Coles
Coles é un concello da provincia de Ourense, pertencente a comarca de Ourense. Segundo o IGE en 2014 tiña 3.150 habitantes (3.201 en 2003).
Coles | |
---|---|
Casa do Concello de Coles. | |
Situación | |
Xentilicio[1] | colense (non oficial) |
Xeografía | |
Provincia | Provincia de Ourense |
Comarca | Comarca de Ourense |
Poboación | 3.138 hab. (2022)[2][3] |
Área | 38,1 km²[3] |
Densidade | 82,36 hab./km² |
Entidades de poboación | 11 parroquias[4] |
Capital do concello | Vilarchao |
Política (2023 [5]) | |
Alcalde | Manuel Rodríguez Vázquez (PSdeG[6]) |
Concelleiros | BNG: 1 PPdeG: 3 PSdeG-PSOE: 7 |
Eleccións municipais en Coles | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 61,05% |
Na rede | |
http://www.concellodecoles.org/gl/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía editar
O concello, de 38,25 km², abrangue 10 parroquias. Limita ao noroeste con Vilamarín, ao nordeste coa Peroxa, ao sueste co Pereiro de Aguiar (a través do río Miño), ao suroeste con Ourense e ao oeste con Amoeiro. A zona noroeste é máis elevada, con cumios como o Castro de Santa Águeda (682 m) ou os montes de Cambeo (488 m). No leste as terras graníticas descenden cara ao curso do Miño.
O principal curso fluvial é o río Miño, que serve de fronteira ao longo de 6 km. O encoro de Velle supuxo cambios importantes na zona, destruíndo as pesqueiras existentes. Outro curso menor é o río da Barra, afluente do Miño que serve de fronteira coa Peroxa. O río Gustei únese ao rego de Lusín, desembocando no Miño, ao igual que o regueiro de Carrís.
Demografía editar
Segundo o dicionario de Madoz, a mediados do século XIX tiña 4.635 habitantes. Na década de 1950 había 5.114, e en 1.960 a poboación descendeu a 4.608. En 1970 eran 3.491, e 3.487 en 1975. A finais da década de 1980 comezou un leve aumento da poboación procedente da capital ourensá.
Censo Total (Habitantes) | 3.150 (2014) |
Menores de 15 anos | 316 (10.03 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.841 (58.44 %) |
Maiores de 65 anos | 993 (31.52 %) |

Evolución da poboación de Coles Fontes: INE e IGE. | |||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 |
5.273 | 4.954 | 4.810 | 3.369 | 3.252 | 3.150 | {{{13}}} | {{{14}}} | {{{15}}} | {{{16}}} | {{{17}}} | {{{2022}}} | ||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia editar
Antes da romanización as terras estaban habitadas nos poboados castrexos de Santa Águeda, A Madalena, San Lourenzo e Adro Vello.
NO século XII constituíuse na comarca o arcediagado de Búbal, baixo a influencia da orde de Santiago e dos mosteiros de Ribas do Miño, Oseira e Celanova. O topónimo aparece documentado de distintos modos a mediados do século XIII: Coonis (1233), Coonas (1242) e Columpnis (1257).
Durante o antigo réxime, as parroquias do actual concello pertencían ás xurisdicións da Barra (orde de Santiago, a través da encomenda da Barra), Gustei (bispado de Ourense), Melias (condado de Lemos e mosteiro de Oseira), Ribela (condado de Lemos) e A Peroxa (condado de Ribadavia), pertencentes á provincia de Ourense.
En 1812 constituíronse os concellos de Gustei e Melias, que foron retomados entre 1820 e 1823. En 1835 consituíuse definitivamente o actual concello de Coles.
Patrimonio editar
Cultura castrexa editar
O castro da Madalena foi catalogado en 1925 por Florentino López Cuevillas para o Seminario de Estudos Galegos. As súas defensas víronse danadas por mor dunhas obras de minería na procura de cuarzo levadas a cabo en 1870 por Daniel de Aguiar e Silva. Está situado a uns 45o m de altitude. Atopáronse restos de vivendas e de cerámica con decoración. É un castro dun só recinto cun terraplén de 8 m de alto no oeste e ata 40 no leste. No norte e oeste e na metade hai un chanzo estreito que fai a modo de glacis, e ó seu pé corre un foxo de trece a quince metros de ancho cunha escarpa de tres a dez metros de alto. Na parte sur non hai foxo, pois conta coa defensa natural dun regato. Ten forma circular, cuns 120 m de diámetro.
O castro de Santa Águeda está situado no outeiro do mesmo nome, a unha altitude de 682 m, servindo de fronteira cos concellos de Vilamarín e A Peroxa. Ten uns 75 m de diámetro e conta con tres recintos. Foi estudado por Xesús Ferro Couselo, e actualmente a espesa vexetación dificulta a súa visita. Realizáronse 9 catas, descubríndose restos de edificacións, dous amarradoiros do gando, unha machada puída semellante aos machados neolíticos e dous pulidores. Tamén un colar de pasta vítrea e paredes decoradas con sucos incisos formando bandas. Tamén se atopou a planta da antiga capela adicada á santa que dá nome ao lugar.
O castro de San Lourenzo non está escavado. Atopáronse restos de tégulas e de cerámica, que non foron analizadas. Preto do castro hai unha capela cunha ventá prerrománica.
O castro do Adro Vello está situado preto da actual igrexa de Coles, entre Paradela e Seoane.
Pazos editar
O pazo de Fontefiz está situado na parroquia de Ucelle. Xa no século X aparece referenciado o Casal de Fonte Felici. No século XV pertencía ao mosteiro de San Clodio, e en 1597 foi aforado a Gregorio de Nóvoa, veciño da Peroxa, que fundaría a liñaxe de Fontefiz. No século XVIII consolidouse a potencia económica da casa de Fontefiz mercede ás rendas de varias poboacións dos arredores, e mellorouse a construción. Pechouse o eido, construíuse e canalizouse unha présa de auga para o servizo da casa, fixéronse as cortes, o cabaceiro, a tulla de pedra os maineis da casa e o retablo da capela. Amais, anexáronse diversas leiras. Mais no século XIX comezou a decadencia. En 1866, trala morte de Pedro Ventura de Puga, pasou ao marquesado de Leis. Actualmente é o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia pertencente á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
No interior da leira hai un pombal. O edificio principal ten planta en U, patio pechado por muro con portalón exterior coroado por un escudo e outra interior cara outras dependencias da leira. No patio interior están os escudos das familias que o posuíron: Nóvoa, Vilamarín, Temes, Raxó e Deza, cun balcón sostido por canzorros e dous reloxos de Sol. No interior do edificio destaca a escaleira nobre e a lareira, feitas en cantería. A cheminea da lareira, na fachada suroeste, ten seis metros de altura.
Economía editar
No sector primario destaca a existencia de prados para a gandería, ademais do cultivo de millo, patacas e viñedos. Abondan as fragas de piñeiros, carballos, eucaliptos e castiñeiros. No campo da industria destaca o sector da madeira. A comezos do século XX había medio centenar de talleres relacionados con este produto, destacando os da zona de Melias.
Comunicacións editar
O concello está atravesado pola estrada que une Ourense e Santiago de Compostela (N-525) e a vía Ourense - Lugo (N-540). Tamén está comunicado polo ferrocarril cara a Compostela.
Galería de imaxes editar
- Artigo principal: Galería de imaxes de Coles.
Parroquias editar
Lugares de Coles editar
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Coles vexa: Lugares de Coles.
Notas editar
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020.(en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Coles".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
- ↑ Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coles |