Monte Breamo
O Monte Breamo é un monte situado no concello coruñés de Pontedeume. Os seus 305 metros fan del o punto máis alto do occidente do concello eumés.
Etimoloxía
editarHai varias teorías sobre a orixe do nome. Para Ángel del Castillo deriva dun monte sagrado de nome Brigamo. Antonio Couceiro Freijomil afirma que o nome provén do mítico rei Brigo que edificou alí un castro. Finalmente Isidoro Millán González-Pardo non dubida en atribuírlle unha orixe celta, concretamente do vocábulo gaélico bri (monte). Basea a súa afirmación en que na documentación máis antiga existente úsase o termo Briamo alternándose co de Breemo[1]
Morfoloxía e hidroloxía
editarÉ un monte senlleiro situado no corazón do Golfo Ártabro, dominando a entrada a el desde o mar. Aos seus pés esténdense as rías de Ares e de Betanzos. As vistas da costa son espectaculares, chegando a verse en días claros as illas Sisargas.
Ten numerosos mananciais que alimentan as fontes públicas das parroquias situadas na súa aba, que son as eumesas de Breamo, Pontedeume, Centroña, Boebre e Vilar; e a de Vilanova no concello de Miño.
Porén, debido á súa proximidade á costa, non ten longos cursos de auga, a excepción da vertente sur onde teñen unha certa entidade o Rego dos Muíños que desemboca na praia de Perbes, e o Regato de Dandel que verte no río Xarío.
Acción do home
editarDesde tempos remotos o home deixou a súa pegada no monte Breamo. A referencia máis antiga é a da cidade ártabra de Ardóbriga nomeada polos conquistadores romanos. É situada por algúns historiadores no Castro de Centroña, na aba noroeste do monte.
No cume do monte está a ermida de San Miguel que é o que queda dun antigo mosteiro, edificado probabelmente sobre outro templo pagán anterior. Nos arredores da ermida hai unha área recreativa.
O cemiterio novo de Pontedeume foi construído a rentes da estrada que sobe ao monte.
Os lugares da parroquia de Breamo de O Barro, Cermuzo, As Pedridas e Vista Alegre aséntanse na aba do monte.
Notas
editar- ↑ Castro Álvarez, Carlos de (1995): "En torno al real priorato de San Miguel de Breamo y su iglesia. Cátedra nº 2.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Visor IBERPIX Arquivado 13 de decembro de 2013 en Wayback Machine. do Instituto Xeográfico Nacional.