Gran Teatre del Liceu

O Gran Teatre del Liceu, popularmente coñecido como Liceu é un teatro especializado en representacións de ópera da cidade de Barcelona, sendo considerado o teatro máis prestixioso da cidade condal e tamén como un dos máis prestixiosos do mundo. Localízase no paseo da Rambla en Barcelona, no número 61-65. Inaugurouse o 4 de abril de 1847, aínda que a súa historia comeza en 1837. Foi, pola súa capacidade, o teatro de ópera máis grande de Europa durante os seus primeiros cen anos.[1] Dende hai máis de 150 anos represéntanse nel obras maiores interpretadas polos máis famosos cantantes do mundo. Durante anos foi o símbolo e o lugar de xuntanza da aristocracia e da burguesía de Cataluña.

Gran Teatre del Liceu
Vista da fachada.
Localización de Gran Teatre del Liceu en Cataluña
Gran Teatre del Liceu
Localización no mapa de Cataluña.
EnderezoLa Rambla, 61-65
CidadeEl Raval
PaísEspaña
Arquitecto/sMiquel Garriga i Roca (1847)
Josep Oriol Mestres (1862)
Ignasi de Solà-Morales (1999).
Propiedade deConsorcio do Gran Teatre del Liceu.
Capacidade2.292
Inauguración4 de abril de 1847.
Reapertura20 de abril de 1861, 7 de outubro de 1999.
Na rede
BNE: XX100212
editar datos en Wikidata ]

Caracterízase polo seu accidentado pasado, do cal rexurdiu en repetidas ocasións. Dende a súa inauguración e durante case un século, o Liceu foi, ademais da primeira sala de ópera de Cataluña e España, o punto de referencia, de confluencia e expansión da vida artística, social e política de Barcelona. Foi o termómetro das súas etapas de esplendor, de desenvolvemento, de decadencia e dos seus disturbios. Despois, a partir da terceira década do século XX, o Liceu perdeu paseniño a súa relación directa cos altos e baixos da vida social para asumir unha hexemonía máis determinadamente artística e musical.[2]

O edificio

editar

O teatro está sito na Rambla, no centro da cidade. Ata 1994, non era un edificio illado e só tiña dúas fachadas orientadas cara a rúa, limitando os outros dous costados con casas adxacentes. Esta circunstancia limitaba o seu crecemento. Por causa do incendio, expropiáronse as leiras veciñas e edificouse sobre elas unha ampliación do teatro, que dende entón dá cara a Rambla, así como ás rúas Unió e de Sant Pau. O proxecto de reconstrución, feito a partir dun de reforma do teatro de 1986, foi obra dos arquitectos Ignasi de Solà-Morales, Xavier Fabré e Lluís Dilmé.

No edificio actual mantéñense algunhas partes provenientes dos anteriores:

  • A fachada principal da Rambla, que é a orixinal de 1847, de Miquel Garriga i Roca (parece que a fachada, a pesar de que o plano o asinou Garriga, tampouco é súa, senón dun arquitecto francés descoñecido): é unha fachada modesta e pouco atractiva.
  • O vestíbulo e a escalinata (1861), cunha escultura de Venanci Vallmitjana representando a Música (1901).
  • O salón de descanso (Saló dels Miralls ou Verger) (1847). Conserva a decoración romántica orixinal, con medallóns pintados con retratos de músicos, cantantes e bailaríns do momento: (Pasta, Rubini, Donizetti, Bellini, Gluck, Marie Taglioni... Na cornixa hai frases, en letras douradas, relativas á música e ao teatro, representativas dos gustos do momento de construción do teatro. Volveuse decorar parcialmente en 1877 por Elies Rogent. A pintura do teito, Josep Mirabent, que representa o Parnaso, é daquela. En 1941 caeu e foi recolocada e restaurada por Josep Mestres Cabanes, que tamén restaurou as pinturas da escaleira.
 
Maqueta do Gran Teatre del Liceu cara ao ano 2000 (Liceu, Foyer).
 
A mesma maqueta dende o outro costado.

A sala do auditorio é enorme e espléndida. Reedificada despois do lume, reproduce fielmente o aspecto da sala de 1861 (ou máis ben, da de 1909, cando a sala volvérase decorar), con algunhas melloras. Ten 2.292 asentos, sendo un dos teatros clásicos de ópera de maior capacidade de Europa. É un teatro ao estilo italiano, con forma de ferradura que se vai pechando a medida que se achega ao proscenio. A lonxitude máxima da sala é de 33 metros, e o ancho de 27 metros. Ten platea e cinco andares (amais dos palcos de platea). Hai catro grandes palcos a cada lado do proscenio, e palcos na platea, no primeiro andar, e nos laterais do segundo e terceiro. Non obstante, non hai separación arquitectónica entre eles, tan só un biombo baixo, de xeito que no teatro non se ven columnas. Isto, e o feito de que non hai palco real nin presidencial, dá unha continuidade aos pisos que dan a impresión de seren unha ferradura dourada, sen interrupción. Outra peculiaridade é o anfiteatro, sito no primeiro piso: posúe tres ringleiras de butacas (sen dúbida, as mellores do teatro), que se proxectan por riba da platea sen ningún piar nin columna de apoio (susténtanse directamente sobre as trabes de ferro, o que, en 1861, foi bastante ousado). Este anfiteatro xa estaba na sala de 1847; nesta, ademais, había un similar no segundo piso, con dúas ringleiras de butacas.

Os gastos da construción orixinal cubríronse coa venda de palcos e asentos: ao longo dos anos, os propietarios decoraron os antepalcos (as salas de entrada aos palcos) de xeitos moi diferentes, e, acotío, coa colaboración de grandes artistas e artesáns, conformando un conxunto de grande interese histórico e artístico. Todas elas, así e todo, desapareceron no lume de 1994.

O Liceu era un lugar de encontro da burguesía acomodada de Barcelona; os andares superiores, o cuarto e o quinto, onde había as entradas máis baratas, denominábanse "galliner" ("galiñeiro") e era onde ían os afeccionados con poucos recursos, habitualmente máis entendidos e críticos cos espectáculos. Eran eles quen facían que os cantantes triunfasen ou fracasasen. Aínda agora, o público destes pisos ten fama de ser o máis esixente.

 
A sala principal do Liceu despois da reconstrución de 1999.

O proscenio reproduce o antigo, redecorado en 1909. Ten unha grande arcada central, cun arco carpanel; aos dous lados, dúas grandes columnas corintias enmarcan catro pisos de grandes palcos, chamados "banyeres" ("bañeiras").

A ornamentación da sala reproduce fielmente a de 1909: suntuosa, con relevos de xiz e estuco dourados e policromados, como era costume nos teatros do século XIX. As lámpadas son de bronce e vidro, en forma de dragón. As butacas da platea son de ferro fundido e veludo vermello, cor común de todas as butacas da sala.

Na reconstrución de 1999 introducíronse algunhas novidades. As novas pinturas circulares do teito e as tres do proscenio perdéronse no lume; as novas encargáronse ao artista Perejaume, que colocou nove grandes montaxes fotográficas con paisaxes formadas polas butacas do teatro. O pano do escenario é obra do xastre Antoni Miró. Colocouse unha gran lámpada de forma hemisférica no centro do teito que incorpora elementos para o control da iluminación e o son.

Tamén se engadiron cabinas de control e proxección nalgúns andares e unha "superficie técnica" sobre o teito, con equipamento de tecnoloxía avanzada para gravar as representacións xunto con cámaras dirixidas por ordenador. O equipamento do escenario está entre os máis modernos de Europa, permitindo rápidos trocos de escena e a programación simultánea de catro escenarios diferentes.

Baixo a sala, no soto, construíuse unha nova sala, a nomeada Foyer, de superficie idéntica á da platea, onde se instalou un bar máis que, cando este pecha, queda dispoñible para a realización de espectáculos de pequeno formato: recitais, concertos, ópera de cámara, conferencias e actividades diversas.

Referencias musicais da ornamentación do teatro

editar

A decoración do teatro inclúe referencias escritas, inscricións, e iconográficas -pinturas, relevos, medallóns, entre outros- ao teatro e a música, que son un reflexo do gusto do momento no que se fixeron.

A fachada, vestixio do momento da construción do primeiro teatro, está presidida por dúas inscricións que, a ambos os lados do nome do teatro, din: "Calderón - Mozart" e "Rossini - Moratín", en referencia aos máximos representantes da historia do teatro e a música (Calderón e Mozart, en 1847 non eran autores moi representados) e da súa actualidade: Rossini era un compositor aínda popular, e Moratín era o paradigma do teatro "moderno" de bo gusto, xa que o teatro romántico non deixaba de ser unha novidade.[3]

Saló dels Miralls

editar
 
Sala de descanso do Gran Teatre del Liceu, nomeada Saló dels Miralls, salvada do lume de 1994.

O Saló dels Miralls (salón dos espellos), tamén supervivente de 1847, está decorado con medallóns e frases relativos á arte e o teatro. De planta rectangular, mais con dous chafráns nas esquinas do fondo que dan á fachada da Rambla, presenta:

  • No muro central do fondo, a frase "El arte no tiene patria", e o medallón do retrato coa lenda "Gluck", que forma o eixo da sala.[4]
  • No chafrán da esquerda: "El teatro es el santuario de las artes" e os retratos de "Haydn" e "Meyerbeer": representantes da música sinfónica moderna[5] e da ópera contemporánea da escola francesa.[6]
  • No chafrán da dereita: a frase "La comedia es el espejo de la vida", cos retratos de "Lauvenant" e "Metastasio", como modelo de libretista de ópera.
  • No muro da dereita: a frase "La música es el único placer de los sentidos del cual no puede el vicio abusar", cos retratos de "Pasta", "Donizetti", "Sontag" e "Moliere". Amais de dúas das máis grandes sopranos do momento,[7] Donizetti representa ao autor italiano máis célebre do momento[8] e Molière, ao teatro clásico que seguía as normas do clasicismo.
  • No muro da esquerda: a frase "La música es la palabra del alma sensible, como la palabra es el lenguaje del alma intelectual", cos retratos de "Mercadante" (músico daquela moi popular), "Taglioni" (a bailarina máis importante do momento), "Calderón" (como paradigma de autor teatral clásico español) e "Rubini" (o tenor máis aclamado da época).
  • No muro da entrada: a frase "La sencillez y la verdad son los principios de la belleza de todas las manifestaciones del arte" e os retratos de "Maiquez", "Bellini" (no eixe da sala) e "Lope de Rueda": o mellor actor de teatro da xeración precedente, o músico "moderno" máis valorado no momento e o "pai" do teatro en castelán, aínda que non se representou nunca no Liceu. Nos corredores de entrada á sala, á dereita, o retrato de "Shiller" [sic], o autor teatral moderno máis recoñecido, e á esquerda, a "Malibran", a cantante máis célebre da xeración anterior.

No teito, o plafón ao óleo de Josep Mirabent representa o Parnaso, con Apolo, deus das artes e a fonte que nutre as nove musas, que están aos seus pés, con atributos das artes. Ao redor, en catro frisos hai anxiños: en dous deles, tocan instrumentos musicais, como alegoría da música; nos outros, hai os da danza e do teatro; nas esquinas do pé do plafón, dous medallóns cos retratos de Homero e Dante, como representación da Poesía.

Sala de espectáculos

editar

O teito da sala de espectáculos, entre 1861 e 1994 estaba decorada con oito óleos circulares con representacións de diversas obras que formaban alegorías de diferentes xéneros teatrais e musicais. Obra Ramon Martí i Alsina, Joan Vicens, Agustí Rigalt e Antoni Caba, representaban (dende o eixo do teatro, o máis próximo á entrada, no sentido das agullas do reloxo):

  • El acero de Madrid, comedia de Lope de Vega, como alegoría do teatro clásico do Século de Ouro e da comedia "moderna"; pintado por Antoni Caba.
  • Guillerme Tell disparando a bésta, á súa vez representación do drama de Friedrich Schiller, paradigma do teatro do momento, e da ópera de Gioachino Rossini Guillaume Tell, como modelo de ópera moderna; pintado por Joan Vicens.
  • Escena de Os persas de Esquilo, como símbolo da traxedia clásica; por Ramon Martí i Alsina.
  • Orfeo amansando ás feras coa lira: alegoría da música, co deus músico por excelencia; por Agustí Rigalt.
  • Unha escena de As ras de Aristófanes, representación da comedia clásica; por Martí i Alsina.
  • Un concerto no Odeón de Pericles, como alegoría do nacemento da música e do seu cultivo no mundo clásico; por Joan Vicens.
  • Macbeth, alegoría da traxedia "moderna" mediante a obra Macbeth de William Shakespeare; por Martí i Alsina.
  • Palestrina tocando ao órgano a Misa do papa Marcel, como representación da música sacra; por Agustí Rigalt.

Na reforma de 1881, por Pere Falqués, o teito recibiu un novo deseño, obra de Marià Carreras, onda o teito figuraba unha celaxe detrás da cal se ve o ceo con nubes; os óleos circulares colocáronse sobre esta base e acompañáronse dunha decoración suntuosa de molduras e dourados. Cada medallón ía acompañado doutro máis pequeno onde se vían músicos e poetas: suprimíronse na reforma de 1909.

Sobre o proscenio instaláronse, en 1909 tres plafóns con escenas de óperas que representaban as tres principais escolas operísticas e aos seus representantes máis recoñecidos: á esquerda, a italiana, cunha escena de Otello e a inscrición "Verdi"; no centro, máis granda, a escola alemá, co despedimento de Wotan de Die Walküre e a inscrición "Wagner"; e á dereita, a francesa cunha escena de Manon coa inscrición "Massenet".

Finalmente, o peitoril do anfiteatro está decorado con estucos de anxiños que sosteñen catorce medallóns con cabezas de músicos, obra de Josep Llimona para a reforma da sala en 1893; hai autores como Christoph Willibald Gluck, Wolfgang Amadeus Mozart, Gioachino Rossini, Charles Gounod ou Jules Massenet, entre outros; destruídos polo lume de 1994, refixéronse, co engadido dalgúns máis modernos, como Giacomo Puccini, Richard Strauss ou Igor Stravinskii. Os palcos de proscenio que corresponden ao anfiteatro teñen os medallóns de Verdi (esquerda) e Wagner (dereita).

Historia

editar

Orixes e Teatre de Montsió

editar
Artigo principal: Teatre de Montsió.

Dende 1750, o Teatre Principal monopolizaba a ópera en Barcelona por privilexios reais que non perdeu ata 1833 coa revolución liberal.

No ano 1837, un Batallón da Milicia Nacional, con Manuel Gibert i Sans á fronte, creou, no Convento de Montsió, que se encontraba nos arredores do que hoxe en día é o Portal de l'Àngel, o Liceo Filodramático de Montesión. Os obxectivos da nova entidade eran, por unha banda, promover o ensino musical (de aí o nome de "liceu") e, por outra, a organización de representacións escénicas e de ópera por parte dos alumnos. Acondicionouse un teatro no convento, denominado Teatre de Montsió ou Teatre del Liceu de Montsió, onde se representaron obras de teatro e óperas dende 1838 ata 1844.

 
Gravado cunha representación de Norma no primeiro teatro, posiblemente a do 11 de outubro de 1847; pode verse que o segundo piso tamén tiña un beiril con butacas, coma o primeiro.

A primeira ópera representada foi Norma de Bellini, o 3 de febreiro de 1838, feita con artistas cataláns. O repertorio foi basicamente italiano, tal e como ditaba a moda: Donizetti e Mercadante eran os compositores máis representados, con Bellini e Rossini, alén da estrea en Barcelona de Zampa de Hérold.

En 1838, a entidade mudou o seu nome polo de Liceo Filarmónico Dramático de S.M. la Reina Isabel II. A carencia de espazo e as presións das monxas, antigas propietarias do convento, que recuperaran os dereitos que perderan e reclamaban volver, motivaron que o Liceu tivese que abandonar o convento en 1844; a derradeira representación tivo lugar o 8 de setembro.

A cambio, o concello concedeulle a compra do edificio do Convento dos Trinitarios, sito no centro da cidade, na Rambla. Deseguido comezaron os traballos de derrubamento deste convento co fin de edificar un novo edificio capaz de acoller todas as actividades do Liceu. Os responsables do teatro encargaron o proxecto de xestión a Joaquim de Gispert d'Anglí, que formou, a fin de obteren os recursos necesarios, dúas sociedades: a Sociedade de Construción e a Sociedade Auxiliar de Construción. Os accionistas da primeira obtiñan, a cambio das súas achegas económicas, o dereito de uso a perpetuidade dalgúns palcos e butacas do futuro teatro. Os da segunda, en cambio, achegaban o resto de cartos necesarios para construír o teatro en troco da propiedade doutros espazos do edificio ou parte dos baixos, onde se instalaron tendas, e o Cercle del Liceu, un club privado.

Deste xeito, a diferenza doutras cidades europeas, onde a monarquía se facía cargo da construción e mantemento dos teatros de ópera, en Barcelona a construción do Gran Teatre del Liceu realizouse mediante as achegas de accionistas particulares, segundo unha estrutura de sociedade mercantil. Amais, a raíña Isabel, malia lle solicitaren axuda, non contribuíu á construción. Estes feitos mesmo condicionaron a estrutura do novo edificio, carente, por exemplo, de palco real; amais, a sociedade cambiaría o seu nome, retirando o nome da raíña e pasando a denominarse Liceo Filarmónico Dramático.

Miquel Garriga i Roca foi o arquitecto encargado da construción do Liceu. As obras comezaron o 11 de abril de 1845 e o teatro inaugurouse o 4 de abril de 1847, no medio de importantes mudanzas urbanas en Barcelona iniciadas coas desamortizacións 27 anos atrás. O arquitecto que finalmente rematou tan magna obra foi Josep Oriol Mestres.[9]

Naquela época, na cal gran parte das murallas medievais da cidade se atopaban aínda en pé, a Rambla deixaba de ser unha rúa marxinal para converterse nunha avenida central. O caso do Antigo Convento dos Trinitarios Descalzos non foi a excepción a estas mudanzas, xa que Joaquim de Gisper -socio e director do Liceu- obtivo o uso do solo e a propiedade das ruínas do convento para construír, nese lugar, un teatro.[1]

Dende o punto de vista tipolóxico, o deseño inspirouse na forma canónica dos teatros á italiana e máis concretamente no Teatro alla Scala de Milán (obra de Giuseppe Piermarini de 1778), cunha sala disposta en forma de ferradura, mais coa particularidade de que os palcos do Liceu non creaban nichos. No teatro barcelonés, a fachada interior que rodea a sala está determinada por unha parede estruturalmente forte: o muro da cávea, dun metro de grosor, de onde arrancan o teito e a fronte dos palcos como peitorís liviáns que subliñan a súa condición de beiril pola ausencia de elementos verticais. O Liceo foi, ata a construción da Ópera da Bastilla de París, o teatro máis grande de Europa con 2.338 prazas.[1]

Finalmente a construción custaría 338.029 duros,[10] cifra pouco elevada naquel momento, e o financiamento iría a cargo de diferentes persoas que adquirían deste xeito un palco en propiedade. Foi así como o Liceu se convertía non nun teatro real senón nun teatro da burguesía. No momento da inauguración, era o teatro máis grande de Europa: tiña capacidade para 3.500 espectadores, nunha platea e cinco andares de ferradura con palcos.

E se o Liceu foi representativo dun determinado sector da sociedade barcelonesa, cómpre precisar que, dende un punto de vista arquitectónico e social, o público se organizou de acordo coas clases sociais, segundo fosen palcos, platea ou andares, nos cales a categoría mantiña relación directa coa altura.[9]

Inauguración e primeiros anos, ata o incendio de 1861

editar
 
Ventura de la Vega, autor de Fernando de Antequera, obra que abriu o teatro o día da súa inauguración.
 
Giovanna Rossi-Caccia, primeira soprano que cantou no teatro, en tres óperas da primeira tempada.

Cando se abriu o Liceu, o período de descanso non era o verán, senón a Coresma, e a solemne apertura tiña lugar o domingo de Pascua.[11] A inauguración consistiu nun programa mixto que incluía música, teatro, canto e danza, como declaración programática das actividades que levarían a cabo; estreáronse: unha abertura musical do compositor valenciano Josep Melcior Gomis; o drama histórico en tres actos Don Fernando de Antequera, de Ventura de la Vega, con actores tan coñecidos como Carlos Latorre e Bárbara Lamadrid; o ballet La rondeña de Josep Jurch, con coreografía de Joan Camprubí, e a cantata, con texto italiano de Joan Cortada e música de Marià Obiols (director musical do teatre) titulada Il regio imene, adicada ás vodas de Isabel II e Francisco de Asís de Borbón.[12]

O acontecemento atraeu a tal cantidade de público ao teatro, que se encheu con máis de 4.000 persoas (moitas sen localidade) mentres unha banda amenizaba os prolegómenos do acto na Rambla. Unhas nenas repartían flores e poesías ao público que, admirado, contemplaba por primeira vez o interior do Liceu.[11]

Poucos días despois da inauguración, o 17 de abril, estreouse a primeira ópera: Anna Bolena, de Gaetano Donizetti, coa dirección de Marià Obiols e un elenco encabezado por Giovanna Rossi-Caccia,[13] cantante catalá de nai italiana moi apreciada na época, Carlotta Maironi, Manuel Renou e Andrea Castellan. Outras óperas que se representaron no Liceu durante o seu primeiro ano de vida foron, por esta orde, I due Foscari (Verdi), Il bravo (Mercadante), Parisina d'Este (Donizetti), Giovanna d'Arco (Verdi), Leonora (Mercadante), Ernani (Verdi) Norma (Bellini), Linda di Chamounix (Donizetti), Il barbiere di Siviglia (Rossini), Don Pasquale (Donizetti) e L'elisir d'amore (Donizetti). Predomina sobre todo Donizetti, o autor que estaba de moda naqueles momentos, e Mercadante, mestre do director Marià Obiols, ambos os dous destacados compositores do belcanto que tiña os días contados coa aparición de Macbeth aquel mesmo ano.[13]

A segunda tempada comezou en maio de 1848 con I Lombardi alla prima crociata de Verdi, cantada por Alberto Bocceti. A tempada contou cun total de 15 óperas, entre as cales Lucrezia Borgia, outra obra de Donizetti cantada novamente por Giovanna Rossi-Caccia. O número tan elevado de representacións débese a que naquela época non había pausa polo verán. Tamén axudaba que as montaxes non eran nada complicadas, xa que se facían con teas pintadas, que aínda así se aproveitaban para diferentes óperas.[14]

Naqueles anos, o Liceu alternaba as representacións de ópera con outras de teatro de texto, preferentemente en castelá (coa presenza máis ocasional de obras en francés, italiano ou catalán), zarzuela, danza clásica, consertos e recitais, amais dunha gama de espectáculos diversos, habituais daquela nos grandes teatros: números de maxia, funambulismo, ximnasia, circo, variedades etc, precedidas a miúdo por unha peza musical (aberturas, sinfonías etc), anunciada sen precisar o autor.

A etapa inicial do teatro, ata o ano do memorable incendio, caracterizouse no aspecto lírico polo auxe italianista, polarizado principalmente por Donizetti -que foi o autor ídolo daqueles anos- e polos primeiros éxitos maioritarios de Verdi. O repertorio do Liceu nutríase tamén de zarzuela, con especiais triunfos de Barbieri, e dalgunhas comedias ou dramas de autores locais que se limitaban a imitar o estilo italiano sen disimularen moito.[2]

Non foi ata o 4 de agosto de 1849 cando tivo a súa estrea a primeira ópera alemá: Der Freischütz de Weber. A estrea en Cataluña desta ópera foi moi importante para a aparición do gusto polo canto coral en Cataluña. O coro dos cazadores foi o detonante dos gustos corais que posteriormente Clavé derivaría nas súas actividades. O primeiro coro (tamén de cazadores) feminino non chegaría ata 1860 ao Teatro Principal e o 5 de marzo de 1861 ao Liceu con Martha de Flotow.[14]

 
Gravado do incendio de 1861.
 
A sala do teatro logo do incendio.

Dende a súa apertura, o Liceu converteuse no rival máis importante do Teatro Principal, ata aquela o teatro que monopolizaba a ópera en Barcelona. Foi así como xurdiu a pugna entre "liceistes" e "creuats" (ou "principalistes"), que retratou Pitarra nun coñecido sainete. Frecuentemente se ten dito que os ''liceistes'' eran os progresistas e os "principalistes" os conservadores, aínda que non foi exactamente así: de feito, o Liceu e o Principal competían cos mesmos títulos teatrais e líricos e tentaban contratar os mesmos artistas. Mais o Liceu era un "gran" teatro que atraía máis xente, especialmente o público novo, pola calidade do espectáculo, e a partir dos anos cincuenta tomou definitivamente a iniciativa, que foi indiscutible cando, cara aos anos setenta do século XIX, o Principal entrou en crise e quedou nun lugar secundario, polo menos no tocante á programación de óperas. As disputas entre "liceistes" e "cruzados" foron beneficiosas para todos, xa que a cultura sempre precisa tensións e participación.[9]

O 9 de abril de 1861, as chamas destruíron o teatro por primeira vez. Foi o día posterior á representación dunha obra de teatro María la cieguita de Enrique Gil y Zárate; o día antes representárase a ópera Rigoletto de Verdi, e o mesmo día 9 realizárase outra obra de teatro, Fortuna contra fortuna de Tomàs Rodríguez Rubí. O lume comezou no cuarto piso, no que estaba o taller de xastraría seguramente cunha luz de aceite mal apagada. O lume propagouse moi rápido e non houbo tempo de empregar os depósitos de auga. Ao ser todo de madeira, tan só quedou o armazón de pedra do teatro. Existe unha lenda urbana que di que os veciños tentaron apagar o lume con longas filas polas cales pasaban os caldeiros de auga. Foi unha desgraza considerable, naqueles momentos o Liceu era un teatro eminentemente popular.[14] A pesar de todo, salváronse da destrución as estruturas do salón de descanso, as escaleiras do vestíbulo, parte dos corredores e as dependencias do Cercle del Liceu. O teatro renaceu, pois, na súa forma primitiva aínda moito mellor e máis ricamente decorado de como o era antes do desastre.[2] Nas imaxes que se conservan daquel primeiro incendio, vese exactamente o mesmo esqueleto que se puido observar no segundo incendio de 1994. Isto quere dicir que se reconstruíu co mesmo sistema que o ano 1847 e aproveitando a estrutura que ficara.[15]

Os propietarios colaboraron con xenerosidade e sen fisuras, as entidades locais directamente relacionadas co Liceu, tamén. Tan só Isabel II non estivo á altura das circunstancias e rexeitou prestar a colaboración que lle solicitaron.[9]

Primeira etapa: feudo da ópera italiana

editar

O teatro converteuse nun feudo da ópera italiana onde chegaban pouco despois da súa estrea as obras dos compositores italianos máis importantes do momento: Donizetti, Bellini, Mercadante e Verdi, os cales cómpre engadilos ao franco-alemán Giacomo Meyerbeer. No Liceu actuaron cantantes de prestixio como Fanny Salvini-Donatelli, que estreara La traviata en Venecia. Tamén se introduciron algúns autores franceses coma Ferdinand Hérold ou Daniel-François Esprit Auber, pero cantantes en italiano, segundo era costume na época.

A partir da catóstrofe de 1861, o Liceu cobrou novos impulsos. O auxe da ópera italiana engadiuse o do repertorio francés presidido pola estrea de Il profeta e La Africaine de Meyerbeer -que deu lugar ao nacemento do "meyerbismo" entre os afeccionados- e polas conspicuas óperas de Gounod, Thomas, Halévy, Auber etc.[2]

O 20 de abril de 1862, tan só un ano despois do incendio, volvéronse abrir as portas ao público cunha representación da ópera de Bellini I Puritani, que protagonizou o tenor Pietro Mongini. A restauración levouna a cabo o arquitecto Josep Oriol Mestres. A sala era totalmente nova, mantendo do edificio anterior aquelas partes que o incendio respectara: as fachadas e o corpo da fachada da Rambla, co Saló dels Miralls, o vestíbulo e os locais do Cercle del Liceu e o Conservatorio.

 
Retrato do cantante Julián Gayarre, unha das granfes figuras do teatro da segundaa metade do século XIX.

O Liceu afondou na súa imaxe de gran teatro, que superaba en oferta e rendemento económico aos moitos outros teatros que xurdiran en Barcelona naqueles tempos. A oferta lírica, cantantes de renome internacional e sobre todo, a garantía de ter un teatro cheo, grazas aos abonos e a distribución da propiedade de palcos e butacas de platea e primeiro piso entre moitos propietarios, pouco dispostos a desprenderse deles, foi distinguindo ao público do Liceu pola súa procedencia burguesa. Entre uns e outros, con todo, certifícase que a lírica era a distracción de moda que "contaminara" todos os estratos da sociedade e moitos ámbitos da vida cultural.

O silencio reverencial que existe hoxe nas salas de ópera non existía daquela. A xente falaba, entraba, saía. Incluso, na sala dos espellos, mentres se representaba a ópera, se convertía nunha pequena bolsa onde se compraban e vendían títulos. En momentos de subas e baixadas dos prezos das accións, a xente queixábase do ruído que facían eses espectadores.[15]

No ano 1863 representouse Il giuramento, posiblemente a mellor obra de Mercadante e que xa se estreara no Teatre de Montsió en 1839. Mercadante era un grande amigo e mentor do primeiro director do Liceu, Marià Obiols, quen sempre que podía programaba obras do seu mestre.[15]

 
O teatro cara aos anos oitenta do s. XIX.

En 1866 representouse por primeira vez unha ópera de Mozart: Don Giovanni. Mozart era adorado, mais non se representaba en pleno Romanticismo. De feito, esta ópera non agradou moito malia ser a máis romántica de Mozart, e non se volveu repetir ata 1880.[15]

Soada foi a inauguración da tempada 1868. Dende había algúns anos, ao abrírense as murallas da cidade, polo verán, o público desprazábase aos teatros e xardíns de recreo, e o Liceu pechou no verán para abrir solemnemente o 10 de outubro coincidindo co décimo aniversario da raíña Isabel II.[11] Mais poucos días antes desta data, e durante a revolución de 1868, a raíña fora destronada, e o seu busto arrincado do nicho da parte alta da escaleira principal e lanzado ao mar. Así que se inaugurou uns días máis tarde, con Guillaume Tell, título moi axeitado pola súa apoloxía da liberdade. A situación política e o feito de que a raíña novamente non contribuíra á reconstrución do teatro após o incendio, fixo que a lembranza de Isabel II se borrase definitivamente do teatro, substituíndo o busto por unha escultura alegórica.

O 25 de febreiro de 1877, un ano despois de ter a súa estrea no Teatro Principal, presentouse por primeira vez no Liceu Aida de Verdi cun éxito rotundo. O Teatro Principal tiña a batalla perdida respecto ao Liceu, mais procuraba de cando en cando dar un golpe de efecto e importar obras que chamasen a atención.[15]

Consolidación como teatro de ópera

editar
 
Retrato do cantante italiano Angelo Masini.

A partir dos anos oitenta do século XIX o Liceu converteuse progresivamente nun teatro de ópera e danza, consolidando unha estrutura de programación baseada na asignación de xéneros a cada unha das tres tempadas que constitúen a oferta artística anual do teatro: a de inverno, adicada exclusivamente á ópera; a de coresma, onde alternan os concertos co ballet e a opereta; e a de primavera, adicada tanto á ópera como á opereta. Deste xeito, o Liceu consagrouse nos grandes xéneros, deixando o resto para os outros teatros. O Liceu acollía a burguesía nos seus espectáculos caros e máis sofisticados, mentres que os teatros do Passeig de Gràcia acollían menestreis en espectáculos, en principio, de menos esixencia: teatro, zarzuela, ópera cómica etc.

Gradualmente, o monopolio da oferta operística italiana foise rompendo grazas á chegada de repertorio operístico francés, con fitos tan destacados como Faust (1864) e Roméo et Juliette (1884) de Gounod, Carmen de Bizet (1888).

A primeira ópera de Richard Wagner non chegou ata o 6 de marzo de 1883 con Lohengrin. Wagner sería moi importante no Liceu. A tradición wagneriana de Barcelona é coñecida en todo o mundo, aínda que nesta época non chegara aínda ao seu auxe. Mais unha vez o Principal anticipárase estreando antes que o Liceu este Lohengrin aínda que dun xeito pouco logrado por ter que contar con cantantes italianos que non sabían cantar Wagner. Pola contra, a posta en escena do Liceu contou con máis recursos e agradou moito aos wagnerianos, aínda que tamén se cantou en italiano, xa que os cantantes da época non coñecían o alemán.[15]

Wagner foi unha cousa especial no Liceu e en Cataluña dende o preciso momento no que se estreou a primeira ópera. Pero o primeiro en introducir a música de Wagner en Cataluña fora Clavé e os seus coros que levaron a marcha de Tannhäuser a Barcelona logo de escoitalo en París. Era o 16 de xullo de 1862 e serían as primeiras notas de Wagner que soaron en Cataluña. A obra enteira non chegou ao Liceu ata 1887.[16]

Nquela época, todas as obras eran cantadas en italiano, a excepción dalgunha en francés, porque a maior parte dos cantantes eran italianos e se consideraba o idioma da ópera. Polo tanto, menos en Alemaña, Wagner tamén se cantaba en italiano.[16]

Nas décadas de 1880 e 1890 houbo unha gran rivalidade entre dous ilustres tenores: o navarro Julián Gayarre e o italiano Angelo Masini, que cantaban tanto no Liceu como no Principal: os "gayarristes" e "massinistes" reviviron a antiga rivalidade. O 1888 foi o derradeiro ano de Gayarre en Barcelona, e o primeiro do tenor catalán Francesc Viñas, especialista das óperas de Wagner. O tenor catalán, cando tiña que facer bises dalgún fragmento das óperas de Wagner, facíaos na súa tradución ao catalán.[16]

En 1890, Victor Maurel, como xa o fora na estrea absoluta en Milán, foi tamén Yago na estrea no Liceu do Otello verdiano, mentres que Francesco Tamagno (protagonista na estrea de La Scala) a cantou en representacións posteriores.

Modernismo burgués: do final do século á Gran Guerra

editar

Co movemento do modernismo, nun certo clima de euforia, tanto no aspecto económico (a consolidación dunha burguesía próspera) como no político (unha crecente afirmación catalanista) e cultural, chega o desexo de dotar a cultura catalá dos signos de modernidade que a equiparasen á de calquera outra nación europea. Este clima tamén repercutiu no Liceu coa estrea de óperas de compositores cataláns en sintonía coas correntes artísticas do momento como as de Felip Pedrell, Jaume Pahissa i Jo, Joan Lamote de Grignon ou Enric Morera, e con textos de Víctor Balaguer, Àngel Guimerà ou Eduard Marquina, que foron ben recibidas, aínda que non conseguiron consolidarse no repertorio habitual.

 
Ilustración da explosión no Liceu provocada polo anarquista Santiago Salvador segundo saía no diario Le Petit Journal, 1893.

O Liceu converteuse tamén no escaparate dunha burguesía que atopaba nel un espazo refinado e prestixioso. Á súa vez, o anarquismo, que se apoderara dos movementos de revolta social da época, vía no Liceu un dos símbolos da oligarquía dominante. Esta identificación afectou traxicamente á vida do teatro: o 7 de novembro de 1893, a noite de inauguración da tempada (representábase Guillaume Tell, de Rossini), o anarquista Santiago Salvador i Franch lanzou dúas bombas de tipo Orsini sobre a platea do teatro, das cales tan só explotou unha, que causaría unha vintena de mortos. A Bomba do Liceu, como se coñece a este feito, conmocionou á cidade; o público do teatro (e, en xeral, o dos teatros da cidade) tardou en volver á normalidade e durante anos non se empregaron as butacas que ocupaban os mortos pola bomba. Ao mesmo tempo, "a bomba do Liceu" potenciou, e a miúdo distorsionou, a imaxe clasista do Liceu.[17] O poeta Maragall, que estaba aquela noite no teatro, escribiu un dos seus versos máis tétricos por mor deste suceso.[11]

O Liceu pechou e non volveu abrir ata o 18 de xaneiro de 1894 cuns concertos dirixidos por Antoni Nicolau. Pouco despois, representáronse por primeira vez L'amico Fritz, de Mascagni, e Manon, de Massenet, con Hariclea Darclée como protagonista.

A inauguración da tempada 1909, en outono, foi importante porque se rexuvenecera o teatro, instaláranse butacas novas e decorárase o proscenio coas pinturas de Ramiro Lorenzale.[11] A neutralidade de España durante a primeira guerra mundial permitiu que a industria téxtil catalá medrase ao ser subministradora dos países en guerra. Fixéronse grandes fortunas e os anos vinte foron de prosperidade. O Liceu deveu nun teatro de primeira liña e acolleu aos mellores cantantes e directores de orquestra do momento, como tamén compañías como os Ballets Russes de Sergei Diagilev. A primeira vez que actuaron no Liceu foi o 24 de xuño de 1917 na inauguración da tempada e nun breve ciclo dos ballets que tanto influíron na programación do Liceu nos vindeiros anos. No teatro bailarían o célebre Vatslav Nizhinskii e Lydia Lopokova.[11]

Novidades no repertorio

editar

Ata o definitivo estalido do wagnerismo en 1899, o público da ópera do Liceu sufriu un crecente e teimudo gusto conservador, e declarouse partidario da ópera italiana para contradicir os novos movementos nacionalistas e contrario ás novidades que a mocidade consideraba imprescindibles. A rivalidade entre empresarios operísticos fixo que ás veces algunhas estreas de relevo non se realizasen no Liceu, o teatro que mellor representaba a burguesía, como é o caso de Carmen, que tivo a súa estrea no novo Teatre Líric (1881), ou Lohengrin, visualizada no Principal (1882).

A rivalidade entre teatros e entre afeccións era moi ilustrativa da paixón que espertaba a lírica e foi motivo de situacións tensas entre partidarios das óperas wagnerianas e os defensores de Puccini. Tamén se discutía entre os partidarios da reforma do espectáculo e de todo o que implicaba dotar de seriedade e rigor a posta en escena das óperas e os defensores do teatro como centro social burgués. Cómpre lembrar que daquela as luces da sala permanecían acesas durante a sesión, xa que se consideraba un interese principal a sociabilidade entre o público.

 
Al Liceu de Ramon Casas, 1901-1902 (Barcelona, Cercle del Liceu).
 
Sortida del Liceu de Romà Ribera, ca. 1902 (Museu de Montserrat), mostra ao público da alta burguesía habitual do momento.

Pouco a pouco as tempadas, por motivos de funcionamento e mecánica de contratacións, abonos etcétera, acabáronse dividindo en dous: tempada de outono-inverno e tempada de primavera.[11] A finais do século, a hora de inicio das funcións quedou fixada ás oito e media da tarde. Esta formalización, que con matizacións se consolidou no teatro, é significativa porque representou que o Liceu comezara a ser un teatro adicado preferentemente a representacións completas de ópera e danza. Unha das primeiras consecuencias é que se comezou a formar un público, e polo tanto unha tradición, que se irá convertendo en experto en valorar un repertorio lírico que, por outra banda, se reduciu a menos títulos, como no resto de Europa. Os espectadores xa se consideraban expertos e capaces, xa que logo, de valoraren.

O Liceu mantivera dende os primeiros momentos a vontade de incorporar na programación do teatro as grandes voces da ópera, iso consolidara un público interesado case exclusivamente na competencia vocal dos cantantes, e falto, seguramente, da posibilidade de valorar outros estímulos. Así se forxou moi pronto o mito dun Liceu esixente, experto e implacable con algúns cantantes famosos, que compracían os afeccionados. Mais ao mesmo tempo se producía, cun éxito enorme, a introdución de novas estéticas: o wagnerismo, a ópera rusa e os ballets rusos, e algunhas mostras da vangarda musical e plástica.

O Liceu e Wagner

editar

No período que vai dende a estrea de Lohengrin (1883) á famosa representación de Parsifal (1913), o público preferiu a obra de Richard Wagner que curiosamente non se introducira en Cataluña polo Liceu e, por outra banda, a súa programación atopou todo tipo de resistencias por parte dos wagnerianos máis ortodoxos -en 1901 constituíuse a Associació Wagneriana para estudar a obra do compositor alemán e divulgala en catalán-, porque consideraban que Wagner non se representaba axeitadamente no Liceu, xa que se facía en italiano, sen unha dramaturxia axeitada, e decote, con cantantes non especializados en técnica wagneriana.

Deste xeito, a inauguración da tempada da Exposición Universal, o día 17 de maio de 1888, foi moi solemne. A ópera escollida foi Lohengrin. O wagnerismo estaba comezando a ocupar un lugar importante na sociedade catalá. Á función asistiron diversos monarcas europeos e a raíña rexente de España, María Cristina.[11]

 
Francesc Viñas, o tenor que estreou Parsifal no Liceu, neste papel.

A partir de 1914 ata o ano 1936, as representacións wagnerianas non fixeron máis que medrar en cantidade e calidade, cantadas en alemán por grandes voces wagnerianas, con escenografías adiantadas, e dirixidas polos mellores directores internacionais de ópera xermánica. Como nas seguintes representacións:

  • En 1899 inaugurouse a tempada con Tristan und Isolde, que obtivo un éxito extraordinario.
  • O mesmo ano estreouse Die Walküre, coa escena da cabalgata que se fixo cunha sorprendente proxección cinematográfica rodada en Montserrat[16] e coa sala por primeira vez ás escuras.
  • En 1910 e 1911, comportaron a representación íntegra de sete tetraloxías alén de 23 representación doutras seis obras súas.
  • A estrea de Parsifal o derradeiro día de 1913 ten unha carga simbólica e emotiva especial, xa que, ata 1914, esta obra tan só se podía interpretar integramente no Festival de Bayreuth. O director conseguiu o permiso de Bayreuth para comezar a representación ás 10:30 da noite do día 31 de decembro de 1913, argumentando a diferenza horaria: foi, deste xeito, o primeiro teatro que, fóra de Bayreuth e legalmente (xa houbera outros lugares onde se representara sen permiso), representou Parsifal.

Coa estrea do novo século XX compaxináronse o furor wagneriano e os primeiros grandes éxitos da nomeada escola verista (Manon Lescaut e La Bohème de Puccini, Andrea Chénier de Giordano, Cavalleria rusticana de Mascagni, Pagliacci de Leoncavallo). Tamén chegou por primeira vez unha ópera rusa ao escenario do Liceu, Néron, de Anton Rubinstein, aínda que cantada en italiano.

O repertorio ruso

editar

A estrea de Borís Godunóv, de Mussorgsky, o 20 de novembro de 1915, marca o inicio do esplendor da ópera rusa no Liceu. O público catalán aplaudiu obras de ambiente oriental, onde o pobo (o coro) toma o protagonismo. A paixón polos autores eslavos fixo que en 1926 o Liceu fose o primeiro teatro en estrear, fóra de Rusia, Skazaniye o nevidimom grade Kitezhe i deve Fevronii (A lenda da cidade invisible de Kitege e a doncela Fevróniya), de Rimski-Kórsakov. A orquestra e o coro do Liceu adquiriron un status máis estable. Grandes orquestras e directores realizaron concertos no teatro: Richard Strauss, Igor Stravinskii, Pau Casals, Ottorino Respighi etc.

Dos anos vinte á Guerra Civil

editar

Nos anos vinte, o teatro continuou a ser o escaparate das clases altas, agás o cuarto e o quinto andar, refuxio dos melómanos con menos recursos. Artisticamente, o teatro renovouse e ampliou o repertorio e a calidade das representacións.

Ao proclamarse a Segunda República Española en 1931, a inestabilidade política levou ao teatro a unha crise económica que se superou grazas ás achegas do Concello de Barcelona e a Generalitat de Cataluña. O 14 de xaneiro de 1933, o Liceu puido abrirse novamente, logo dunha crise que estivera a piques de provocar o seu peche, grazas á acción conxunta de persoas e entidades que formaron o Comité Pro-Liceu, presidido polo tenor Francesc Viñas.[11] Durante a Guerra Civil Española, o Liceu foi nacionalizado e pasou a denominarse Teatre del Liceu - Teatre Nacional de Catalunya. A tempada de ópera suspendeuse, mais se realizaron obras de teatro, concertos e representacións de zarzuela. Após a guerra, en 1939, devolveuse á Sociedade de Propietarios.

Do esplendor á crise: 1940-1980

editar

O Liceu, que durante a guerra pasara a depender da Generalitat, volveu ás mans da Xunta de Propietarios, e así que un número suficiente volveu á cidade constituíuse unha directiva presidida polo marqués de Sentmenat, que deseguida pediu ao antigo empresario, Joan Mestres i Calvet, que organizase tan axiña como fose posible unha tempada de inverno. A inauguración da tempada, xa baixo o réxime franquista, tivo lugar o 9 de decembro de 1939 con La Bohème, de Puccini, nunha función benéfica "como homenaje al Ejército y a beneficio de Auxilio Social y el Hospital Clínico de Barcelona". O prezo das entradas máis caras era de 500 pesetas, o equivalente a tres meses de salario dun obreiro. Como protagonista feminina contratouse a Mercè Capsir, que permanecera en Italia durante os anos da guerra, e que se converteu na estrela indiscutible do Liceu de posguerra, participando en diversas representacións xa en 1939. Mercè Capsir recibiu, o 5 de xaneiro de 1940, a medalla de ouro da cidade de Barcelona, "por sus méritos artisticos, y por sus reiteradas pruebas de acendrado españolismo".[18] Tamén tiveron a súa estrea na época Goyescas, de Granados, e actuou, ademais, Alicia de Larrocha.[11]

A sociedade catalá foise repoñendo e o Liceu, recuperando a súa categoría. Os "novos ricos" e uns estraños que buscaban un suposto esplendor social na lírica apoderáronse do Liceu: todas as inauguracións eran "solemnes" e unha feira de vaidades como as de antes. Mais os empresarios, Joan Mestres e, a partir de 1947, Joan Antoni Pàmias e Josep Fugarolas preocupábanse do nivel realmente artístico do acontecemento. Dos anos corenta aos sesenta, as tempadas acadaron un alto nivel de calidade.[11]

O teatro visitábano as mellores voces e compañías, e o repertorio ampliouse con novas obras e autores: as obras de autores contemporáneos eran habituais, ademais da recuperación de títulos antigos. Deste xeito, en 1947, con ocasión dos 100 anos do teatro, repúxose Anna Bolena de Donizetti, nun momento no que había anos que non se representaba en ningures.

A ópera máis popular da tempada 1949-1950 foi La Gioconda de Ponchielli, mais tamén contou coa Salomé de Strauss, Louise de Charpentier, L'Africaine de Meyerbeer, cando xa non a facía ninguén, así como a Aida de Verdi. Pero a tempada foi sobre todo wagneriana con Tristan und Isolde, Götterdämmerung e Die Walküre porque Pàmias levou ao Liceu a unha gran figura do canto wagneriano: Kirsten Flagstad [19]

En 1951 realizouse unha homenaxe a Kirsten Flagstad, que precedeu a primeira ópera da tempada e cun brillo que conmoveu a ilustre artista. A tempada de 1953 comezou o 4 de novembro dese mesmo ano co debut de Renata Tebaldi en La traviata. En 1955, grazas ao traballo dunha comisión especial, o Liceu recibiu a visita da compañía do Festival de Bayreuth ao completo, na súa primeira xira fóra de Bayreuth. Realizou representacións memorables de Parsifal, Tristan und Isolde e Die Walküre, con escenografías innovadoras de Wieland Wagner, que foron recibidas con entusiasmo.

A tempada 1960-1961 iniciouse con Il barbiere di Siviglia nunha noite estelar con Alfredo Kraus e Gianna D'Angelo. Jaume Aragall inaugurou a tempada coa mesma soprano e Manuel Ausensi, o 9 de novembro de 1965. Tamén foi brillante a inauguración da tempada que ofreceu Montserrat Caballé, o mesmo día de 1968, con Roberto Devereux, e a non menos espléndida, Adriana Lecouvreur (1972) coa propia Caballé e o novo valor lírico descuberto por ela, José Carreras.[11]

Durante os anos setenta, a crise económica afectou gravemente ao teatro: os propietarios non podían facer fronte aos cada vez maiores gastos de representación das óperas, e a calidade xeral dos espectáculos resentiuse.

Consorcio, renovación e incendio

editar

A morte do último empresario, Joan Antoni Pàmias en 1980 revelou a necesidade dunha intervención da administración pública na institución se esta quería volver ser un teatro de ópera importante. En 1981 a Generalitat de Cataluña, xunto co Concello de Barcelona e a Societat del Gran Teatre del Liceu crearon o Consorci del Gran Teatre del Liceu que foi, dende aquela, responsable da xestión e explotación do teatro. A Deputación de Barcelona e o Ministerio de Cultura de España incorporáronse ao Consorcio en 1985 e 1986, respectivamente. En pouco tempo, o Consorcio conseguiu mellorar notablemente o nivel artístico, e o público volveu encher o teatro. O coro e a orquestra renováronse e melloráronse, contratáronse bos elencos, con especial atención de atraer o público con grandes cantantes, e melloráronse os aspectos escenográficos das representacións. Iso, xunto cun importante investimento de cartos, tivo como consecuencia un nivel medio alto nas novas producións e nas tempadas dos anos oitenta e noventa. As quendas de aboamento aumentaron, xa que había unha maior demanda de entradas (a popularización da ópera nos medios de comunicación tivo moito que ver nisto) e o teatro "profesionalizouse": deixou de ser un escaparate social para converterse nun local teatral no que o importante era o que pasaba sobre o escenario.

Todo, no entanto, quedou detido a causa do incendio que destruíu o teatro o 31 de xaneiro de 1994.

O incendio de 1994

editar
Artigo principal: Incendio do Liceu de 1994.

Entre as dez e media e once menos cuarto da mañá do 31 de xaneiro de 1994,[20] mentres dous operarios traballaban na reparación do pano de aceiro que, en caso de incendio, tiña que impedir que o lume pasase do escenario á sala –ironía do destino–, as faíscas do seu soprete prenderon nos pregos das cortinas finad de tres corpos que agochaba a parte alta do escenario. Algúns anacos acesos de tea caeron ao chan e, aínda que os traballadores se apresuraron a apagalos e se baixou o pano de aceiro, todo foi inútil: as lapas xa saltaran ao pano de veludo e subían ata o tear e o teito.

O lume era xa incontrolable cando os bombeiros chegaron minutos despois das once. Quizais un pouco demasiado tarde, porque mentres tanto, segundo parece, os traballadores tentaran apagar o lume cos medios ao seu alcance en lugar de chamaren inmediatamente aos servizos de extinción.

Aqueles días estábase a representar no teatro a ópera de Paul Hindemith Mathis der Maler, á que lle debía seguir Turandot de Puccini.

As institución públicas acordaron unanimemente que o teatro sería reconstruído no mesmo lugar no que se encontraba e tal e como era, mais con todas as melloras necesarias. Para facer posible a reconstrución do Liceu, creouse a Fundació del Gran Teatre del Liceu, e a Societat del Gran Teatre del Liceu cedeu a propiedade do teatro ás administracións públicas: o teatro foi, finalmente, de titularidade pública, a pesar da oposición dun reducido sector de propietarios. Para obter os recursos, a Fundació emprendeu unha campaña de captación de cartos, conseguindo a participación dun gran número de empresas e institucións privadas, que exerceron como patrocinadoras e mecenas, contribuíndo deste xeito na reconstrución do teatro: o resultado foi que case a metade do presuposto final desta reconstrución chegou por medio de doazóns privadas.

Do incendio á actualidade

editar

Entre 1994 e 1999, cando se reabriu, as tempadas de ópera do Liceu (o "Liceu no exilio", como se lle coñeceu) tiveron lugar en diferentes salas: o Palau Sant Jordi (unicamente en tres espectáculos de asistencia masiva, o mesmo ano 1994), o Palau de la Música Catalana e o Teatre Victòria. Algunhas representacións fixéronse tamén no Teatre Nacional de Catalunya e no Teatre del Mercat de les Flors.

O novo e mellorado teatro abriu as súas portas o 7 de outubro de 1999, coa ópera Turandot de Puccini, que era a ópera que se tiña que representar cando o teatro ardeu: pechouse así un círculo, regresando o teatro á normalidade logo de cinco anos. O novo teatro combina as partes conservadas do antigo edificio (fachadas, Saló dels Miralls, Cercle del Liceu e Conservatorio) coas novas, como a sala principal, reedificada respectando o aspecto orixinal coas novas, coma a sala principal, reedificada respectando o seu aspecto orixinal (agás as pinturas do teito, substituídas por obras de Perejaume), pero dotada das innovacións tecnolóxicas máis avanzadas. Tamén son novos o escenario, os espazos de oficinas, de ensaios, unha nova sala para espectáculos de formato reducido e máis espazos públicos. Os arquitectos do proxecto de reconstrución foron Ignasi de Solà-Morales, Xavier Fabré e Lluís Dilmé.

O teatro ten un sistema de subtítulos que se proxectan nunha pantalla sobre o proscenio, dado o texto, traducido ao catalán, das óperas e obras cantadas. Así mesmo, hai un sistema de libreto electrónico que ofrece as traducións (ao inglés, castelán e catalán, segundo se escolla), en monitores individuais situados na maioría dos asentos.

Dende a reapertura, ademais da programación habitual de ópera e ballet, con máis espectáculos de cada título, o teatro emprendeu campañas para facerse máis accesible. Sesións populares con elencos de cantantes novos, abonos a prezos reducidos, ofertas de entradas de última hora, retransmisións de espectáculos en directo en cines (Òpera Oberta) e por Internet, a produción da canle Liceu Ópera Barcelona en YouTube, programas de colaboración con universidades e escolas etc. Especialmente destacables son os programas para nenos e mozos, con espectáculos musicais adaptados para este tipo de público. Alén disto, incrementouse a produción e edición de DVDs con espectáculos representados no teatro, algúns deles con gran recoñecemento da crítica.

A resposta do público na nova etapa fixo que se pasase de 7.789 abonos en 1993 a 22.407 en 2008.

En 2012, o Liceu non ficou á marxe dos momentos políticos que se viviron en Cataluña. Coincidindo coa proximidade da Diada de Cataluña, puidéronse ver "estelades" en diversos actos. Unha delas foi na representación de Lohengrin interpretada pola orquestra do Festival Bayreuth. Cando rematou a representación, durante os aplausos, púidose ver unha estelada entre o público..[21] En maio de 2013, nunha situación insólita, os príncipes de Asturias foron abouxados cando asistiron á representación de L'elisir d'amore de Donizetti no Teatro.[22]

Historia artística

editar

Obras representadas

editar

O Liceu conta cunha orquestra (a Orquesta Simfònica del Gran Teatre del Liceu) e un coro estables. Os cantantes son contratados para cada produción: os papeis secundarios adoitan encargarse a cantantes especializados neste tipo de papeis, así como cantantes "profesionais" que traballan habitualmente no teatro, ou a cantantes novos que están a comezar as súas carreiras; os papeis principais cántanos cantantes convidados. Polo que respecta á escenografía e aos decorados, o Liceu é hoxe en día (como a maioría de grandes teatros de ópera), un teatro que aluga producións a outros teatros e fai producións propias (dúas ou tres ao ano, feitas polo teatro só ou en colaboración con outros teatros de ópera) para alugalas despois. Ata os anos noventa do século XX, o Liceu tivo o seu propio corpo de ballet, que na súa etapa máis brillante (1920-1940) foi dirixido por Joan Magriñà i Sanromà.

A maioría das óperas representadas son do repertorio tradicional italiano e alemán do século XIX: Verdi, Wagner, autores belcantistas etc. Actualmente, Puccini, Richard Strauss e Mozart tamén están entre os autores máis habituais. Máis esporadicamente, represéntanse obras do barroco (Monteverdi, Purcell, Haendel etc), do século XVIII (Haydn, Cimarosa etc) e do XX (Janáček, Britten etc), xunto con algunhas estreas absolutas, normalmente de autores cataláns.

A historia das estreas de obras no Liceu é un bo exemplo da evolución dos gustos en Europa occidental. Logo dun período no que a ópera era tan só unha parte das actividades artísticas do teatro (onde se alternaba con espectáculos doutro tipo como zarzuela, ballet clásico -Giselle fíxose xa en 1847-, obras de teatro, espectáculos de maxia e outras actividades máis próximas ás variedades, ao circo ou ao music-hall, o Liceu converteuse nun teatro de ópera e centrou as súas actividades na ópera e o ballet.

 
Gaetano Donizetti é o autor de Anna Bolena, a primeira ópera representada no Liceu, e un dos autores máis representados.

As primeiras óperas representadas —Anna Bolena de Donizetti e I due Foscari de Verdi— son representativas do gusto polo belcanto e o melodrama italiano: Rossini, Donizetti, Bellini, Verdi etc. Aínda están no repertorio máis habitual (Verdi é, con moito, o autor máis representado no Liceu). Outros autores moi representados nos primeiros tempos do Liceu, mais hoxe esquecidos, son autores belcantistas como Mercadante ou Pacini, e autores franceses de Grand opéra: Auber, Meyerbeer, Halévy, Hérold etc. Outros autores franceses posteriores mantéñense aínda con éxito: Gounod, Bizet, Massenet ou Saint-Saëns.

As primeiras óperas representadas de autores non italianos foron Zampa de Ferdinand Hérold (1848), Der Freischütz de Carl Maria von Weber (1849), Robert le diable de Giacomo Meyerbeer, La muette de Portici (1852) e Fra Diavolo (1853) de Daniel-François Esprit Auber, mais cantadas en italiano. As primeiras óperas representadas de compositores cataláns foron La figlia del deserto, de Josep Frexas (1854), Gualtiero di Monsonís, de Nicolau Manent (1857) e Arnaldo di Erill, de Nicolau Guanyabens (1859), tamén en italiano, aínda que sobre temáticas da historia de Cataluña.

As primeiras representacións de Il trovatore (1854) e de La traviata (1855) significaron a entronización da figura de Giuseppe Verdi. En 1866, realizouse a primeira ópera de Mozart no Liceu, Don Giovanni, sen continuidade na programación ata principios do século XX.

O ano 1883 marcou un fito: a primeira representación dunha ópera de Richard Wagner, con Lohengrin. Dende aquela, e especialmente entre os anos oitenta do século XIX e os cincuenta do século XX, Wagner converteuse nun dos autores máis queridos e apreciados no Liceu.

O verismo, especialmente Puccini, é, dende o final do século XIX, unha escola que ten moito éxito no teatro. A ópera rusa, cuxa primeira representación tivo lugar en 1915, tamén o ten. Mússorgski, Rimski-Korsakov, Tchaikovski son autores aínda habituais na programación. Os primeiros anos do século XX viron a Richard Strauss dirixindo as súas obras. En 1904, Siegfried Wagner dirixiu un concerto, e un ano despois, Pietro Mascagni dirixiu as súas obras.

En 1915, o empresario Joan Mestres i Calvet ampliou o repertorio e introduciu autores como Mozart, Richard Strauss, Falla, Stravinskii etc. Foi unha idade dourada para a ópera rusa e alemá, que agora xa era cantada na súa lingua orixinal. Mentres que tamén viu o éxito obtido, a principios de 1917, polos ballets de Serguei Diagilev, con Nizhinskii, Massine, Lopokova, Chernicheva e outras grandes figuras (en xaneiro de 1930, outra bailarina mítica, Anna Pavlova, tamén actuou coa famosa interpretación d'A morte do cisne).[23] Durante estes anos, os directores de máis renome actuaron no Liceu: Serge Koussevitzky, Igor Stravinskii, Felix Weingartner, Hans Knappertsbusch, Otto Klemperer e Bruno Walter. Logo, a pesar das dificultades que tivo o empresario Rodés por mor da proclamación da Segunda República, continuaron indo grandes figuras ao teatro.

En 1947, a empresa cambiou e pasou a mans de Josep Arquer e Joan Pàmias. Os anos precedentes, especialmente dende 1936, estiveran marcados pola programación de obras do gran repertorio, mais as condicións impostas pola segunda guerra mundial e a situación política provocaron que a primeira tempada da nova dirección acurtase esta tendencia, renovando o repertorio e ofrecendo algunhas reposicións inéditas no panorama europeo do momento: con motivo do centenario do teatro, realizouse Anna Bolena de Donizetti, ópera pouco menos que esquecida daquela. Durante trinta anos, Pàmias foi o factótum das actividades liceísticas, nunhas condicións nas que parecía imposible manter un teatro de ópera sen axuda oficial. Ampliou o repertorio e promoveu as primeiras audicións no teatro de óperas infrecuentes, moitas delas relativamente modernas; aproximadamente un centenar, de autores como Stravinskii, Respighi, Lalo, Gian Carlo Menotti, Béla Bartók, Arthur Honegger, George Gershwin, Ildebrando Pizzetti, Poulenc, Montsalvatge, Berg, Janáček, Maurice Ravel, Dmitrii Shostakovich, Albert Lortzing, Serguei Prokófiev, Kurt Weill, Martinů, Benjamin Britten, Rota, Gian Francesco Malipiero e Manuel de Falla.

Na actualidade, o repertorio é principalmente o máis habitual no resto de teatros do mundo, e dende os anos cincuenta do século XX, incorporáronse practicamente todos os grandes autores do século XX: os xa devanditos Arnold Schönberg, Paul Hindemith etc. Amais de autores do barroco e o clasicismo como Claudio Monteverdi, Georg Friedrich Händel ou Christoph Willibald Gluck.

Os músicos cataláns e españois -Felip Pedrell, Granados, Morera, Jaume Pahissa i Jo, Amadeu Vives, Eduard Toldrà, Xavier Montsalvatge, Gerhard, entre outros- ofreceron as súas obras no Liceu.

Polo que respecta ao ballet, o Liceu ten presentado algunhas das mellores compañías do mundo -de Diagilev a Béjart-, como parte importante das actividades do teatro, con figuras como Vatslav Nizhinskii, Leonid Massine, Lopokova, Tchernicheva, Ana Pavlova, Jerome Robbins co U.S.A. Ballet, Serge Lifar, Margot Fonteyn, Rudolf Nureyev, Mikhail Baryshnikov, Alicia Alonso; os ballets do Marqués de Cuevas, o Kirov, o Ballet de l'Opéra National de Paris, Maurice Béjart, a Royal Ballet Company e a City of London Ballet Company.

Óperas máis representadas

editar
 
Giuseppe Verdi é o autor de catro das dez obras máis representadas no Liceu.

Óperas máis representadas dende 1847 ata xaneiro de 2009:

Estreas absolutas no teatro

editar

Como teatro importante nunha cidade con vida artística, o Liceu foi o lugar no que tiveron a súa estrea diferentes obras musicais e teatrais. Entre as estreas absolutas máis relevantes están as seguintes:

 
Edición de L'ultimo Abenzerraggio de Felip Pedrell, a estrea absoluta da cal se realizou no Liceu en 1874.

Algunhas estreas de ópera en España

editar

O Liceu foi o lugar onde se representaron por primeira vez no Estado español moitas das obras do gran repertorio operístico, algunhas delas moi pouco despois da súa estrea mundial. Entre elas (entre paréntese o ano da estrea absoluta):

 
Escenario en miniatura de Francesc Soler i Rovirosa para os decorados de Samson et Dalila de Saint-Saens no Liceu en 1897 (Barcelona, Institut del Teatre-Museu de les Arts Escèniques).

Empresarios, directores, orquestra e corpos estables

editar

O teatro estaba xestionado por un director xeral ou empresario (ou administrador). Dende 1980, ten un director artístico que se encarga da programación, contratación de artistas e cuestións administrativas en xeral, e un xerente que se ocupa da xestión económica.

Os empresarios, dende o século XX foron:

  • Albert Bernis (1901-1911), que equilibrou a presenza de títulos italianos e alemáns, ampliando o repertorio a óperas máis antigas e estreas, contratando aos mellores cantantes; con el o Liceu situouse entre os mellores teatros de Europa.
  • Francesc Casanovas (1911-1913), que continuou as directrices de Bernis.
  • Alfredo Volpini (1913-1914), conseguiu a primeira representación legal de Parsifal fóra de Bayreuth, o 31 de decembro de 1913.
  • Joan Mestres i Calvet (1915-1947): o grande empresario do teatro, marcou un fito no Liceu; de feito, a súa foi unha "idade de ouro". Pouco despois escribiu unhas memorias tituladas El Gran Teatro del Liceo visto por su empresario (Barcelona: Vergara, ca. 1945), de lectura amena con abundantes anécdotas.
  • Josep F. Arquer (ata o 1959) e Joan Antoni Pàmias, (1947-1980), con Napoleone Annovazzi como director artístico (só ata 1952). Foron anos brillantes, coa visita do Festival de Bayreuth (1955) e os debuts e presenza continua das mellores voces, moitas delas catalás (Victoria de los Ángeles, Montserrat Caballé, José Carreras, Jaume Aragall etc.). Os anos setenta, porén, foron un período crítico: os presupostos non eran suficientes e o Liceu entrou en declive.
  • Lluís Portabella (1981-1986), Josep M. Busquets (1986-1992), Jordi Maluquer (1992-1993), baixo os cales se creou e consolidou o Consorci.
  • Josep Caminal i Badia (1993-2005). As tempadas de ópera íanse consolidando, mais en 1994 o lume destruíu o teatro. Caminal soubo redirixir a situación. As actividades artísticas reducírone en número, mais continuaron noutros escenarios, e a reconstrución do teatro comezou. A reapertura (1999) e as novas sesións tiveron un éxito extraordinario: o número de funcións, de público e de abonos creceu ano tras ano. A programación paralela para nenos e outras actividades (concertos, charlas etc) relacionadas coas óperas que se facían foron loubadas e imitadas por outros teatros.
  • Rosa Cullell (2005-2008).
  • Joan Francesc Marco (2008-actualitade).

Directores artísticos, dende 1980:

  • Lluís Andreu (1981-1990).
  • Albin Häsenroth (1990-1996).
  • Joan Matabosch (1996-actualidade).

En 2008 constituíuse un Consello Asesor para axudar o director artístico.

Orquestra e directors musicais

editar

O teatro ten a súa propia orquestra desde a súa fundación en 1847: a Orquestra Simfònica del Gran Teatre del Liceu. É a orquestra sinfónica en funcionamento máis antiga de Barcelona e de todo o Estado español. O seu primeiro director foi Marià Obiols.

Os directores da orquestra e directores musicais foron:

Previamente, a orquestra non tiña directores titulares, senón convidados. Algúns dos directores que dirixiron a orquestra do Liceu foron: Antonio Ribera (1904-1905), Fritz Reiner, Franz Fischer, Franco Faccio, Felix Weingartner, Manuel de Falla, Alexander Glazunov, Richard Strauss, Igor Stravinskii, Joan Lamote de Grignon, Joan Manén, Jaume Pahissa i Jo, Siegfried Wagner, Ottorino Respighi, Pietro Mascagni, Karl Elmendorff, Max von Schillings, Joseph Keilberth, Clemens Krauss, Bruno Walter, Arturo Toscanini, Hans Knappertsbusch, Otto Klemperer, Georges-Eugène Marty, Albert Coates, George Sebastian, Erich Kleiber, Franz Konwitschny, Antal Doráti, Hans Swarowsky, André Cluytens, Antonino Votto, Richard Bonynge, Rafael Frübeck de Burgos, Jesús López Cobos, Riccardo Muti, Giuseppe Morelli, Václav Neumann, Josep Pons, Gianfranco Rivoli, Antoni Ros-Marbà, Ino Savini, Pinchas Steinberg, Friedrich Haider, Peter Schneider, Silvio Varviso, Sylvain Cambreling ou Víctor Pablo Pérez.

Directores do coro

editar

O Coro do Gran Teatre del Liceu consolidouse nos anos sesenta baixo a dirección de Riccardo Bottino. Ao comezar a tempada 1982-83, Romano Gandolfi fíxose cargo da dirección xunto con Vittorio Sicuri. Posteriormente foi director Andrés Máspero e, finalmente William Spaulding. Actualmente o director do Coro é José Luis Basso.

Directores de escena e taller de escenografía

editar
 
Escenario en miniatura de Francesc Soler i Rovirosa para a estrea de Aida no Liceu, ano 1876 (Barcelona, Institut del Teatre-Museu de les Arts Escèniques).

Durante a segunda metade do século XIX, desenvolveuse no Liceu unha escola de escenografía e decoración teatral que acadou moito renome. Logo dos traballos iniciais de Joan Ballester, famoso polos seus decorados para L'Africaine, o esconógrafo máis importante foi Francesc Soler i Rovirosa, que traballou no período 1880-1910. O estilo era moi realista, con panos e papeis pintados. Os decorados facíanse daquela nos talleres do teatro, situados sobre o teito da sala principal.

De 1900 aos anos trinta, a escola de escenografía representouse por Maurici Vilomara, Fèlix Urgellés, Salvador Alarma, Oleguer Junyent, entre outros. O último destes artistas foi Josep Mestres Cabanes, que traballou entre os anos trinta e os sesenta.

Actualmente, os directores contrátanse para cada produción. Entre os directores de escena que traballaron nas últimas décadas no Liceu, destacan: Giuseppe de Tomasi, Franco Zeffirelli, Wieland Wagner, Jean-Pierre Ponnelle, Götz Friedrich, Nikolaus Lehnhoff, Luca Ronconi, Pier Luigi Pizzi, Piero Faggioni, Peter Sellars, Herbert Wernicke, Núria Espert, Mario Gas, Manuel Huerga, Calixto Bieito, Graham Vick, Willy Decker, Luc Bondy, Andreas Homoki, Giancarlo del Monaco, Robert Carsen, Harry Kupfer, Peter Konwitschny, La Fura dels Baus ou Els Comediants.

Cantantes

editar
 
Francesc Viñas encarnando a Tristán.

Moitos grandes cantores teñen actuado no Liceu. A maioría das voces catalás comezaron no teatro barcelonés as súas carreiras. O público de Barcelona gustaba moito das voces: Camille Saint-Saëns, ao visitar o Liceu dixo, referíndose ao público: "Ils aiment trop le ténor" (Aman demasiado os tenores). Decotío, o público demostrou a súa paixón por algúns cantantes que, xusta ou inxustamente, foron os favoritos do público. Entre os máis recentes temos os exemplos de Tebaldi, Caballé, Aragall, Carreras, Kraus, Marton, Gruberova, Villazón...

Entre os máis relevantes, cunha cantidade considerable de representacións no Liceu, atópanse (entre paréntese as datas de presentación e derradeira función no Liceu):

 
Turandot (Liceu, 1980) con Montserrat Caballé e Pedro Lavirgen.

Tamén cantaron no Liceu, sen teren éxito (ademais de Caruso), Aureliano Pertile (1916) e Mario del Monaco.

Outras voces coñecidas actuaron no teatro, pero fixérono en moi poucas ocasións, ou tan só unha vez, como: Tito Schipa (1916), Beniamino Gigli (1917), Ninon Vallin, (1920), Viorica Ursuleac, Ettore Bastianini (1948-1950), Maria Callas (1959, nun único concerto), Leyla Gencer, Teresa Berganza, Franco Corelli, Dietrich Fischer-Dieskau, Renata Scotto, Lisa Della Casa, Elisabeth Schwarzkopf, Gundula Janowitz, Nicolai Gedda, Teresa Stich-Randall, Beverly Sills, Norman Treigle, Pilar Lorengar, Lucia Popp, Tom Krause (1990), Christa Ludwig, Marilyn Horne, Brigitte Fassbaender, Luciano Pavarotti, Renée Fleming (2007), Mariella Devia (2013) etc.

Conservatorio de Música do Liceu

editar

Relacionado co teatro dende a súa fundación, está o Conservatorio Superior de Música do Liceo, fundado en 1837 para o ensino de música. De feito, ata 1854, ano no que se separaron administrativamente, o Conservatorio e o teatro formaron parte dunha mesma entidade. Hoxe en día, o Conservatorio ten parte das súas instalacións no edificio do teatro (cun interesante salón de actos do século XIX) e parte noutros edificios da cidade.

Esta institución chegou a ter unha importancia primordial para a vida musical, non só de Barcelona senón de todo o mundo.[25]

O Cercle del Liceu

editar
Artigo principal: Cercle del Liceu.

No mesmo edificio que o teatro ten a súa sede o Cercle del Liceu, un club privado orixinado por causa da cesión do espazo á "Societat Auxiliar de Construcció" do teatro, o mesmo ano 1847. Á parte de compartiren o edificio (hai unha comunicación directa entre o Cercle e o Saló dels Miralls do teatro, aberta só cando hai función no teatro para permitir o acceso aos socios da entidade) e da afección musical ou operística de boa parte dos socios, non hai ningunha outra vinculación entre o Liceu e o Cercle.

Arquivo

editar

O teatro conserva a maioría da documentación xerada dende a súa fundación,[26] principalmente nos fondos do arquivo da Societat del Gran Teatre del Liceu. Esta singularidade fai que sexa un dos principais arquivos conservados de teatros de ópera europeos: pola súa extensión, só o superan os da Opéra de París, a Royal Opera House de Londres, o Teatro alla Scala de Milán e o Teatro San Carlo de Nápoles.

O material inventariado comprende 4.917 documentos e 357 contedores (caixas e colgadores, principalmente), que poden ter uns 50.000 documentos diferentes. Entre eles, máis de 600 partituras (de óperas estreadas no teatro, doutras interpretadas, con notas de execución, e de pezas de baile do século XIX, como as dos bailes de "Carnestoltes", onde se estreaban pezas compostas para a ocasión), 700 fotografías de época, 600 placas fotográficas en vidro, 500 programas de man e 80 deseños escenográficos. Atópanse tamén uns 600 documentos administrativos, entre os cales hai contratos dos cantantes, planos do teatro e a documentación técnica das diferentes obras que se fixeron durante os 134 anos nos que a Societat de Propietaris se encargou directamente da xestión. Destaca o Llibre del conserge, que recolle en 26 volumes o día a día do teatro escrito polos diferentes conserxes que habitaron nel (o xefe de conserxería viviu durante moito tempo no edificio do teatro).

En 2011, o teatro asinou un convenio coa Universitat Autònoma de Barcelona para o inventario, catalogación, dixitalización e estudo do arquivo por parte do Servizo de Bibliotecase o Grupo de Investigación “Les músiques en les societats contemporànies” do Departamento de Arte e de Musicoloxía da UAB.

editar

Na literatura

editar
  • O poema satírico anónimo editado co título Gran Teatre del Liceu: poema satíric en català (ca. 1850), escrito por un afeccionado do Teatre de la Santa Creu; o manuscrito, conservado na Biblioteca de Catalunya, foi editado por Roger Alier en 2008.
  • A comedia satírica de Frederic Soler "Liceístas" e "cruzados" (1865), ilustra as pelexas entre os afeccionados rivais do Liceu e do Teatro Principal, os principais teatros da Barcelona do século XIX.
  • A novela de Narcís Oller La febre d'or (1892), sitúa algunhas escenas no teatro.
  • Artur Masriera explica algunhas anécdotas no seu libro Los buenos barceloneses: hombres, costumbres y anécdotas de la Barcelona ochocentista (1850-1870) (1925).
  • La llotja, obra de teatro de Josep Maria Millàs-Raurell, sitúa o primeiro acto nun palco do Liceu, aínda que só se sitúa nun xenérico "teatro de ópera". Polas referencias, só pode ser o Liceu, durante unha representación de Der fliegende Holländer de Wagner (1928).
  • El Café del Liceo: 1837-1939: el teatro y sus bailes de máscaras, obra costumista de Aureli Capmany (1943).
  • As novelas de Ignasi Agustí i Peypoch: Mariona Rebull (1944) e El viudo Rius (1945), narran o episodio da bomba de 1893.
  • Las siete muchachas del Liceo de Mercedes Rubio, novela de 1956 que narra a historia de sete rapazas que forman parte do coro de anxos na estrea de Parsifal de 1913, relatando a traxectoria posterior.
  • Café del Liceo, comedia dramática de Jaime de Armiñán estreada no Teatre Club Windsor de Barcelona o 8 de novembro de 1957 (con Adolfo Marsillach e Amparo Soler Leal), publicada en 1959, sobre un aspirante a cantante de ópera. A música orixinal inclúe un cuplé composto por Cristóbal Halffter.
  • Funció al Liceu, "comedia en nove cadros" de Ventura Porta i Rosés, de 1969.
  • La ciudad de los prodigios, novela de Eduardo Mendoza (1986). Non obstante, a película baseada no libro rodouse no Teatre Fortuny de Reus, e non no Liceu.
  • O libro de contos de Joan Agut El dia que es va cremar el Liceu (1995).
  • Una llotja al Liceu novela breve de Pere Garcia Clariana (2007).
  • El experimento Barcelona, novela de Jordi Bordas e Eduardo Martín de Pozuelo (2011) que presenta unha trama de crime organizado e corrupción despois do incendio do teatro en 1994, relacionado co de La Fenice de Venecia, queimado pola mafia italiana.
  • Homes d'honor, novela de Xavier Bosch (2012) que tamén formula unha conspiración mafiosa logo do incendio do teatro.

Ademais, Josep Maria Mestres Quadreny adicou en 1997 unha composición musical a personalidades ligadas aos primeiros anos do teatro; a suite para orquestra El carnaval del Liceu (publicada en 2006) composta por cinco movementos titulados respectivamente: "Schottisch (Nicolau Manent)", "Polca (Gabriel Balart)", "Americana (Jaume Biscarri)", "Rigodon (Josep A. Clavé)" e "Galop (Marià Obiols)". Baséase nas recompilacións de obras de salón para piano que, ao longo dos anos sesenta do século XIX, se publicaban anualmente baixo o título Carnaval del Liceo: colección de valces, rigodones, polcas y otros bailes de sociedad.

  1. 1,0 1,1 1,2 Loya Piñera, Vanessa. "Reconstrucción de la memoria: el Gran Teatro del Liceo". 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Montsalvatge, Xavier (10 de novembro de 1971). "El Gran Teatre del Liceu: 125 años de historia". La Vanguardia (en castelán). 
  3. O equilibrio entre autores españois e estranxeiros responde a unha realidade do momento, xa que a maioría de obras de teatro representadas, ao contrario que as musicais, eran de autores españois.
  4. A pesar de non ser un autor demasiado representado no Liceu, era considerado o fundador da escola operística moderna.
  5. En Barcelona, con pouca tradición sinfónica, aínda non chegaran de xeito continuo as obras de Beethoven ou dos autores románticos, e o modelo de sinfonismo e de música non vocal continuaba a ser Haydn.
  6. Meyerbeer era daquela, con Donizetti ou Mercadante, o compositor máis representado.
  7. Pasta e Sonntag eran xa dúas lendas vivas e estrearan un número importante de obras de Rossini, Bellini, Donizetti ou Meyerbeer, entre outros.
  8. Xústamente entón comezaban a chegar as óperas de Verdi ao Liceu; Donizetti e Mercadante, co xa traspasado Bellini, eran os autores máis populares entre os músicos "novos", xa que Rossini se retirara.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Permanyer, Lluís (1 de febrer de 1994). La Vanguardia, ed. "Una ciudad y una ambición" (en castelán). 
  10. RADIGALES, Jaume. L'òpera. Música, teatre i espectacle. 1999, Enciclopèdia catalana. páx. 105 ISBN 84-7306-536-0
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 11,11 Alier, Roger (30 de setembro de 2000). "Noches de lírica y esplendor". La Vanguardia (en castelán). 
  12. CDMAE (ed.). "Escenaris de Barcelona". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 3 de outubro de 2013. 
  13. 13,0 13,1 Històries de l'òpera: al Liceu. Episodio 1. Con Marcel Gorgori i Roger Alier[Ligazón morta]
  14. 14,0 14,1 14,2 Històries de l'òpera: al Liceu. Episodio 2. Con Marcel Gorgori e Roger Alier[Ligazón morta]
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Històries de l'òpera: al Liceu. Episodio 3. Con Marcel Gorgori e Roger Alier[Ligazón morta]
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Històries de l'òpera: al Liceu. Episodio 4. Con Marcel Gorgori e Roger Alier[Ligazón morta]
  17. Calpena, Enric (outubro de 2009). "Una nit al Liceu". Sàpiens (Barcelona) (núm. 84): p. 70. ISSN 1695-2014. 
  18. Fabre i Fornaguera, Jaume (2002). La contrarevolució de 1939 a Barcelona. Els que es van quedar. 
  19. Històries de l'òpera: al Liceu. Episodi 5. Amb Marcel Gorgori i Roger Alier[Ligazón morta]
  20. Incendio del Liceo en Barcelona en la cobertura informativa de TVE en YouTube
  21. "L'estelada, també al Liceu". Vilaweb. 3 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2013. Consultado o 23 de setembro de 2013. 
  22. "Els prínceps d'Astúries, esbroncats al Liceu". Diari Ara. 30 de maio de 2013. 
  23. "El Punt. Hem d’educar el públic del Liceu" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de novembro de 2013. Consultado o 01 de novembro de 2013. 
  24. "Detalls a L'Avui". Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2010. Consultado o 01 de novembro de 2013. 
  25. Pullen, Robert; Jay-Taylor, Stephen (1995). Plaza & Janés, ed. Montserrat Caballé. Casta diva. Barcelona. ISBN 84-01-37546-0. 
  26. Tamén conserva a documentación do teatro durante a Guerra Civil, que se pensaba que se perdera.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Alier, Roger (1999). Carroggio, ed. El gran llibre del Liceu. Barcelona. 
  • Alier, Roger (1991). Francesc X. Mata, ed. El Gran Teatro del Liceo: historia artística. Barcelona. 
  • Anuari 1947-1997 del Gran Teatre del Liceu. Investigación e recompilación: Pau Nadal. Barcelona: Amics del Liceu: Àmbit, DL 1997.
  • Josep Artís. El Gran Teatro del Liceo. Colección Barcelona histórica e monumental. Barcelona: Aymá, 1946.
  • Pío del Castillo. El cicerone del Gran Teatro del Liceo. Barcelona: Imprenta de Tomás Gorchs, 1871.
  • Crònica il·lustrada del Gran Teatre del Liceu: 1947-1997. Barcelona: Amics del Liceu : Àmbit, DL 1997.
  • Teresa Lloret. Gran Teatre del Liceu, Barcelona. Barcelona: Fundació Gran Teatre del Liceu, cop. 2002.
  • Òpera Liceu: una exposició en cinc actes: Museu d'Història de Catalunya, 19 setembre de 1997-11 de gener de 1998, Barcelona. Barcelona: Generalitat de Catalunya, Departament de Cultura : Proa : Fundació Gran Teatre del Liceu, DL 1997.
  • Jaume Radigales. Els orígens del Gran Teatre del Liceu: 1837-1847: de la plaça de Santa Anna a la Rambla: història del Liceu Filharmònic d'Isabel II o Liceu Filodramàtic de Barcelona. Barcelona: Publicacions de l'Abadia de Montserrat, 1998.
  • José Subirá. La ópera en los teatros de Barcelona: estudio histórico cronológico desde el siglo XVIII al XX . Monografías históricas de Barcelona, 9. Millà. 1946.
  • Jaume Tribó. Annals 1847-1897 del Gran Teatre del Liceu. Barcelona: Amics del Liceu: Gran Teatre del Liceu, 2004.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar