Ambiente

conxunto de compoñentes físicos, químicos e biolóxicos externos cos que interactúan os seres vivos
Para a publicación semanal véxase Ambiente (O Carballiño).

O ambiente[1] (ou o medio)[2], en ecoloxía, defínese como os elementos bióticos e abióticos que rodean aos organismos, ou ás poboacións, e que determinan a súa capacidade de supervivencia, o seu desenvolvemento e a súa evolución.[3][4][5][6] O conxunto de condicións externas que afectan a esas condicións poden ser de tipo social e cultural, e nalgúns contextos, incluso políticas e económicas.[4] As dimensións dos ambientes varían desde escalas microscópicas ao conxunto da terra e son incontables. Os ambientes pódense clasificar segundo as súas características, por exemplo, en ambientes mariños, atmosféricos ou terrestres.[5] Cando se lle presta atención aos espazos ocupados polas especies, o termo ambiente adoita ser un sinónimo de hábitat.

Unha lagoa, onde existen especies en ambientes como os acuáticos ou os terrestres.

Os espazos onde as actividades humanas tiveron un efecto de transformación importante do ambiente "natural", como a construción de cidades e urbanizacións ou transformado a terra en labradío intensivo, pódese definir como ambientes de antroposfera.

O "día mundial do ambiente" celebrase o 5 de xuño.[7]

Étimo

editar

A palabra "ambiente" procede do latín ambiens, -ambientis, e esta de ambere, "rodear", "estar a ambos lados". A palabra "medio", como substantivo, procede do latín medium (forma neutra) e como adxectivo, do latín medius (forma masculina). O termo "medio ambiente" é redundante.[2]

Dominios

editar
 
Estrutura en capas da terra: (1) o núcleo interno, (2) o núcleo externo, (3) o manto (4)e manto superior, (5) a litosfera e (6) a codia terrestre.

Os ambientes terrestres danse en catro grandes dominios onde se poden producir a interacción entre os organismos vivos con factores bióticos ou abióticos: a litosfera, a hidrosfera, a atmosfera e a biosfera. Nestes dominan os medios rochosos, acuosos, aéreos ou bióticos, respectivamente. Nalgúns casos defínese a criosfera como un ambiente propio, independente da hidrosfera, e a pedosfera (que é o conxunto de solos) como unha parte propia da litosfera.

Interaccións entre a vida e os ambientes

editar

As formas de vida que están presentes arestora estano porque conseguiron adaptarse, ou o estiveron conseguindo, as condicións de ambiente que ocupan. Factores abióticos como a temperatura, a luz, a humidade, os nutrientes dos solos ou outros, condicionan ás especies dentro do ambiente. Do mesmo xeito, as formas de vida modifican as condicións dos ecosistemas, coa produción de recursos ou a creación de novos nichos. Así, a liberación de oxíxeno á atmosfera foi un fito evolutivo que determinou os patróns bioxeoquímicos do planeta e modificaron os ambientes presentes no planeta. Deu pé a que aparecesen as plantas, e logo a vida animal, no evento da grande oxidación.

  1. Gómez Márquez, Jaime; Viñas Díaz, Ana María; González González, Manuel; Villar Docampo, David; Vale Ferreira, Luís; Fresco, Victor; Martínez Calvo, María Liliana (2010). Dicionario de Bioloxía galego-castelán-inglés. Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia: Galigraf Galicia. p. 220. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  2. 2,0 2,1 A Real Academia Galega define como sinónimos perfectos para este concepto a ambiente e medio, suxerindo ambos sobre do uso de medio ambiente, importado do castelán.
  3. Herbert C. Hanson (1962). Dictionary of Ecology. Ambiente: a suma de todos os factores externos que poidan afectar aos organismos. 
  4. 4,0 4,1 Michael Allaby (2010). Oxford University Press, eds. A Dictionary of Ecology (5 ed. ed.). ISBN 9780199567669. doi:10.1093/acref/9780199567669.001.0001. 
  5. 5,0 5,1 Peter Collin (2009). Over 7,000 terms clearly defined (6 ed. ed.). A&C Black Business Information and Development. p. 264. ISBN 9781408102220. 
  6. O ambiente defínese como o "conxunto de características externas que afectan o comportamento dun sistema" segundo Gómez Marquez et al. 2010 en "Dicionario de Bioloxía".
  7. Nacións Unidas (eds.). "World Environment Day 5 June". 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar