Bartolomé de Raxoi
Bartolomé de Raxoi e Losada, nado en Pontedeume o 24 de agosto de 1690 e finado en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1772, foi arcebispo de Santiago entre 1751 e 1772.
Bartolomé de Raxoi | |
---|---|
![]() | |
Arcebispo da Igrexa Católica Latina | |
Biografía | |
Nacemento | 24 de agosto de 1690 en Pontedeume |
Pasamento | 17 de xullo de 1772 (81 anos) en Santiago de Compostela |
Ordes | |
Consagración episcopal | 12 de setembro de 1751 |
Arcebispo metropolitano de Santiago de Compostela |
Traxectoria editar
Estudou gramática na súa vila natal, de onde pasou a Santiago de Compostela, ingresando no Colexio de San Xerome, obtendo o grao de bacharelato en leis. Logo de pasar á Coruña, graduouse como avogado. Posteriormente abrazou o estado eclesiástico, exercendo no cabido de Ourense e, logo, no de Lugo. En 1730 gañou a Penitenciaría de Santiago. Enviado a Madrid polo cabido compostelán, foi nomeado Comisario Xeral da Cruzada. O 30 de maio de 1751 foi designado polo rei Fernando VI de España Arcebispo de Santiago, posto que exerceu ata o seu falecemento.
Raxoi comitente editar
En Compostela editar
Ao longo do seu goberno ordenou unha serie de obras que contribuíron a mudar en boa parte a paisaxe urbana de Santiago. Entre elas cómpre salientar:
- A nova fachada da Acibechería, no lado norte da Catedral, aprobada en 1757.
- O novo Pazo de Raxoi (1766), que se destinaría no proxecto, en parte como seminario. Na actualidade é a sede do concello.
- A capela da Comuñón, tamén na catedral (presentación do Cabido en 1769).
- A ampliación do Pazo Episcopal coa construción de dous saíntes cara ao leste.
- O hospital de Carretas con 50 camas.
- Unha casa para mulleres arrepentidas, ao carón do hospital mencionado.
- Un Hospicio, hoxe desaparecido, para o cal obtén de El Rei a cesión duns terreos na beira do río Sarela.
En Pontedeume editar
Non esqueceu Raxoi á súa terra natal. As obras que impulsou en Pontedeume foron:
- A nova igrexa parroquial de Pontedeume, rematada en 1763, obra do mestre arquitecto Alberte Ricoi.
- A ampliación do Convento de Santo Agostiño, coa obriga de celebrar tres misas cantadas ao ano os días de Santo Agostiño, San Nicolao de Tolentino e Santo Tomás de Vilanova.
- Os almacéns ou lonxas de pescadores no peirao antigo.
- O seu propio pazo na que hoxe é a Rúa Real. A fachada está rematada por un escudo nobiliario.
- A fundación de dúas escolas para nenos e nenas.
- A construción da igrexa de San Martiño de Porto, no actual concello de Cabanas.
- A capela de Covés, hoxe desaparecida.
Véxase tamén editar
Bibliografía editar
- Couceiro Freijomil, Antonio, Historia de Pontedeume. 1926; 1995, 4ª ed.
- Otero Túñez, Ramón, Rajoy, constructor, in "Cátedra. Revista Eumesa de Estudios" (Pontedeume, 2001), nº 8, páx. 57 e ss. (en castelán)
Ligazóns externas editar
- Martínez, Javier Raposo (2011). "Lecturas artísticas en la biblioteca ilustrada del Arzobispo compostelano Bartolomé Rajoy y Losada (1690-1772)". Actas del I Congreso Ibero-Asiático de Hispanistas Siglo de Oro e Hispanismo general: BIADIG : Biblioteca áurea digital v.6, 2011, ISBN 84-8081-216-8, págs. 541-562 (GRISO (Grupo de Investigación Siglo de Oro Universidad de Navarra)): 541–562. ISBN 9788480812160.(en castelán)
- Trasancos, Alfredo Manuel Vigo (1993). "El arzobispo compostelano Bartolomé Rajoy y Losada (1751-1772): Gusto artístico y mecenazgo arquitectónico". Norba: revista de arte (13): 115–140. ISSN 0213-2214.(en castelán)