Joan Brossa
Joan Brossa i Cuervo, nado en Barcelona o 19 de xaneiro de 1919 e finado na mesma cidade o 30 de decembro de 1998, foi un poeta, dramaturgo, artista plástico e deseñador gráfico, o máis representativo expoñente da vangarda artística catalá da segunda medade do século XX. Como el dixo: “Os xéneros das artes son medios diferentes para expresar unha mesma realidade. Eles son as caras dunha mesma pirámide que converxen no punto máis alto” [1].
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xaneiro de 1919 Barcelona, España |
Morte | 30 de decembro de 1998 (79 anos) Barcelona, España |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía |
Ocupación | poeta, litógrafo, escultor, poeta visual, deseñador gráfico, escritor, guionista, dramaturgo, artista gráfico |
Xénero artístico | Poesía e dramaturxia |
Movemento | Surrealismo |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Traxectoria
editarEmpezou a escribir durante a guerra civil española, na que foi ferido. Regresou a Barcelona, en 1941, e entrou en contacto co poeta J.V. Foix, o pintor Joan Miró e o dinamizador cultural Joan Prats. Grazas aos seus consellos e dentro dunha liña neosurrealista empezou a escribir centos de sonetos, odas sáficas e sestinas dunha total perfección formal ademais de miles de poemas libres e directos, dos cales publicou preto de oitenta libros. Tamén se exercitou no teatro, ao que chamaba «poesía escénica», do que chegou a escribir unhas trescentas cincuenta obras que comprendían teatro de texto, guións cinematográficos, libretos de ópera, performances, teatro de cabaret, happenings, accións musicais, strip-teases etc. Toda esta enorme obra literaria foi escrita, sen excepción, en lingua catalá, e foi xa traducida a máis de quince idiomas.
Brossa sempre rexeitou ser identificado con outro apelativo diferente do de «poeta», aínda que a súa arte pronto traspasou a estrita literatura. Dentro dos mesmos parámetros ruturistas, xa en 1941 realizou o seu primeiro poema visual, en 1943 o seu primeiro objet trouvé, en 1950 a primeira combinación de obxectos dispares e en 1956 a súa primeira instalación na fiestra dunha tenda de Barcelona. Xunto cos pintores Antoni Tàpies, Joan Ponç, Modest Cuixart e Joan-Josep Tharrats e o filósofo Arnau Puig había fundado en 1948 o grupo artístico e a revista Dau al Set.
A partir do encontro co poeta brasileiro João Cabral de Melo (1947), daquela vicecónsul do seu país en Barcelona, a obra de Brossa deu unha guinada ao compromiso social e político. Cabral editou e prologou o seu libro Em va fer Joan Brossa (Joan Brossa me fez, 1951), hoxe considerado un dos primeiros exemplos europeos de «antipoesía». Durante os anos sesenta a combinación da poesía literaria coa dramática, a visual e a obxectual chegaría á súa plenitude, liña interxéneros que Brossa non abandonaría xamais. Tras a restauración da democracia, a súa proxección máis popular chegou cos carteis, frecuentemente referidos a eventos populares, e especialmente coa «poesía urbana»: o seu «Poema visual transitable en tres partes» (1984) do Parque do Velódromo de Barcelona foi o primeiro dunha serie que pronto chegou nas rúas e prazas de Cataluña, das Baleares, de Andorra, de Alemaña, de Cuba...
Ao lungo da súa carreira a obra de Joan Brossa encontrou a complicidade de numerosos artistas, como os pintores Joan Miró e Antoni Tàpies, os músicos Josep Maria Mestres Quadreny e Carles Santos, os escultores Eduardo Chillida e Riera i Aragó, o cineasta Pere Portabella e o fotógrafo Chema Madoz, e proxectou unha importante influencia sobre artistas das novas xeracións de todo o mundo.
Logo da súas primeiras exposicións individuais na Fundació Joan Miró de Barcelona (1986), no Art’20 de Basilea (1989), as monográficas en Múnic (1988), Nova York e Ámsterdam (1989), Houston e Minneapolis (1990), Céret-Collioure (1991), Londres e Chicago (1992), Marsella e Malmö (1993), París (1995), Frankfurt (1997), Cidade de México, Monterrey, Kassel e Gotemburgo (1999) e sobre todo a do Museo Raíña Sofía de Madrid (1991), seguidas da súa presenza nos pavillóns oficiais das bienais de São Paulo (1993) e Venecia (1997), a obra plástica de Joan Brossa alcanzou unha progresiva proxección internacional.
Despois da súa morte, unha nova exposición retrospectiva na Fundación Joan Miró (2001) e unhas antolóxicas en diversas cidades de Chile, Brasil, Arxentina, Portugal, España, Austria, República Checa, Suecia, Francia, Alemaña, Polonia e México consolidaron a Brossa como unha primeira figura do panorama artístico contemporáneo internacional, mentres a súa obra plástica chegaba a museos e coleccións do mundo enteiro.
Brossa recibiu numerosos premios e distincións, entre os que cabe destacar o Premio da Crítica “Serra d’Or” en cinco ocasións (1971, 1974 en dúas categorías, 1978 e 1996), o Premio Cidade de Barcelona (1987), a Medalla Picasso da UNESCO (1988), o Premio Nacional de Artes Plásticas (1992), a Medalla de Oro ao Mérito nas Belas Artes (1995) e o Premio Nacional de Teatro (1996). En 1999, con ocasión do seu oitenta aniversario, o poeta debía recibir o título de doutor honoris causa pola Universidade Autónoma de Barcelona, pero dezanove días antes da cerimonia finou por causa dun accidente doméstico.
O monumental legado de Joan Brossa −máis de 60.000 pezas− encóntrase depositado no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2008. Consultado o 01 de decembro de 2012.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bordons, Glòria. Introducció a la poesia de Joan Brossa. Barcelona: Edicions 62, 1988, ISBN 84-297-2729-9 (en catalán)
- Bordons, Glòria (ed.). Aprendre amb Joan Brossa. Barcelona: Edicions UB; Fundació Joan Brossa, 2003, ISBN 84-8338-380-2 (en catalán)
- Bordons, Glòria (dir.). Joan Brossa, desde Barcelona al Nuevo Mundo. Barcelona: Institut Ramon Llull, 2005, ISBN 84-933081-1-0 (en inglés) (en castelán) (en portugués)
- Bordons, Glòria (dir.). Joan Brossa en las alturas y sin red. Toledo: Juanta de Comunidades de Castilla-La Mancha, 2007, ISBN 978-84-7788-479-8 (en inglés) (en castelán)
- Bordons, Glòria (dir.). Bverso Brossa. Madrid: Instituto Cervantes, 2008, ISBN 978-84-88252-41-8 (en castelán)
- Casanova, Maria (coord.). Joan Brossa. Poesia visual. Valencia: IVAM Institut Valencià d'Art Modern, 1997, ISBN 84-482-1591-5 (en catalán) (en castelán)
- Coca, Jordi. Joan Brossa, oblidar i caminar. Barcelona: La Magrana, 1992, ISBN 84-7410-617-6 (en catalán)
- Donguy, Jacques. Poésies expérimentales, zone numérique, 1953-2007. Dijon: les Presses du réel, 2007, p. 212-215 et 339, ISBN 978-2-84066-202-0 (en francés)
- González García, Ainize. Joan Brossa, artes visuales. Barcelona: Ixorai Llibres, 2015, ISBN 978-84-15987-01-7 (en castelán)
- Guerrero, Manuel (ed). Joan Brossa or the Poetic Revolt. Barcelona: Fundació Joan Miró, 2001, ISBN 84-393-5344-8 (en catalán) (en inglés) (en castelán)
- London, John. Contextos de Joan Brossa. L'acció, la imatge i la paraula. Barcelona: Edicions UB, 2010, ISBN 978-84-475-3428-9 (en catalán)
- Marrugat, Jordi. « El saltamartí » de Joan Brossa. Les mil cares del poeta. Tarragona: Arola, 2009, ISBN 978-84-92408-54-2 (en catalán)
- Permanyer, Lluís. Brossa x Brossa. Records. Barcelona: La Campana, 1999, ISBN 84-88791-71-2 (en catalán)
- Planas, Eduard. La poesia escènica de Joan Brossa. Barcelona: AIET, 2002, ISBN 84-607-5294-1 (en catalán)
- Vallès, Isidre. Joan Brossa: les sabates són més que un pedestal. Barcelona: Alta Fulla, 1996, ISBN 84-7900-068-6 (en catalán)
Ligazóns externas
editar- Páxina da "Fundació Joan Brossa" de Barcelona. É a titular do copyright de Joan Brossa. (en catalán) (en castelán) (en inglés)
- Obra de Joan BrossaArquivado 19 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. Lista das obras esenciais, das obras complementarias, dos catalogos de exposicións e das traducións a outras linguas. (en catalán)
- Bibliografía sobre Joan BrossaArquivado 19 de marzo de 2012 en Wayback Machine., moi completa. (en catalán)
- Biografía de Joan Brossa Arquivado 07 de xuño de 2020 en Wayback Machine.. (en inglés) (en castelán) (en catalán)
- Joan Brossa. Páxina privada dedicada ao poeta. (en catalán)
- Exposición virtual "Els entra-i-surts de Brossa". Páxina interactiva. (en catalán)
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Joan Brossa |