, a de 2014 por Ibuprofeno Teatro[5], a de 2015 por Elefante Elegante[6], a de 2016 por Chévere[7], a de 2018 por Talía Teatro[8] e a de 2019 polos directores Carlos Sante e Juanillo Esteban[9].

En cada edición tamén é lido o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, repasando os resultados da temporada pasada e facendo habitualmente alegacións á melloría das condicións de traballo do gremio e á importancia do sector no universo cultural galego.

Resultados Editar

 
Escenografía da gala de 2014.

Por compañías, tanto Sarabela Teatro ten 39 galardóns acadados e o Centro Dramático Galego levaba 37 en 2013. Teatro do Atlántico conseguira 18, Teatro de Aquí 14 e Lagarta Lagarta 10.

Por individuos, o iluminador e escenógrafo Baltasar Patiño e o escenógrafo Carlos Alonso teñen once, e a maquilladora Carmela Montero, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, o escritor e actor Avelino González, a directora Ánxeles Cuña e o iluminador, actor e escenógrafo Suso Díaz Seoane, 7.

En 2023 As que limpan da Panadaría levou catro galardóns, o de mellor espectáculo, mellor dirección (Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro), mellor texto orixinal (Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro) e mellor actriz protagonista (Noelia Castro).[10]

Notas Editar

  1. "Por que María Casares?". AAAG. Consultado o 09/03/2018. 
  2. "Os premios". AAAG. Consultado o 09/03/2018. 
  3. erregueté (2019-03-13). "A TVG non retransmitirá a gala dos Premios María Casares". Erregueté. Consultado o 2019-03-21. 
  4. erregueté (2019-02-16). "Paula Pereira crea o trofeo dos Premios María Casares que substitúe as xerras de Sargadelos". Erregueté. Consultado o 2019-03-21. 
  5. "A gala dos María Casares transformarase nun furancho ideado por...". www.aaag.gal. Consultado o 2018-03-09. 
  6. "A compañía Elefante Elegante conducirá a gala de entrega dos...". www.aaag.gal. Consultado o 2018-03-09. 
  7. "Chévere conducirá a gala dos XX Premios de Teatro María Casares". www.aaag.gal. Consultado o 2018-03-09. 
  8. "Talía Teatro conducirá a gala dos XXII Premios María Casares". www.aaag.gal. Consultado o 2018-03-09. 
  9. erregueté (2019-03-07). "Carlos Sante e Juanillo Esteban dirixirán a gala dos Premios María Casares". Erregueté. Consultado o 2019-03-21. 
  10. Marcos Pérez Pena (31 de marzo de 2023). "Os María Casares premian as mulleres "invisibles" con 'As que limpan' nunha gala que criticou a "falta de respecto" da CRTVG". Praza Pública. Consultado o 1 de abril de 2023. 

Véxase tamén Editar

Outros artigos Editar

Ligazóns externas Editar