Mugardos
Mugardos é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Ferrol no Golfo Ártabro, na chamada Península de Bezoucos. Segundo o IGE en 2016 tiña 5.335 habitantes (2.540 homes e 2.688 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «mugardés». Mugardos limita ao norte coa ría de Ferrol, ao leste con Fene e ao sur e oeste con Ares.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia da Coruña ![]() | ||||
Capital | Mugardos ![]() | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.195 (2024) ![]() | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 12,77 km² ![]() | ||||
Bañado por | Océano Atlántico ![]() | ||||
Altitude | 2 m ![]() | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde ![]() | Juan Domingo de Deus (2023–) ![]() | ||||
Eleccións municipais en Mugardos ![]() | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15620 ![]() | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15051 ![]() | ||||
Sitio web | mugardos.gal ![]() |
Historia
editarEste artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Prehistoria
editarConsérvanse cinco mámoas da época megalítica, unha delas no Monte do Pazo e as outras catro fan de linde nos concellos de Mugardos e Ares.[1] No PXOM de Mugardos cítanse seis castros catalogados pola Xunta de Galicia: Castro de Noville, Castro das Escadas, Castro de Mugardos, Castro do Eixo, Castro de San Victorio e Castro de Meá.
Historia medieval
editarVestixios da época romana son a vila de Noville e o xacemento romano de Caldoval.
Cando medrou a casa de Andrade da man de Henrique II estas terras pasaron a ela: Fernán Pérez de Andrade, O Boo, fundou o mosteiro de Santa Catarina de Montefaro no 1393, entregándolle no 1397, segundo documento redactado en Caamouco, ... a vila de Mugardos e todos seus servizos e colleitas e tallas e tributos... e todos serventíos que soien façer para que o feçeren des i en deante ao dito moesteiro..., mentres no demais da volta administraban cabaleiros con casaforte en Caamouco, As Torres de Franza e Boado.
A peste do 1404 levou os veciños de Ferrol a prometer o Voto de Chanteiro, romaría anual polo mar ata Mugardos e a pé ata Chanteiro; mantívose a tradición ata o 1839; que los peligros de las galernas e que as autoridades eclesiásticas apreciaban que a festa daba "...lugar a escenas poco edificantes para la moral", o que trouxo a supresión do Voto, con protestas dos veciños de Ares e Mugardos.
Unha anécdota curiosa acontece cando a princesa Mariana de Noeburgo veu para o seu casamento co rei de España O Enfeitizado. Un forte temporal obrigou a súa nave a facer escala no que hoxe é o Castelo da Palma. O pedrón onde ela puxo os pés chámase hoxe «O Cu da Raíña».
Documentos da metade do século XVII dan conta da construción de baterías artilleiras no Promontorio, San Martín e A Palma (esta ampliada no 1762) e subliñan a "... valentía y arrojo de los hombres de mar de Mugardos y El Seixo", ese mesmo mar que era a forma principal de gañar a vida, cando Franza, Boado ou San Xoán eran labradores; xente toda ben botada para diante, como demostraron no salvamento de dona Ana María de Noeburgo e o seu cortexo, varados polo temporal ao pé do Castelo da Palma no 1690.
Para agradecer ao pobo mugardés o bo acollemento ofrecido á futura raíña de España, foille atribuída e confirmada após polo rei, a excepción do servizo militar para todos os mozos de Mugardos.
Historia moderna
editarO xerente de Mugardos, Ramón Mariño da Barreira obtén, após un longo proceso, a liberación do señorío de Montefaro, un facto concretado na concesión do escudo municipal, efectuado en 1805. Este escudo é esculpido por dúas coroas e unha estrela de prata. Así lle foi tamén acordado o título de "Real Vila".
A Guerra da Independencia trouxo 2.400 soldados franceses que abandonaron a zona tres días despois, acurralados por grupos guerrilleiros e "... haber en el termino hambre y mendicidad", miseria consecuente á instalación de fábricas catalás de salgado de peixe, 6 factorías na Redonda, O Baño, Mugardos, O Promontorio e O Seixo, e que con novos sistemas de pesca esquilmaban o mar; para 1821 "... desesperados los habitantes del termino y sin poder salir a la mar por no haber pesca", deron os mariñeiros en pescar "... en la ría de A Xunqueira y hacer mucho comercio de la sardina, dedicándose al congrio con cordel o al pulpo, saliendo fuera de la costa y hasta la de Irlanda".
Mais tamén a emigración –sobre todo a Cuba–, o traballo na construción naval, o abandono da agricultura, o trazado da vila, son propios dos séculos XIX e XX, como hai que destacar outros fenómenos máis contemporáneos: o espírito progresista, afortalado nas lanchas da Maestranza, hoxe grazas aos novos tempos do transporte unicamente se dedican aos servizos turísticos pola ría.
Xeografía
editarDemografía
editar
Fonte:INE
Evolución da poboación de Mugardos (dende 1950) | |||||||||||||
1950 | 1981 | 1991 | 1996 | 2000 | 2005 | 2008 | 2009 | 2010 | 2012 | 2014 | 2016 | 2017 | 2020 |
6.517 | 7.112 | 7.110 | 7.079 | 5.984 | 5.628 | 5.605 | 5.565 | 5.536 | 5.456 | 5.417 | 5.335 | 5.303 | 5.215 |
Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Cultura
editarToponimia
editarO primeiro documento referido a Mugardos (Mogardos) data de 1105, cando a metade da vila pertencía ao mosteiro de Caaveiro a Cristóbal de Seguedís. Noutro documento de 1235 aparece o abade Tedón como posuidor da outra metade. Segundo Cabeza Quiles, seguindo a Rivas Quintas, Mugardos podería provir da raíz indoeuropea *mok- / *muk-, "altura, pico, prominencia". Un morgado ou mogardo, segundo Eladio Rodríguez vén sendo un "morgado", e segundo Leandro Carré Alvarellos forman un grupo de "bens ou propiedades que non poderían venderse e as cales á morte do posuidor, pasaban a un único herdeiro". Como topónimo Mugardos designaría o lugar onde se asenta unha ou máis propiedades terreas indivisibles.[2]
Etnografía
editarFestas e celebracións
editar- Festa de San Xulián: celébrase o 7 de xaneiro, cunha verbena popular ó aire libre. San Xulián é o patrón de Mugardos.
- Entroido: O luns, martes e mércores de Entroido un certame de comparsas percorre as rúas desde o Casino Mugardés ata a Praza do Mercado, onde se organizan actuacións e se ofrecen as orellas típicas destas datas.
- Noite das Pepitas: noite do 18 de marzo, véspera de San Xosé. A Rondalla Mugardesa cántalle ás Pepitas. Celébrase tamén, un Festival Comarcal organizado polo Casino Mugardés e o Concello.
- Voto de Chanteiro: martes de Pascua de Pentecoste. Celébrase unha romaría popular conxuntamente co concello de Ares, na ermida de Nosa Señora da Mercé en Chanteiro; en agradecemento á Virxe da Mercé, protectora da zona cando esta foi asolada pola peste.
- Festa da Ascensión: O día da Ascensión, no mes de xuño, celébrase unha romaría dedicada á Virxe da Ascensión na capela da Ascensión, en Lodairo, San Xoán de Piñeiro. A semana anterior hai novena, ás que todos os fregueses acoden. O día da Ascensión é cando a xente se reúne no souto dos arredores da capela e celebran o día da Virxe.
- Festa de San Xoán: 23 de xuño (San Xoán de Piñeiro). Festa popular celebrada con fogueiras con intención purificadora; hoxe en día permanece intacta con distintas intencións. Celébrase na parroquia de San Xoán de Piñeiro a noite do 23 de xuño cunha luminaria e os dous días de verbena no campo de fútbol.
- Festa da Ameixa: Primeira semana de xullo (A Pedreira, Meá). Festa gastronómica de ameixas da ría.
- Festa do Polbo de Mugardos e Festas do Carme: O segundo sábado do mes de xullo, celébrase a festa gastronómica do polbo, o produto máis típico do Concello de Mugardos, esta ten lugar no Cantón de Cora onde a xente pode degustar o “polbo á mugardesa” ademais de divertirse coas charangas. O ano 2015 celebrou o seu 25 aniversario.
Venres, Sábado e Domingo da semana do 16 de xullo (Peirao de Mugardos). As festas na honra á Virxe do Carme celébranse a finais de xullo, realizándose o domingo das festas unha procesión marítima pola ría na que os pescadores nas súas barcas acompañan á Virxe no percorrido.
- Festival Folclórico Internacional: Fin de semana posterior ao das Festas do Carme no Peirao de Mugardos. Actuacións de grupos folclóricos de tódolos países e culturas do mundo.
- Festas de Beiramar: 24, 25 e 26 de xullo en Beiramar, O Seixo (Santiago Apóstolo de Franza). O 24 faise unha grande queimada, o 25 é o día grande das Festas e o 26 celébrase Santa Ana.
- Festa das Merendas: Dentro das Festas de Beiramar. Comida campestre e concurso de cabanas coas merendas, onde gañará a máis "pachangueira".
- Magosto: Venres máis próximo a San Martiño, celébrase na Praza do Mercado. Unha festa tradicional en Galicia: asado de castañas e sardiñas, viño e son de gaitas.
Economía
editarO tecido económico de Mugardos caracterízase pola súa diversidade, combinando actividades tradicionais con sectores industriais e servizos modernos.
Historicamente, a pesca e a agricultura foron piares fundamentais da economía local, proporcionando sustento a unha parte significativa da poboación. A pesca artesanal continúa a ser unha actividade relevante, especialmente en relación coa gastronomía local, destacando pratos como o "polbo á mugardesa".
No ámbito industrial, destaca a presenza da planta de regasificación de gas natural licuado operada desde 2007 por Reganosa, situada en Punta Promontoiro. Esta instalación xoga un papel clave na infraestrutura enerxética da rexión, sendo unha das sete plantas de regasificación existentes en España. A súa actividade está vinculada á subministración de gas natural a centrais térmicas e outras industrias a través de gasodutos, buques metaneiros e camións cisterna.
Non obstante, a planta de Reganosa foi obxecto de controversia desde os seus inicios, xerando oposición por parte de colectivos cidadáns e ambientais debido a preocupacións sobre a súa localización e os posibles riscos asociados. Estas preocupacións deron lugar a múltiples procesos xudiciais[3], incluíndo recursos presentados ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo, cuestionando aspectos como as declaracións de utilidade pública dos gasodutos e as autorizacións administrativas da planta.
Ademais, Mugardos alberga outras industrias significativas, como Forestal del Atlántico, que contribúen á diversificación económica do municipio.
O sector servizos tamén ten un peso importante na economía local, impulsado polo turismo, especialmente durante eventos como a "Festa do Polbo", declarada de Interese Turístico de Galicia en 2008, que atrae a numerosos visitantes cada ano[4].
Nos últimos anos, observouse un cambio demográfico positivo, con aumentos consecutivos na poboación en 2021 e 2022, atribuídos a melloras na calidade de vida e á atracción de novos residentes, o que reflicte unha tendencia favorable para o desenvolvemento económico e social do municipio.
Deporte
editarO municipio de Mugardos conta cun tecido deportivo activo e diverso, sustentado tanto por entidades históricas como por programas municipais que fomentan a práctica de múltiples disciplinas en diferentes tramos de idade.
Fútbol
editarA Sociedade Deportiva Cultural Galicia de Mugardos, fundada en 1953, é a principal entidade futbolística da vila. O club compite na Preferente Galicia e mantén unha ampla estrutura de base, con equipos en categorías que abranguen desde prebenxamín ata xuvenil. Disputa os seus encontros no Campo da Pedreira, inaugurado en 1972 e con capacidade para 2.000 espectadores. Ademais, organiza eventos como o Torneo de Fútbol 8 Concello de Mugardos, dirixido a categorías inferiores e celebrado durante a Semana Santa.
Remo
editarO Club do Mar de Mugardos, fundado en 1962, é unha entidade emblemática do remo galego. Participa en competicións de banco fixo, destacando en modalidades como bateles, traiñeiras e trainerillas. O club acadou importantes éxitos, incluíndo campionatos de España de bateis nos anos 1963 e 1966, e un subcampionato en 1965. En 2017, rematou segundo na segunda categoría da Liga Galega de Traiñeiras. Ademais, promove a canteira a través da súa escola de remo e organiza actividades formativas durante o verán.
Ciclismo
editarO Club Pulpeiros de Mugardos é unha entidade destacada no ámbito do ciclismo de montaña e enduro. Organiza eventos como a "Montefaro Enduro Race", puntuable para a Copa de España de Enduro[5], e a ruta cicloturista "Entre dúas rías"[6], que percorre paraxes naturais entre as rías de Ferrol e Ares. Estas actividades contribúen á promoción do deporte e do turismo activo na comarca.
Atletismo
editarA atleta mugardesa Belén Toimil Fernández (nada en 1994) é unha das figuras máis destacadas do atletismo español na disciplina de lanzamento de peso. Posúe o récord de España con 18,80 metros[7], acadado en 2021. Foi campioa de España en pista cuberta durante cinco anos consecutivos ata 2025 e logrou a medalla de bronce na Copa de Europa de lanzamentos celebrada en Nicosia ese mesmo ano[8]. A súa traxectoria inclúe participacións en Xogos Olímpicos e campionatos internacionais, consolidándose como referente do deporte galego.
Baloncesto en cadeira de rodas
editarManuel Lorenzo, nado en Mugardos en 1999, é un destacado xogador de baloncesto en cadeira de rodas. Formou parte do equipo Bidaideak Bilbao BSR, co que conquistou títulos como a Liga (2020-2021), a Euroliga (2018-2019) e dúas Copas do Rei (2022 e 2023). No ámbito internacional, obtivo a medalla de prata no Campionato de Europa absoluto (2019), ouro no Sub-22 (2021) e bronce no Mundial Sub-23 (2022). Representou a España nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 e París 2024, acadando diplomas olímpicos[9].
Outras disciplinas e escolas deportivas
editarO Concello de Mugardos promove anualmente un programa de escolas deportivas municipais que abrangue unha ampla variedade de actividades. Entre as disciplinas ofertadas atópanse atletismo, patinaxe, ximnasia rítmica, escalada, tiro con arco, tenis, baile moderno, zumba, tai chi e ioga, entre outras. Estas actividades están dirixidas a diferentes grupos de idade, desde nenos e nenas a partir dos 3 anos ata persoas adultas.
Instalacións deportivas
editarMugardos dispón dunha rede de instalacións deportivas municipais que facilitan a práctica de diversas disciplinas. Destacan o Campo de herba sintética de A Pedreira, o Pavillón Polideportivo Municipal do Cristo e o Complexo Acuático do Castro, este último compartido co municipio de Ares[10]. O complexo conta con piscina, sala fitness e zona de relaxación.
Política e goberno
editarComposición da Xunta de Goberno 2023-2027
editar- Véxase tamén: Eleccións municipais en Mugardos.
O actual concello de Mugardos conta con 13 concelleiros elixidos nas eleccións de maio do 2023.

Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Mugardos.
Parroquias
editarGalicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Mugardos | |
---|---|
Franza (Santiago) | Meá (San Vicente) | Mugardos (San Xulián) | Piñeiro (San Xoán) |
Lugares de Mugardos
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Mugardos vexa: Lugares de Mugardos.
Notas
editar- ↑ Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos (2014): "Túmulos prehistóricos dos concellos de Neda, Fene, Mugardos e Ares (A Coruña)", en Anuario Brigantino.
- ↑ "Mugardos".
- ↑ Rodríguez, Julián (2008-11-06). "Una docena de procesos judiciales abiertos". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "Mugardos | Industria de futuro en la “outra banda”". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "29306 MONTEFARO ENDURO RACE 2025". fgalegaciclismo.es (en castelán). Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "EDR 2024: Entre dúas rías – Pulpeiros club ciclista BTT y Enduro y algo más" (en castelán). Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "Belén Toimil bate el récord de España de lanzamiento de peso". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "Un bronce de corazón para Belén Toimil en Nicosia". Diario de Ferrol (en castelán). Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "Manuel Lorenzo - Galicia Olímpica". 2024-08-12. Consultado o 2025-04-21.
- ↑ "Acuerdo de Ares y Mugardos para el complejo acuático do Castro". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-03-07. Consultado o 2025-04-21.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mugardos |