Ermida das Virtudes de Pontedeume

construción relixiosa en Pontedeume

A Ermida das Virtudes é un templo da vila de Pontedeume, o edificio relixioso máis antigo despois da igrexa parroquial.

Ermida das Virtudes de Pontedeume
Ermida e cruceiro das Virtudes
PaísEspaña
LocalizaciónPontedeume
Coordenadas43°24′19″N 8°10′06″O / 43.405277777778, -8.1683333333333Coordenadas: 43°24′19″N 8°10′06″O / 43.405277777778, -8.1683333333333
editar datos en Wikidata ]

Fundación editar

Non hai concordancia entre os historiadores acerca da autoría da ermida. Antonio de la Iglesia sitúa a súa fundación en 1416 por Nuno Freire de Andrade, o Mao, baseándose nunha inscrición na parte que queda da primeira edificación, hoxe difícil de ler, que segundo Antonio de la Iglesia di:

ESTA IREGA MANDOU FAZER NUNO FREIRE DANDRADE A ONRA DE SATA M. (MARIA) ERA DE MILL E CCCC E X (CATRO CENTOS E DEZA) SEIS ANOS

Ángel del Castillo coincide con Antonio de la Iglesia na autoría de Nuno Freire de Andrade, o Mao, porén propón dúas lecturas da data de construción baseándose en criterios historiográficos: 1416 ou 1408.

Antonio Couceiro Freijomil dubida da lectura da inscrición e sitúa a fundación en 1378 por Fernán Peres de Andrade, O Boo.

Finalmente, Carlos de Castro Álvarez e José Luís López Sangil non dubidan en afirmar nun traballo sobre a xenealoxía dos Andrade[1], que a fundación é nos tempos de Fernán Peres, O Boo, mais por obra do seu irmán Nuno Freire de Andrade, mestre da orde de Cristo.

O que si é certo é que a ermida eríxese en terreos daquela pertencentes á parroquia de Vilar e, case con toda seguridade, propiedade da Casa de Andrade.

Descrición editar

O templo foi lugar de peregrinación por mor dunha serie de milagres supostamente acaecidos no lugar que nunca foron recoñecidos como tales pola Igrexa. O seu adro foi cemiterio non consagrado de pobres ata que o arcebispo de Santiago, Xoán de San Clemente, normalizou a situación en 1599. Entre 1833 e 1888 foi cemiterio municipal.

Da primitiva fábrica gótica só queda a parede norte, a pedra coa imaxe da Virxe e a inscrición nomeada. O resto seguramente desapareceu entre 1672 e 1680 cando se levou a cabo unha profunda reforma financiada polo indiano Andrés Copeiro, que ampliou a capela ao longo e ao largo, cubriuna con bóveda de media laranxa, reedificou a fachada e engadiu a sancristía.

A espadana é, segundo inscrición, de 1817. En 1858 amañouse o tellado, a bóveda e o ciborio, baixo a dirección do arquitecto Faustino Domínguez Domínguez. Posteriores actuacións son as de 1908 que uniu a capela co asilo de anciáns construído ao seu carón, e outros arranxos menores entre 1995 e 1998.

O retablo editar

O máis destacado da capela é o seu retablo. Segundo Pérez Costanti foi contratado en 1679 por Teodoro de Parga, testamenteiro de Andrés Copeiro, a Alonso González. Porén, o que realmente contratara fora un retablo lateral cuxo lugar foi posteriormente ocupado pola imaxe do Nazareno. En calquera caso é probábel que Alonso González fixera tamén o retablo central pois garda moita semellanza co retablo que fixo para a capela do Rosario da igrexa do Convento de San Domingos da Coruña.

É unha obra barroca, con catro columnas salomónicas que dividen o espazo en tres bandas, unha central e dúas laterais onde se distribúen, a distintos niveis, imaxes de santos e a Virxe das Virtudes, que ocupa o lugar central. O retablo estaba aínda sen pintar en 1718, momento no que frei Xosé Mosquera, quen fora prior do convento de Santo Agostiño, inicia xestións para recadar os fondos necesarios.

Notas editar

  1. La genealogía de los Andrade Arquivado 20 de febreiro de 2016 en Wayback Machine., Revista Cátedra nº 7 (2000)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar