Purgatorio
Na teoloxía católica, o purgatorio é o lugar de limpeza e expiación dos pecados onde, despois da morte, as persoas que morreron sen pecado mortal (ofensa directa a Deus), pero que cometeron pecados leves na súa vida, teñen que limpar esas culpas para poder alcanzar o ceo. Debido a que todo aquel que entra no purgatorio terminará chegando ó ceo tarde ou cedo, o purgatorio non é unha forma de inferno. As pregarias polos mortos e as indulxencias poden abreviar a estadía dun ou varios dos seres queridos que estean en dito lugar.
Nos primeiros séculos do Cristianismo non existía a noción do purgatorio, pero adóitase ver no seguinte texto do Antigo Testamento a primeira referencia:
"Despois fixo unha colecta, e as dúas mil dracmas de prata que recolleu mandounas a Xerusalén para que ofrecesen un sacrificio de expiación. Un feito digno e nobre para o que pensa na resurrección; pois se non crese na resurrección dos mortos, non sei a que viría rezar polos defuntos. Pero para o que pensa que ós que morren piadosamente lles está reservada unha recompensa magnífica, a cousa é piadosa e santa. Por iso mandou ofrecer un sacrificio de expiación polos mortos, para que se lles perdoasen os pecados".Segundo Libro dos Macabeos, 12, 43-46 [1]
A idea da existencia dun purgatorio xorde no século XII coincidindo coa aparición dunha nova clase social: a clase media urbana, co que se crea un sistema máis complexo de castigo e expiación dos pecados, pero foi obxecto de fortes controversias que se documentan, como mínimo, desde o Concilio de Lión de 1274. Finalmente, foi no Concilio de Trento (1545-1563) cando se alcanzou a súa formulación definitiva como dogma de fe.
A idea do purgatorio en Galicia
editarNa igrexa de San Vicenzo de Cespón (Boiro) pode observarse este relevo coa seguinte inscrición. Nótese como incide en que a única diferenza entre o purgatorio e o inferno é que aquel é temporal e este eterno.
|
|
En Galicia, a idea do purgatorio correspóndese coas doutrinas da Igrexa Católica e reflicte ese estado ou lugar onde as almas dos defuntos que morreron en pecado (venial) sofren algún tipo de castigo antes de poder acceder ó ceo. Esta expiación dos pecados pode realizarse nun lugar especial que adoita situarse entre o ceo e o inferno, ou ben neste mundo, purificándose entre os aínda vivos.[1]. Estes poden aliviar os sufrimentos das ánimas ou abreviar o tempo de penitencia mediante sacrificios, misas, rezos ou esmolas.
Esta dobre situación quedará reflictida nos numerosos petos de ánimas que se poden ver por toda a xeografía galega, así como no norte de Portugal (onde reciben o nome de alminhas), ou en retablos de numerosas igrexas. Neste caso, adoitan representarse as almas dos defuntos entre lapas de lume e, nun rexistro superior, certas imaxes relixiosas que os rescatan do seu castigo para levalas ó ceo[2]. As almas dos defuntos reflicten as diferentes clases sociais (bispos, cregos, reis[3]) e ámbolos sexos (tanto homes coma mulleres), para indicar que calquera persoa, noble ou plebea, relixioso ou segrar, pode acabar no purgatorio e cómpre non só non pecar, senón facer sacrificios polos pecados que se teñan cometido. As figuras relixiosas que salvan as almas adoitan ser a Virxe do Carme e San Francisco de Asís; a primeira recolle as almas co seu escapulario e o segundo coa corda que usaba a modo de cinto. Vicente Risco recolle a crenza de que a Virxe baixa tódolos sábados ó purgatorio para sacar almas,[4] e no Dicionario dos seres míticos galegos engádese que tal acción redentora só ten lugar os sábados, e que se dúas persoas que están a falar coinciden en pronunciar unha mesma palabra salvan unha alma do purgatorio, se é sábado; se non é sábado a cousa complícase: han de collerse polo dedo maimiño e dicir "Rosa, violeta e caravel", ó soltarse o dedo deben repetir unha destas tres palabras e se volven coincidir, sacan unha alma do inferno. [5]
A outra interpretación, a da presenza das ánimas neste mundo, entre os vivos, pode estar relacionada coas peregrinacións e a Compaña, formadas por ánimas que deben realizar algunha penitencia. O caso máis paradigmático das ánimas que deben peregrinar a algún santuario esta localizado no camiño a Santo André de Teixido, que realizan en forma de cobras ou sapos. No caso da Compaña, as ánimas dos que morreron en pecado vagan polos camiños da parroquia cun cirio na man e cadeas nos pés[6] ata atopar quen desfaga o mal que fixeran en vida. Son numerosos os contos e lendas nas que as ánimas piden, dunha forma ou doutra, a familiares ou veciños que restauren no seu sitio o marco que moveran en vida ou que devolvan os cartos que roubaran ou emprestaran con usura.
Tamén se recolleu a celebración de misas de ánimas, que tiñan lugar ás doce da noite na igrexa parroquial, oficiadas por algún párroco que estea penando os seus pecados, e ás que asisten en rigoroso silencio as ánimas dos veciños que estean na mesma situación.
Como xa se dixo, pódese reducir o sufrimento das ánimas do purgatorio mediante rezos ou esmolas. E neste sentido cabe observar unha certa desconfianza sobre o destino desas esmolas. No citado Dicionario dos seres míticos afírmase claramente que "A xente sabe moi ben que o purgatorio non foi creado por Deus senón polos curas".[7]
O poeta Benito Losada recolleu este mesmo escepticismo nun dos seus Contiños[8]:
“ |
|
” |
A idea do purgatorio segundo a teoloxía protestante
editarO protestantismo rexeita a existencia do purgatorio por non atopar evidencias que o proben na Sagrada Escritura, nin un consenso na patrística, ademais de consideralo contrario a fe cristiá. A argumentación protestante xira arredor da idea de que só existen dúas posibilidades: a condenación e a salvación. Enténdese que a salvación foi lograda pola morte de Xesús na cruz e que é perfecta para quen a recibe pola fe, de modo que tanto a culpa como a pena dos pecados son borrados indeleblemente no fiel pola soa graza de Deus sen ter en conta os méritos, penitencias ou calquera outro esforzo que o crente faga. Esta crenza apóiana principalmente na Biblia:
"Sabendo que o home non é xustificado polas obras da Lei, senón por mor da fe en Cristo Xesús, tamén nós cremos en Cristo Xesús, para que sexamos xustificados pola fe en Cristo, e non polas obras da Lei. Posto que polas obras da Lei ninguén será xustificado".Gálatas 2,16
"En verdade, en verdade vos digo: O que oe a miña palabra, e cre naquel que me enviou, ten vida eterna; e non virá á condenación, mais pasou de morte á vida".Xoán 5,24
Posto que o purgatorio non existe no protestantismo tampouco teñen lugar as indulxencias ou as misas de sufraxio polos defuntos. Lutero denunciará estas prácticas católico-romanas como un comercio encuberto onde o que realmente lle importaba a igrexa era a acumulación de grandes fortunas para fins "pouco cristiáns"[9][10] como a construción da Basílica de San Pedro. Coa condena da venda de indulxencias tamén se condenaba a idea do purgatorio no luteranismo temperán. No seguinte desenvolvemento da teoloxía protestante ata a actualidade, a venda de indulxencias quedou nun segundo plano e o rexeitamento fundouse directamente nos problemas teolóxicos que presenta a crenza nun estado intermedio de purificación entre o ceo e o inferno. Ademais de ser contraria á soteroloxía[11] protestante choca directamente con outras crenzas como a imposibilidade de obter o favor dos santos na intercesión que está limitada tan só a Xesucristo como único mediador e a idea de pecado que rexeita a existencia de pecados veniais considerando todo pecado como mortal. As confesións históricas [12][13][14] coinciden case todas polo tanto na condena á crenza do purgatorio.
Galería de imaxes
editar-
Basílica de Santa María de Lekeitio (Biscaia)
-
Igrexa de San Francisco, en Tolosa (Guipúscoa)
-
Igrexa de San Pedro, en Muros
-
Fachada da Capela das Ánimas, en Santiago de Compostela
Notas
editar- ↑ Esta teoría foi defendida, entre outros, por San Gregorio Magno.
- ↑ Excepcionalmente pode existir un rexistro inferior, que vén representar o inferno.
- ↑ Claramente identificables pola tiara, a tonsura ou a coroa.
- ↑ "Din que o que morre o sábado, día que lle está consagrado [á Virxe], non se pode condenar. Tódolos sábados baixa a Nai de Deus ó Purgatorio a sacar almas, especialmente as dos que houberan feito en vida o sacrificio de aunar ou non comer carne os miércoles ou os sábados" (RISCO, Vicente: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Ed. Nós, Bos Aires 1962, tomo I, px. 334).
- ↑ Px. 207.
- ↑ En Xavestre, parroquia de Trazo (A Coruña), chaman á Compaña ferranchada, en alusión ás cadeas de ferro que arrastran.
- ↑ Px. 208.
- ↑ Benito Losada: Contiños. Andrés Martínez, ed., A Coruña 1888, px. 11; no texto: Bérra, dílle, Róque, tén, Jan, Élas, longe, bén (Biblioteca Galiciana). O contiño foi reproducido no suplemento nº 12 da revista Nós, nadal 1929, px. 6.
- ↑ 95 teses de Lutero, ver a tese 66 para esta referencia (en castelán)
- ↑ Castelao, ao falar dos cruceiros e os retábulos das Ánimas, insiste na teoría protestante da inutilidade do purgatorio e cita o senguinte pensamento de Lutero: "O lume da purificación -decía Lutero, coa súa cáustica ironía- sóio sirve para quentar o pote do Papa" (As cruces de pedra na Galiza, px. 135).
- ↑ Doutrina que se ocupa da salvación do ser humano.
- ↑ Confesión Helvética (en castelán)
- ↑ Confesión de Westminster (en castelán)
- ↑ 39 Artigos de Relixión da Igrexa Anglicana (en castelán)
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Castelao: As cruces de pedra na Galiza, Akal 1990.
- Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda: Dicionario dos seres míticos galegos, Xerais 2004 (4ª ed).
- Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea 2010.