Coordenadas: 41°22′53″N 2°10′23″L / 41.381389, 2.173056

La Rambla, tamén coñecida como Les Rambles[1] por ter diferentes nomes nos seus tramos, é un emblemático paseo da cidade de Barcelona, que discorre entre a Plaça de Catalunya, centro neurálxico da cidade, e o porto antigo.

Florería nas Ramblas

Situación e peculiaridades editar

O paseo está moi concorrido tanto de día como de noite. Está cheo de quioscos de prensa, flores e aves, cafetarías, restaurantes e comercios. Preto do porto existe un gran número de mercados, así como pintores e debuxantes. Paseando pola Rambla poden admirarse varios edificios de interese, como o Palau de la Virreina, o mercado de La Boqueria e o famoso teatro Liceu, no que se representan óperas e ballets. As rúas laterais tamén teñen un encanto especial. Unha delas, de poucos metros de lonxitude, conduce á Plaça Reial, unha praza con palmeiras e edificios con soportais que acollen multitude de cervexarías e restaurantes, e na que se reúnen os fins de semana os coleccionistas de selos e de moedas.

 
Figura de cera, decorativa en La Rambla xunto ao Museo de Cera de Barcelona, Cataluña.
 
O monumento a Colón, ao final de La Rambla, Barcelona.

La Rambla recibe nos seus diferentes tramos diversa nomenclatura, polo que tamén é usual a súa denominación en plural: Les Rambles. Desde a Plaça de Catalunya os diferentes tramos reciben os seguintes nomes:

  • Rambla de Canaletes
  • Rambla dels Estudis
  • Rambla de Sant Josep
  • Rambla dels Caputxins
  • Rambla de Santa Mònica

O paseo de La Rambla desemboca no porto antigo (Plaça Portal de la Pau), onde se sitúa a soada estatua de Cristovo Colón, desde alí unha ampla pasarela de paseo á que se denomina Rambla de Mar leva ata a zona do Maremàgnum. Polo extremo de montaña e desde a Plaça de Catalunya, a traxectoria ascendente que segue o paseo polo Eixample ata atoparse coa Avenida Diagonal recibe o nome de Rambla de Catalunya, considerada un paseo independente do que transcorre por Ciutat Vella.

Nas inmediacións atópase o Museo Marítimo, adicado especialmente á historia naval no mar Mediterráneo, e no que se exhibe a reprodución a escala real dunha antiga galera de combate. O museo está situado nas Drassanes Reials, estaleiros da Idade Media, onde se construían os barcos que conectaban os extensos dominios da Coroa de Aragón no Mediterráneo. O porto antigo ofrece outros atractivos, como un centro de lecer e comercios, restaurantes, un cine IMAX, e o maior acuario de fauna mariña mediterránea.

No centro histórico, moi preto de La Rambla, tamén son interesantes a Catedral de Barcelona, a Plaça de Sant Jaume que acolle os edificios da Generalitat de Cataluña e do Concello de Barcelona, e as estreitas pero animadas rúas tanto do barrio Gótico como do Raval e do Born.

 

Notas editar

  1. "Las Ramblas bcn.cat - Ayuntamiento de Barcelona". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2013. Consultado o 16 de xuño de 2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar