Historia de Pontedeume

A historia de Pontedeume ten a súa orixe nos primeiros poboados no concello na antigüidade, e abrangue as diferentes épocas históricas, das cales hai vestixios e feitos dignos de mención.

Prehistoria editar

Da época prehistórica existen xacementos tumularios e indicios dun petróglifo.

Da época tumularia ou megalítica están catalogados tres túmulos na parroquia de Andrade, nas marxes do antigo camiño real; e catro na parroquia de Ombre, situados en dous grupos de dous túmulos cada un, nos lugares da Pena Grande e o Campo da Carreira[1] (ver detalles). Nestas dúas parroquias e nas do resto do concello existen tamén varias referencias toponímicas e orais.

Ata hai ben pouco só se coñecía a existencia de petróglifos no sur de Galicia, porén nos últimos vinte anos descubríronse xacementos nos concellos veciños de Vilarmaior, Monfero e A Capela [2]. Recentemente, o Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos descubriu no concello de Cabanas un grupo de petróglifos que duplican a cantidade de combinacións circulares que existían ata a data nesta zona [3]. No concello de Pontedeume hai indicios da súa existencia na chamada Pena do Gato, no Coto do Gato, da parroquia de Ombre, ao bordo do canón do Eume. Trátase dunha gran laxe e outras que a soportan que lembran, remotamente, a un dolmen. A tradición oral alude a debuxos nos penedos do arredor [4].

Idade Antiga editar

O máis significativo da Idade Antiga son os vestixios da cultura castrexa e da colonización romana[5].

 
Castro de Castrelo en Centroña posible localización do asentamento ártabro de Ardóbriga

A cultura castrexa editar

Os historiadores romanos deixaron constancia dos poboadores destas terras á súa chegada. Falan do Portus Magnus Artabrorum que abranguía cando menos as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña. Nel moraba o pobo dos Ártabros do que nomean catro asentamentos: Brigantia, Libunca, Lámbrica e Ardóbrica. Os dous primeiros identifícanse case con total seguridade con castros existentes na actual situación de Betanzos e Neda (monte Ancos). Sobre a situación dos dous últimos non hai certeza, barallándose distintas hipóteses. Mesmo hai quen afirma que Ardóbrica estaba en terra eumesa, concretamente na aba do monte Breamo, identificándoa co castro de Centroña[6].

Están catalogados un total de seis castros no concello: Dous na parroquia de Ombre (Chao e A Orela), un en Andrade no lugar dos Castros, un en Nogueirosa no lugar do Castro, un en Centroña no lugar de Castrelo e finalmente outro litoral no lugar de Insua da parroquia de Boebre (ver detalles).

A romanización editar

O pretor Décimo Xunio Bruto, alcumado posteriormente O Galaico, estivo en terra eumesa a finais do século II antes de Cristo, asediando e conquistando Lámbrica e Libunca. A partir dese momento comeza o proceso de romanización cuxa pegada marcou profundamente a historia destas terras.

Da cultura romana consérvase os restos de dúas vilas romanas á beira do mar en Centroña e Sopazos (ver detalles).

Por terras eumesas pasaba unha vía romana secundaria nomeada por Eugenio Carré Aldao[7] que, partindo de Flavium Brigantium (Betanzos) pasaba por Lámbrica, atravesaba o Eume, senón por Pontedeume, si polos seus arredores, e marchaba a Libunca, no seo da ría de Ferrol, onde empataba coa que, desde Asturias, chegaba polo norte da actual provincia de Lugo.

Un achado illado desta época é a cabeza cuadriforme, atopada en 1924 nas obras de ampliación da estrada de Pontedeume a Ombre, que se encontra no Museo Arqueolóxico da Coruña.

Idade Media editar

A Idade Media divídese en Alta (séculos V-XI) e Baixa (séculos XI-XV).

Alta Idade Media editar

O estudo da Alta Idade Media en Pontedeume presenta moitos atrancos debido á escaseza de documentos. Feitos salientables deste período son a implantación do cristianismo e a chegada dos suevos, así como as incursións de musulmáns e normandos.

Difusión do cristianismo e invasións xermánicas editar

Cando, desde o século X, comezan a datarse os documentos que forman o Tombo de Caaveiro, vese neles o profundo arraigo que xa tiña o cristianismo nesas datas na comarca, así como a enorme influencia romana na organización do territorio [8]. Na documentación aparece a vila como unha reminiscencia da villa romana, cuns límites e partes perfectamente definidas que, nos documentos, divídese, véndese ou dóase aos mosteiros. A evolución da vila conduce á ecclesia ou freguesía, unidade básica de organización. A unión de varias freguesías constitúe un territorio ou arciprestado.

Con anterioridade ao ano 572 no norte de Galicia non existen comunidades cristiáns organizadas á marxe da dos britóns. Son os suevos os que, coa súa pretensión de organizar a igrexa galega na segunda metade do século VI, nos proporcionan as mencións máis antigas dos territorios radicados na comarca eumesa de Pruzos (ao sur do Eume) e Bezoucos (ao norte do río). Entre os anos 572 e 583 as igrexas dos territorios mencionados adscríbense á diocese de Iria. Os nomes de Pruzos e Bezoucos son anteriores á dominación romana e designan probabelmente a dous populi, isto é, dúas denominacións xentilicias que pasan a denominar a dous arciprestados.

É incuestionábel a presenza bretoa na comarca do Eume como factor de cristianización. Isto testemúñao non só o Parroquial suevo, senón tamén o Tombo de Caaveiro: no 914 a vila de Calavario estaba en territorio de Bretoña.

Incursións musulmás e normandas editar

Non se pode negar a chegada dos musulmáns a terra eumesa aínda que permanecesen por pouco tempo. Os historiadores dos primeiros séculos da reconquista falan dunha batalla gañada aos musulmáns polo rei Froila I en Pontumio. Non hai certeza da súa localización; aínda que algúns autores sitúano en Pontedeume, outros como Antonio López Ferreiro, nas beiras do río Umia e mesmo algúns en Portugal. En apoio da tese eumesa está o feito de que algúns dos historiadores nomeados din que nesta batalla foi preso o fillo de Abderramán I, Haummar (Omar) e levado a Betanzos onde morrera. O feito é que no ano 1761 descubriuse na igrexa betanceira de Santa María do Azougue unha lápida funeraria con fantásticas inscricións árabes.

No ano 820 durante o reinado de Afonso II O Casto, o caudillo Abd-el-Kerím, chamado nas crónicas cristiáns Alaber, fixo unha incursión seguindo a costa e sempre cara ao norte, atravesou a terra eumesa e foi derrotado polas tropas de Afonso II, segundo todas as posibilidades, en terras de Narón. Algúns autores supoñen que asistira o propio rei ao combate. Outro exército mandado por Abdalá-ben-Maleki ou Melich seguía ao anterior mais non chegou a pisar terra eumesa por ser derrotado polas mesmas tropas cristiáns á beira do río Mero e, na súa fuxida, preto de Melide. Algúns relacionan o nome desta vila co do caudillo musulmán.

A mediados do século VIII aparecen os normandos nas costas galegas. Hai constancia de incursións en terras mariñáns. Despois das primeiras acometidas, os habitantes da costa retiráronse atemorizados cara ao interior, como fixeran os da Coruña que se acolleran ao Burgo. É de supoñer que Pontedeume, agochado no fondo da ría, vise daquela, por esta causa, acrecentada a súa poboación dun xeito considerábel. Existe unha crenza popular na comarca de que a relativamente grande proporción de xente de cabeleira rubia e ollos carros, proveña daquelas incursións.

Baixa Idade Media editar

Pontedeume achábase en terras do Condado de Trastámara que abranguía as terras comprendidas entre o Tambre e o Sor. Á fronte deste condado estaban os Condes de Traba pertencentes á familia Fróilaz-Pérez. O máis salientable foi Pedro Fróilaz. Un dos seus fillos, Bermudo Pérez de Traba, fundou o mosteiro de Nogueirosa en 1148. Nun nivel inferior estaban os arciprestados de Pruzos e Bezoucos e a nobreza de segunda fila como as familias Atániz, Sillobre e Andrade.

Canto ao exercicio do poder, este estaba fragmentado en tres tipos de señoríos xurisdicionais[8]:

  • Eclesiástico: Detentado polos mosteiros e cabidos diocesanos que na comarca do Eume eran fundamentalmente os mosteiros de Caaveiro e Monfero, pero tamén a un nivel inferior os de Breamo e Nogueirosa. Nos seus coutos, os abades e priores nomeaban cargos, cobraban impostos e administraban xustiza.
  • Laico: Terras pertencentes á nobreza, ben aos Condes de Traba ou ben á nobreza local. Mantiñan un acoso constante aos señoríos monásticos co obxecto de gañar terras.
  • Señorío Real: Baixo a administración directa do rei, pero con moitos atrancos debido ao fragmentado dos señoríos e a voracidade da nobreza. Era habitual que un grupo de veciños dun certo lugar solicitase amparo ao rei contra os excesos dos nobres, este acostumaba a amparalos concedéndolles uns foros para se gobernaren e unha administración propia. Deste xeito xorden no século XIII os alfoces de Ferrol (coa freguesía de Mugardos), Vilalba, Pontedeume e As Pontes.
 
Selo de Afonso X, rei que outorgou a Pontedeume a súa Carta-Póboa

Fundación da Póboa editar

Concretamente, Pontedeume obtén de Afonso X o Sabio a súa Carta-Póboa o 30 de decembro de 1270 que instaba aos veciños de Pruzos e Bezoucos a que funden unha vila no lugar da Ponte Deume. Esta fúndase cun amplo alfoz en ambos os dous arciprestados moi fragmentado por mor das posesións eclesiásticas e nobiliarias.

No debeu ser fácil a convivencia da vila cos nobres, en continuo acoso ao poder civil desamparado ante a distancia coa tutela real. Para se protexeren, non tardan moito en construír unha muralla con varias torres de vixilancia. Pouco máis dun século durou a independencia dos nobres pois o 19 de decembro de 1371, o rei Henrique de Trastámara concede a Fernán Pérez de Andrade, O Boo os señoríos de Pontedeume e Ferrol e dous anos máis tarde, o 3 de agosto de 1373, o de Vilalba. Simultaneamente concedéralle a García Rodríguez o señorío das Pontes. Deste xeito desapareceron os señoríos reais que había na comarca

Os Señores de Pontedeume editar

Artigo principal: Casa de Andrade.
 
Ermida das Virtudes construída ao final do século XIV ou nos comezos do XV.

Fernán Pérez de Andrade, O Boo inicia a liñaxe da Casa de Andrade que gobernará Pontedeume ata o final da Idade Media. Houbo un total de oito señores de Pontedeume ata a fusión no século XVI da Casa de Andrade coa Casa de Lemos. Durante estes 200 anos os Señores tiveron que facer fronte a dous levantamentos protagonizados por Roi Xordo durante o mandato de Nuno Freire de Andrade, o Mao; e Afonso de Lanzós en tempos de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, dentro das revoltas irmandiñas. Entrambos feitos é salientábel a protesta de Pedro Padrón, veciño de Ferrol, perante o rei polos abusos e arbitrariedades que dita vila sufría de Pedro Fernández de Andrade II.

Frecuentes foron tamén as protestas dos frades dos mosteiros da zona por lles arrebataren terras e posesións. Porén, o primeiro señor é lembrado como o Bo, máis polas súas obras públicas que polo seu altruísmo. Nuno Freire de Andrade foi o que deixou pior recordo, como ben indica o seu alcume de O Mao. Pola contra, o último señor antes da fusión coa Casa de Lemos, Fernando de Andrade, deixou grata lembranza; heroe nas guerras en Italia contra Francia, fixo obras na vila e foi o único señor que mandou ser soterrado en Pontedeume. Durante o seu mandato, a vila sufriu un pavoroso incendio en 1533.

Idade Moderna editar

O comezo da Idade Moderna en Pontedeume coincide cun cambio no señorío da vila. Á morte de Fernando de Andrade, sucédeo o seu neto Pedro Fernández de Castro Andrade que xunta na súa persoa os condados de Andrade e Lemos. Isto supuxo un gran cambio na vila xa que os condes deixaron de residiren nela. A presenza física dos condes na vila traía consigo, a pesar de certos abusos, unha especie de mecenado e protección que desapareceu coa súa ausencia. A vila entrou nunha especie de letargo e decadencia ata a desaparición dos señoríos.

O Goberno da vila e o alfoz editar

Os novos condes nomeaban contadores, mordomos de rendas e posteriormente administradores para administrar os seus intereses na vila que poucas veces visitaban. Sábese que en 1619 visita Pontedeume Pedro Fernández de Castro e Andrade. Tamén visitou a vila en 1630 o IX conde de Lemos, Francisco Fernández de Castro, acompañado pola súa dona. É posible que o XI conde de Lemos, Ginés Miguel María da Concepción Ruiz De Castro, estivese en Pontedeume; o certo é que non se esqueceu de poñer o seu escudo no pazo dos Andrade, de onde pasou ao Torreón.

A vila e o seu alfoz estaban gobernados por dous alcaldes, un maior e outro ordinario ao que correspondía o goberno económico e político, e seis ou sete rexedores vitalicios: procurador xeral, alguacil maior, secretario, catro escribáns e catro procuradores. Ditos cargos eran nomeados polo conde. Ao alcalde maior nomeábano por tres anos, ao alcalde ordinario e ao procurador xeral por un ano, escollidos dunha terna proposta polos rexedores. Co paso do tempo o número de rexedores redúcese a catro ou cinco e aparece un secretario nomeado pola vila. Este sistema de goberno continuou despois da abolición dos señoríos ata a creación dos concellos modernos no século XIX.

Dentro do alfoz o alcalde maior e o ordinario tiñan distinta xurisdición e, ás veces, disputaban o goberno dun sitio como ocorrera con Porto e o Empedrado en 1680. A xurisdición da vila pertencía ao alcalde ordinario.

As reunións da Corporación eran convocadas polo alcalde ordinario pero presidía o alcalde maior, representante do conde e con voto decisivo.

Algúns destes alcaldes e rexedores son lembrados hoxe en día por teren sido benfeitores da vila. Así, Alonso Mancebo e a súa dona Catalina Torquemada, deixaron establecido no seu testamento de 7 de marzo de 1557 con codicilo do 29 de xullo de 1560, entre outras disposicións que unha parte do seu capital se destinase a dar de comer aos pobres e remediar as súas necesidades, que, pola Nosa Señora das Candeas, se vestise a trece mozos e mozas necesitadas, e que ese mesmo día se lles dese esmola e de comer a tódolos pobres. Para velar polo cumprimento dos termos do testamento nomearon patrón da fundación ao concello. O padroado cumpriu escrupulosamente o establecido no testamento durante máis de dous séculos. No ano 1838, a Fundación de Mancebo acordou investir en instrución pública e fornecer aos nenos e nenas pobres, ademais do ensino, dos libros de texto necesarios e das outras cousas que son necesarias para coser e calcetar. Co paso do tempo, o Estado fíxose cargo da fundación, da que non quedou máis ca lembranza. Unha rúa do centro histórico leva o nome de Mancebo para perpetuar a súa memoria.

 
Cátedra de Latinidade (actual Biblioteca Municipal)

Outro benfeitor foi o rexedor Xoán Beltrán de Anido que deixou establecida non seu testamento, outorgado o 5 de febreiro de 1580, a institución dunha Cátedra de Latinidade para dar instrución aos mozos da vila. Estableceuse esta cátedra na casa que habitaba o mesmo Beltrán de Anido e que actualmente ocupa a Biblioteca Municipal. Ademais da casa, deixou todos os seus bens para a mencionada institución. A creación da Cátedra de Latinidade supuxo que Pontedeume fose unha das vilas con mellor dotación educativa de toda a comarca. Das súas aulas saíron eumeses ilustres, sendo o persoeiro máis salientábel o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada.

Nesta época histórica, o concello estaba administrativamente encadrado na provincia de Betanzos desde finais do século XV, e así estivo ata a reestruturación provincial de 1833, ano en que pasou a formar parte da provincia da Coruña.

Feitos salientables son dous incendios que sufriu a vila en 1607 e 1621. O de 1607 foi o máis importante, afectando á igrexa e á casa do concello, destruíndo o arquivo municipal. Dos seus efectos danos unha idea o feito de que a vila pediu e conseguiu a exención dunha serie de tributos durante dez anos. As casas que se queimaron na parte inferior da Praza Real foron adquiridas polo concello para ampliar dita praza.

O incendio de 1621 non foi tan devastador como o anterior, mais é lembrado por ser o que deu orixe ao voto de San Nicolás que perdura ata hoxe en día.

As prerrogativas, os dereitos e as posesións dos Condes editar

Ademais das potestades mencionadas relativas ao goberno da vila, no aspecto relixioso o conde tamén tiña as súas prerrogativas como nomear ao párroco, levar o xoves santo a chave da custodia, ser acompañado na pascua do Espírito Santo por catro frades de Montefaro desde o pazo ata a capela da ponte, e o día da Purísima Concepción pola Corporación ata a igrexa parroquial. Así mesmo tiña o padroado da igrexa parroquial de Santiago. Todos estes privilexios correspondíanlle ao alcalde maior na súa ausencia.

A todo isto hai que engadir unha serie de dereitos dos que o Marqués da Ensenada deixou constancia no seu catastro:

  • 78 reais e 14 marabedís por razón de vasalaxe.
  • 68 reais por quinquenio e polas penas de cámara.
  • Dereito de sen donos: apropiación de mobiliario sen dono.
  • Lutuosa: dereito a apropiarse dunha xoia, obxecto ou peza de cada persoa que morre (cedida ao cura).
  • Décimos.
  • Lugar acoutado no río para a pesca de reos, troitas e salmóns.
  • Exclusiva da venda do viño no mes de xuño.

Non menos importantes eran as propiedades do conde. A mediados do século XVIII posuía:

  • Dous fornos cuxos alugueiros rendaban 952 reais.
  • Nove casas aforadas que producían 328 reais de renda.
  • O Pazo dos Andrade coa súa horta.
  • O Estanco: casa na rúa Ribeiramar con bodega.

Boa parte das rendas percibidas repartíaas entre o bispo de Mondoñedo, os frades de San Francisco de Ferrol, o cura de Pontedeume, a fábrica da igrexa parroquial e as festas da Purísima Concepción.

Resumindo, os condes tiñan en Pontedeume unha fonte de ingresos moi substancial, se temos en conta o pouco tempo que lle adicaban desde a distancia. Non resulta estraño pois que foran frecuentes os litixios entre a vila e o conde. Houbo desencontros polo cárcere, os fornos do conde, o privilexio da venda do viño en xuño, a praza do peixe, o mesón etc.

 
Igrexa parroquial, obra do arcebispo Raxoi

O arcebispo Raxoi editar

Así as cousas tivo que ser un fillo da vila, o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada, quen se preocupara de mellorar algúns aspectos e promovera obras para a comunidade. A el débense:

  • A igrexa parroquial.
  • As lonxas dos mariñeiros.
  • O pazo de Raxoi.
  • As escolas de nenos e nenas.
  • A Ermida de Covés.
  • O amaño do convento de Santo Agostiño.

Idade Contemporánea editar

Os séculos XIX e XX, moi convulsos en España, deixaron unha morea de feitos salientábeis en Pontedeume.

Tentativas inglesas de tomar Ferrol editar

A comezos do século XIX, os ingleses trataron de conquistar a estratéxica praza militar de Ferrol. Nunha das súas tentativas, en 1804, a escuadra inglesa estivo fondeada na ría de Ares. Nos areais de Pontedeume fondearon algúns buques menores da frota. Os ingleses recoñeceran con tento o camiño de Ferrol por Perlío e Neda.

A guerra da Independencia editar

Logo de tomar a cidade da Coruña o 17 de xaneiro de 1809 despois da batalla de Elviña, o xeneral francés Soult dividiu as súas tropas enviando parte cara a Santiago, e parte camiño de Ferrol para tomar ambas cidades. No camiño de Ferrol as milicias galegas fixéronlle fronte, con escasos medios, na Ponte do Porco. Pasado Miño, reagrupáronse na costa de Viadeiro e, cun canón de a catro, atosigaron a un escuadrón de cabalería da vangarda francesa. Máis adiante pensouse en botar abaixo algún arco da Ponte do Eume, o cal non se fixo e tería provocado grandes atrancos ao exército francés para chegaren a Ferrol pois os obrigaría a cruzar o Eume nas Pontes, dando un considerábel rodeo. Finalmente entrarían en Ferrol o 26 de xaneiro.

Ao seu paso por Pontedeume, quedou acampado un escuadrón de cabalería ás ordes do tenente coronel Bédat desde o 20 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 1809 cometendo varios excesos, especialmente no arquivo municipal de onde sacaron toda clase de papeis, rachándoos, queimándoos ou vendendo algúns protocolos e outros documentos importantes.

A desaparición por terras de Betanzos de dous escuadróns do tren de artillaría do sexto corpo do exército francés composto de douscentos homes e outros tantos cabalos, provocou que o duque de Elchingen, xefe do sexto corpo de exército, impuxese unha pesada contribución á provincia de Betanzos, da que formaba parte Pontedeume. Isto provocou un incidente en marzo de 1809 entre Betanzos e Pontedeume respecto á cantidade a achegar por Pontedeume. Mesmo os rexedores de Betanzos ameazaran con enviar as tropas francesas para cobrar pola forza a cantidade que os eumeses consideraban desproporcionada. Estes pagaran unha parte do demandado e o 31 de marzo volvera Betanzos a reclamar o resto, ameazando outra vez coa forza. Descoñecemos se esta cominación producira efecto, ou se antes os invasores deixaran Galicia despois da batalla de Ponte Sampaio.

Despois de participar na batalla de Ponte Sampaio, o Batallón Literario de Santiago partiu cara á Santiago, Coruña e posteriormente Lugo. Está constatado o seu paso por Pontedeume[9]:

En esta época ebaquaron los franceses el Reyno de Galicia, y el Batallón partió a Puente de Vme, de donde prosiguió, despues de algunos días, a Lugo. Pueblo en que permaneció hasta la organización del Exército, que volvieron a agregarle a la segunda División, mandada por el Mariscal de Campo Conde de Belbeder.

Os cen mil fillos de San Luís editar

Novamente, en xullo de 1823, volveran pasar por Pontedeume, camiño de Ferrol, as tropas francesas. Eran dous batallóns pertencentes ós cen mil fillos de San Luís que entraran en España ao mando do duque de Angulema coa fin de reinstaurar o absolutismo de Fernando VII. Entraran en Ferrol o 15 de xullo.

As guerras carlistas editar

Durante a primeira guerra carlista que rematou co acordo de Bergara en 1839, aínda que a loita continuou ata que foi derrotado o xeneral Cabrera en 1840, proliferaron as faccións dun e doutro bando que deixaron triste lembranza pois eran máis patrullas de bandoleiros ca defensores dunha causa.

Un destes facciosos, Modesto Varela, era natural de Pontedeume e fora enviado á cadea de Ceuta. Anos despois de rematado o conflito, en 1844, fora consultado o concello de Pontedeume sobre a posibilidade de repatrialo á súa terra. O concello en acordo de 9 de novembro de 1844 opúxose enerxicamente a esta posibilidade por considerar que había moitos veciños que se achaban resentidos polos moitos actos violentos que fixera e a presenza do tal Modesto Varela podería causar graves altercados.

Os pronunciamentos editar

O século XIX foi pródigo en pronunciamentos de distintos signos políticos. Algúns deles deixaron feitos salientábeis en Pontedeume.

  • O 11 de setembro de 1840 sublevárase A Coruña contra o ministerio e rexencia de María Cristina de Borbón e en favor da Constitución de 1837. Pontedeume sumárase ao pronunciamento xunto con Ferrol, Vigo, Tui, Betanzos e Carballo. O capitán xeneral de Galicia, Laureano Sanz, que se achaba en Santiago amosárase contrario ao pronunciamento e fixérase forte no mosteiro de Sobrado, mais sublevadas tamén as súas propias tropas, tivo que fuxir a Asturias, logo do cal sumáronse tamén á rebelión as cidades de Santiago, Ourense e Lugo.
  • Pontedeume pronunciouse o 26 de xuño de 1843. Neste feito tivo un papel destacado o segundo comandante graduado de tenente coronel Manuel Rilo quen, cunha columna de doce soldados de infantaría e dous de cabalaría aos que se uniron os veciños, fixo saír da vila a corenta homes do provincial de Tui quen, xunto cos seus xefes, se opuñan ao pronunciamento.
  • O 2 de abril de 1846 tivo lugar o pronunciamento en Lugo do coronel comandante do Estado Maior Miguel Solís e Cuetos. Estando en Betanzos o 16 de abril ten noticia de que o batallón de Málaga dirixíase a Ferrol para reforzar a cidade. Tratou de cortarlle o paso na Ponte do Porco sen conseguilo, pero pouco despois derrotouno facendo 108 prisioneiros. Os soldados do batallón que lograron fuxir incorporáronse á defensa de Ferrol. Pensando que non había posibilidades de tomar Ferrol, xa se dispoñía Solís a regresar a Lugo cando unha comisión de ferroláns avisouno de que a cidade estaba disposta a se alzar entre os días 18 e 19, pedíndolle que marchase cara a Ferrol. Así o fixo, mais o resultado non fora o agardado, non habendo ningún signo de rebelión na cidade, co cal retornou a Betanzos ao caer a noite. Ao seu paso por Pontedeume, respostara a un oficio da Xunta Suprema de Santiago reclamando reforzos para a de Lugo. Profundamente amargado, contestou que enviaba a 160 infantes e dúas pezas de artillaría ao tempo que informaba do fracaso de Ferrol. O documento, datado en Pontedeume, ten data de 20 de abril de 1846. Seis días despois sería fusilado en Carral xunto cos seus compañeiros sublevados. Desde entón son coñecidos como os mártires de Carral.
  • No arsenal de Ferrol tivo lugar unha sublevación republicana en 1872, chegando os insurrectos a se apoderar da fragata Carmen coa que dispararon contra a praza o 15 de outubro de 1872. O día anterior foran declarados en estado de guerra os distritos de Ferrol e Pontedeume. Os sublevados, ante o acoso das tropas do goberno, víronse obrigados a abandonar o arsenal emprendendo a fuxida polo Seixo. Chegando ao lugar do Areal, en Cabanas, foran alcanzados producíndose un intercambio de disparos no que caeu morto o soldado do goberno Apolinar García e dispersándose os sublevados. O soldado morto recibira sepultura no cemiterio de Pontedeume e na súa igrexa oficiáranse os funerais.

Os representantes en Cortes editar

Durante a segunda metade do século XIX e ata os anos sesenta do XX, Pontedeume era a capitalidade dun partido xudicial formado polos concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Castro (actualmente Miño), Fene, Monfero, Mugardos, Pontedeume e Vilarmaior. Tamén era cabeceira do distrito electoral formado polos mesmos concellos do partido xudicial máis Neda e San Sadurniño. Este status de cabeceira comarcal viuse incrementado mediante a anexión, por dúas veces, do concello de Vilarmaior. A primeira vez dun xeito fugaz, en 1868, e posteriormente durante trece anos de 1877 a 1890.

Ata a ditadura de Primo de Rivera o distrito electoral de Pontedeume estaba representado nas Cortes de Madrid por un deputado. A maioría das veces non se celebraban eleccións por se presentar un único candidato, moitas veces con coaccións aos rivais, que facía innecesaria a votación segundo o famoso artigo 29 da lei electoral (de onde procede a expresión o carallo 29 que denota escepticismo). Porén algúns destes deputados son lembrados polas súas xestións nalgunhas obras públicas importantes para a vila. Mesmo algunhas rúas eumesas levan ou levaron o nome dalgún deles. Destacan os seguintes:

  • Frutos Saavedra Meneses: Foi deputado polo distrito de Pontedeume de 1860 a 1866. Reclamou insistentemente a construción do ferrocarril de Palencia á Coruña. Tamén fixo xestións para a instalación en Pontedeume dunha estación telegráfica e a construción do peirao. O 29 de xuño de 1911 o concello de Pontedeume deulle ao comezo da rúa da Estación o seu nome.
 
Juan Armada Losada, Marqués de Figueroa.
  • Juan Armada Losada, Marqués de Figueroa: Representou ao distrito de Pontedeume en Cortes durante oito lexislaturas seguidas, de 1891 a 1910. Realizou xestións para obter da Deputación Provincial unha subvención destinada á adquisición do Pazo dos Andrade, a súa horta e demais dependencias. Tratou de acelerar o pago das expropiacións dos terreos da estrada da Estación. Conseguiu diversas partidas de diñeiro público para a construción do lavadoiro e o amaño do camiño a Nogueirosa. Xestionou a ampliación do peirao na parte lindeira coa nova estrada da Estación, e que non se prohibise a pesca da anchoa nas rías de Ares e Betanzos. Na sesión do 18 de abril de 1905, a corporación municipal acorda darlle o seu nome á praza central do que fora a Horta do Conde que, co paso do tempo, desaparecería por destinárense os terreos a vivendas. En 1916 un doante anónimo aporta uns planos e unha suma de diñeiro para urbanizar como xardín a parte norte da Horta do Conde. Puña a condición de que o xardín levara o nome do marqués. O xardín faise, mais acabaría sendo nomeado como Xardín de Lombardero.
  • José Lombardero y Franco: Acadou a acta de deputado polo distrito de Pontedeume en 1910, falecendo durante a lexislatura en 1912. Anteriormente xa fora deputado por Arzúa, A Fonsagrada e Ordes. Xa antes de ser deputado por Pontedeume, e xunto co Marqués de Figueroa trata de que non se prohiba a pesca da anchoa nas rías de Ares e Betanzos, e de acelerar os pagos das expropiacións da estrada da Estación. A corporación municipal deulle o seu nome a un tramo da estrada da Estación na sesión do 21 de xuño de 1911 pola tramitación da ampliación do peirao aproveitando a construción da estrada da Estación.
  • Julio Wais Sanmartín: Á morte de Lombardero, representou en Madrid ao distrito de Pontedeume durante cinco lexislaturas consecutivas, de 1913 a 1923. Xestionou a construción do muro de contención da alameda de Raxoi, os traballos de acondicionamento para escola pública do que fora hospital-asilo de Agustín Tenreiro, a creación da escola de Boebre e a reparación das igrexas de Boebre, Centroña e Ombre. Loitou para que se rebaixasen os aranceis do millo. O primeiro tramo da estrada de Betanzos levou o seu nome desde 1921 (aprobado en sesión do 8 de xullo) ata 1949 en que se cambia polo de Avenida da Coruña.

Agrarismo e Rexionalismo editar

A comezos do século XX comezan a constituírse por toda Galicia sociedades agrarias para defenderen os intereses do campesiñado e tratar de modernizar o campo. No verán de 1910 constitúese, con claro carácter defensivo, a Federación Agrícola de Ferrol-Pontedeume, sen dúbida a máis potente e ambiciosa de cantas existían en Galicia. Pero a nota máis salientábel da acción agraria das sociedades deste distrito, segundo afirma o historiador José Antonio Durán, é a súa loita por conquistar voto a voto todas as institucións, empezando polo control do Concello[10]. Un destacado membro do movemento agrarista foi o eumés Valeriano Villanueva.

Nos primeiros anos do século vinte cobra importancia no distrito eumés o Rexionalismo, movemento político-económico de organización campesiña dirixido a partir de 1907 por Solidaridad Gallega que co apoio das sociedades agrarias, chegará a ter representación política nalgúns concellos e tentará por dúas veces, en 1910 e 1918, ter representación nas Cortes de Madrid coa candidatura do avogado e publicista ferrolán Rodrigo Sanz López, tentando rachar co poder caciquil sen acadalo ningunha das dúas veces, ao ser derrotado a primeira vez por José Lombardero Franco e a segunda por Julio Wais Sanmartín, ambos do bando conservador[11].

A implantación en 1923 da ditadura de Primo de Rivera supuxo a fin da representación nas Cortes dun deputado elixido polo distrito, así como un freo ao asociacionismo. Aínda así no 1924 aparecen en Pontedeume as primeiras cooperativas lácteas de Galicia[12].

A Segunda República editar

As eleccións municipais que propiciaron a proclamación da Segunda República Española o 14 de abril de 1931 tiveron un desenvolvemento fraudulento en Pontedeume onde se chegou a cambiar unha urna en Nogueirosa. Isto provocou a súa repetición o 31 de maio das que saíron sete concelleiros da coalición ORGA-FRG, cinco do Partido Radical e tres do PSOE, elixindo como alcalde a Miguel Regueira Fernández. O novo goberno local tomou medidas de índole social como o aumento de soldo dos empregados municipais, contratación de obras públicas para combater o desemprego, melloras nas escolas e demanda dun grupo escolar, instalación de alumeado público. Xunto cos demais concellos da comarca reivindicaron unha serie de demandas comúns como a construción da ponte do Pedrido, a instalación de liñas telefónicas ou o rexeitamento á importación de carne conxelada do Uruguai. Así mesmo uníronse para reclamaren un estatuto de autonomía para Galiza, dimitiron en bloque no ano 1932 para reclamaren unha solución ao conflito obreiro provocado polos despedimentos nos estaleiros ferroláns da Sociedade Española de Construcións Navais -SECN-, apoiaron as folgas de pescadores dos anos 1932 e 1933. Houbo neses anos constantes enfrontamentos da institución municipal cunha activísima dereita confesional, que pasou a ser especialmente belicosa desde a consolidación da CEDA no paso do ano 1933 ao 1934.

A revolta obreira de 1934 contra o xiro á dereita do goberno nacional, especialmente forte en Asturias e Cataluña, tivo na comarca unha marcada repercusión que provocou algunhas mortes en tiroteos que foron silenciadas (a prensa falaba de dous mortos), intentos de sabotaxe como a voadura da ponte do ferrocarril para evitar o paso de convois de tropas, e numerosas detencións, máis de douscentos cincuenta veciños da comarca entre os que se achaban catro concelleiros da corporación eumesa. O goberno do Partido Radical-CEDA nomeou delegado do goberno en Pontedeume a Higinio Fernández Prieto quen cesou á corporación municipal o 10 de novembro e nomeou outra progubernamental con José Prado Rivas como alcalde. Esta nova corporación despediu a tres peóns municipais polas súas ideas esquerdistas e suspendeu as cativas subvencións do concello aos sindicatos locais.

Coa vitoria en febreiro de 1936 da Fronte Popular, foi nomeado Celestino Sardiña Navarro delegado do gobernador civil para restablecer as corporacións municipais da comarca que xurdiran das eleccións do ano 1931. Foron repostos moitos dos cargos públicos cesados en 1934 e os partidos políticos nomearon a outras persoas para completaren as corporacións. O 9 de marzo Celestino Sardiña Navarro preside o pleno da corporación municipal de Pontedeume no que nomea a Manuel López Seijo como alcalde[13].

A sublevación militar e a represión editar

 
Antigo cárcere onde estiveron recluídos do 18 ao 23 de xullo persoas afectas aos sublevados

Curto sería o mandato do socialista Manuel López Seijo, último alcalde republicano de Pontedeume. O 17 de xullo de 1936 sublévase o exército de África, téndose noticia en Pontedeume o mesmo día. Ao día seguinte, segundo instrucións do Goberno Civil, establécese un Comité de defensa da República con persoas dos partidos fieis ao goberno lexítimo e algúns carabineiros e veciños mal armados. Dito Comité levanta unha barricada na ponte do Eume e sitúa un control en Campolongo, pon baixo vixilancia os locais estratéxicos como o concello, a estación telegráfica, a igrexa parroquial (para evitar represalias á xerarquía católica) e o cuartel da Garda Civil onde requisan armas. Así mesmo deteñen a varias persoas sospeitosas de seren afectos aos sublevados e requisan armas nos seus domicilios. O día 21 o barco torpedeiro da Armada T-2 recala en Pontedeume para deixar en terra a dous oficiais que son tamén presos. Este torpedeiro, que se achaba na Coruña, recibira orde de ir a Ferrol a deter ao buque Xauen, do que se sospeitaba era fiel ao goberno da República. Na singradura a tripulación arresta ao comandante e ao segundo oficial para evitar cumprir esa misión, sendo levados a Pontedeume por propia petición.

A Coruña cae en mans dos sublevados o luns 20. Ferrol e a súa comarca faríano entre os días 21 e 22. Ás oito da mañá do xoves 23 de xullo sae de Ferrol cara Pontedeume unha columna do Rexemento de Artillaría mandada polo comandante Pedro Iglesias Sierra e composta polo capitán Gallego, cinco tenentes, oitenta soldados (suboficiais, cabos e artilleiros) armados con mosquetón, e un camión blindado con tres metralladoras. Únense ao rexemento quince gardas civís e dez falanxistas. Chegan a Pontedeume sobre as once e logo dun pequeno tiroteo na barricada da ponte, entran en Pontedeume sobre o mediodía sen apenas achar resistencia. Os defensores da legalidade republicana tentan escapar polo monte Breamo. Os sublevados rodean o edificio do Concello, arrincan unha bandeira republicana que estaba na torre do reloxo, deteñen a tres membros do Comité de Defensa e liberan aos sete civís e os dous militares do torpedeiro que estaban presos no cárcere. Ese mesmo día xúntanse na Praza do Pan os voluntarios da Falanxe Española para enrolárense nas filas dos sublevados. Por este feito, o 20 de setembro de 1941, a corporación municipal cámbialle o nome á praza polo de Plaza de los Voluntarios.

A represión nos días e semanas seguintes foi brutal. Houbo detencións e cárcere, paseos ou fusilamentos logo de procesos sumarísimos coa acusación máis frecuente de rebelión militar, de dirixentes, afiliados ou mesmo simpatizantes dos partidos, sindicatos e sociedades agrarias que apoiaban á Fronte Popular e eran leais á República. Os máis afortunados foron condenados a traballos forzados no muro da rúa de Porto. Outros conseguiron permanecer agachados ou fuxir cara ao monte onde se unirían á resistencia ou irían ao exilio. As mulleres eran castigadas co corte de pelo ao rape. Omitindo casos dubidosos e aqueles que foron asasinados posteriormente, o historiador Bernardo Maiz contabiliza vinte e cinco veciños de Pontedeume asasinados entre 1936 e 1939[14].

A ditadura de Franco editar

A primeira corporación municipal franquista é designada o 28 de xullo de 1936 polo Comandante Militar da vila, sendo elixido presidente da Comisión Xestora o procurador Jesús Calvo Patiño.

Durante os primeiros anos do novo réxime, moitos dos fuxidos da comarca agacháronse nas Fragas do Eume. Co paso do tempo, o Partido Comunista organizounos en partidas de guerrilleiros que chegaron a cometeren diversos golpes e atentados con consecuencias mortais nalgúns casos. A súa actividade foi minguando co paso do tempo debido ao acoso continuo da Garda Civil. Aínda así, o último guerrilleiro da Fraga, Pancho, caeu nunha emboscada en Ombre o derradeiro día de 1954[15].

O período franquista está marcado pola figura do alcalde Juan Sarmiento Patiño en cuxo longo mandato, de 1939 a 1970, o concello sufriu unha profunda transformación. Velaí unha relación dos principais feitos:

  • Saneamento: Rede de sumidoiros, recollida do lixo e estación depuradora.
  • Infraestruturas: Beirarrúas na vila, alumeado público e estación telefónica.
  • Comunicacións: Estradas de Pontedeume a Perbes e de Pontedeume a Monfero.
  • Urbanismo: Urbanización do barrio de Aguabar para o que se procede ao recheo da parte do esteiro do Eume coñecida como As Gabarras, onde se constrúe un parque que, por acordo da corporación no ano 1971, recibirá o nome de Parque Alcalde Sarmiento.
  • Vivenda: Construción das vivendas de protección oficial en Aguabar e cesión de terreos para a construción doutras vivendas de protección oficial no Picho.
  • Cultura: Biblioteca pública, escola e banda de música, edición da Historia de Pontedeume de Couceiro Freijomil e escavación da vila romana de Centroña.
  • Educación: Construción das escolas unitarias nas parroquias e compra dos terreos para o grupo escolar da vila.
  • Sanidade: Construción do Centro Sanitario.
  • Deporte: Pista polideportiva do Parque, Club Firrete de piragüismo e Baixada do Eume.
  • Turismo: Restauración do Torreón e a ermida de San Miguel de Breamo, e mellora dos accesos ao castelo de Andrade e o mosteiro de Caaveiro.
  • Edificios: Fogar da Fronte de Xuventudes, Casa do Pescador, Mercado Municipal e Correos e Telégrafos.
  • Administración: Perda da cabeceira de partido xudicial en 1965, repartíndose o seu territorio entre os partidos xudiciais de Ferrol e Betanzos.

Juan Sarmiento sería relevado na alcaldía por Celestino Sardiña Fernández que se mantería nela ata 1987, xa instaurada a democracia en España. Durante a súa primeira etapa de alcalde franquista conmemorouse con diversos actos o Sétimo Centenario da fundación de Pontedeume e levouse a cabo a construción do grupo escolar da vila ao que se lle puxo o nome de Couceiro Freijomil.

A Transición e a democracia editar

 
Estatua da panadeira, na praza do Pan, obra do escultor José Díaz Fuentes

Celestino Sardiña continuou sendo alcalde durante os anos da Transición e os primeiros de eleccións democráticas, gañando as dúas primeiras nas filas de Alianza Popular. Algunhas realizacións deste período son:

  • Implantación do Feirón dos sábados.
  • Reedificación da Casa do Concello.
  • Colexio Público de EXB en Andrade.
  • Creación do Instituto de Bacharelato para o cal o Ministerio de Educación mercou o edificio novo e as pistas polideportivas do Colexio Luis Vives.
  • Creación do Instituto de Formación Profesional de Hostalería.
  • Urbanización das prazas do Pan e Real e a rúa Inmaculada a cargo do escultor lugués José Díaz Fuentes.
  • Novo edificio para o Centro de Saúde.

Nas eleccións de 1987 foi elixido alcalde Belarmino Freire Bujía, do PSOE, que gobernou durante vinte anos sempre en coalición con distintos partidos. Despois de máis de medio século, Pontedeume tiña de novo un alcalde socialista. Destacan no seu mandato:

  • Construción dun novo edificio para o Instituto de Bacharelato a carón do de FP.
  • Remodelación do antigo edificio do Instituto para albergar o Centro de Saúde.
  • Chegada da Autoestrada do Atlántico.
  • Construción do novo cemiterio no monte Breamo.
  • Área recreativa de San Miguel de Breamo.
  • Novos almacéns dos pescadores.
  • Polideportivo cuberto.
  • Polígono industrial do Vidreiro.
  • Clausura e selaxe do vertedoiro municipal.
  • Piscina municipal.
  • Paseo marítimo.
  • Declaración do Parque Natural das Fragas do Eume.

O terceiro alcalde da democracia foi Gabriel Torrente Piñeiro do Partido Popular (2007-2015). Estivo no cargo durante dúas lexislaturas; na primeira delas tivo que gobernar co apoio do Círculo de Opinión Eumés, mentres que na segunda acadou unha ampla maioría absoluta que lle permitiu gobernar en solitario. Os últimos anos do seu mandato estiveron marcados pola polémica que provocou a reforma do Mercado Municipal e o traslado dos praceiros ás lonxas de Raxoi, onde se adaptara un mercado provisorio.

En 2015 recupera a alcaldía o PSOE da man de Bernardo Fernández, quen obtén para o seu partido os mellores resultados de tódalas eleccións municipais, obtendo sete concelleiros que lle dan a maioría absoluta.

Actualmente, Pontedeume é unha vila coñecida sobre todo pola súa actividade turística, derivada das súas praias, do parque natural das Fragas do Eume e do patrimonio histórico e artístico como o Torreón e o Castelo dos Andrade. Tamén destaca a súa función de vila de servizos, actuando neste eido como centro comarcal.

Notas editar

  1. Anuario brigantino 2005: Túmulos prehistóricos no concello de Pontedeume, Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos
  2. Artigo no nº 9 (2002) da revista Cátedra: Os petroglifos das comarcas do Eume e Betanzos. Estudio comparativo Arquivado 21 de setembro de 2011 en Wayback Machine. de José F. Correa
  3. Anuario brigantino 2006: Gravados rupestres no Couto dos Golpes (Santa Cruz do Salto, concello de Cabanas), Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos
  4. Artigo no nº 6 (1999) da revista Cátedra: Insculturas pétreas no Baixo Eume Arquivado 21 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. Juan J. Sobrino e José F. Correa
  5. Artigo no nº 4 (1997) da revista Cátedra: A ordenación do territorio presente a través da afirmación do espacio pasado. O Patrimonio Arqueolóxico en Pontedeume de A. González Fernández e S. Ricart Guillot
  6. Isidoro Millán. Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz. Diputación da Coruña. ISBN 84-86040-27-2
  7. El Ideal Gallego, 18 de marzo de 1921
  8. 8,0 8,1 Artigo de Carlos de Castro Prehistoria, edades antigua y media en la comarca eumesa: Bibliografía y estado de la cuestión Arquivado 16 de setembro de 2011 en Wayback Machine. no nº 14 (2007) da revista Cátedra
  9. Diario de Campaña publicado na obra Britanos y Galos de Tettamancy
  10. Durán, José Antonio: Agrarismo y movilización campesina en el país gallego (1875- 1912). Ed. Siglo XXI. ISBN 978-84-323-0244-2
  11. Sindo Vilariño: No centenario de Ecos del Eume. Revista Cátedra nº 17 (2010) ISSN 1133-9608
  12. Historia de Galicia na web do Partido Galeguista[Ligazón morta]
  13. A Guerra Civil en Pontedeume. Xosé Manuel Suárez. Monógráfico nº 2, revista Cátedra
  14. Bandos e política no Pontedeume da 2ª república Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Artigo de Bernardo Maiz no nº 7 (2000) da revista Cátedra
  15. Fuxidos na Fraga. Episodios da guerrilla antifranquista nas terras do Eume Arquivado 21 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. Artigo de Carmen Otero, Juan Sobrino e Manuel Domínguez no nº 8 (2001) da revista Cátedra.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Carlos de Castro. Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume. Denominación, Morfología y Actividad en el Espacio Público (1270-1970). Ed. Concello de Pontedeume. ISBN 978-84-921952-4-4
  • Couceiro Freijomil, Antonio. Historia de Pontedeume e a súa comarca, 4ª edición (1995). Xunta de Galicia ISBN 84-453-1437-8
  • Pontedeume, guía visual. Concello de Pontedeume. DL C-1600/2000
  • VV.AA.: 75 anos da II República. Monografía nº 2 (2006) da revista Cátedra. ISSN 1133-9608