Alianza Popular

Alianza Popular, coñecida tamén polas siglas AP, foi unha federación de pequenos partidos conservadores, liderados na súa maioría por exministros franquistas.

Alianza Popular (logo, 1983-89).svg

FormaciónEditar

A Federación de Alianza Popular foi inscrita no Rexistro de Asociacións Políticas o 23 de marzo de 1977.[1]

Creada inicialmente como unha federación de sete asociacións políticas, constitúese como partido político en maio de 1977 para presentarse ás primeiras eleccións democráticas tras a ditadura.

Estas asociacións foron Reforma Democrática, de Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969, así como vicepresidente do Goberno e ministro da Gobernación entre 1975 e 1976; Unión del Pueblo Español, liderada por Cruz Martínez Esteruelas, ministro de Planificación e Desenvolvemento entre 1973 e 1974 e ministro de Educación e Ciencia entre 1974 e 1976; Acción Democrática Española, de Federico Silva Muñoz, ministro de Obras Públicas entre 1965 e 1970; Democracia Social, liderada por Licinio de la Fuente, ministro de Traballo entre 1969 e 1975, así como vicepresidente do Goberno entre 1974 o 1975; Acción Regional, de Laureano López Rodó, ministro sen carteira entre 1965 e 1967, ministro de Planificación e Desenvolvemento entre 1967 e 1973 e ministro de Asuntos Exteriores entre 1973 e 1974. Unión Social Popular, liderada por Enrique Thomas de Carranza; e finalmente, Unión Nacional Española, de Gonzalo Fernández de la Mora, ministro de Obras Públicas entre 1970 e 1974. A súa cabeza máis visible foi Manuel Fraga.[2]

TraxectoriaEditar

O seu primeiro secretario xeral e logo presidente en 1979 foi Manuel Fraga, exministro de Información e Turismo do goberno de Francisco Franco. Jorge Verstrynge Rojas foi elixido secretario xeral en decembro, e foi cesado en 1986 en favor de Alberto Ruiz-Gallardón, pasándose aquel ó PSOE. Durante as primeiras eleccións da Transición democrática AP representou o "franquismo sociolóxico", e obtivo moi discretos resultados electorais, tiña 25.000 militantes en 1977 [3]. En 1977 obtivo o 8,2% dos votos e 16 escanos, que se viron reducidos ó 6% e 10 deputados en 1979 ás que se presentou baixo o nome de Coalición Democrática (CD) xa sen os sectores máis abertamente franquistas.

Tralo afundimento da entón gobernante Unión de Centro Democrático, Alianza Popular formou xunto con algúns dos seus restos (Partido Demócrata Popular e Partido Liberal) a Coalición Popular, que se convertería en 1982 no primeiro partido da oposición, co 26% dos votos e 107 escanos.

Entrada na UDIEditar

En 1983 ingresou na Unión Democrática Internacional formada por partidos de centro dereita. Similares resultados aos de 1982 repetiríanse nas eleccións de 1986, baixando a 105 deputados.

OTAN e dimisión de FragaEditar

No referendo sobre a permanencia de España na OTAN celebrado en 1986 AP propugnou a abstención ou o voto en branco. En decembro de 1986, e tralo fracaso de Alianza Popular nas eleccións autonómicas do País Vasco celebradas en novembro de dito ano, Manuel Fraga presentou a súa dimisión como presidente de Alianza Popular.

Moción de censura e refundaciónEditar

Tras un congreso extraordinario, en febreiro de 1987, a candidatura de Miguel Herrero y Rodríguez de Miñón é rexeitada en favor da do senador Antonio Hernández Mancha[4], quen tiña en contra o aparato central do partido. Hernández Mancha presentou unha moción de censura ao goberno de Felipe González e intentou unha unión co CDS mesmo á custa de cederlle o liderado a Adolfo Suárez que contou co rexeitamento de Fraga e que supuxo a destitución de Hernández Mancha. No ano 1989 nun proceso de refundación cambiou o seu nome ó de Partido Popular.

NotasEditar

  1. El País, 2.04.1977.
  2. "Institución - Alianza Popular (España)". PARES. Consultado o 2023-02-17. 
  3. Cambio 16 nº 516 (1981)
  4. "Antonio Hernández Mancha". Senado de España (en castelán). Consultado o 2023-02-20.