José Díaz Fuentes
José Díaz Fuentes, nado en Sarria o 6 de agosto de 1940 e finado en París o 30 de maio de 2010,[1][2] foi un escultor galego. Era irmán do avogado, escritor e político Antonio Díaz Fuentes.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de agosto de 1940 Sarria, España |
Morte | 30 de maio de 2010 (69 anos) Saint-Germain-en-Laye, Francia |
Educación | Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona (1964–) Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (1958–) Real Academia de Belas Artes de San Fernando |
Actividade | |
Ocupación | escultor |
Influencias | |
Familia | |
Irmáns | Antonio Díaz Fuentes |
Traxectoria
editarDesde moi novo sentiuse atraído polas formas en pedra e madeira. O seu primeiro mestre foi un tallista da súa vila natal e aos 16 anos ingresa no obradoiro do escultor galego Cástor Atas Monteiro.
En 1958 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, onde vive o ambiente universitario que o enriquece intelectualmente. Logo de facer o servizo militar en Málaga, en 1964 continúa a súa formación na Escola de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e posteriormente na tamén Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid. En Barcelona descobre a investigación da arte europea.
En xaneiro de 1970 instálase a vivir en París, onde goza da liberdade e apertura cultural que non había na España franquista. Nunha exposición nos xardíns do palacio de Luxemburgo coñeceu o escultor húngaro Ervin Patkai, do que aprendeu a traballar o formigón. É un dos fundadores na capital francesa do Círculo Cultural Galego.
A partir de se instalar en París desenvolve unha prolífica labor na que destacan a realización de esculturas monumentais tanto en Francia como en Galicia, exposicións itinerantes, expositor habitual nas salas de máis sona, acondicionamentos de espazos urbanos e actividades pedagóxicas, amais da creación de estatuas espalladas polo mundo enteiro.
A súa traxectoria foi recoñecida coa concesión en 1980 da medalla de bronce da Academia Europea de Belas Artes, e en 1999 da medalla de prata de Arte e Mérito do Senado de Francia. En 1981 recibiu unha bolsa do Ministerio de Cultura español.
Notas
editar- ↑ Ana Teruel (5 de xuño de 2010). "José Díaz Fuentes, escultor gallego que conquistó Francia". El País (en castelán).
- ↑ "Muere en París el escultor gallego José Díaz Fuentes". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2010. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2013.