Magosto

celebración tradicional

A palabra magosto, ademais doutros significados relacionados, designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.

Magosto

Localización e características

editar
 
Castañas aínda crúas, preparadas para asar.

O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, Día de Tódolos Santos, se ben na provincia de Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.

O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.

No lugar de Insuela (de Loureiro, Cerdedo-Cotobade) era costume facer o magosto sobre unha pedra do Outeiro de Muimenta que tiña sona de propiciatoria para que as parellas puidesen ter fillos se se deitaban nela.

Hoxe en día ásanse nuns tambores metálicos colocados sobre o lume ou nuns ladrillos especiais para este uso.

Orixes

editar
 
Castañas asadas.

Existen varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra. Hai quen a fai vir do latín magnus ustus 'gran fogueira', dentro dos cultos ígneos que, como a noite de san Xoán, marcaban o paso das estacións[1]; outros, de magnus, que significaría ou ben 'magno, grande', ou ben 'mago, maxia'; e outros do celta mag, campo ou mesmo do protocelta *Magon- e *glustu- 'gran luz' ou *Magon- e *ouxto- 'gran frío'[2]. López Gómez ve alusión a ese suposto " mago do lume" nun gran boneco ou espantallo feito entrabando pólas e que simbolicamente presidía a festa e finalmente se chamuscaba, aureolado, adornado de rosarios ensarillados de castañas. Ardía o xigantón entre aturuxos e competitivos brincos, como aínda se fai nalgunhas outras fisterras atlánticas.

Murguía relacionaba esta festa cos defuntos (que se celebraban no día seguinte), considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Mariño Ferro tamén escribiu que a castaña é símbolo de vida que combate á morte: de aí que a castaña apareza nos ritos funerarios (Mariño Ferro: 260). Sexa como for, si se atopou relación da castaña con ritos funerarios e documéntase dende antigo o costume de asar castañas ese día.[3]

Outros autores tamén reflicten a relación entre os defuntos e este costume de asar castañas. O historiador Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban xa no século XVI para celebra-lo Día de Defuntos:

Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais.[4]

Mais, a explicación máis repetida lévanos a pór en relación este substantivo co verbo agostar, que significa ‘facer perder a humidade’, o que se pode dar por unha calor excesiva, como a que se lles aplica ás castañas no magosto[3].

En calquera caso existe coincidencia en considerar os magostos como unha festa de orixe pagá, relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a san Martiño de Tours. Existe constancia dalgunhas prácticas supersticiosas relacionadas coa crenza de que o lume ten vida propia e un certo carácter sagrado: nunca se debía cuspir sobre o lume, nin botar nel restos de comida ou calquera outra cousa[5]. Non se debía matar o lume senón que cumpría deixar que as brasas se apagasen soas, pouco e pouco: críase que as ánimas viñan quentarse á noite no rescaldo. Outros din que cada castaña comida era unha alma que se sacaba do purgatorio, e para que estas ánimas puidesen comer algo, sempre se deixaba algunha castaña entre as brasas.

editar
 
Cartel da Festa do San Martiño de Sobral (Gustei, Coles), 1981.

Léxico

editar

A palabra magosto designa tamén a propia fogueira na que se asan as castañas ou o conxunto de castañas que se asan e comen nesta ocasión. Vocabulario derivado son magostar, co significado de asar castañas nun souto para comelas en grupo; e magosteiro, cada un dos participantes nesta comida.

Refráns

editar
  • As castañas do castiñeiro hainas que asar no asadeiro.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruín viño.
  • Fíate nas castañas asadas, que se estoupan sairanche á cara.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.

Cantigas

editar
  • Acabáronse as vendimas/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
  • Con castañas asadas/ foxe o friíño;/ con pescada salpresa/ no hai ruín viño.
  • Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto,/ non chas quero, non chas quero,/ que me cheiran ó chamosco.
  • Non as quero , non as quero/ castañas do teu maghusto/ levo-as na faltriqueira/ para comer a meu gusto.
  • "A castaña no ourizo/eu ben sei o que ela fai/se é pequena ela medra e se é madura ela cae".

Locucións

editar
  • Estralar como unha castaña: facer alguén algo totalmente inesperado.
  • Facer un bo magosto: facer un bo negocio, obter un bo beneficio.
  • Sacar un as castañas do lume con man allea: utilizar a alguén, inadvertidamente, para solucionar un problema.

O magosto na literatura de autor

editar
Vide a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver como se murchan os follatos das cepas. Vide a Galicia no mes de San Martiño, se queredes ver fumega-los lumes dos magostos.
...
Ásanse as castañas na fogueira, as pobres castañas que caeron desde a boca pasmona dos ourizos, para morreren no lume coma se fosen bruxas endiañadas; as pobres castañas tan vergoñentas e asisadas, que astra que están mortas no se deixan tirar do corpo a derradeira das súas túnicas. Agardan os mozos e as mozas, namentres arde o lume, e rin e falan e cantan; e unha cántiga vai dereita a un corazón, outra cae ós tombos polo monte embaixo, e outra aínda queda presa nos pinchos dun toxo.
...
Morreron as castañas queimadas no lume, a bota está xa sen folgos e o garrafón non pesa; mais aínda derredor da cinza da fogueira sen lume estoupan as risas nas gorxas novas. Dirédesme que os follatos murchos das viñas son sinal de morte que o inverno trae consigo. Dirédesme que o magosto é o final do froito dos castiñeiros; e teredes razón, mais teredes que confesar que as viñas trocadas en xardín son ben belidas, e que as castañas se queiman entre risas e entre amores. Porque na nosa terra, astra a morte ten engado. E se non o credes, vinde ver a Galicia no mes de San Martiño.
(Florentino Cuevillas)
...
Inda ó recordá-lo arrepían-seme as carnes. Pasou o día dos magostos, o San Martiño, e non as teño todas conmigo, que soilo non sendo gallego deixaría de lle dar creto a bruxerías e agoiros.

O magosto fóra de Galicia

editar

Tamén se celebra noutras localidades do noroeste peninsular, como Asturias (baixo o nome de magüestu), Cantabria (Magosta), País Vasco (Gaztainerre ou gaztañarre), León ou Zamora. Mesmo en Cataluña: Castanyada.

Tamén é unha festa moi popular en Portugal, co nome de magusto, ó redor do día de san Simón (18 de outubro), Tódolos Santos ou san Martiño. Na Aldeia Viçosa (do concello da Guarda), celébrase o Magusto da Velha [1].

Segundo Leite de Vasconcelos o magusto é o resto dun antigo sacrificio en honor dos mortos, e recolle a tradición de preparar, na media noite, unha mesa con castañas para que as coman os mortos da familia. Ninguén máis tocaba esas castañas porque se cría que estaban lambidas polos defuntos.

  1. Aníbal Otero (Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1949-1976)) discrepa desta teoría, e López Témez di que no convence a casi nadie, por la poca base en la que sustenta.
  2. Proto-Celtic ― English
  3. 3,0 3,1 "Do souto ao magosto". Portal das Palabras. Consultado o 12 de novembro de 2016. 
  4. "Crónicas da parroquia dos mortos", en La Voz de Galicia, 2.11.2002. Bernardo Barreiro recolle así a testemuña do bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara, en 1551.
  5. Hai quen especifica que non se deben botar sementes ou ovos, porque son símbolo de vida.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar