Fernán Pérez de Andrade o Mozo

(Redirección desde «Fernán Pérez de Andrade, O Mozo»)

Fernán Pérez de Andrade, chamado o Mozo foi o sexto señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba sucedendo á súa sobriña María de Andrade, morta prematuramente. Xa fora rexente durante o mandato de María de Andrade pola minoría de idade desta.

Fernán Pérez de Andrade o Mozo
VI Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba

Mandato1441?-1470?
Nacemento?
Falecemento1470?
SepulturaIgrexa do mosteiro de Monfero
PredecesorMaría de Andrade
SucesorDiego de Andrade
Cónxuxe/sMaría de Moscoso
DescendenciaDiego de Andrade

Pedro Fernández de Andrade

Fernando Pérez de Andrade
Liñaxe / DinastíaCasa de Andrade
ProxenitoresNuno Freire de Andrade, o Mao
Beatriz de Valdés

O feito máis salientábel do seu mandato foi a revolta irmandiña.

Retrato do papa Uxío IV que excomulgou a Fernán Pérez, o Mozo.

Litixios coa Igrexa de Santiago editar

Ao igual que os seus antecesores no señorío, non foi demasiado respectuoso coa propiedade allea. Chegou a tomar como se fosen seus os coutos de Muniferral e Feás, que tiña en arrendo á Igrexa de Santiago. Xa os seus devanceiros, o primeiro Pedro Fernández de Andrade e Nuno Freire de Andrade, o Mao, tiveran litixios por eses coutos.

A situación debía ser habitual nas propiedades eclesiásticas pois en 1445 o papa Uxío IV excomulgou a todos os nobres que usurparan terras, coutos e xurisdicións da igrexa de Santiago. Non produciu moito efecto, pois o 23 de setembro de 1449 o arcebispo de Santiago, Rodrigo de Luna, autorizou ao cardeal Martín López a negociar con Fernán Pérez de Andrade para ver de chegar a unha avinza. Esta xestión non deu moitos resultados, xa que o 5 de xullo de 1450, Rodrigo de Luna ameaza a Fernán Pérez de Andrade cunha sanción de 2.000 marabedís se continuaba esixindo pechos e servizos aos caseiros das terras pertencentes aos cóengos de Compostela pois estaban libres deles por concesión real e eclesiástica.

A revolta irmandiña editar

Na primavera de 1467 tivo lugar o levantamento irmandiño. A súa rapidez colleu por sorpresa aos nobres, fuxindo a maioría deles a Castela e Portugal. Os feitos acontecidos son coñecidos con bastante exactitude grazas en parte ao relato que fixo deles poucos anos despois o cronista de Fernando de Andrade, Vasco da Ponte.

Nas terras dos Andrade as tropas irmandiñas estaban ao mando de Afonso de Lanzós, antigo vasalo de Fernán Pérez de Andrade, quen tomou a vila de Pontedeume facendo fuxir ao que fora seu señor. Non lle debeu faltar a axuda dos subxefes irmandiños na vila: Afonso de Casal e Gonzalo Pillarte.

A contraofensiva dos nobres iniciaraa na primavera de 1469 desde Portugal Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, quen, aliado co arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca e con Xoán Pimentel, derrotou preto de Santiago a dez mil homes liderados por Pedro Osorio.

Logo desta vitoria, Fernán Pérez de Andrade, que se achaba desposuído dos seus dominios, acudiu á chamada de Pedro Madruga xunto con outros nobres como Gómez Pérez das Mariñas I, Sancho Sánchez de Ulloa e Lopo Sánchez de Moscoso.

A coalición dos señores foi tomando paulatinamente os señoríos arrebatados. Chegado o momento dispuxéronse para tomar a fortaleza de Pontedeume onde se fixera forte Afonso de Lanzós, mais este, sorprendido pola rápida chegada dos señores mandou mensaxeiros pedindo axuda a Diego de Lemos e fortificouse no Castro de Gundián. A chegada da noite impediu a vitoria dos nobres. Afonso de Lanzós, sospeitando que non chegaría a axuda, aproveitou a escuridade para fuxir.

Porén, á mañá seguinte os nobres acháronse con Diego de Lemos que viña á fronte dun amplo número de irmandiños para axudar, e aquela xornada tería sido mala para os nobres de non fuxir Afonso de Lanzós. Logo dun parlamento entre Pedro Madruga e Diego de Lemos, que eran cuñados, este volveu sobre os seus pasos deixando vía libre aos nobres para perseguiren a Afonso de Lanzós quen, ante a imposibilidade de defender Pontedeume, cedeuna ao arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca.

Afonso de Lanzós caera por fin en poder de Fernán Pérez Parragués, quen o entregou a Fernán Pérez de Andrade. Non sabemos cal foi a fin de Afonso de Lanzós mais é seguro que finou a mans de Fernán Pérez de Andrade. Relata este feito Vasco da Ponte dicindo xurara acabar coa casa de Andrade, e esta acabara con el.

Pouco despois da prisión e morte de Afonso de Lanzós produciuse o pasamento de Fernán Pérez de Andrade sen que puidese retornar a Pontedeume, aínda en poder de Alonso de Fonseca. Debeu morrer pouco despois do 3 de novembro de 1470, data na que testa. Os seus restos foran enterrados no mosteiro de Monfero.

Será o seu fillo e sucesor Diego de Andrade quen recupere a vila de Pontedeume.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Fernán Pérez de Andrade o Mozo
Nacemento:  ? Falecemento: 1470?


Aristocracia galega
Precedido por
María de Andrade


VI Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba
1441? – 1470?
Sucedido  por
Diego de Andrade