Agrarismo
O movemento agrario ou agrarismo foi un movemento reivindicativo de masas no que o campesiñado galego participou activamente a través das sociedades agrarias e de sindicatos agrícolas no primeiro terzo do século XX, sobre todo a partir de 1907, cando apareceu Solidaridad Gallega, que axudou a dinamizar o movemento. Os obxectivos do agrarismo eran a loita contra o sistema foral —o cal obrigaba ao campesiñado a pagar rendas abusivas— e contra o caciquismo, ademais de promover a renovación técnica do sector agrario galego. A pretensión dos labregos era convertérense en propietarios plenos das terras que traballaban.

O agrarismo constituíu o primeiro movemento de masas da Idade Contemporánea; da súa implantación por toda Galicia resulta revelador que nos anos vinte existisen máis de mil sociedades agrarias. Durante a República diversificouse ideoloxicamente e desapareceu ao estalar a guerra civil española.
Orixe e evolución Editar
Orixe Editar
O 28 de xaneiro de 1906 promúlgase a lei de sindicatos agrícolas, que permitía a asociación de campesiños en cámaras agrarias ou comunidades para a adquisición de fertilizantes e trebellos e para acadar unha correcta exportación de produtos. Así a todo, o movemento agrario rematou por se-la expresión do conflito social de maior relevancia, un conflito que acontece no primeiro terzo do século XX ó reaccionaren os campesiños ante o caciquismo, os foros e a problemática que se estaba a sufrir no rural.
Pódense establecer catro etapas na evolución dos movementos agrarios:
1ª etapa Editar
- A primeira etapa do agrarismo sitúase entre 1907 e 1915, durante a Restauración borbónica en España. Cando o rexionalismo estaba xa case extinguido no que tiña de acción política organizada, xorde unha nova formación do galeguismo, Solidaridad Gallega, que recolle o testemuño de Acción Regionalista de Alfredo Brañas (desaparecida en 1900) e expresa violentamente a vontade campesiña con graves motíns que culminan cos 9 mortos e 27 feridos dos acontecementos de Oseira en 1909[1].
A orixe deste movemento está na experiencia iniciada con éxito en Cataluña cando Salmerón concibe un pacto electoral pragmático, superador das diferencias partidistas [...] En 1907 preséntase Solidaridade que obtén un clamoroso éxito[2].
No programa de Solidaridad Gallega predomina a idea de defender Galicia, inda que, como sinala Xosé Ramón Barreiro, o programa resulta moi inconcreto. Fórmana republicanos, carlistas e rexionalistas (Murguía, Pondal, Uxío Carré Aldao). Recollen a radicalización da loita agraria, conseguen multitudinarias concentracións e vitorias parciais nas eleccións municipais, inda que non representación parlamentaria. O seu órgano de expresión será A Nosa Terra e constitúe o vencello entre o rexionalismo e o nacionalismo.
Entre 1912 e 1913 a expansión do agrarismo vai acompañada de cambios nas súas correntes internas. Establécense dúas grandes liñas: a social católica e a laica. A primeira promoveu o cooperativismo e tratou de manter viva a influencia tradicional da Igrexa no mundo rural, afastando aos campesiños dos partidos democráticos. Creceu moito grazas á acción dos párrocos e propagandistas. Na década de 1920 tiña uns 500 sindicatos e 45.000 afiliados. O agrarismo laico insistiu na desaparición do foro, organizou boicots ao pago de rendas e impostos, foi máis permeable á influencia de republicanos e galeguistas e apoiou os esforzos por democratizar o sistema. A súa primeira organización foi a Liga de Acción Galega (1910-1914), dirixida paradoxalmente por un cura, Basilio Álvarez, famoso polas súas multitudinarias concentracións e a súa fogosa oratoria contra foros e caciques.[3]
Outras organizacións agrarias relevantes desta primeira etapa son Unión Campesiña e Acción Gallega, fundada en 1910 por Basilio Álvarez, abade de Beiro (Ourense).
2ª etapa Editar
Na segunda etapa (1917-1923), a combatividade dos labregos é enorme. Chegan a se enfrontaren coa Garda Civil por procuraren a redención dos foros pretendendo que non haxa ningunha indemnización ós antigos propietarios. Como consecuencia da presión exercida produciranse as redencións masivas de foros que a ditadura de Primo de Rivera promulgou co decreto de 1926 que permitía ós campesiños ser donos do seu terruño.
3ª etapa Editar
Nos anos da ditadura de Primo de Rivera proliferan sindicatos de signo católico que tenden a se confundir co poder do Estado. As súas actividades redúcense á organización da agricultura e á divulgación de fertilizantes e maquinaria polas aldeas galegas.
4ª etapa Editar
Na segunda República o movemento agrario diversifícase por mor de múltiplas tendencias ideolóxicas (católica, comunista, nacionalista) e ve minorada a súa forza.
Tanto Antonio Noriega Varela como Ramón Cabanillas foron escritores comprometidos co movemento agrarista.
Notas Editar
- ↑ Prieto, Victorino Pérez (1988). A xeración "Nós": galeguismo e relixión. Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-630-2.
- ↑ Barreiro Fernández: Historia de Galicia IV. Galaxia. Vigo 1981
- ↑ Beramendi, Justo; "Historia mínima de Galicia"