Abrir o menú principal
Gravado do edificio do Congreso dos Deputados de España en Madrid, (1843).

Deputado, integrante dun Parlamento ou dunha Cámara dos Deputados. Nos sistemas bicamerais xeralmente integran a cámara baixa, mentres que a cámara alta está integrada polos senadores. Representan a soberanía popular.

Teñen a responsabilidade de ser os representantes do pobo e nos sistemas democráticos son elixidos polo voto libre e segredo dos cidadáns.

No Reino Unido e noutros países que seguen o seu sistema parlamentario os deputados coñécense como Membros do Parlamento (Member of Parliament en inglés, frecuentemente abreviado en MP)

Parlamento EuropeoEditar

Os deputados da Unión Europea coñécense como eurodiputados. Na primeira lexislatura do Parlamento Europeo, os deputados da Unión Europea do 1 de maio de 2004 con 25 países membros, o número de eurodiputados elevouse temporalmente a 788. Carecen de iniciativa lexislativa.

Parlamento de GaliciaEditar

Os deputados do Parlamento de Galicia son elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto por un prazo de catro anos. Gozan de inviolabilidade polos votos e opinións que emitan no exercicio de seu cargo. Non poden ser detidos nin retidos polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia a non ser en situación de flagrante delito, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra de Galicia, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo. Teñen xunto ao Parlamento e a Xunta de Galicia a iniciativa lexislativa.

Congreso dos Deputados de EspañaEditar

Segundo a Constitución de 1978 o pobo español está representado polo Congreso dos Deputados e o Senado. As dúas cámaras forman as Cortes Xerais. As Cortes Xerais exercen o poder lexislativo do estado, aproban os orzamentos, controlan o poder executivo e exercen o resto de competencias que lles atribúe a Constitución.

Ninguén pode ser ó mesmo tempo deputado e senador. O cargo de deputado é incompatible co correspondente nunha asemblea dunha comunidade autónoma. O mandato dos membros das cortes non é imperativo.

O número de deputados pode ir de 300 a 400 e deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual directo e secreto. A circunscrición electoral para a elección de deputados e senadores é a provincia. Ceuta e Melilla están representadas por un deputado cada unha.

A elección faise en cada circunscrición segundo criterios de representación proporcional, en concreto, en España aplícase o Método D'Hondt para distribuír os escanos entre listas electorais pechadas.

O mandato dos deputados dura, como moito, catro anos (supondo que non se disolva a cámara con anterioridade). Para a elección e o desenvolvemento do cargo poden ser elixidos todos os españois no uso dos seus dereitos políticos. A lei recoñece o dereito de sufraxio dos españois que se atopen fóra de España.

Non son elixibles para o cargo de deputado: os compoñentes do Tribunal Constitucional, os altos cargos da Administración do Estado (excepto os membros do Goberno) que determine a lei, o Defensor do Pobo, os maxistrados, xuíces e fiscais, os militares profesionais, os membros das forzas e corpos de seguridade e os membros das Xuntas Electorais. A validez das actas de deputado e as súas credenciais están sometidas ó control xudicial nos termos que marca a lei electoral.

Os deputados gozan de inviolabilidade polas opinións que manifesten no exercicio do seu cargo. Tamén dispón de inmunidade para ser detidos, a non ser en caso de flagrante delito. Para que sexan procesados necesítase a autorización previa da cámara. As causas contra deputados son competencia do Tribunal Supremo. O soldo dos deputados vén fixado pola propia cámara.

Os deputados forman parte das comisións de Investigación designadas pola cámara. O Congreso nomea unha Deputación Permanente cun mínimo de 21 deputados.

O voto dos deputados non se pode delegar.